Xa no seu ano de nacemento, Fía na Roca chamou a atención da BBC sendo escollido un dos seus temas para promocionar o Xacobeo 93 a través do Eurochannel. Anos despois, a súa música foi banda sonora dunha serie xaponesa sobre Paulo Coelho e o seu percorrido do Camiño. Agora, seguen igual de internacionais, a piques de celebrar hoxe o seu 15 aniversario e marchar de xira cara Sudamérica.
Ao igual que no 2003, o Teatro Principal de Santiago acolle hoxe a festa do 15 aniversario de Fía na Roca. Todo está preparado para gravar en directo, alí, a partir das 21.00 horas, o DVD ?Quince maios?.
O grupo segue a experimentar, a dar reviravoltas con Sonia Lebedynski á voz da súas interpretacións e desta entrevista.
Luar na Lubre e Milladoiro xa pasan abondo dos 15 anos que cumpren vostedes, cousa difícil cumprilos, nonsí?
Grazas a toda a xente que pasou e grazas aos que estamos hoxe, Fía na Roca é o que é hoxe. Esta celebración é especial porque celebramos 15 anos xuntos, algo moi complicado nos grupos porque o complicado non é tocar nin cantar senon ser amigos e continuar xuntos.
Por que gravar un DVD dun directo polos 15 anos?
Xa celebraramos os dez anos do grupo en directo. Desta volta, que mellor maneira que estar en Compostela e gravar un dvd en directo, pensado para mostrar á xente o directo que fai o grupo totalmente natural e que pode ver calquera persoa en calquera lugar. O que queremos é plasmar a identidadetan singular do grupo. Ademais, terá varios extras como a actuación no Festival de Ortigueira o día 12.
¿Para cando estará á venda?
Aínda non hai data fixada, porque dependemos un pouco da axenda, de cando gravemos os recursos, as entrevistas dos extras. Supoño que estará para o primeiro trimestre do ano.
Volta a Ortigueira onde levaban sen tocar sete anos, Contentos, supoño.
Si, porque Ortigueira, para todos os membros do grupo ten un significado especial xa que sempre formamos parte do festival como público ou como grupo; é o máximo expoñente, por iso, é moi importante estar nel.
¿Haberá xira nutrida para celebrar os 15 anos?
Tras Ortigueira, tocaremos na Carballeira de Zas o día 2 de agosto, pero antes estaremos de xira por Sudamérica o 19 xullo, en Arxentina, Uruguai e Brasil.
Van chamados polos centros galegos...
Non en todos o sitios. Por exemplo, en Uruguai, imos estar no Teatro Solís que é o máis emblemático de Montevideo. En Brasil, actuaremos porque nos viron na web e gustoulles.
Imaxino que terán unas ganas tolas de marchar.
É a nosa primeira xira por Sudamérica e é un sitio ao que tiñamos moitas ganas de ir, porque sabiamos de compañeiros que a música galega ten moi boa acollida. Todos os anos temos saídas fóra de Galicia. O anterior, por exemplo, estiveramos en Alemania e na Bretaña francesa. Sudamérica é o que nos queda por conquistar.
O Concello de Vigo, a través da súa Area de Educación pon en marcha a e-Trad, unha iniciativa innovadora proxectada para a protección e difusión da música patrimonial galega procurando a súa evolución na mestura coas formas contemporáneas do folk urbano.
A e-Trad correspóndese coas novas tendencias integradoras da educación musical que amplían a visión da música cara a unha concepción global, co selo propio da música de tradición oral.
A e-Trad oferta dous tipos de enfoque educativo: o afeccionado e o profesional.
Afeccionado:
O público interesado poderá aprender a interpretación do canto e a música tradicional nun nivel básico.
Profesional:
O actual profesional da música ou futuro profesional vai poder formarse ou complementar a súa formación, tanto nas especialidades instrumentais e vocais como nos marcos teorico-prácticos que envolven a actividade musical. Para o mellor cumprimento desta función, a e-Trad oferta dous niveis diferentes do itinerario profesional, segundo as necesidades do alumnado.
-Itinerario profesional:
Nivel 1 "Instrumentista" (480 horas / 3 anos)
.Instrumento e materias específicas
.Materias troncais (comúns)
.Materias optativas .
Nivel 2 "Mestre" (512 horas / 3 anos)
.Instrumento, segundo instrumento
.Instrumento de acompañamento
.Materias troncais (comúns)
.Materias optativas
IMPORTANTE
Os alumnos que superaron as probas de acceso para o curso 2007-2008 e non puideron cursalo pola paralización de Artes e Oficios teñen reservada a praza para o curso 2008-2009, pero deben confirmar dita reserva antes do día 30 de xuño na Secretaría da EMAO.
