Nada en Ourense en 1980, a gaiteira e pianista Cristina Pato reside desde 2004 en Nova York, onde se marchou para facer o doutoramento en piano. Actualmente é profesora adxunta de interpretación operística na New Xersei City University.
Cristina Pato presentou onte en Santiago o seu novo disco, "The Galician Connection", o primeiro en solitario desde 2001, un traballo discográfico gravado entre Nova York, Madrid, Galicia e Lisboa que a gaiteira e pianista ourensá sitúa a medio camiño entre a súa formación académica clásica e a súa gran paixón, a música galega. Segundo a artista, este disco é o seu traballo máis "íntimo e persoal", no que se reencontrou con outros músicos como Rosa Cedrón, Víctor Prieto Trío, Patrice Jegou, Javier Cedrón e o seu cuarteto de corda e Carlos Beceiro.
-Como definiría "The Galician Connection"?
Para min é o primeiro disco dunha nova etapa. Neste tempo conseguín atopar a miña propia linguaxe, que está entre a miña carreira académica clásica e o folk.
-E resultaron ser absolutamente compatibles?
A miña gran alegría non é só poder romper as fronteiras entre a miña faceta de pianista e a de gaiteira, senón que conseguín sumar as miñas preferencias musicais, como o pop, o jazz, a música clásica contemporánea... e crear con todo isto unha linguaxe persoal.
-E neste disco tamén se pode escoitar á Cristina Pato pianista?
Dos doce temas, en cinco toco o piano. Creo que é o meu traballo máis sincero e persoal porque mostra todas as partes de min, coas miñas imperfeccións.
-É entón o seu traballo máis íntimo?
E máis introspectivo e menos comercial, no que tentei atoparme a min mesma.
-Cando decide iniciar esa procura persoal?
Con 24 anos deime conta de que daba 40 ó 50 concertos ao ano e que esta fórmula máis ou menos funcionábame, pero que non estaba a crecer artisticamente. Tiña unha imaxe de funcionaria de min mesma e quería atopar o que quería dicir. Levoume nove anos, pero creo que no meu caso mereceu a pena.
-Tiña medo de estancarse?
Dábame pánico. A miña natureza é así: todo ou nada, e estábame dando conta de que me vía así toda a vida, así que me decidín a dar o paso e aproveitar unha bolsa para facer o doutoramento de piano en Nova York.
-Un cambio así, tan radical, non lle asustou?
Foi arriscado, pero o risco no fondo é o que me anima a seguir traballando. Elixín irme nun bo momento profesional e era moi consciente do que facía, e recoñezo que como non tiña ningún tipo de expectativa, Nova York foi toda unha sorpresa para min, aínda que o primeiro ano foi complicado. É chocante pasar dun lugar onde todo o mundo coñéceche a outro onde non es ninguén. Pero esa sensación do novo é o que necesitaba nese momento. Logo empecei a traballar con músicos como Yo Yo Ma e Osvaldo Golijov, a tocar con Silk Road Ensemble... E empecei a darme conta de que a música clásica e a tradicional eran dous mundos que podía unir; "The Galician Connection" é o primeiro experimento.
-E canto hai de Nova York en "The Galician Connection"?
Moitas cousas. En Nova York todo o mundo está para crecer e isto obrigoume a volver empezar de cero, pero o que máis influíu neste disco é unha cuestión de idade. Non é o mesmo ter 18 que 29 anos, nin ti nin a túa experiencia son as mesmas.
-Ademais prodúceo...
Despois de once anos como gaiteira solista aprendes moito, pero producir o disco fíxome sentirme máis libre e ademais permitiume controlar todo o proceso. Todo pasou por min...
-O próximo mes márchase a India. Cando volverá a Galicia para actuar?
Márchome o 3 de marzo para actuar en Nova Deli, Calcuta e Patna como gaiteira convidada do Hum Ensemble que dirixe o mestre da táboa Sandeep Dás. A xira por Galicia será entre xuño e xullo, e en agosto teño concertos en Estados Unidos.
Dun cuarteto de pasarúas a unha orquestina ou murga. Así evolucionou o grupo Linho do Cuco, nado en A Estrada, que a piques está de sacar á luz novo traballo. Para o 13 de marzo está confirmada a súa actuación no Salón Teatro lalinense, dentro da programación «Feito en Lalín», a partires das 21.30 horas.
-¿Axiña sairá «Linho III»?
-Estamos facendo o posible para que esté na rúa pronto. Acabado xa está. Faltan as últimas voltas normais que se lle adica a calquera traballo.
-¿Que contén esta terceira publicación?
-Bueno realmente é o segundo traballo de Linho do Cuco aínda que lle puxemos terceiro. O segundo xa estaba, había temas gravados pero finalmente decidimos que non sairá, e aquí chega «Linho III» que son temas populares absolutamente bailables. É máis, o 95% son temas tradicionais -que interpretan grupos coma Os Dezas de Moneixas ou outras formacións de Galicia- aos que nós lles demos o noso xiro. Realizamos unha interpretación de ditos temas baixo o noso concepto, que non ten que ser mellor ou peor que o que fan eles.
-Falamos de temas moi coñecidos...
-Trátase dun repertorio de temas moi coñecidos e moi bailables. Estamos facendo o posible para que se poidan escoitar o vindeiro 13 de marzo no Salón Teatro de Lalín. A intención é abrir aquí a xira de presentación do disco para continuar logo por A Estrada e por Santiago onde temos a intención de darllo a coñecer ao público. Espero que se encha o Salón Teatro. Con todos os que nos coñecen por aquí, malo será...
-¿Cando comezaron a artellar este disco?
-Primeiro fixemos unha escollida de temas e o pasado 5 de decembro foi cando comezamos a gravar nun estudo en Pontecaldelas. Non foi doado dende o momento en que tiñamos que poñernos de acordo nove persoas, chegar con todo ben ensaiado e coas cousas claras. Pero fíxose e debemos de salientar as excelentes colaboracións coas que contamos neste traballo. Dous deles, Pedro Pascual e Óscar Fernández, foron mestres meus no finado Conservatorio de Música Folque de Lalín. Nun dos temas colabora Iván, que toca flamenco como quere e Celso se prestou a recrear o son de foguetes de seis estalos. Xente que admiramos e respetamos moito colaborou con nós en «Linho III».
-Pouca xente tocaba o acordeón diatónico cando se iniciou...
