Comeza unha nova edición deste ciclo no Forum Metropolitano da Coruña e aproveitará o recital do mércoles para gravar en directo o seu novo traballo 'Vintencinco anos e unha cantiga de amor'
Hoxe mércores 3 de xuño Xoan Eiriz inaugura unha nova edición do ciclo Espazo Aberto, creado para presentar novos proxectos e acoller novas propostas do mundo das artes escénicas e musicais. O cantautor galego Xoan Eiriz non só ofrecerá un concerto coas pezas máis significativas da súa traxectoria o vindeiro mércores 3 ás 21 horas no auditorio do Fórum, senón que aproveitará a ocasión para facer a gravación en directo do seu novo traballo discográfico que titulará Vintecinco anos e unha cantiga de amor. No seu recital no Fórum acompañaranlle os músicos Nacho Goris ao piano e Alfredo García á guitarra eléctrica
Xoán Eiriz é cantautor de música lixeira e popular. Leva vinte anos adicados a cantar na fala de cunqueiro, intentando dignificar e universaliza-la fala galega por medio da linguaxe mais universal, a música. Aló polo ano 1988 naceu o seu primeiro disco Sentimentos, comezando un novo estilo tan diferente dos tópicos ó uso empeñados en facer do idioma unha barreira e da creación musical en galicia un último reducto de folklórica resistencia ó castelán. para él sempre foi todo máis sinxelo, canta en galego tanto temas propios coma temas populares e universais e por vez primeira, en galego ersionou grandes temas coma My way, Granada, Feelings, amosando a flexibilidade da lingua galega para cantar calqueira tema.
Coa súa música, que intenta escapar dos modismos, intenta sempre ser fiel ás costumes do noso pobo, aportando o seu "grao de area" a dignificación do idioma e, en consecuencia, á tan necesaria normalización lingüística do noso benquerido país no que a música xoga un papel preponderante. Por iso naceron sucesivamente os seus traballos discográficos Sentimentos, A RTVG e os músicos galegos, Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, Amiga, amada, Na miña fala, Galicia, Eu voute amar, Azul, Amores ei e o seu último traballo Lelías, cantos dun namorado da súa fala no que canta ás tres almas musicais de Galicia: ó seu riquísimo folklore popular (pandeiradas, foliadas, romances, alalás, ...), as súas grandísimas cancións universais ( Unha noite na eira do trigo, Negra sombra, ...) e por último a algúns dos poetas máis sobranceiros (Federico García Lorca cos seis poemas galegos, Álvaro Cunqueiro, Fermín bouza brey, ...), constituíndo o seu traballo máis autóctono, máis enxebre, no que queda amosado unha vez máis o seu grande amor pola lingua e pola cultura dun pequeno país chamado galicia.
Actualmente, está a preparar o seu próximo disco, que vai a ser en directo, e será unha recopilación de temas dos seus dez traballos editados, con tres temas novos, e que levará como tiduo "Vintecinco anos e unha cantiga de amor".
Os internautas elixirán os grupos folk noveis que abrirán o festival
Proxecto Runas'09
O Festival Ortigueira aposta un ano máis pola promoción dos novos creadores da música de raíz. A través do Proxecto Runas'09 convoca aos grupos emerxentes ou non consolidados que buscan facerse un sitio no panorama folk.
Se tes unha banda e queres participar, bótalles unha ollada ás bases do concurso e envíanos ao correo runas@festivaldeortigueira.com tres das túas cancións en mp3, acompañadas dunha breve historia e unha foto do grupo. Faino axiña porque o prazo acaba o 10 de xuño.
Os tres grupos máis votados actuarán o xoves 9 de Xullo no escenario Estrella Galicia. Un xurado do Festival estará presente no público para seleccionar ao mellor grupo, que actuará na edición de 2010.
O Festival Ortigueira servirá por décimo ano consecutivo de plataforma promocional para os novos valores da música de raíz. A través do "Proxecto Runas", convoca aos grupos emerxentes que buscan facerse un sitio no panorama folk. As tres bandas máis votadas polos visitantes da web oficial protagonizarán a primeira noite do certame celta, competindo ao vivo por coarse no cartel do 2010.
Como participar?
10 de xuño. Será a data límite para que as formacións envíen en MP3 á organización (runas@festivaldeortigueira.com), os seus tres mellores temas dos que, cando menos un, será de produción propia. Xunto a estes cortes, deberán incluír un breve dossier informativo.
Música instrumental, música cantada... o único que se require é que sexa folk. Os grupos, cun máximo de dez integrantes e - como novidade- "de calquera procedencia xeográfica", deberán contar cun repertorio mínimo dunha hora de duración.
Selección
Un comité técnico, nomeado polo Concello de Ortigueira, organizador do Festival co apoio do Xacobeo, Estrella Galicia e Deputación, entre outras entidades, realizará unha primeira selección de dez grupos.