Consulta a lista de alumnos con reserva de praza de Arpa, Canto popular, Gaita, Percusión, Requinta, Zanfona e Violín folk en www.e-trad.org
Fía na Roca celebra os seus Quince Maios cun concerto en Santiago de Compostela.
O vindeiro luns 30 de xuño, Fía na Roca celebran os seus primeiros quince anos na música cun concerto no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Tralo éxito do seu último disco, Vente vindo, un traballo que supuxo un verdadeiro golpe de temón no rumbo da banda, Fía na Roca darán un único concerto no que farán repaso a todos estes anos de traballo, de música e de vivencias como grupo. Este concerto tan especial terá lugar o vindeiro venres 30 de Xuño ás 21h no Teatro Principal de Santiago de Compostela, e será gravado en vídeo para lanzar ao mercado en DVD co nome de Quince Maios.
A traxectoria de Fía na Roca, que en orixe bebía da música tradicional galega, foi virando o camiño cos anos ata acadar un son máis adulto, mestura de tradición e composicións propias, pasando dos temas meramente instrumentais a incluír en Vente Vindo numerosos temas cantados, todos en galego. Mais esta evolución non supuxo un cambio nos principios fundacionais da banda, baseados en facer música actual partindo da tradicional, arriscando artisticamente con cada novo paso no seu andar. Nesta nova etapa, inaugurada co lanzamento o ano pasado de Vente vindo, Fía na Roca está formado por Sonia Lebedynski á voz, Xosé Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues, Roberto Santamarina, Xabier Olite e Roberto Rama. Unha fermosa voz e seis músicos cunha dilatada carreira ás súas costas, que fan de Fía na Roca un dos grupos de traxectoria máis sólida e continuada do panorama musical galego a día de hoxe.
Gozar da música en directo de Fía na Roca é unha experiencia sempre emocionante, e máis nesta ocasión, na que convidan ao público a celebrar con eles o seu aniversario. Quince anos, Quince Maios, que celebrarán o vindeiro luns 30 de Xuño ás 21h no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
O programa do día 30 de xuño achéganos ao lugar de Limiñoa.
Se a comarca de Bergantiños é especialmente rica en bailes e cantos tradicionais, o lugar de Limiñoa, en Ponteceso, é un dos puntos neurálxicos da festa. Aquí, todos os martes desde hai vinte anos, unha ducia de veciños dos arredores reúnense nun garaxe para ensaiar e para lembrar as festas que facían cando eran mozos, nas fiadas e no traballo das leiras.
A maior ten oitenta e cinco anos e a máis nova corenta e cinco. Case todos traballan no campo pero os homes do grupo andiveron tamén ó mar, que lles queda moi preto, cando eran máis novos. Xuntos atesouran unha chea de recordos da dureza e a alegría dos tempos de antes, e ademais posúen toda a sabedoría que dan os anos e a vida na aldea.
Neste Alalá amósanos o agarimo con que coidan as vacas, o que lles supuxo a chegada da parcelaria, a maneira na que rexoubaban mentres lavaban no río, cómo hai que facer un cesto con varas de salgueiro, cómo facían a rosca con ovos de gaivota e cal é o segredo da mítica ribeirana, unha muiñeira que só se baila aquí e que, segundo din, é tan difícil de bailar e tocar coa pandeireta que ningún dos moitos mozos que chegaron ata as súas portas facendo recollida foi quén de aprendela.
ESTAS SON AS BANDAS PRESELECCIONADAS POLA ORGANIZACIÓN.
Agora ti tés moito que dicir. Co teu voto nesta web podes axudarnos a elixir as oito mellores, que debutarán no escenario de tarde de Ortigueira os días 12 e 13 de xullo, competindo en directo por saltar ao palco principal no 2009.
A decisión dos internautas pesará como a dun membro máis do xurado de críticos.