-Certo. Hoxe xente moi nova toca o acordeón diatónico e a zanfona. A música popular segue sendo a esencia dun país e xa se pode vivir profesionalmente dela.
Descarga de balde o disco "Oito destinos" de Guezos
Este traballo de Guezos, foi gravado nos Estudios Mu! de Vigo coa producción de Pedro Feijoó na Primavera de 2009. Cada unha das oito cancións que compoñen o disco é unha viaxe musical distinta. Coñecemos o punto de partida pero nunca o de chegada, que será sempre unha sorpresa sonora.
Oito destinos tamén é o traballo de oito persoas altamente implicadas durante máis dun ano de composición, ensaio e gravación.
A Orquestra Sondeseu, na que fan prácticas profesionais alumnos e alumnas da e-Trad, vai participar, xunto aos mellores artistas galegos, na edición de "Cantigas do Camiño", un proxecto discográfico que se vai facer moi popular este ano. Sondeseu participa con "Amencer no camiño", unha revisión da tradicional alborada de Pontecaldelas que ven de ser gravada no auditorio Martín Códax, no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
A finais de Febreiro, Sondeseu gravará no mesmo auditorio o seu novo traballo, "Barlovento".
O cantor Magín Blanco, acaba de publicar un libro disco adicado ao público infantil publicado por OQO editora, producido na parte musical por Uxía e ilustrado por Iván Prieto, colaboraron Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila, e tamén João Afonso, nas letras. E que contou coa voz dalgúns nenos e nenas da AFI, Aula Folque Infantil de Pontevedra.
Como traballo conceptual, ?A nena e o grilo? sitúase a medio camiño entre o pop e a música de autor, de feito, as armonías vocais son o recurso musical máis empregado. ?Interesábanos transmitir o feito de cantar como xogo, divertimento e forma de comunicación, máis que outra cousa?, resume Magín Blanco.
Agora, o resultado dese traballo de equipo será presentado en directo, nun espectáculo familiar no que Magín (guitarra, voz) estará acompañado por Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Tannus (cavaquinho, guitarra, percusión, baixo e voz), Sergio Sales (teclado) e Charo Pita (voz e narración). A parte falada adquire unha vital importancia, xa que nos relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo, que descobre dimensións determinantes da existencia e abre horizontes positivos e ilusionantes. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosará a parte gráfica realizada por Iván Prieto. Estamos ante unha obra ambiciosa, cosmopolita, que invita a ter fe nos demais, a través dunhas cancións que reparten aloumiños a eito e amosan un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades, sen excluir ao público adulto.
Chegan os Audicontos, unha colección atemporal e magnificamente adaptada que dá fe de que hai textos que non caducan. Todos os volumes conteñen un CD cun relato e dúas cancións e son unha mostra de como se ten que narrar un conto. Ata os irmáns Grimm se sorprenderían
Para os que nos criamos na aldea os animais sempre formaron parte do noso universo. Moitos recordamos cun sorriso algún compañeiro canino que nos acompañaba a todas as partes, outros lembran o tornar das vacas no verán ou o apañar miñocas levantando pedras, case todos nós tivemos algunha experiencia dese tipo. Hoxe as cousas son ben distintas e hai cativos que nin coñecen, nin saben como é que fan estes compañeiros entrañables. Tamén hai outros que ignoran os contos clásicos, eses relatos universais que todos imaxinamos algunha vez.
Galaxia recorre á tradición e bota man da vangarda para pór un pouco de orde ao respecto. Faino adaptando maxistralmente catro volumes fantásticos O galo Quirico, Branca de Neve e os sete ananos, Os catro amigos e Os sete cabuxos os tres últimos beben da tradición ideada polo enxeño dos irmáns Grimm. Estes contos son os catro primeiros títulos escollidos por Editorial Galaxia para presentar a colección Audicontos, que xa a podedes atopar nas librerías de toda Galicia.
Os Audiocontos son unha fermosa proposta que conxuga a literatura de sempre cunhas versións dramatizadas, en CD, a cargo dos actores de dobraxe e músicos Teresa Santamaría e Paco Barreiro baixo a dirección de Tero Rodríguez.
Estes primeiros Audiocontos permitirán, sen dúbida, achegarlles as historias que coñecemos de toda a vida doutra maneira aos máis pequechos da casa. Non se trata de simples narracións, senón dunha proposta artística diferente e ao mesmo tempo complementaria ao libro. Os efectos de son, as músicas escollidas e a interpretación fai destes audiocontos un produto novidoso en galego e de seguro que terá unha boa acollida. Ademais, os CD ábrense e péchanse cunhas animadas cancións que serven de pórtico e epílogo perfecto a unha das cousas máis marabillosas que hai: que alguén nos conte un conto. Únese a isto a magnífica adaptación que cada volume presenta, pois non é o mesmo situar a acción na Alemaña natal dos Grimm que propor que os nosos protagonistas camiñen pola nosas fragas entre silvas e toxos ou teñan o cabelo da cor do acibeche de Compostela. Esta característica é unha dos factores máis salientables dos relatos xunto coa riqueza léxica e a oralidade empregada e un xogo de voces único que gozaremos especialmente co burro d?Os catro amigos.
O galo Quirico preséntanos un repoludo rei do galiñeiro que intenta chegar á voda do tío Perico pero antes traga enteiro un vermiño polo que moitos amigos preguntan. Trátase dunha historia fermosa sobre a amizade coa estrutura repetitiva propia da tradición oral que nos achega con trazos cómicos as tráxicas consecuencias dun mal comportamento. Adaptado con moita sabedoría por Xavier Senín, presenta unhas preciosas ilustracións a toda cor realizadas por Noemí López.
Os catro amigos narra a unión de catro animais distintos, un burro, un can, un gato e un galo que comparten a desgraza de ir vellos para os seus amos. Un conto de superación ante a adversidade que demostra que cando todos imos no mesmo sentido as cousas resultan moito máis doadas. Con esta historia moitos rirán a cachón, pois as voces dos dobradores acertan de cheo ao transmitirnos xenialmente como se expresa cada un (confíen na miña palabra, son unhas risas o si oh do burro, o miañar do gato, o ouvear do can ou o cacarexo do galo). Adaptado por Xesús Carballo Soliño e ilustrado por
Kristina Sabaite.