A segunda fase correrá en exclusiva a cargo dos internautas que visiten a web oficial. Eles e elas elixirán cos votos que emitan do 15 ao 30 de xuño, de entre estas dez candidaturas, as tres formacións que actuarán na xornada inaugural da próxima edición do Mundo Celta, o vindeiro 9 de xullo. Cada un dos grupos recibirá 1.000 euros.
Finalmente, un xurado, presente entre o público, decidirá tralos concertos a banda gañadora que volverá ao Escenario Estrella Galicia no 2010 e se embolsará 3.500 euros.
Unha década de traxectoria
O Proxecto Runas, durante anos eixe central da oferta musical de tarde do festival, trasladarase nesta edición ao Escenario Estrella Galicia. A organización pretende este ano, como medida de austeridade, concentrar a súa oferta de concertos no palco da Alameda. A decisión, xa testada hai un par de anos, suporá a reserva da noite de inaugural aos noveis. O Runas serviu na súa primeira década de vida para dar un pulo a bandas como La Bruja gata, Rare folk, Bellón & Maceiras ou SOG, que estará este ano en Ortigueira como gañadora da pasada edición.
Na Galiza, algúns mozos interesanse polas súas orixes culturais e, cada fin de semana, saen ao encontro das súas «memorias vivas»: as vellas das aldeas.
Armados coa súa gravadora e a súa cámara de vídeo, procuran unha canción descoñecida, unha melodía inédita nunca antes gravada. O que non podían imaxinar estas vellas é que collerían o avión por primeira vez na súa vida para? ¡dar un concerto en Bruselas!
Tempo da Recolleita é a primeira película dirixida por Félix Blume, licenciado en Sonido no INSAS. Como enxeñeiro de son, este mozo cineasta traballou nos documentais La voie peule (2006) e El puesto de rolito (2008) rodados en Mali e Argentina, respectivamente.
Sobre os escearios de Bruselas con Ialma: Festival Voix des Femmes
Mini e Mero levan corenta anos desenvolvendo un inmenso traballo de investigación musical a través de toda Galicia, pero especialmente pola súa Terra Cha natal e polas terras de Boimorto e Mesía, onde exercen a súa profesión de profesores, en busca de persoas dispostas a compartir a súa sabedoría popular.
Todo este material, por eles recollido en milleiros de cintas magnetofónicas, foille cedido por Mini e Mero ao Museo do Pobo Galego para ser dixitalizado e pasar a formar parte do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que moi pronto estará dispoñible na páxina web do Museo, facendo explícita a súa firme opción por facer públicas as súas gravacións para que volten ao pobo do que saíron, tal como a xente do pobo llelas fixo chegar a eles.
O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) xorde como consecuencia da evolución do proxecto Sons e Voces da Identidade, o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego pon a andar en abril de 2007.
Un arquivo destas características, público e accesible desde calquera lugar do mundo e que dá conta da autoría das achegas que se incorporan, pasará desde o Museo a ser un arquivo do pobo galego que teña a ben participar nel. Estamos fronte a un intento de que a obra dunha institución poida vivir e medrar por si mesma, porque a fagan medrar os seus usuarios, mais aló de onde ela mesma podería chegar, e darlle con iso á propia institución o maior dos pagos, o de facer o país polo que ten sentido que exista.
Unha vez completada a dixitalización dos arquivos de Mero Iglesias e Mini Rivas, que se atopan en pleno proceso de edición para a súa incorporación gradual ao APOI, comezou o labor técnico de recuperación do arquivo de don Xesús Mato, que ofreceu o seu rico fondo de materiais recollidos no territorio de Lugo.
Simultaneamente estanse dixitalizando os fondos de cintas magnéticas existentes no Museo do Pobo Galego: os materiais recollidos no proxecto Recupera-la tradición oral, e os resultantes do traballo de investigación sobre saúde comunitaria no concello de Santa Comba dirixido por Marcial Gondar
O Arquivo Sonoro de Galicia desenvólvese como un programa dentro do Consello da Cultura Galega, dun xeito continuado dende 1995 aínda que os seus primeiros traballos comezan en 1992.
O labor esencial do Arquivo Sonoro de Galicia xira en torno á recuperación do patrimonio oral e musical galegos e xorde co propósito último de se converter ou, cando menos, sentar as bases para a creación e posta en funcionamento da necesaria e futura Fonoteca de Galicia.
En materia de Etnomusicoloxía o Arquivo Sonoro de Galicia dispón das gravacións orixinais (237 CD acompañados das súas transcricións) realizadas por D. Schubarth e A. Santamarina e que deron lugar ao Cancioneiro Popular Galego. Tamén se conserva a importante doazón de P. Carpintero con máis de 300 horas de gravacións.
Cómpre subliñar a recompilación de todas as gravacións que deron lugar ao Cancioneiro Popular Galego, a obra fundamental sobre o folklore musical de Galicia.
Este traballo rigoroso, abnegado e magnánimo foi realizado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. En 1978, a musicóloga suíza chega a Galicia durante as súas vacacións coa intención de coñocer a nosa música popular.