- Blima (Asturias)
- Chotokoeu (Galiza)
- Coanhadeira (Galiza)
- Divertimento folk (Valladolid)
- Erduida (Guadalajara)
- La ruta de les estrelles (Catalunha)
- Lochlainn (Valencia)
- Neirela (Barcelona)
- Nemon (Vizcaya)
- Ophiusa (Galiza)
- Pradairo (Galiza)
- Sog (Castela e León)
- Toques do Caramulo (Galiza)
- Xaile (Portugal)
- Xúa! (Galiza)
Sexta feira 27 (Venres)
? Labazada, Melech Mechaya e O Sonoro Maxín nas Festas de San Pedro (Compostela)
? Lamatumbá, Narf, The Ellas, Amparanoia,... en Ourense (Festival Fax)
? Marful no Teatro Jofre de Ferrol
? Carmen Dor no Salón Teatro de Compostela
? María do Ceo na Praza Maior de Ourense
? Quempallou en Cerceda no Auditorio Municipal
? Coanhadeira en Ourense ás 22:00
? Leilía en Brión (Carballeira de Santa Minia) ás 22:00
? Carlos Nuñez & Chieftains & La Fura dels Baus en Lugo (Pazo Universitario) ás 21:30
? Foliada en Silvoso (Pontecaldelas) no adro da festa a partir das 21:30 horas
? Ardentía na Adega de Isaac (Barreiro-Vigo)
? Foliada no Salasón (Cangas)
Sábado 28
? Concurso de cuartetos de gaitas en Ourense
? Som do Galpóm e Os Chiquilicuatres en Dodro
? Pablo Seoane en Ourense ás 22:00
? Mutenrohi en Campolameiro
? Berroguetto (con Talabarte, Guadi Galego , Lizgairo ) en Muxía
? Luar na Lubre na Coruña (diante da Torre de Hércules) ás 22:00
? Sonoro Maxín, Os Cuchufellos e Ultraqans, na Noite de témporas en Muiños (Ourense)
? Leilía en Sigueiro (Area recreativa de Penateixa) ás 20:00
? Serán do Fiadeiro (Vigo) en Santa María de Cabral
Domingo 29
? Romaría no Parque de Belvís (Compostela) cos Estalotes
? Romaría en "Penas de Rodas", (Outeiro de Rei-Lugo).
? Concurso de cuartetos de gaitas en Ourense ás 12:00
? Charanga "Vai de baile" nas Festas de Ourense ás 17:00
? Berroguetto na Praza Maior de Ourense ás 22:00
? Abe Rábade no Teatro Principal de Compostela ás 21:00 presentando Rosalía 21
? I Festa Nacionalista do Morrazo en Chan de Arquiña (Moaña): Adonairare, Gaiteiros de Cobres, Amigos da Tocata (Portugal), Tonhito de Poi e Rasa Loba,?
Segunda feira 30 (Luns)
? Fía na Roca no Teatro Principal de Compostela ás 21:00 con gravación de DVD
? Ruxe-Ruxe na gravación do "Directos de Estudio 3" (Radio Galega-Compostela) ás 21:00
O grupo de música folk Berrogüetto, considerado como un dos mellores de toda a comunidade, actúa este sábado na chaira do porto de Muxía ás dez e media da noite. Chega da man do programa cultural Vai de Camiño, da Xunta.
A agrupación, nacida na década dos noventa, supuxo unha gran revolución dentro do panorama folk grazas ao seu innovador estilo, onde as melodías máis tradicionais recibían unha gran frescura aínda presente en todas as súas actuacións.
Este conxunto ten catro discos no mercado, nos que interpretan melodías tradicionais con contrapuntos máis innovadores
Compaña No concerto, actuarán tamén os artistas invitados Espido, Lizgairo, Talabarte Trío e Xavier Díaz Grupo. .
Este domingo, 29 de xuño, o Obradoiro de Cultura Tradicional "A Volta Do Agro" de Lugo celebra unha romaría na Área Recreativa de "Penas de Rodas", Outeiro de Rei.
Haberá xogos populares e música tradicional á esgalla.
Combidámosvos a que veñades a disfrutar dunha tarde de festa con nós.
A romaría comezará arredor das 13 h, coa benvida a todos os que se acheguen ao lugar.
Xa sabedes, facede unhas empanadas e unhas tortillas, collede os instrumentos e vide a botar un pé!!!!!!!!!!!!!!!
Dentro do programa de festas de Ourense instalarase nos Xardíns do Bispo Cesáreo a carpa de "Galegapoloscincosentidos" do 26 ao 29 de xuño, coas seguintes actividades:
Xoves, día 26 de xuño:
- 19,30 horas: Inauguración da carpa. Actuará como pregoeiro D. Xosé Lois González "O Carrabouxo". Posteriormente animanción con grupos de gaiteiros da AOFT Gomes Mouro e degustación gratuíta de produtos ecolóxicos. Tamén se procederá á apertura da tasca-bar.
- 20,30 horas: Contacontos con Quico Cadaval.
- 22,00 horas: Concerto de powerpop galego con "The Homens".
- 23,30 horas: Concerto de Susana Seivane na Praza Maior.
Venres, día 27 de xuño:
- 11,30 horas: "Para nenos e nenas". Contacontos con Nate Borrajo. Taller de xoguetes tradicionais.