Branca de Neve e os sete ananos introduce neste clásico un punto de vangarda contra o final que só poderedes apreciar se vos mergullades nesa historia xa mítica do espello e dunha malvada madrastra que manda asasinar unha inocente e feituca princesiña. Haberá tamén ananos e un príncipe lanzal que aparecerá para salvar; ou non, a princesa co cabelo de cor acibeche de Compostela. Unha sorte de xoia ben contada e adaptada con mestría por Ánxela Gracián que achega as ilustracións de Ánxeles Ferrer.
E por último, Os sete cabuxos conta o perigoso que é abrilles a porta a descoñecidos. Os sete cabuxiños son un pouco previsores, pero o lobo con quen tratan resultou ser todo un sedutor que engana a seis dos sete. A vinganza dunha nai cabuxa grazas á información do pequeno cabuxiño servirá para salvar os pequenos confiados. Unha oportunidade única de escoitar a marabillosa voz do feroz despois de engulir unha ducia de ovos neste relato dos Grimm que é un tesouro adaptado por Xesús Carballo Soliño e polas ilustracións de Federico Fernández.
Despois dos Audicontos os teus contos non volverán ser o mesmo e os pais terán un referente para saber como se deben contar.
"Ao vivo" do grupo coruñés é recoñecido como mellor álbum de folk
O grupo coruñés Luar na Lubre fíxose onte co premio ao mellor álbum de música tradicional coa súa obra Ao vivo dos XIV Premios da Música.O traballo galardoado é o primeiro en directo de Luar na Lubre e consta dun dobre CD e DVD que recolle temas gravados durante os seus concertos de xaneiro do ano pasado no Teatro Colón da Coruña para conmemorar os seus máis de 20 anos de historia facendo música.
Pola súa banda, Carlos Bau obtivo o galardón á mellor canción en galego por Nada, categoría na que gañou a Juan Carlos Fernández Fasero e Eva Carreras, que competían con A nosa Estrela, e Guadi Galego, Pedro Pascual e Rosa Bugallo, con Madama. Ademais, o compositor Roque Baños foi recoñecido pola banda sonora da película gañadora dos premios Goya Cela 211, da produtora galega Vaca Films.
Non hai nada mellor que estar un domingo frío de Entroido co ceo azul e despexado nas montañas de Vilariño de Conso sentindo retumbar en todo o corpo o son ancestral dos bombos dos folións, como comproba hoxe o equipo do programa. Así se poden describir algunhas das sensacións que transmite este Entroido, pouco coñecido, a pesar de estar moi preto de Xinzo, Laza e Verín e de ser un dos máis antigos de Galicia e realmente vistoso.
Os folións son grupos moi numerosos de veciños de todas as idades que tocan uns enormes tambores de Entroido, gadañas e sachos seguindo un ritmo diferente segundo a parroquia. Acompañándoos van os boteiros, as máscaras propias deste Entroido, cheas de cor e que bailan e saltan ao son dos bombos.
O domingo xúntanse en Vilariño os folións de varias parroquias, pero durante o resto dos días de Entroido unhas aldeas visitan ás outras co seu folión, merendan xuntos, dedícanse coplas e os máis novos corren a ladeira. Porque se algo caracteriza este Entroido, ademais dos bombos e dos boteiros, é o sentimento de unión entre os veciños e a maneira en que participan e gozan todos, desde o neno máis pequeno ata o máis vello da aldea.
Segunda feira 15(luns)
? The Turre´s Band no Doble Moral (Lugo)
? Tonhito de Poi e Rasa Loba na Sala The Star Carral)
? Foliada no Forum Metropolitano (A Coruña) as 20:00
Terza feira 16 (Martes)
Corta feira 17 (Mércores)
Quinta feira 18 (Xoves)
? Presentación de "Instrumentos musicais na tradición galega" ás 20:00 no salón de actos da Deputación de Lugo
? Noise Project na Sala Mondo (Vigo)
Sexta feira 19 (Venres)
? Conferencia de Antón Corral e Carlos Corral ás 19:00 no auditorio da E-trad (Vigo)
? Presentación do Libro-Disco TIC-TAC de Pablo Díaz ás 18:00 no Fnac da Coruña
? Noise Project na Sama Sama (Vilagarcia de Arousa)
? Quempallou no C.S. Aturuxo (Boiro)
Sábado 20
? Bruma no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa ás 21:00
? Os Cangrexeiros no C.S. Aturuxo (Boiro)
? Skacha na Tiradoura (Cangas do Morrazo)
? Invivo en Ferrol
? Bock-Oi na Revolta (Vigo)
? Capitan Furilo no Liceum (O Porriño)
Unha obra de Pablo Carpintero cataloga por primeira vez os bens musicais galegos, moitos desaparecidos nas últimas décadas polo despoboamento do rural.
Un neno de hai corenta anos era quen de construir, e tocar, vinte ou trinta instrumentos musicais diferentes. O carrizo, o fungueiro, o reque-reque ou o roncollo eran algúns deles, os máis sinxelos, que máis que instrumentos foron xoguetes para cativos e mozos. Eran baratos e doados de fabricar, porque estaban na propia natureza: cascas de noz, talos de millo verde ou codia de castiñeiro servían para xogar a facer música nos momentos de lecer. Pero os dos nenos son só unha parte, nada desprezable, dos máis de 140 instrumentos que durante o século XX se construíron e tocaron en Galicia. A meirande parte deles desapareceron nas últimas dúas décadas, pero un longo traballo de investigación de Pablo Carpintero (Carballedo, Lugo), luthier, afeccionado e estudoso da música tradicional galega, vén de rescatalos do esquecemento. Os instrumentos musicais na tradición galega (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2009) documenta e describe os instrumentos galegos do século XX a través da memoria dos que os tocaron e construíron. Foron dezaseis anos de traballo de campo nos que este profesor de Bioquímica da Universidade de Santiago e agora doutorando en Historia da Arte percorreu, ademais da Galicia administrativa, as áreas de lingua e cultura galegas de Navia, O Bierzo, As Portelas de Zamora e San Martín de Trebello (Val do Xálima, Cáceres), onde segue viva a fala, froito das repoboacións da Reconquista. Achou un total de 144 instrumentos distintos. "E seguro que hai máis, só é cuestión de seguir buscando", asegura Carpintero.