A riqueza, a diversidade e, incluso, os sinais propios e peculiares do que escoltaba prolongaron durante cinco anos a súa estancia. Un primeiro achegamento curioso converteuse nunha paixón que prolongou a súa estancia e o seu traballo de campo durante cinco anos.
As súas dificultades coa lingua galega precisaron de axuda e atopouna en Antón Santamarina, filólogo da Universidade de Santiago de Compostela, que se converteu en parte importantísima no traballo de recompilación, transcricións de textos e clasificación.
No ano 1984, tras un intenso traballo de recolleita que abrangue a 38 zonas xeográficas galegas e limítrofes, do análise, clasificación e estudo dese amterial, publicouse o Cancioneiro Popular Galego en sete volumes. Esta xoia bibliográfica foi patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza así como gran parte do traballo de campo que orixinou esta edición. Este apoio institucional foi decisivo para que hoxe estea recollido o noso ?corpus musical popular?.
Dorothé Schubarth introduciu parámetros de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de compilación que, aínda hoxe, están a influír nos nosos estudosos. En palabra do profesor López-Calo ?un libro ao que non é aventurado calificar como a máxima aportación xamais intentada cara á conservación e coñecemento do folklore musical de Galicia?.
No Arquivo Sonoro de Galicia consérvanse os 248 CD -copias dixitalizadas das gravacións orixinais- con cadansúas transcricións, que D. Schubarth e A. Santamarina tiveron a xenerosidade de depositar para a súa consulta pública e a difusión do noso patrimonio musical popular.
Alan Lomax percorreu Galiza durante o crudo inverno de 1952 cando gravou as cancións que veñen contidas no disco de Alan Lomax "The Spanish Recordings: Galicia"
......
ALAN LOMAX -Songhunter-
En 1952 Lomax visitou Galiza cos seus aparatos de gravación para gravar os cantos dos galegos. Nesta película onde se recrea a súa vida podense ver eses galegos e galegas que cantaron para el e rememoran a sua presenza 50 anos despois.
Alan Lomax (1915-2002) era un coleccionista de cancións. Durante unha gran parte da súa vida, viaxou polo mundo coa súa gravadora, cazando as mellores cancións folc. Lomax gravaba a xente da rúa, que daban o seu corazón e a súa alma frente ao micrófono.
O director, Rogier Kappers, visita a Alan Lomax un ano antes da súa morte. Non pode entrevistalo, xa que unha hemorraxia cerebral incapacitalle totalmente a facultade da fala. O director decide, entón, buscar as persoas que Lomax gravara anos antes. Viaxa por toda Europa, incluida Galiza, cunha vella Wolkswagen. Nesta roadmovie musical, o director busca as raigames da pasión de Lomax pola música folc e a xente que gravou.
Alan Lomax- The Songhunter
Países Baixos 2004, 94 minutos, cor
Con O Pego do Pereiro, o "Alalá" desta noite acode a un dos últimos representantes da antiga escola de gaiteiros do interior da mariña lucense, que basea o xeito interpretativo no estilo alegre e aberto dos antigos gaiteiros do Valadouro.
Daquela escola, "O Pego" é o último portador en vida dos seus 3 mandamentos oficiais: "O gaiteiro ten que saber tocar e cantar a un tempo; tocar e bailar a un tempo e saber pousar a gaita para falar cunha moza".
O gaiteiro máis coñecido daquela antiga escola do Valadouro foi o chamado "Pepe da Gaita", de quen o "Pego" asimilou o repertorio e o carácter musical. A mediados de século as bandas de música pegaban forte e facían sona na mariña lucense con novos ritmos. Neste contexto, o "Pego" nunca aprendeu solfexo, non quixo ser gaiteiro de "solfa", nin excesivamente técnico, porque daquela a preocupación era o ritmo e o baile e a misión nas antigas foliadas en Alfoz ou no Valadouro era a de divertir a xente e facer festa.
Esta noite escoitaremos o seu tocar, as súas coplas, aprenderemos algo máis sobre Alfoz e o Valadouro e coñeceremos tamén o seu amor de toda a vida, Jesusa.
O gaiteiro galego Carlos Núñez conta para La Voz de Galicia a súa experiencia de un ano en Brasil dedicado a investigar e a preparar o seu novo disco, «Alborada do Brasil», de próxima aparición
Veño de pasar un ano percorrendo Brasil, gravando o meu novo disco. Lanzarémolo dentro de dúas semanas. Chamarase Alborada do Brasil en homenaxe a unhas proféticas palabras que deixou escritas o meu avó. O seu pai, meu bisavó, José María Núñez, emigrou alí a principios do século XX dende A Mezquita (Ourense) e desapareceu. Sempre se dixo que o mataran por celos profesionais. El era músico, coma min, e sempre sospeitei o que as pesquisas están confirmando: que, en realidade, como moitos galegos, iniciou unha nova vida no Novo Mundo.