- 12,00 horas: "Para nenos e nenas". Actividade audiovisual.
- 13,00 horas: Sesión vermouth e comida amenizada co grupo de gaiteiros "Estiño" da AOFT Gomes Mouro.
- 18,00 horas: Talleres para todas as idades: xogos populares e música tradicional.
- 21,00 horas: Contacontos: Pedro Brandariz.
- 22,00 horas: Concerto de música tradicional/folk con pandereteiras da agrupación Agarimo e o grupo de música folk "Coanhadeira".
Sábado, día 28 de xuño:
- 11,30 horas: Talleres para todas as idades de introdución ao baile tradicional, de cociña e de xoguetes tradicionais.
- 12,00 horas: Presentación do libro de cociña "Vacas" de Flavio Morganti. Actividade audovisual para nenos e nenas.
- 13,00 horas: Sesión vermouth amenizada por gaiteiros da AOFT Gomes Mouro.
- 16,00 horas: "Lume de Palleira" con Emilio Empañadero. Emisión en directo do programa da Radio Galega.
- 18,00 horas: I Concurso de Cuartetos de Gaitas "Cidade de Ourense".
- 21,00 horas: Contacontos con Cándido Pazó.
- 22,00 horas: Concerto/baile con "Pablo Seoane Grupo".
Domingo, día 29 de xuño:
- 11,30 horas: "Día do traxe". Tamén se celebrará o I Concurso de empanada caseira "Festas de Ourense".
- 12,00 horas: I Concurso de Cuartetos de Gaitas "Cidade de Ourense". Fase final.
- 13,00 horas: I Concurso de empanada caseira "Festas de Ourense". Entrega de premios e poxa de empanadas gañadoras.
- 17,00 horas: Festa/baile: Charanga "Vai de baile".
- 22,00 horas: Concerto de Berrogüeto na Praza Maior.
Ademais haberá as seguintes actividades permanentes todos os días:
- Tasca - bar: comida, bebida e produtos ecolóxicos. Aberta de 12,00 a 02,00 horas. Comidas de 13,00 a 16,00 horas e de 20,00 a 23,30 horas.
- Queimada popular todos os días ás 01,00 horas.
- Proxeccións de audivisual galego e fotografías relacionadas coa cultura galega.
- Taller. Espazo permanente con xogos de mesa a disposición do público: barallas, dominou, dados, xadrez (horario de 12,00 a 21,00 horas).
- Panel interactivo "Deseña e vive as túas festas".
Un ano máis, o verán comeza con música, cor e convivencia en Compostela: un dos barrios máis activos da cidade celebra as súas festas durante cinco días. O Barrio de San Pedro énchese de vida, lastro a lastro, entre o 24 e o 29 de xuño.
O que historicamente foi arrabalde, fóra dos límites da muralla, fervedoiro de comerciantes, de pan e de coiro, foi tamén a porta de entrada para quen seguía o Camiño Francés para chegar á Catedral. Nas décadas dos 60 aos 80, acolleu tamén a moitas das familias que deixaban o agro para viren á cidade. Hoxe en día, o Barrio de San Pedro segue a ter ese carácter íntimo e cálido que fai del unha aldea agarimosa, e, ao tempo, porta aberta á diversidade. Persoas de todas as idades, procedencias, gustos e cores conviven neste microcosmos dinámico e participativo.
Programa
As festas comezan o martes 24 coa interpretación a cargo do grupo teatral da Xuntanza d'O florido pensil, de Andrés Sopeña Monsalve, sobre a educación no franquismo. Será nos arcos do Parque de Bonaval, ás 20.30.
Xa o mércores 25 ás 12.00 terá lugar unha cata de viños con Vitor Rodríguez no Hotel Restaurante de Bonaval (cómpre inscribirse no 981575147), e ás 22.00, Detour actúan no campiño da Igrexa de San Pedro.
O xoves 26 chega a Foliada churrascada no Camiño, onde a música tradicional fará que baile toda a mocidade; será ás 22.00, amenizada polas Cantareiras de Pontecaldelas, os Carunchos e Vai de Baile.
O venres a mesma praza acolle a Noite do Lastro, concerto para a mocidade con grupos emerxentes de música. Actuarán Labazada, Melech Mechaya e O Sonoro Maxín. Antes, ás 20.00, no auditorio do Museo do Pobo soarán as mellores voces da cidade, no V Encontro de Corais. Á mesma hora, comeza a troula na rúa cos pasacalles e cabezudos, e ás 21.00, as trapecistas de Duelirium desafiarán a gravidade e ao medo no Cruceiro de San Pedro.