Roscas, pipas de centeo, gaitas con vincha, charrascos e mirlitóns desapareceron conforme as aldeas foron quedando baleiras. O despoboamento do rural, acelerado nas últimas décadas, impuxo un cambio de hábitat letal para a creación de instrumentos tradicionais. Cambiaron as formas de ocio, e con elas o costume de crear música con obxectos cotiáns. Divertirse era unha das finalidades, pero tamén aprender. Entre os 300 instrumentos que Pablo Carpintero atesoura na súa casa en Santiago -cos que lle gustaría, di, "facer no futuro un pequeno museo"- abondan as pipas de alcacén ou as gaitas de sabugueiro, chanzos intermedios cara a aprendizaxe da gaita de fol, o instrumento de maior estatus na tradición musical galega. Carpintero identificou os marcadores encubertos que explican as diferentes consideracións dos útiles empregados para facer música. "Non é igual que se toque nunha foliada ou de xeito privado, como pasatempo ou adestramento, tampouco que o toque unha muller ou un home, un adulto ou un neno, unha nena ou un neno", afirma o autor, que dedicou os últimos 16 anos a falar con cantadoras, afeccionados e gaiteiros de toda Galicia. Nesas conversas saíron a relucir as categorías inconscientes, nunca verbalizadas, relativas á filiación sexual e social dos instrumentos. "A maior parte dos útiles construídos para facer melodía están asociados aos homes, adultos ou nenos, como tamén o están aqueles que os acompañan ritmicamente", explica Carpintero. Así, instrumentos como o tambor ou o bombo -unha parte nada desprezable dos vintedous membranófonos rexistrados na obra- son territorio masculino, como tamén o son os que acompañan o gaiteiro nas grandes celebracións. A da muller, pola contra, é unha música máis cotiá, vinculada moitas veces ao traballo de fiado e a xuntanzas festivas de menor envergadura na que o instrumento -pandeiretas, cunchas, latas- acompaña á voz. "No noso sistema de cultura tradicional existiu unha clara asociación entre o masculino e a melodía e entre o feminino e a voz", asegura Carpintero. Mesmo nalgunhas frautas moi sinxelas que elaboraban os cativos se aprecia a distinción. "Cando só pitan, fanas tamén as nenas, pero no momento en que se lle engaden buracos para producir melodía, é cousa de nenos", puntualiza.
Porén, hai excepcións que confirman a regra. Nos concellos de Piñor, O Irixo e O Carballiño, no noroeste ourensán, Carpintero documentou a existencia dun tambor exclusivamente feminino e habitual nas vodas, que os carpinteiros construían a petición das mulleres. Tamén nos Ancares se teñen noticias deste instrumento, que debeu incorporarse á tradición galega en datas recentes, porque o tambor ten "unha longuísima tradición masculina".
A maioría dos útiles eran sinxelos: siringas (asubíos e chifres) fabricadas coas canas dos foguetes, tarrañolas (as castañolas dos nenos), estraloques de talo de millo que ao axitarse recordan ao estalido das flores de bilocroca e carrizos sen mais complicación que unha cavidade oca na que bate unha lingüeta de madeira. A inclusión destes bens, que foron sobre todo enredos de cativos, na categoría de instrumentos musicais, parellos á gaita, á zanfona ou ao pandeiro, depende da finalidade coa que se usan e do virtuosismo do que toca. Como di Carpinteiro no libro, "o que toca a folla para facer un baile de xeito habilidoso é claramente un músico, e nese momento, a folla é o seu instrumento musical". Mais na categoría final do instrumento e do propio músico interveñen outros marcadores, non sempre conscientes. Non é o mesmo tocar para un público nunha festa e cun contrato que facelo para un grupo de amigos e por simple pracer. Con todo, é a gaita de fol a que acada a realización ideal na cultura tradicional galega: a súa semellanza con ela confire un estatus maior ao resto dos instrumentos.
A Fonsagrada (Lugo) conserva algúns dos instrumentos máis peculiares de Galicia. A trompa ou birimbau, un ferriño que contén unha palleta que vibra ao soprar sobre ela. A fabricación deste útil, empregado polos pastores nas horas mortas, era cousa de ferreiros especializados que chegaron a abrir talleres dedicados á súa produción. Carpintero explica que o son da trompa -o canto de sapo, como lle chaman no concello lucense- se vincula á Amanita muscaria, un fungo alucinóxeno presente en rituais máxico-relixiosos durante o megalitismo.
O uso ritual dos instrumentos tradicionais tamén é evidente no charrasco, documentado na comarca do Ulla. O charrasco -un mastro de case dous metros de altura cruzado na súa parte superior por tres traveseiros con ferreñas- aparecía no Nadal e no Entroido acompañando aos requinteiros ou cantadores de concello como Teo, A Estrada ou Vedra. Malia que perderon a súa morfoloxía orixinal, a súa inclusión en grupos de gaitas faille pensar a Carpintero que están a adquirir, "estatus de verdadeiros instrumentos musicais".
O rei David esculpido na fachada da catedral de Santiagoque dá ás Praterías sostén entre as mans o que podería ser unha viola medieval ou un rabel, presente na iconografía de numerosas igrexas e capelas de Galicia. A Carpintero, o instrumento de Praterías recórdalle moito, pola forma e a maneira de agarralo, ao rabel de Porto, que aínda ten un tocador e construtor neste concello da comarca de Sanabria (Zamora) que ata o século XIX pertenceu á Galicia administrativa. Presente nas Cantigas de Santa María, citado por Frei Martín Sarmiento e Xoán Manuel Pintos, o rabel tivo "certa presenza na música tradicional ata finais do século XIX". En Porto, porén, numerosas coplas proban a omnipresencia do rabel entre os pastores e nas festas familiares, como soporte da voz. Non hai no caso do rabel filiación sexual: tanto mulleres como homes o tocaron.
"Cando falaba con gaiteiros e lles preguntaba canto tempo botaran aprendendo a técnica, dicíanme que ao día seguinte de comprar a gaita xa a tocaban", relata Carpintero, sorprendido pola gran cantidade de frautas empregadas polos rapaces que aspiraban a tocar o instrumento galego de máis categoría. En realidade, os mozos levaban tempo ensaiando con pipas de alcacén, avea ou centeo, gaitas de sabugueiro, roscas do Baixo Miño ou pitos de lata que aínda se podían comprar nas feiras ata ben entrado o século XX. Coa proliferación das bandas populares no século XIX incorporáronse certos tipos de saxofóns, pratiños e clarinetes alleos á tradición galega. Menos traballados, algúns útiles cotiáns tiveron un uso musical coa popularización de certas marcas. Botellas labradas de anís e latas de pemento acompañaron o canto das fiadeiras na posguerra cando non había diñeiro para facerse cunha pandeireta.