Pero isto non é o máis importante da historia. A cuestión é que esta frutífera exploración musical acabou por se converter nunha auténtica viaxe iniciática na que aprendín unha chea de cousas que atinxen a Galicia. Estas son as que gustaría de compartir con vós nesta serie de artigos que hoxe comeza, esperando que as miñas andanzas polo Brasil sirvan a máis xente.
Onde pervive a alma da gaita
Brasil sempre ten sido para os galegos unha patria secreta onde desaparecer. En Brasil falan a lingua seguramente máis semellante ao galego que existe, se non é a mesma... No Brasil segue viva a alma da gaita, transmutada noutros instrumentos. Alí, a cultura das cantigas medievais galego-portuguesas, os nosos instrumentos musicais cáseque desaparecidos, as nosas tradicións... mesturáronse e fixéronse universais. En Brasil vive o noso pasado e quen sabe se o noso futuro.
Alí atopamos a nosa desexada síntese entre a cultura urbana e rural. No Brasil, as ondas do mar, a alborada, as noites de luar, as estrelas, as fogueiras de san Xoán, as sereas, as bruxas e o orballo, por non falar dos nosos diminutivos... gozan do glamour do artisticamente universal. Dito con outras palabras: no Brasil vive unha Galicia cool . Imaxinade a cara coa que ficaron os da Sony cando lles contei todo isto mentres escoitabamos o disco: «¡Carallo con estos gallegos! Ahora van y crean la música galego-brasileira!».
O caso é que volvo a casa convencido de que a nosa relación con Brasil pode ser clave para Galicia na nosa continua reinvención do país e, por que non dicilo, na creación de novos mercados. Sei que está todo por facer, pero penso que poderíamos estar diante dunha nova conexión artística tan potente como foi a música celta, coa que dalgún xeito conseguimos, dende mediados dos anos noventa, poñer a Galicia no mapa para moita xente.
Na ronda de sabios que entrevistamos para o documental que estamos a facer en paralelo ao disco, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, xa nos avisou: «Brasil é unha grande aposta, non só económica, senón tamén cultural». O meu amigo Manuel Bragado, director de Xerais, resumiuno en tres palabras: «Brasil somos nós». Hai pouco tempo, Juan Luis Cebrián foi aínda máis alá e dixo que «Galicia ten a sorte de ser a terra das cantigas e pode ser a ponte de España e Europa co Brasil».
Sorprende que semellante mina non teña sido explorada por Galicia. Brasil non forma parte do noso imaxinario de afinidades como Arxentina, Cuba, Irlanda ou Portugal. Ata agora a nosa relación con este xigante de xa case douscentos millóns de habitantes debémoslla ao calado e tenaz traballo dos nosos emigrantes, aos non sempre comprendidos reintegracionistas e amantes da lusofonía e a algún pioneiro como don Valentín Paz Andrade, que nos anos setenta publicou unha xoia da que xa falaremos a próxima semana e que nos descobre un novo concepto: a Galecidade do Brasil.
Ninguén lles dixo de nós
O brasileiro de a pé descoñece a existencia de Galicia. Non é a súa culpa, nunca llo contaron. Era duro para Portugal recoñecer que parte da súa cultura vén dun territorio «lá na Espanha». Incluso ignoran onde está exactamente Santiago de Compostela. En cambio, o Camiño fascínaos, proba é o éxito sen precedentes do escritor Paulo Coelho.
Cando descobren que «todo iso» vén dese misterioso país, que non trae aparellado o «imperialismo» europeo, que tanto amola aos brasileiros, entón apúntanse sen dubidalo... Dalgún xeito Galicia axuda aos brasileiros a descubrírense a eles mesmos, nunha parte da súa historia que nunca lles contaran.
Nélida, a introdutora
Comeza a renacer un orgullo sen precedentes. A galego-brasileira Nélida Piñón, primeira muller presidenta da Academia Brasileira das Letras, nas súas aparicións televisivas e na súa obra, fala habitualmente do seu pequeno país de orixe. Trátase dunha persoa cunha intelixencia e enerxía deslubrantes.
Nélida foi un dos meus introdutores na jet cultural de Rio de Janeiro. Nas elites brasileiras dáste de conta do importante que é a música para o país. Todos, absolutamente todos, dende os escritores, os políticos, os empresarios, os militares... saben de música. Todos teñen os seus gustos musicais ben definidos e saben que no fondo, a música é unha das identidades máis fortes de Brasil, por enriba doutras artes. Lembremos a Gilberto Gil como carismático ministro de cultura.
Cecais o único lugar do Brasil onde todos saben que é un galego sexa Salvador de Bahía. Alí a nosa comunidade é potente e está moi ben organizada. Carlinhos Brown contounos que os galegos foron os primeiros en darlle traballo, nunha panadería. Gravar con este xenio indomable foi algo máis que música, foi unha experiencia antropolóxica.
Ter diante ao meu tocaio do Candeal ulíndote e examinándote, como faría un paisano noso, confirmoume a teoría que fun consolidando en Bahía: que entre negros e galegos hai algo moi profundo que nos une e produce unha irreprimible atracción. Quizais por iso no Brasil galego tamén significa 'louro, rubio, branquiño'. Son os opostos que se atraen.