Chega a fin de semana, e con ela, os días grandes da festa: o sábado ás 11.00, a Rúa de San Pedro péchase ao tráfico e ábrese á xente, na Feira do Barrio, que reúne outra volta artesanía, alimentación, o traballo das asociacións, charangas e malabares. Ás 12.30, o pasacalles e o baile tradicional de Brincadeira amenizan a mañá, e unha hora despois comeza a sesión vermouth no Cruceiro de San Pedro coa orquestra Delirio, que tamén se encargará de animar a noite. A tarde é para a xente miúda: ás 17.00, os cativos e cativas (entre 9 e 13 anos) que o desexen poderán espertar a súa creatividade nun obradoiro de barro na Rúa de San Pedro. Ás 18.30 poderemos gozar da música medieval grazas a Resonet, Paulina Ceremuzynska e Zofia Dowgiallo (no auditorio do Museo do Pobo) e ás 20:00, o Espazo Brasil, na porta do Camiño, permitiranos viaxar a ese país sudamericano. Ás 22.00 estaremos un chisco máis preto das estrelas, coa actividade 'Astronomía na beirarrúa'.
E o domingo, fin de festa, como non podía ser doutro xeito, con pasacalles e cabezudos ás 11.00, a Banda Municipal ás 12.00 no parque de Belvís, o grupo de baile da Xuntanza e a Escola de Pandeireta de Brincadeira na praciña de San Pedro, e, xa ás 13.30, a tradicional romaría no parque de Belvís, coa música dos Estalotes, xogos tradicionais, inchables e moita comida e diversión.
Unhas festas, como o propio barrio, diverso e distinto, para todas e todos.
No ámbito do festival Oceanus, Luar na Lubre actuará no próximo sábado 28 de xuño no entorno da Torre de Hércules, a partir das 22h30, presentando o último disco "Camiños da fin da terra".
A Coruña
28 Xuño 2008, sábado
22h30
Torre de Hércules
Entrada de balde
El diario El Progreso reúne a Carlos Núñez, La Fura dels Baus e Chieftains nun espectáculo gratuito para celebrar o seu centenario.
El diario El Progreso logra reunir nun mesmo escenario, por primeira vez, á escenografía post-moderna da Fura dels Baus e a dous dos máximos expoñentes da música folc internacional, Carlos Núñez e The Chieftains,
Ediciós do Cumio ven de editar o disco IV Concurso de Gaiteiros Manuel Villanueva.
Foi producido por Oscar Ibáñez, da Asociación Cultural Pai da Cana, e promovido polo Concello de Poio coa colaboración da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.
Recolle a intervención musical dos conxuntos:
- Os Tres Retellos (Alberto Coya, Roi Adrio e Alberto Costas),
- José M. López Trío (José M. López, Jordi Castaño e Ricardo Tubío),
- Os Miluchos (Brais Monxardín, Miguel A. López e Pablo Pardo),
- Tentenoaire (Pablo Devigo, Marcos Pérez e Miguel Fraguas),
- Os Trasnos da Gaita (Fátima Bartolomé, Luís Bartolomé e Juan Bartolomé)
- Media Levas (Pablo Seoane, Diego Rosende e Manuel del Rey).
A revista Etno-folk no seu nº 11 fai un repaso ao que foi o Encontro de Gaiteiros ?Manuel Villanueva?, gaitas de fol do noroeste.
Coordinada por Oscar Ibañez da Asociación Cultural Pai da Cana, ten o seguinte sumario:
-Encontro de Gaiteiros "Manuel Villanueva", gaitas de fol do noroeste,
por Oscar Ibáñez García
I Encontro de Gaiteiros... 2006:
-Gaitas e gaitas de fol galegas con cantores de tipo clarinete, por Pablo Carpintero
-La gaita y el oficio de gaitero en Asturias, por Juan Alfonso Fernández García
-La gaita de fole en Zamora. Zonificación, estilos y repertorio, por Alberto Jambrina Leal
-A gaita de foles na Terra de Miranda, por Mário Correia
II Encontro de Gaiteiros... 2007:
-A entoación da gaita, pasado e futuro, por Carlos Real, Manuel Fernández e Oscar Ibáñez
-La gaita asturiana, características y evolución, por Juan Alfonso Fernández García
-La gaita cántabra. Estudio etnomusicológico en el occidente de Cantabria, por Roberto Diego
-La gaita en el oeste de la provincia de León, por Rafael Busto Ferrero
A Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes convoca o VI Premio de Maquetas de Música Universidade de Vigo de acordo coas seguintes bases:
1. Poderán presentarse a este concurso aqueles solistas que sexan membros da Comunidade Universitaria da U. de Vigo ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñentes alomenos dous membros da Comunidade Universitaria da U. de Vigo. Non poderán tomar parte neste concurso os que teñan editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade.