Unha obra única
- Dous referentes. Os instrumentos musicais na tradición galega é a obra de máis envergadura sobre os instrumentos musicais de Galicia, sobre todo pola gran cantidade de bens repertoriados. Só existen dous traballos comparables, Instrumentos musicais populares portugueses de Ernesto Veiga de Oliveira, e a obra colectiva Musique bretonne. Histoire des sonneurs de tradition (Ar Men, 1996).
- Salvagarda do patrimonio. A obra de Carpinteiro elaborouse ao abeiro do Proxecto Ronsel, que botou a andar hai tres anos con investigadores das tres universidades galegas. A súa labor materializouse no Plan de Salvagarda do patrimonio inmaterial, dedicado ao estudo de ámbitos tan diversos como a artesanía, os oficios tradicionais ou a literatura oral.
- Estudo multidisciplinar. Pablo Carpintero clasifica os instrumentos segundo as categorías establecidas por Hornbostel e Sachs en 1914, pero ten en conta outras disciplinas como a psiquiatría e a etnografía popular.
Dezaseis anos fixeron falla para catalogar os instrumentos musicais tradicionais de Galicia. E isto foi labor do gaiteiro Pablo Carpintero, quen xa dende cativo mantivo unha estreita relación coa música galega. Aos oito anos aprendeu a tocar unha vella gaita de fol que tanto o seu pai coma o seu avó tocaban, e dende entón o seu camiño non se afastou da investigación dos ritmos tradicionais. Así ate chegar a culminar o estudo que se publica en 'Os instrumentos musicais na tradición galega', editado pola Difusora das Letras, Artes e Ideas, e na que se catalogan un total de 144 artiluxios.
Segundo explica Carpintero, a maioría destes 144 instrumentos musicais ''son lembranzas daqueles que teñen 60 anos, e quizáis nos de 40''. Así, cre que fóra dos instrumentos que se observan habitualmente, como son a gaita, o tamboril ou a pandeireta, poucos ou case ningún conseguiu resistir ao paso de tempo.
Un valor engadido co que conta o traballo de Pablo Carpintero son os debuxos de Xosé Ramón Marín, nos que se específica, grazas ás notas recollidas polo extenso traballo de campo do gaiteiro, a feitura dos elementos dos 144 instrumentos do catálogo.
A clasificación de instrumentos musicais que o estudo segue é a que diferencia entre ideófonos (os que soan por eles mesmos), membranófonos (o son prodúcese pola vibración dunha membrana), cordófonos (pola vibración de cordas tensadas) e aerófonos (pola vibración do aire).
Presencia dos diversos estratos
Carpintero destaca no seu estudo que unha das cousas que se entreven tras percorrer o país é que Galicia conserva os diferentes estratos (paleolítico, neolítico, medieval, etc.), xa que ate aínda hai poucos anos (o autor fala da década dos 40), se tiñan noticia de elementos que aparecían en pinturas rupestres como as zoadeiras ou algunhas especies de frautas.
As zoadeiras entran na clasificación de aerófonos libres, xa que non se sopra a través deles para producir o son. Este instrumento consiste nunha tabliña de madeira atada a unha corda que se axita no aire arredor da cabeza e que emite un son característico. Pertence tamén a ese grupo de instrumentos que se mestura co mundo dos brinquedos para nenos.
Carpintero especifica que hai moitos máis instrumentos que se poden perder na brétema dos tempos a súa orixe, pero que ate pouco estiveran presentes na cabeza dos galegos. Da Idade Media, por exemplo, vén a rosca, un instrumento de vento semellante pero só cun punteiro e un tubo cantor. Este tubo, curvado e decorado con aneis, é o característico deste instrumento que se pode recoñecer en varios gravados medievais.
Proxecto Ronsel
O traballo de catalogación que fixo Pablo Carpintero non ten igual ate o de hoxe, e é difícil que teña unha sólida continuación pois iso dependería dunha política de apoio, cando nos últimos anos se puido notar unha ''apatía institucional no feito cultural'', explica o autor.
Porén, se hai algunha institución que leva adiante a investigación do patrimonio galego ese é o Proxecto Ronsel, quen xa hai catro anos que lanzou o seu Plan para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial, un documento que marcaba a liña a seguir da organización a curto, medio e longo prazo para promocionar a cultura galega. Nesta iniciativa, que leva por nome a palabra que define ás ondas que se enguedellan no mar tra-lo paso das embarcacións, participa tanto a Xunta coma as tres universidades galegas.
Iván Area, director deste proxecto, explica que a catalogación dos instrumentos tradicionais fora sempre algo pendente e non ten máis ca louvanzas para o traballo emprendido por Pablo Carpintero. Esta labor era unha das que viñan marcadas nese plan e chegou por fin a finais de 2009 as librarías acompañada de éxito pois, tal como indica Area, xa se está esgotando a primeira edición de 'Os instrumentos musicais na tradición galega'.
Continuación do proxecto
Area ten clara tamén a necesidade de seguir a apostar por promover o coñecemento dos instrumentos nacionais coma parte do patrimonio inmaterial deste país. No tocante á herdanza musical galega, o Proxecto Ronsel levou á rede cibernética nos últimos meses a iniciativa de pendurar videos a través de youtube nos que se explican os pasos a seguir para a construción de diversos instrumentos.
Entre os seguintes pasos que se barallan para difundir a herdanza da música popular Iván Area adianta que se está a pensar nunha edición dese material audiovisual destinado aos centros de ensino. Así, afirmou tamén a intención de que nas seguintes reedicións se vaia ampliando a catálogo dos instrumentos se siguen descubrindo novas pezas do legado tradicional.
Presentacións
Estes días de febreiro o traballo de Pablo Carpintero será protagonista de diversas actividades de presentación ao longo de Galicia. Este mesmo xoves, ás seis da tarde, o auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo acolle un acto no que participan tanto os autores do libro, coma os coordinadores do proxecto e os editores. Este evento contará cun pequeno concerto didáctico que resume os contidos do libro.
O portal web do Proxecto Ronsel anuncia de que outros actos semellantes están programados noutras cidades. Así, haberá presentacións en Lugo o 18 de febreiro, no salón de actos da Deputación Provincial, na Coruña o 20 de febreiro e no museo municipal de Ourense o 25 de febreiro.