Os outros grandes centros actuais do «poderío galego» son São Paulo e Rio de Janeiro. Alí, é curioso que máis que exhibirse, sempre tenden a esconderse misteriosamente... No Brasil os galegos aprenderon a organizarse en empresas con varios socios. Raro é atopar cabezas visibles, con excepcións que ben darían unha novela ou un filme...
Os galegos alí sempre se camuflaron como portugueses, máis que españois, ou simplemente como brasileiros. Este é un país que se come todo, non crea guetos étnicos. Todo ser humano transfórmase nun tempo récord en brasileiro. Iso mesmo acho que fixo o meu bisavó.
É posible que as percepcións dun músico non sexan científicas, pero como dixo un tal Leite de Vasconcellos: «Os artistas adivinham muitas vezes o que, por outro lado, os investigadores de História descobrem a custa de fatigante labor cerebral».
É o sexto disco do grupo, gravado quince anos despois daquel primeiro 'Fía na roca' (1993), que chamara a atención mesmo da BBC, e servira para promocionar o Xacobeo 93 en toda Europa
Montaran daquela unha editora (Antirritmo C.B.) logo de autofinanciarse a gravación. Fía na Roca funcionou sempre de xeito independente. ?Cando comezamos, no 93, a cousa estaba mal, e agora está peor?, afirma Vázquez. ?Sobrevaloráronse as producións e non se souberon adaptar os prezos. A xente perdeu moito o hábito de mercar discos?. Coa iniciativa conxunta con A Nosa Terra que están a desenvolver queren evitar intermediarios, mover o disco practicamente do produtor ao público, e conseguir que sexa máis doado para a xente mercar o disco. ?É un xeito de comercio xusto?. A respecto da independencia na produción, explica Vázquez que ?tal e como funciona o mundo do disco, moitas veces vímonos obrigados: Unha discográfica grande significa moitos compromisos, e nós non queriamos nada que nos atase?.
E o reto non queda aí: en Quince maios achegan moito máis ca música. Trátase dun DVD onde podemos ver o concerto co que Fía na Roca celebrou o 15 aniversario no Teatro Principal de Compostela para gravar Quince maios. ?É bonito, ademais de escoitar un grupo, velo tocar?, afirma Vázquez. O DVD achega unha serie de regalos de persoas que acompañaron a Fía nesta andaina de década e media, coma Mini, Uxía ou Miguelanxo Prado, artífice da portada do primeiro disco. Trátase de 16 temas que recollen a evolución do grupo. ?Non fomos moito de sacar un disco e despois facer concertos arredor dese repertorio?, explica Vázquez. ?O noso directo foi medrando con cada nova achega. Fía na Roca traballou bastante en estudio, pero nesta ocasión queriamos reflectir a alma do grupo, que é tocar en directo?. Parécelle importante xerar este tipo de material discográfico, ?nunha época en que pecamos un pouco de exceso de produción e edición. Interésanos o directo por riba dos artificios?.
Quince anos de historia
Xosé Ramón Vázquez e Xabier Bueno xa se coñecían da agrupación vilalbesa Xorima, que se desfixera no 89, cando lanzaron unha proposta que bebía da tradición sen renunciar ás innovacións. Coa incorporación do violinista Quim Farinha e Xosé Enrique Comesaña nos instrumentos de corda (ambos os dous se incorporarían despois a Berrogüetto), gravaron Fía na Roca no 91. Dirixiu a produción artística Luís Delgado, que tamén tocaba diversos instrumentos (entre eles a autoharpa), e aínda houbo sorpresas, coma a presenza de Segundo Grandío, baixista de Siniestro Total, Carlos Castro na percusión, e Ana, Carme e Leo Bueno nas pandeiretas. Xoán Manuel Estévez cualificou, nunha crítica n?A Nosa Terra, aquel traballo como folk experimental, ?en permanente encrucillada?. Gravouse no 91, pero aínda tardou dous anos en saír.
?Realmente houbo un momento forte no folk contra finais dos 70 e comezos dos 80?, explica Vázquez, ?e cando nós empezamos co proxecto levabamos xa un tempo noutros grupos. O que queriamos era facer música folk saíndo un pouco do celtismo, que era o que se levaba daquela, partindo da tradición e tamén de músicas do mundo, pero non as estándar. Eses foron os principios fundacionais. ?A historia de Fía, como moitas outras historias, ten as súas turbulencias. Logo de varias entradas e saídas de xente consolidamos o que queriamos facer?.
