Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Roteiro polo Carballal de Coiro

Verdegaia e a Asociación ecoloxista Luita Verde organizan o vindeiro domingo 15 de abril un roteiro polo Carballal de Coiro.

Saída: as 10:15 da Estación Marítima da Ría (Vigo).
Regreso: sobre as 19:30, desde a Estación Marítima de Moaña.
Duración: todo o día

O itinerario previsto é o seguinte: Igresario románico de San Martiño (S. XII), núcleo rural da Xalde, monte da Paralaia, Alto do Xestoso (445 m.), aldea de Ermelo, Alto da Esculca (400 m.), val de Esperón, ribeira do Bouzós, monte da Pena, Igresario barroco de Coiro (S. XVII).

A dificultade é media-alta cun percorrido total de nove Kilómetros. O espazo natural do Carballal de Coiro abrangue unha superficie aproximada de 345 has. de superficie compartida entre os concellos de Moaña, Cangas e Bueu, na península do Morrazo. Está protexido a nivel urbanístico polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provincial de Pontevedra dende o ano 1992 e na actualidade está catalogado como solo rústico de protección de espazos naturais segundo a LOUG.

Trátase dunha das masas máis importantes de bosque autóctono das Rías Baixas, xunto coa Carballeira de Nimo, ás beiras do Tambre, en Noia, na provincia da Coruña.

Para participar neste roteiro non é necesaria a inscripción previa
Comentarios (0) - Categoría: Roteiros - Publicado o 13-04-2007 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
Unha débeda pendente
Dúas foliadas no Furancho de Balsa e non levamos cámaras pra inmortalizar o momento...

Como a nosa sona traspasa do virtual e chega aos furancheiros, en compensación eiquí deixamos a foto do culpabel de que este furancho de Matamá acabe sendo pasto dos festeiros e folclóricos que rondan Vigo.

En calquera momento da noite verédelo deixar a barra para coller calquera instrumento e acompañar aos músicos.

Un saúdo Balsa!!!
Comentarios (5) - Categoría: Novas - Publicado o 13-04-2007 01:03
# Ligazón permanente a este artigo
Xaquín Xesteira, Ghaiteiro!!!!
Atopanse cousas boas por aí.
Un saúdo a Xaquín de todo Malmequer e graciñas por todos os concertos de Treixadura e en especial polo da Reconquista no Casco Vello de Vigo.

Xaquín Xesteira...GHAITEIRO!!!!

Comentarios (1) - Categoría: Videos - Publicado o 12-04-2007 14:52
# Ligazón permanente a este artigo
VIII Concurso Xiradela de pandereteiras
VIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL XIRADELA 2007

Domingo 15 de abril no auditorio do Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo.


Nesta séptima edición contará con dúas sesións:
1ª Ás 11:00 h da mañá para as categorías A e B.
2ª Ás 17:00 h da tarde para as categorías C e D.

• Os premios entregaranse ó rematar cada sesión (categoria A e B pola mañá e categorias C e D pola tarde)






GRUPOS DE PANDERETEIRAS

CATEGORÍA “A”

1.- “Meniñas” do Grupo de Pandereteiras Tarambainas: Ribeirana de Pazos e Xota de Toutón, (Pazos de Borbén e Mondariz).
2.- “Rebuldeiros” da A.C. Donaire: Muiñeira e maneo de Chamusqueira, Lema (Carballo).
3.- “Abaloira” da S.R. San Xoán de Calo: Muiñeira de Cabaleiros (Tordoia).
4.- “Pedravixía” da A.C. Adro de Baio: Cantareas de Herrerías (Vega de Valcarce).
5.- “Ruada” da A.A.V.V. San Paio de Coristanco: Agharrado e Muiñeira de Verdes (Coristanco).
6.- “Regalía” da A.A.V.V. A Coteleira de Cores-Nemeño: Serán en Queimadelos (Mondariz)

CATEGORÍA “B”