2. Haberá 3 modalidades a concurso: folk, jazz, e pop/rock.
3. As maquetas deberanse entregar en soporte CD, con calidade aceptable, e contarán cun mínimo de tres temas orixinais da modalidade pola que optan.
4. Os temas incluidos na maqueta non poden ter sido premiados en ningún outro concurso.
5. Cada maqueta levará un título e modalidade á que opta, ademais, irá acompañada dun sobre co mesmo título, duración e modalidade no exterior e co nome do grupo, os datos de cada un dos seus membros: nome completo, DNI, enderezo, teléfono e acreditación de membros da Comunidade Universitaria da Universidade de Vigo no interior.
6. Haberá un premio dotado con 1.200 euros para cada modalidade. A estas cantidades aplicaránselles as retencións legalmente establecidas.
7. O xurado será designado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e estará composto por membros da Comunidade Universitaria e persoas vinculadas á materia obxecto de concurso.
8. O fallo do xurado publicitarase adecuadamente e a entrega de premios terá lugar no presente ano 2008, podendo quedar deserto o premio en algunha ou en todas as modalidades.
9. A Universidade de Vigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas dos gañadores en cada modalidade e tamén promover actuacións destes nos tres campus.
O prazo de presentación de traballos remata o 27 de Xuño de 2008.
Os traballos non premiados poderán ser retirados ata o 31 de Decembro de 2008 na Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. Aqueles que non fosen recollidos neste prazo quedarán á disposición da Universidade de Vigo e non haberá posibilidade de reclamación.
A participación na presente convocatoria supón a aceptación destas bases, que poderán ser interpretadas polo xurado e a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes naqueles aspectos non previstos nas mesmas.
A Deputación da Coruña convocou este mes un concurso de rock co obxectivo de promocionar aos grupos musicais da provincia que teñan polo menos un traballo discográfico editado, e que poderán optar a un primeiro premio de 3.000 euros.
As bandas, que deberán ter polo menos dos seus compoñentes empadroados na provincia, poderán inscribirse ata o 1 de xullo mediante o formulario dispoñible na páxina web da Deputación, ou nas oficinas da institución.
Xunto á lista de componenetes e instrumentos, os grupos deben presentar unha pequena biografía, dossier fotográfico e o CD ou traballo discográfico, que deberá ter un mínimo de catro temas orixinais compostos pola banda.
Actuación en directo en Muros
Ademais, deberán indicar as súas necesidades técnicas e de montaxe por se, no caso de ser seleccionados, participan na actuación en directo dos finalistas que terá lugar en Muros durante o mes de agosto.
A preselección consistirá nunha audición dos traballos discográficos presentados por unha comisión de cinco expertos, que escollerán aos cinco grupos que actuarán na fase final.
Para este concerto, no que cada grupo disporá dun tempo máximo de 30 minutos de actuación, a organización facilitará aos participantes o equipo de son, a iluminación e o escenario. Para sufragar os gastos de desprazamento, cada finalista recibirá 300 euros.
Premio para os cinco finalistas
O fallo definitivo do xurado está previsto para o terceiro trimestre do ano. O grupo gañador obterá un premio de 3.000 euros, o segundo e terceiro clasificado 1.500 e o cuarto e quinto clasificado 1.000 euros.
O xurado do I Concurso de Rock 'Deputación dá Coruña' estará presidido polo presidente da institución provincial, Salvador Fernández moreda, e formarán parte do mesmo a deputada responsable de cultura e tres persoas máis vinculadas ao ámbito musical.
O Conservatorio Superior de Música de Vigo organiza o III CURSO DE GAITA, que se levará a cabo durante os días 1, 2 e 3 de Xullo no Auditorio Martín Codax (Monte do Castro - Vigo). Pablo Carpintero será o encargado de impartir dito curso, que, durante tres días, fará un repaso pola historia da gaita, morfoloxía, dixitación, repertorio... intercalando tanto actividades teóricas, como prácticas e de demostración.
A duración total do curso é de 18 horas e a inscrición ten un prezo de 50 euros por alumno/a.
XI MEMORIAL MANUEL TEXO.
Concurso de grupos tradicionais.
Este ano o CONCURSO DE GRUPOS TRADICIONAIS MEMORIAL MANUEL TEXO de Vedra será o domingo 20 de Xullo, na casa da cultura de Sta. Cruz de Ribadulla, Vedra, ás 18:00h.