Para Agardando que pase algo, no 96, incorporáronse Gião Rodrigues á guitarra, Roberto Santamaría ao violín ou o baixista Pablo Pérez. No seguinte traballo, Contravento (2001) incorporouse a vocalista Sonia Lebedynski, que daquela tiña quince anos, pero axiña había dar moito que falar. ?Foi unha incorporación importante?, salienta Vázquez: ?empezou como colaboradora, pero foi unha chispa que deu lugar ao cambio. Eramos un grupo instrumental, como moitos outros, e foi unha oportunidade para achegármonos ao público. A voz, o idioma, sempre tenden unha ponte?. Naquel ano coincidiron no festival de Ortigueira coa formación quebequesa La Bouttine Souriante, que estaban a celebrar o seu 25 aniversario, e convidáronos a participar nun documental que estaba a gravar sobre o grupo Renal Bellenare.
Celebrando aniversarios
Despois viñeron Dez anos ao vivo, que gravaron no Teatro Principal de Compostela no 2003, para celebraren a primeira década, e Vente Vindo, xa no 2007, ?un golpe de temón? no rumbo da banda, ao cobraren xa as pezas cantadas especial relevancia. Ao maior protagonismo da voz de Lebedynski. Ademais, o grupo gravou, desta volta, todo xunto, o mesmo que nun concerto, para conseguir un resultado natural, que soase próximo e vivo. Por desgraza, había dúas ausencias notábeis: a de Xabier Bueno, fundador e puntal do proxecto, e a de Cris Gándara, contrabaixista, pero os que están seguen coa mesma forza: entran Xabier Olite, ex-Psicofónica de Conxo, aos baixos, e Roberto Rama, coas gaitas, saxos e low whistles, e seguen Sonia Lebedynski, X. Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues e Roberto Santamarina, ademais de Pablo Barreiro, técnico de son e responsábel da gravación.
Fía na Roca inician unha xira de verán, que os levará pola Bretaña e Portugal, entre outros lugares.
'Quince Maios', o DVD-aniversario de Fía na roca, xa está á venda, trala presentación oficial da semana pasada.
Este novo traballo de Fía na roca consiste nun DVD co concerto gravado hai un ano no Teatro Principal de Santiago de Compostela, ademais de entrevistas e comentarios do grupo e numerosos músicos que veñen de traballar con eles.
'Quince Maios' poderase conseguir ata finais de xuño cada xoves con A Nosa Terra ao prezo de 14? (12? o DVD, 2? o xornal), e a partires de entón, en tódalas tendas de música, a 15?.
A cantante presentou o seu traballo en solitario o pasado mércores 20 de maio, acompañada nunha concorrida presentación, no restaurante compostelán O 16, por Guillerme Fernández e Uxía Senlle. O volume xa está á venda dende o 17 de maio.
A gaiteira cedeirense, voz de Berrogüetto durante dez anos, pianista, profesora e artista hiperactiva que non deixou de participar en proxectos (dende Espido, con Guillerme Fernández, até Nordestin@s, con Abe Rábade e Ugia Pedreira, pasando por Rosalía 21) saca agora ó mercado Benzón, un disco no que conta coa colaboración de Fran Pérez, Pedro Lamas, Pedro e Pablo Pascual, Guillerme Fernández, Xavier Díaz, Germán Díaz e Odaiko.
Son dez temas os que este espectacular plantel se encargou de arranxar, tanto melodías tradicionais coma composicións da propia Guadi. A música tradicional dálle a man ao folk, o jazz ou o pop a través das letras de Uxía Senlle, Ugia Pedreira, Manolo Maseda e Rosa Bugallo, e co talento de Leilía, Abe Rábade, Santi e Uxía Cribeiro, Quim Fariña, Marcos Vázquez, Suso Iglesias, Sergio Sieiro, Xacobe Martínez Antelo e Leandro Delltell, que tocan ou cantan.
Un disco "para pensar e sentir"
Son en total 25 persoas as que participan xunta Guadi Galego na edición deste disco-xoia, que conta coas fotografías de Karlos Abal, e se presenta como un fin en si mesmo, xa que non vai haber directos. Guadi sinalou que a súa intención era facer unha revisión das melodías tradicionais, a través dun tratamento "plural": "que cadaquén lle dese a súa impronta á música". De aí o ceo, fotografado por Karlos Abal, como metáfora: "como reflexo, como lugar sen fronteiras".
"Á multiplicidade de estilos acompáñaos a unidade da voz de Guadi", explicou Fernández. Dende o canto tradicional das Leilía ao jazz de Rábade ou o pop de Narf, o resultado é un disco "para pensar e sentir. Non é posíbel o directo, porque non poderiamos estar todos e todas. Este é un disco moi conceptual, que tiña que quedar aí, no disco".
Galego, que escolleu o hiperenxebrismo "benzón" (a opción normativa sería "beizón") para lle dar "as máximas grazas" a toda a xente que colaborou con ela, sinala a Muiñeira de Concha de Luneda (unha señora da Paradanta que é a expresión viva do folclore), que conta con arranxos de Pablo Pascual, como un dos temas máis representativos. As coplas recollidas en Luneda din "vivan os da miña terra / e máis os do outro lugar". Do local ao universal, da tradición ao que non ten fronteiras. Velaí o espírito de Benzón.