Non hai nin 15 días que se presentou en Santiago e xa figura entre os cinco primeiros libros de non ficción máis lidos en Galicia.
A obra de Pablo Carpintero ?Os instrumentos musicais na tradición galega? marcou un antes e un despois na historia da música do país, como recalcou o músico Carlos Núñez, que quixo apoiar coa súa presenza a obra e admitiu sentirse abraiado do traballo levado a cabo por Carpintero. Estar entre as publicación máis vendidas non é máis que un fiel reflexo ?dos nosos principais sinais de identidade: a comida, a lingua e a música?, xa que nesa lista aparecen un libro sobre cociña, un dicionario e o propio volume de Carpinteiro.
A través de 500 páxinas, 1000 fotografías e múltiples ilustracións, a obra dá cabida a máis de 140 instrumentos musicais e recolle o traballo levado a cabo por Carpintero nos últimos 15 anos. A principal conclusión tras tantos anos de traballo: darse conta de que ?en Galicia contamos cunha riqueza inmensa, algo que acontece en moi poucos países, e é que temos a virtude de que conservamos cadeas evolutivas completas na maior parte dos instrumentos musicais?.
Do paleolítico ao século XX a través da música
Na obra Carpinteiro clasifica os instrumentos musicais seguindo o sistema científico máis empregado en occidente, o de Hornbostel e Sach, que os divide en idiófonos, membráfonos, cordófonos e aerófonos, facendo un viaxe musical a través do tempo, desde o Paleolítico ata o séxulo XX.
temos o pracer de convidarvos ao I serán de entroido que se celebrará o domingo 14 de febreiro de 19.00 a 22.30 horas na Praza da Constitución, organizado pola ACF O Fiadeiro, coa colaboración da AVC Casco Vello e financiado pola Concellaría de Cultura do Concello de Vigo.
Gustaríamos contar con tod@s vós para gozarmos xuntos da música tradicional da nosa terra e botar uns bailes nunha das prazas máis emblemáticas da cidade, no pleno corazón da zona vella de Vigo como é a praza da Constitución.
Por motivos de temporización teremos un cartel pechado de intervencións, entre as que contaremos agrupacións de renome de diversos puntos de Galicia, artistas emblemáticos e grupos das aldeas iniciadoras da tradición dos seráns e que aínda a día de hoxe conservan intacta a maxia destas festas. As agrupacións que actuarán serán:
- Grupo de gaitas da A.C. Xacarandaina (A Coruña)
- Pandeireteiros a A.C. Cantigas e Agarimos (Santiago)
- Pandeireteiras da A.X. Xiradela (Arteixo)
- Pandeireteiras de Toutón (Mondariz)
- Pandeireireteiras da Hermida (Pazos de Borbén)
- José Fernández (o ghaiteiriño de Aldán)
- Grupos da A.V.C. Casco Vello (Vigo)
- Grupos da A.F.C. O Fiadeiro (Vigo)
A presentación dos grupos será levada por Aleixandre Carro (coñecido pola súa participación na serie ?Padre Casares?).
Como marca a tradición do entroido aproveitará o fío da presentación para facer sátira dos feitos máis salientables do pasado ano.
Animámosvos a que veñades disfrazados, a que vibredes coa música, que os divirtades co baile e que probedes os postres típicos do entroido como a orella e as filloas que serviremos gratuitamente para todos os que veñades.
Moitas grazas e agardamos vervos a tod@s na festa!!
Sexta feira 12 (Venres)
? Faltriqueira na sala La Vaca (Ponferrada)
? Sumrra no Garufa (A Coruña)
? Royalties no Pub Xoldra (Guitiriz)
? Noise Project no pub Buddha (Boiro)
? Capitan Furilo na sala UE (Ponteareas)
? Skacha en Pontedeume na Casa da Estación
? Millaradas no Furancho Matamafolc (Vigo)
Sábado 13
? Skacha no Sugar & Salt (Pontevedra)
? Mencer Vermello na Revolta (Vigo)
? Festival Taiña (Goián)
? Ultraquans en Pontedeume
? Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz)
Domingo 14
? Foliada de entroido na Praza da Constitucion de Vigo ás 19:00: O Fiadeiro, Xacarandaina,...
13 de febreiro
- Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz)
27 de febreiro
- Serán na A.C. Almuinha de Marin
- Serán de Mouriscados (Mondariz)
- Serán na casa do pobo do Val-Sobral (Soutomaior)
- Serán na casa do pobo daLama
5 de marzo
- Serán na Ermida (Pazos de Borben)
6 de marzo
- Serán de Laxoso (Pontecaldelas)
13 de marzo
- Serán de Moreira (Soutomaior)
27 de marzo
- Serán en Pazos (Ponte Caldelas)
10 de abril
- Serán de Fozara
- Serán de Angudes (Crecente)
17 de abril
- Serán en Ventín (Fornelos de Montes)
24 de abril
- IV Noite de Fiadeiro (Ramirás)
1 de Maio
- Serán do Coello (Soutomaior)
- II Serán de Boborás (O Carballiño, Ourense)
15 de Maio
- Serán de Nespereira (Pazos de Borbén) no torreiro da festa
Desde o proxecto Ronsel veñen de publicar un libro de interese para todas as persoas vinculadas ao mundo da música tradicional, a monografía "Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero Arias, con deseños de Xoán Ramón Marín Martínez, editada en Difusora de Letras Artes e Ideas coa oportuna revisión lingüística de Xosé Henrique Costas.
Esta obra, que conta co aval da UNESCO, describe e relata a historia coñecida de 144 instrumentos musicais e útiles sonoros que se empregaron en Galicia. A magnitude do traballo vai alén das case 500 páxinas e 1000 fotografías pois desde unha perspectiva científica e rigorosa achega a clasificación dos 144 instrumentos musicais catalogados dentro do sistema científico máis empregado en occidente, a clasificación de Hornbostel e Sach.
Na actualidade estanse a facer presentacións por todo o país, que comezan este xoves día 11 de febreiro de 2010 ás 18.00 h no auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Trátase de actos nos que se mesturan as intervencións por parte dos autores, coordinador do proxecto e editores, cun breve pero intenso concerto didáctico de Pablo Carpintero que permite comezar a saborear os contidos do libro.