Os premios deste ano son:
1.- 1.100?
2.- 500?
3.- 300?
A data tope para poder mandar as maquetas é o Xoves 26 de Xuño.
Delegación que vai representar a Galicia no 38º Festival Interceltique de Lorient, do 1 ata o 10 de agosto, adicado ao País de Gales:
-Banda de Gaitas Xarabal
-Grupo de Danzas Cántigas e Agarimos
-Leilía
-Mutenrohi
-Quempallou
-Linho do Cuco, no TROPHEE DE MUSIQUE CELTIQUE "« CIDRERIE DU TERROIR"
-Carlos Quintá»(sen reborar), no TROPHEE INTERCELTIQUE D'ACCORDEON DIATONIQUE
Os Gaiteiros:
Alberto Coya, PabloDalama, Pablo Devigo e Pedro Alvarez, no TROPHEE SOLISTES DE GAITA "Mc CRIMMON"
Artesans:
-Obradoiro de Gaitas Seivane
-J.J.Presedo: Controlador MIDI con dixitación de Gaita
O gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras comezaron a súa andaina como dúo cun traballo discográfico chamado Unión das terras, co que foron actuando por diversos festivais e locais de toda Galiza.
Ao seren os gañadores do concurso Runas para grupos noveis, celebrado no festival de Ortigueira, tiveron a posibilidade de actuar no escenario principal dese evento e alí decidiron contar con convidados para que o palco non se fixese demasiado grande só para dous músicos. Ese foi o xermolo para a nova aventura musical que encetan os músicos co Bellón-Maceiras Quinteto, que realizará unha das súas primeiras actuacións no escenario do Pub Dublín coruñés este mércores ás dez e media da noite, con entrada de balde para os interesados en escoitalos. www.laopinioncoruna.es
Un crisol de sons atlánticos vistos coa luminosidade de Lisboa. ?Eterno navegar? é o sétimo traballo de Uxía, no que busca en Portugal, Brasil, Senegal ou Cabo Verde a fusión de identidades que percibe en Galicia. Quere sorprender fusionando tradición e modernidade, mornas e jazz, alalás e serruchos. O mellor é que todo soa a Uxía
Uxía percibe na música galega ganas de romper tópicos. Por iso nos atrevemos co pop, o funky oy o hip hop
Uxía fala igual que se move o mar, abalándose primeiro na conversa e batendo de súpeto cun golpe repentino. Sorpréndenos falando de amizades, das novas sonoridades que anda a procurar e que cre ter atopado neste novo disco, Eterno navegar, no que o mar, a luz e o Atlántico converxen de xeito natural e espontáneo.
A cantante de Mos leva un tempo pescuando, indagando no lazo que entronca Galicia coa comunidade lusófona, con Cabo Verde, Senegal, Brasil e, por suposto, a Portugal coa que mantén un lazo persoal profundo. O seu novo traballo vai un pasiño alén de Cantos na Maré, unha sorte de compendio de colaboracións nas que abría a súa voz a outros pálpitos, como lembra nesta entrevista con LECER que, paseniñamente, se foi convertendo en conversa informal ó redor dunha curiosa e misteriosa beberaxe que Uxía inxire entre risas.
Coa ollada un tanto perdida despois de varias rondas de entrevistas promocionais na Coruña, semella cansa de rumiar os mesmos argumentos, coa preguiza de quen fala de algo íntimo dun xeito case funcionarial. Pero o disco resulta calquera cousa menos aburrido. Por el circulan nomes como Quim Fariña, Sara Tavres, Manecas Costas ou Puliño VIascón, transitando entre a modernidade e a tradición, como nesa versión de Unha noite na eira do trigo. E sona a Uxía.
¿Como nace Eterno navegar?
Durante estes anos quixen empaparme de toda esa música e incluso visitar fisicamente eses lugares para crear unha nova sonoridade para o meu traballo que tivese que ver cunha nova mestura. En canto ó contido e ás letras ten que ver con isto, coa navegación, a travesía, coa vontade de ir alén do noso propio territorio.
O mar é unha das metáforas presentes no disco. ¿Que simboliza para nós?
É algo que nos trouxo tanta vida, cultura, riqueza, diversidade. Unha noite na eira do trigo simboliza tamén toda a epopea galega da emigración. O mar é un lugar de encontro e a nós sérvenos para crear unha certa identidade atlántica, así como se fala da cultura mediterránea aquí fáltanos un pouco saber que significa a identidade atlántica e afianzar eses lazos. Levo tempo con esa teima e este disco materializou un pouco máis esa historia, ademais de mostrar outras voces, que xa fixen noutros proxectos como Cantos na Maré. Parto da miña traxectoria para ir cara a ese mundo dun xeito diferente a outros discos. Non é un disco menos galego que os outros, ó contrario, quizais se reforce a nosa identidade con todas esas achegas. De súpeto nun tema portugués aparece unha zanfona ou sonoridades africanas con total normalidade.