Malia que Fasero é un dos compositores máis prolíficos de Galicia, no seu novo traballo só presenta un tema do seu autoría "A nosa Estrela", con letra de Eva Carreiras. O resto de temas son versións doutros temas ou arreglos de temas tradicionais.
Nesta ocasión Fasero preferiu centrarse máis nos arreglos dos temas e en facer unha homenaxe, ou ben recuperar, a cancións que o acompañaron durante parte da súa vida.
A maioría dos temas tradicionais mostras temas que xa interpretaron outros artistas no seu momento. Temas fundamentalmente pensados para gaita e que Fasero decidiu trasladar á súa guitarra.
Os temas de autor son temas xa adaptados para guitarra, temas que formaron parte do seu repertorio persoal e que agora decidiuse a gravar.
Para esta grabación, Fasero contou coa colaboración de moi bos amigos, como David Outumuro, Blas Segura, Diego Fortes ou Javier Vaz, e tamén coa de dúas boas amigas, a voz de Eva Carreiras na nosa Estrela e Fia na Roca, e a gaita de Cristina Pato en Gaita Grelada, que ademais gravou desde New York, nos estudos Lofish Productions Inc.
Logo de 6 anos de silencio en solitario, Fasero preséntanos o seu novo disco "3".
"3" preséntanos 12 novos temas, inspirados na tradición e en versións de clásicos da música como Imaxine, ou Tico Tico non Fubá.
Fasero converteuse nun dos máis importantes productores de Galicia. Os seus traballos para Eva Carreiras, Cristina Pato, Mutenrohi, Lume, Mcarballo, Entre Trastes, Quempallou, etc..., non pasaron desapercibidos. A súa propia forma de entender a música galega convertérono nun productor non ao uso.
Pero Fasero é máis que iso, e o seu afán infatigable de seguir creando leváronlle a posuír tres discos propios no mercado e a seguir traballando en procúraa de novos artistas.
Poderiamos dicir que Fasero é un dos productores, compositores e arreglistas máis importantes do panorama musical da world music en España. Catro nominaciones aos Premios da Música que organizan S.G.A.E e A.I.E., así como tres Premios Luar a producións súas (Cristina Pato, Banda de Gaitas de Manzaneda, Mutenrohi) así o avalan. Do seu traballo xurdiron artistas como Cristina Pato, Mutenrohi ou Lume.
Logo de ?MAR DE MARES?, o seu debut en solitario, e de ?AUGAS MANSAS?, ofrécenos un novo traballo "3".
Como guitarrista, a súa formación sufriu dúas fases: unha primeira autodidacta, na que Fasero bebeu do pop, aprendendo escoitando e practicando dos guitarristas que na súa mocidade máis influíron, desde Mike Oldfield a David Gilmour (Pink Floyd); e unha segunda fase de formación clásica, estudando no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, sendo alumno de Marcos Díaz Fontes, e acudindo, asiduamente, a cursos con David Russell ou William Kannengiser. Desta parte, ademais de conseguir unha técnica máis depurada, Fasero aproveitou a musicalidad e o aprecio polas melodías máis tradicionais, para rodealas dun espírito máis vanguardista.
Como productor e arreglista, Fasero tivo a sorte traballar con músicos de primeiro nivel como Duncan Chisholm (Wofstone), Segundo Grandío ou Angel González (Sinistro Total), Metais Preciosos, Trio de Moldavia, Carlos Beceiro (A Musgaña), Charlie McKerron (Capercaillie), José Peixoto (Madredeus), Cristina Pato, Carlos Castro (Fia na Roca) e un longo etc...
Porque existe o mundo e pode ser de todas... Despois de Galicia es una mierda, Ataque Escampe emprende, neste seu segundo disco, a aventura de construír unha epopea: fuxir da prisión para regresar novamente a ela.
Teñan o valor de deixarse levar e acompañar ao grupo nesta longa singradura polas melodías da evasión. De certo que acadarán os lugares máis xélidos e afastados, coñecerán as especies imposíbeis e verán solpores que nunca existirán. E perdan coidado polo seu posto de traballo estábel e remunerado, alí onde irán non o han necesitar. Leven, iso si, unha grande mala, pois estas historias son coma souvenirs: pequenas e baratas na súa extensión, mais enormes ao nos transportaren ao lugar máis inseguro, capitais a arder de ruído, continentes especiais, espaciais. E lembre, o seu camarote está nas orellas, pécheas se non quere que lle rouben algún obxecto valioso Ladies and gentlemen, tomen asento, pechen os ollos e vaian quentando os pés. Come fly with us. A aventura pode comezar.