Outros actos que xa están programados son:
- xoves 18 de febreiro de 2010 ás 20.00 h no salón de actos da Excelentísima Deputación Provincial de Lugo
- sábado 20 de febreiro de 2010 no programa Lume na Palleira na sintonía da Radio Galega 2 de 16 a 17 h
- sábado 20 de febreiro de 2010 na cidade da Coruña, lugar e hora por determinar
- xoves 25 de febreiro de 2010 ás 20.00 h no museo municipal de Ourense
Na presentación en Vigo participará tamén o gaiteiro Carlos Nuñez.
Varios documentos sinalan a Manuel Figueiroa Moreira como o creador da peza
Á Muiñeira de Cabana, peza fundamental na música tradicional de Galicia, saíronlle moitos pais. Emilio Corral , quen cumpriu o domingo cen anos, reivindicouse en La Voz como un deles. Con todo, iso non está tan claro. Varios documentos testemuñan que a peza saíu de Manuel Figueiroa Moreira, coñecido como Manuel do Bosque, xa falecido. De orixe cántabra, Manuel naceu -de aí o seu alcume- no lugar do Bosque, localidade de Cabana de Bergantiños (Costa da Morte).
Artesán da madeira, fundou un grupo de gaitas e tocaba a guitarra. O músico local Plácido Vigueret Villar, membro histórico dos Gaiteiros de Neaño, recorda escoitar a moitos outros profesionais atribuír a autoría a Manuel. Precisamente, nun folleto preparado para conmemorar o Día dá Muiñeira (2005) nese municipio, Ricardo Santos, un compoñente de Cantigas dá Terra -grupo do que tamén formou parte Corral -, escribía: «A 'Muiñeira de Cabana' é unha dás pezas para gaita máis coñecidas dá música galega. Esta peza de autor foi escrita por don Manuel Figueroa Moreira». Sinala tamén: «Sendo contemporáneo de don Saturnino Cuíñas, crego de Cesullas, non podía quedar a súa obra sen compilar. Foron á casa do creador da peza don Saturnino Cuíñas e don Adolfo Anta, director de Cantigas dá Terra, para recoller nunha partitura a peza de Manuel do Bosque». Existen, ademais, partituras nas que figura o nome de Manuel.
A Muiñeira de Cabana chegou a formar parte da discografía de grupos como Milladoiro, Luar na Lubre, Carlos Núñez e The Chieftains. Bieito Romero , compoñente de Luar na Lubre, sinala que, cando eles gravaron a peza, tachárona como «tradicional» e que, xa que logo, non pode discernir sobre a autoría, «aínda que me soa de ver nalgunha partitura Manuel do Bosque». Atribúe, iso si, a «recuperación e popularización» da peza ao párroco Cuíñas. Desde Milladoiro sinalan que coñecen versións, pero á que fixeron súa sempre lle vincularon o nome de Saturnino. Por outra banda, o investigador de música tradicional Pablo Díaz explica que é moi difícil optar por un ou outro autor se non viven ambos. «O ideal sería dispoñer dunha partitura datada». Apunta que, hai pouco, Corral contáballe que, nunha das súas actuacións en San Fins do Castro, escoitou a varios mozos algunhas notas. Nelas inspiraríase, segundo parece, para despois compor a muiñeira, da que afirma ser autor.
O gaiteiro de mirada tranquila que presenta esta noite "Alalá" fixo feliz a moita xente que o define como un "todoterreo", moi bo compañeiro, veciño e un home que se dedicou a unha morea de oficios pero cunha salvidade, non é como di o refrán "Mil oficios ten Xan e de ningún come pan", pois con Manuel Gende podería cambiarse o dito: "Mil oficios ten Manuel e de todos come ben".
A gaita sempre lle gustou a Gende e a súa aprendizaxe pasaba, como el di, "por estar arredor dos gaiteiros". Este grande home foi afiador, xornaleiro, barbeiro, cesteiro, paraugueiro, albanel e enterrador -dezaoito anos- e hoxe descubriremos que é moi posible. Tamén é un gaiteiro que polo amor dos fillos tivo que volver da emigración porque non era capaz de estar sen eles e, unha vez aquí, os fillos quixeron tocar con papá e así estiveron uns doce ou trece anos.
A Gende gústalle compartir o que sabe, tanto é así que agora anda a aprenderlles á muller e a unha veciña algúns dos temas do seu extenso repertorio (que ten unhas duascentas corenta e cinco pezas). Pero Gende non para de argallar e nestes intres está indo a clases de saxo e o cuarteto seguirá mentres el estea disposto a estar, que será por moito tempo. Moita xente de Cerceda recorda que os primeiros pasos de baile os deu con Manuel Gende, co cuarteto "Os de Queixas". Este gaiteiro da mirada tranquila fixo feliz a moita xente.
"Aberto por reformas" grava en Beluso coa invitación da Asociación de Moz@s
A Casa do Pobo de Beluso convertiuse onte nun estudio radiofónico moi especial. Alí estaban un vello coñecido da parroquia, Xurxo Souto, e Vituco Neira, para gravar un novo programa do seu xa mítico espacio "Aberto por reformas". Xa non se emite na Radio Galega, pero para algo está a rede.
Xa non se emite todos os días a través da Radio Galega, pero "Aberto por reformas" resístese a desaparecer e a deixar de ser un escaparate da música actual galega. Onte a maxia da radio trasladouse ata a Casa do Pobo, a onde acudiron Xurxo Souto e Vituco Neira para gravar un programa especial grazas a convidación da Asociación de Moz@s de Beluso e que dentro duns días poderase escoitar a través da Internet no portal komunikando.net.
Por diante dos micrófonos de "Aberto por reformas" onte pasou unha boa representación da música que se fai hoxe no Morrazo, sen esquecerse de quen leva moitos anos preocupándose de programar actuacións en directo. O primeiro en departir con Xurxo Souto e Vituco Neira foi Xabier Castro, en representación da Asociación de Moz@s de Beluso. O ex dos Diplomáticos do Monte Alto mostrouse especialmente interesado sobre o futuro do Festival A Noite do Trasno, un evento no que estivo en varias ocasións. Logo chegou o turno da música tradicional e alí estiveron o gaiteiro moañés Iván Costa e o antigo director de Manxadoira, Anxo Gago "Lito". Este último segue a ser unha auténtica institución e lembrou que se afeccionou á gaita unha vez que colleu a que tiña o seu pai na casa. A partir de aí foron compañeiros inseparables, tanto que a levaba con el cando andaba embarcado por Terranova ou Groenlandia. Precisamente ó fío destes recordos, Xurxo Souto propuxo facer un traballo de investigación sobre os mariñeiros-gaiteiros.