¿E a nivel persoal que supoñen eses lazos que conflúen nos portos?
Para min significa outra visión da música que eu fun coñecendo. Ampliou os meus horizontes e recalar nos portos o que me deu foron moitas amizades, tanto en Lisboa como aquí.
¿E nese proceso non coidas que a cultura galega semella ás veces demasiado pechada en si mesma?
Cando te ves fóra é cando mellor te recoñeces, como que a túa identidade se reforza máis. Ese trazo do que falas de que ten que se conservar aquí a cultura de xeito moi puro... Eu creo no contrario. Sempre nos mesturamos, desde que os galegos foron a Salvador de Baía e se contaxiaron dos sons africanos. Nunca houbo músicas xenuínas, hai trazos autóctonos, pero a identidade vaise construíndo ó longo do tempo. Nunca será o mesmo dentro de 10 anos cando a inmigración nos contaxie doutros ritmos, por iso agora de súpeto na música galega hai, ou houbo hai un tempo, unha vontade balcánica. As linguas tamén se contaminan. A vida é así.
Nese proceso de mestura cobran especial importancia as colaboracións, que se complementan entre elas, como a de Paulo Borges...
Paulo é fundamental. Chegou ó proxecto cando eu buscaba unha nova sonoridade e como naceu nos estratéxicos Azores ten un sentido moi peculiar da estética musical, provén do jazz, da clásica, do pop. Mestura moito esas linguaxes e sobre todo ten unha sensibilidade extraordinaria. Sentinme cómoda porque precisaba unha sorte de cómplice. Partimos da harmonía que creaba Paulo co piano ou coa guitarra e despois eu creaba as melodías, e logo os textos. Como foi composto entre os dous no verán posúe ese solpor do verán...
O que máis me chama a atención de Lisboa é a luz e o disco transmite esa luminosidade máis melancólica que calorosa...
Si, ten un chisco diso porque é unha identidade moi lisboeta, por iso lle chamaban a Cidade Branca. E o resto de colaboracións veñen de África pero a través de Lisboa, ademais o disco foi gravado en Sintra, e todo iso inflúe moito.
Tes unha gran relación con Portugal, pero ás veces dá a sensación de que estamos demasiado lonxe deles. ¿Palpas a raia cada vez máis ancha?
Eu nacín no sur e hai máis coñecemento mutuo que no norte, a pesar dese amor?odio que existe nas fronteiras.
¿Por que ese descoñecemento?
Non o sei, porque quen descobre Portugal séntese fascinado e comprende perfectamente esa identidade común. Pero para iso hai que ter vontade de aproximarse e a xente ten máis vontade de ir a Madrid que de ir a Lisboa. Aínda así, creo que cada vez se está rachando máis iso.
Tamén se emprega o galego cada vez máis. ¿Ves unha nova onda?
Si, pero o que vexo é moita diversidade e certa normalización da música cantada en galego, xa sexa pop, funky, hip hop, blues... Estamos completando todo o abano, aínda que non todo é marabilloso. Hai xente con ganas de saír do estereotipo. Houbo un momento de tanta presenza de gaitas e pandeiretas que se produciu certa saturación.
A música galega é moito máis que gaitas...
Moito máis.
O Alalá do luns 26 de xuño vai facer unha viaxe no tempo da mellor forma posible: indo de romaría a Vilanova dos Infantes. Alí os veciños ceden os baixos das súas casas para que se instalen artesáns que veñen de toda Galicia amosar o seu saber tradicional. Así que se queredes aprender oficios, bailar, cantar ou comer como facían os nosos avós este é o lugar; o único requisito é ir con ganas de divertirse e de aprender un pouco máis sobre nós mesmos.
A Romaría Raigame só se celebra unha vez ao ano; o 17 de Maio, Día das Letras Galegas. Detrás deste mundo de músicos e artesáns está o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo de Ourense. Deles partiu a idea e a materialización, porque levan máis de 30 anos a recoller e espallar todo o saber da nosa cultura popular con publicacións como a prestixiosa revista etnográfica Raigame, pero tamén difunden a través de obradoiros e clases de pandeireta ou baile, actividades onde os que destacan pasan a formar parte do prestixioso grupo Castro Floxo. Así que neste programa témolo todo: os artesáns, a romaría e os amigos de Castro Floxo, un luxo.