Terza feira 2 (Martes)
? Foliada no Muiño Vello de Redondela
Corta feira 3 (Mércores)
? Sumrrá na Borriquita de Belém (Compostela)
? Foliada-Serán na Fábrica de Chocolate (Vigo)
Quinta feira 4 (Xoves)
? Som do Galpóm no FNAC (A Coruña)
? Esquios na Gentalha do Pichel (Compostela)
Sexta feira 5 (Venres)
? IV Encontro de Gaiteiros Manuel Villanueva: Tentenoaire (Pablo Devigo, Marcos Pérez e Miguel Fraguas) ás 20:00 no Casal de Ferreirós (San Salvador-Poio)
? Festival Millo Verde (Redondela)
? Som do Galpóm en Pontedeume na Sala Coliseo
? Guezos no Auriense (Ourense)
? O Sonoro Maxín na Fábrica de chocolate (Vigo)
? Ataque Escampe na sala Baranda (O Barco de Valdeorras)
? Estalotada en Sar no Mañoso e Marmolo (Compostela)
? Foliada Ven Respirar no Café-Bar Ollo Ledo (Ourense)
Sábado 6
? IV Encontro de Gaiteiros Manuel Villanueva: Certame de gaita fol ás 18:00 na Praza da Chousa (Combarro)
? Arrás!! no Salasón (Cangas do Morrazo)
? Esquíos na Fundación Artabria (Ferrol)
? Cé Orquestra Pantasma no Pub Sete Flores (O Carballiño)
? A Quenlla na Feira da Música Tradicional (Lugo)
? Festival Millo Verde (Redondela)
? Moxenas Musical Galego na Igrexa do Cristo da Vitoria (Vigo) ás 21:00
? Fiandola e Ruote en Muniferral no concello de Aranga ás 23:00
? II Serán Ramón Cabanillas (Cambados)
? Serán do Remuiño en Paraños (Covelo)
? III Serán do Gaiteiriño no adro da capela de San Amaro en Aldán (Cangas do Morrazo)
? X Encontros de Música Tradicional de Carboeiro (Bandeira-Silleda)
Domingo 7
? XXVII Día da Muiñeira na Coruña
? Treixadura en Allariz
O colectivo Batea Sonora dedica este ano o «Serán do gaiteirinho» ás mariscadoras da ría de Aldán.
O pasado ano, foi recoñecido Pepe «O Choula». O anterior, na súa primeira edición, recibiu unha homenaxe José «Ou gaiteiriño». O colectivo de mariscadoras recibirá, como eles, unha peza de cerámica.
O Serán celebrarase durante todo o día na capela de San Amaro. Incluirá obradoiros de animación para os máis pequenos, un concurso de empanadas ao que se pode presentar quen queira e que se fallará ás 13.30 horas, actuacións de música tradicional e un certame de fotografia dixital de imaxes captadas o mesmo día, que se proxectarán nunha pantalla no atrio da capela
A organización anima aos veciños en xeral a levar a súa comida. Tamén ofrece empanadas, mexillóns, callos e outros produtos a prezos populares.
As actuacións musicais comezarán ás 17.00 horas. Estarán un grupo de pandereteiras de Vigo e dous de música tradicional, Sachadiso, de Vilanova (O Hío), e Sons dá Eira, de Aldán.
1. O ?Día da Muiñeira? celébrase con carácter de exhibición, non de concurso.
2. Poderán participar nel os grupos de Asociacións Culturais e Recreativas, Centros de ensino, Asociacións Folclóricas, Centros Parroquiais, Asociacións de Veciños, Asociacións Xuvenís, Centros Sociais, etc, de toda Galicia, sendo requisito indispensable enviar debidamente cuberta a folla de inscrición adxunta:
- Ó local social na rúa Historiador Vedía, 3-soto 1º na Coruña
- Por correo electrónico á dirección: info@xacarandaina.com
3. O prazo de admisión de inscripcións rematará o día 30 de Maio.
4. Os participantes poderán ser grupos mixtos, femininos ou masculinos, sexan infantís, xuvenís ou de adultos, non sendo obrigatorio o uso do traxe tradicional.
5. O XXVII Día da Muiñeira terá lugar o domingo día 7 de Xuño de 2009, comezando cun pasarrúas dende a praza de María Pita ata os Xardíns de Méndez Núñez, onde terá lugar a exhibición.
6. Os grupos daránse cita nos soportais da Casa do Concello da Coruña, na praza de María Pita, ás 17:00 h. Alí colocaránse no lugar sinalado có seu número correspondente, do que serán informados nos días previos ó acto.
7. Ás 17:30 h. dará comenzo o pasarrúas e ás 18:00 h. terá lugar a lectura do pregón e a exhibición.
8. Tódolos grupos inscritos bailarán ó mesmo tempo, aínda que en grupos separados, tres muiñeiras formadas por 5 voltas e 4 puntos, con breves descansos entre elas.
9. Por último, procederase á entrega de agasallos conmemorativos aos participantes, polo que unha parella de cada asociación deberá achegarse ó escenario para recollelos.
Para calquera dúbida ou aclaración, pódense poñer en contacto con nós
- no teléfono 981 277 315
- por correo electrónico:
info@xacarandaina.com
XXVII DÍA DA MUIÑEIRA NA CORUÑA
A. C. XACARANDAINA ? 7 de Xuño de 2009
Nome da Agrupación ________________________________________________________________