Tamén estiveron Víctor Cabaleiro "Leiro", un dos rostros visibles do Aturuxo e que leva catorce anos programando música en directo; Álex e Álex Máster, membros da Tuna Rastafari, pero que onte deixaron as letras "festeiras" do grupo polas máis "profundas" do proxecto musical O Neto de Manoel; Marcos Paino, do portal Komunikando.net; Luís Carballo e Xan Campos, para dar conta da gran canteira jazzística do Morrazo; e Carlos Gandón e Wes, de Astarot, que lembraron os comezos do grupo e falaron dos proxectos furturos.
Como non podía ser doutro xeito, o programa incluiu o compromiso de volver a verse moi pronto, no Entoido do Hío e para iso non faltaron os inevitables "vivas".
A súa familia organízalle unha pequena e ben merecida homenaxe á súa traxectoria musical, invitando a todo aquel que se queira achegar ata Casas Novas 16 (Santiago de Compostela) a "tomar un vaso con Mallou" o próximo Luns 8 a calquera hora do día.
É un dos representantes dunha xeración de gaiteiros que viviu a música tradicional como un feito natural, integrado na sociedade de tal forma que a súa transmisión realizábase de xeito oral.
Falar de Mallou, significa falar dun dos referentes fundamentais da gaita e dunha figura imprescindible para coñecer este instrumento na comarca de Santiago.
Por ende, queremos animarvos a acudir a esta fermosa cita, na que recoñecer a traxectoria de quen adicou unha vida de esforzos a prol da Cultura e da Música Tradicional Galega.
Emilio Corral , autor da popular «Muiñeira de Cabana», será homenaxeado polos gaiteiros
A Muiñeira de Cabana forma parte da banda sonora de Galicia. «Este tema é unha escola de gaiteiros», dixo no seu día Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense. O autor desta, e de infinidade de composicións máis, chámase Emilio Corral Vázquez e mañá cumpre 100 anos. Un século de música.
«Bo, por unha banda é unha alegría, pero por outro é unha pena porque ata hai uns meses estaba moi ben, pero tiven unhas caídas e perdín moitas forzas e visión. Ata fai nada lía La Voz de arriba a abaixo e agora necesito lentes para ler mal», laméntase, aínda que sorrí. Di que a Muiñeira de Cabana é a súa obra favorita e recorda perfectamente a súa xestación alá polo ano 40. «Esta é a peza máis popular, pero ten bastantes discos, entre eles un dedicado á miña filla, Maitiña, que foi a súa primeira neta fai agora 40 anos», comenta o seu fillo Emilio.
Músico total, Emilio Corral formou parte de Cantigas dá Terra nos anos trinta, tocou o clarinete e o saxo na orquestra Os Satélites e xubilouse sendo clarinetista da Banda Municipal da Coruña. No seu extenso currículo figura tamén que foi nomeado gaiteiro maior do Reino de Galicia cando Martínez Risco presidía a Real Academia Galega.
En 1956 recibiu o primeiro premio de instrumentistas nun festival internacional en País de Gales, título que revalidaría anos despois. «O seu gran mérito é que foi dos primeiros en utilizar o pentagrama, porque antes tocábase de oído», precisa Foxo.
Emilio Corral di que segue escoitando música, en especial a de raíces galegas. «É curioso, coa gaita nunca gañei un duro, para min sempre foi un hobby », destaca. Fai máis de cinco anos que non exerce como gaiteiro porque «os dedos xa non se moven como antes». «Desexaría estar san», afirma a unhas poucas horas de cumprir 100 anos.
Un grupo de gaiteiros e amigos organízanlle este domingo unha comida-homenaxe nun restaurante da Coruña, a cidade na que naceu o 7 de febreiro do 1910. Un músico tan lendario como lonxevo ao que, entre outros recoñecementos, hai anos distinguiron por ser un pioneiro como gaiteiro solista.
Sexta feira 5 (Venres)
? Concerto benéfico de axuda a Haitíno Porriño: Uxía, Pacho Álvarez, Malvela,...
? XXIX Noite de Carpenta na adega O Carpinteiro (A Coruña)
? Noise Project no Bar A Veliña, en Raño (Rianxo)
? Invivo na sala Esmorga (Naron)
? Crema de gaita no Bardo (Vigo)
? Os Terribles de Donas no Furancho Matamafolc (Vigo)
Sábado 6
? Festa homenaxe ao Ghaiteiro do Piñeiro no Salason (Cangas do Morrazo): O Tear de Llerena, Sachadiço, Treixadura, Os Carunchos,... ás 21:00
? Vituco e Xurxo Souto na Casa do Pobo de Beluso, Bueu, às 20:00
? Malandromeda, Gendebea, Dj Tuchi e Dj Digro no Liceum (O Porriño)
? Skandalo GZ e Rojo-2 na sala A Gruta (O Rosal)
? Deskartes Band na Revolta (Vigo)
? Pandereteiras Bouzacoba no Furancho Matamafolc (Vigo)
? Serán de Oliveira (Ponteareas)
? Serán do Galo en Acevedo (Pontesampaio)
? Serán en Avión no bar do Sifón
Domingo 7
? Os Folieiros de Lavadores no Furancho Matamafolc (Vigo) às 12:30
6 de febreiro
- Serán de Oliveira (Ponteareas)
- Serán do Galo en Acevedo (Pontesampaio)
- Serán en Avión no bar do Sifón
13 de febreiro
- Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz)
27 de febreiro
- Serán na A.C. Almuinha de Marin
- Serán de Mouriscados (Mondariz)
- Serán na casa do pobo do Val-Sobral (Soutomaior)
- Serán na casa do pobo daLama
5 de marzo
- Serán na Ermida (Pazos de Borben)
6 de marzo
- Serán de Laxoso (Pontecaldelas)
13 de marzo
- Serán de Moreira (Soutomaior)
27 de marzo
- Serán en Pazos (Ponte Caldelas)
10 de abril
- Serán de Fozara
24 de abril
- IV Noite de Fiadeiro (Ramirás)
1 de Maio
- Serán do Coello (Soutomaior)
- II Serán de Boborás (O Carballiño, Ourense)
15 de Maio
- Serán de Nespereira (Pazos de Borbén) no torreiro da festa