1.- “Quintán” da A.N.P.A. do C.E.I.P. de Mondego: Pandeiretada de Langueirón (Zas).
2.- “Farrapo” da A.F. San Lorenzo de Agualada: Pandeiretada de Monzo (Trazo).
3.- “Fiuza” da S.R. San Xoán de Calo: Xota e Pasodoble de Pigarzos (A Lama).
4.- “Artabria” da Escola de Bailes populares Iar da Coruña: Pandeiretada de Lendo (Laracha).
5.- “Álvaro Cunqueiro” da A.A.V.V. de Lago: Jota e Muiñeira de Erbecedo e Danza de Troáns(Coristanco – Curtis).
6.- “Lisquiñas” da A.C. O Castro de Miño: Maneo e Muiñeira de Montemaior e Mazurca de Padreiro (Laracha – Santa Comba).
7.- Grupo de pandereteiras “Tarambainas” de Vigo: Xota e Muiñeira de Liñares (Avión).
8.- Grupo “A” da A.C. Raigañas de Cerqueda: Canto de Riotorto e Muiñeira de Carcacía (Padrón).
9.- Grupo de baile e música tradicional “Tahúme” de Olveira: Serán en Paredes (Ponteareas).
10.- “Areliñas” da S.R. San Xoán de Calo: Muiñeira vella de San Salvador (Santa Comba).
11.- A.M.D.T. Quieroa de Mondego: Ronda, Jota e Muiñeira de Pigarzos (A Lama).
12.- “Maiola” da A.C. Virxe da Saleta de Silván: Ronda de Oroso, Nieva (Avión).
13.- “Mar Adentro” da A.C. As Neves de Buxantes: Pasodoble, Muiñeira e Jota de Traspielas (Fornelos de Montes).
14.- “Grupo “D” da Escola de Muiñeira Cantigas e Agarimos de Santiago: Jota e Muiñeira de Piñeiro de Arca, (O Pino).

CATEGORÍA “C”

1.- “Xeira” da A.F. San Lorenzo de Agualada: Serán de Mourelle, Gargamala, (Mondariz).
2.- “Axeitadiñas” da A.C. Donaire da Coruña: Pasodoble do Rieiro e Muiñeira vella e Jota de Borneiro (Cabana de Bergantiños).
3.- Grupo “A” da A.C. Rosalía de Castro de Cacheiras: Ruada de Meixe (Boborás).
4.- “Rideiras” da A.X. Xacarandaina da Coruña: Añas, Jota e Pasodoble de Lourido, Covelo (Pontevedra).
5.- “Névedas” da A.X. Arume de Verdillo: Pandeiretada de Arcos (Mazaricos).
6.- “Álvaro Cunqueiro” da A.A.V.V. de Lago: Foliada de Limiñoa (Ponteceso).
7.- “Lanzalía” da A.C. O Castro de Miño: Pandeiretada de Santa Sabina (Santa Comba).
8.- “Bergando” da A.X. Limagoia: Muiñeira de Crespos e Danza de Camariñas (Serra de Outes e Camariñas).
9.- “Xadaime” da A.A.V.V. A Coteleira de Cores-Nemeño: Serán en San Vicente (Fornelos de Montes).
10.- “Xabredo” da A.C. Virxe da Saleta de Silván: Pandeiretada de Cambre (Malpica).
11.- “Taín” da A.C. Adro de Baio: Jota e Muiñeira da Xirazga (Beariz).

CATEGORÍA “D”

1.- “Trebellos” da A. X. Regueifa de Val do Dubra: Rúa de Painceiros (Campo Lameiro).
2.- A.C. Os Muiños de Oliveira de Ponteareas: Cantos, Xota e Muiñeira de Moscoxo (Fornelos de Montes).
3.- “Taravelas” da A.X. Xacarandaina da Coruña: Pandeiretada de Cances (Carballo).
4.-“Meigallo” da A.C. Carcaxía de Seaia: Serán en Traspielas ( Fornelos de Montes).
5.- “Velaí ven” da A.C. Donaire da Coruña: Canto e Muiñeira de Feilas e Jota de Espiñal (Riós – A Bola).
6.- Grupo de baile e música tradicional “Tahúme” de Olveira: Fiada en Baroña (Porto do Son).
7.-“Lilaina” da A.C. O Castro de Miño: Cantar, Maneo e Punteada de Cerqueda (Malpica).
8.- “Acibeche” do C.E.I.P. Salgado Torres da Coruña: Canto de Arrieiro e Pandeiretada de Goiáns (Carballo).
9.- “Donaire” da A.C. Donaire da Coruña: Polavila de Balouta (Ancares).
10.- “Riscadela” da S.R. San Xoán de Calo (Teo): Panto, Muiñeira e Xota de Cabaleiros (Tordoia).
11.- “Luneira” da A.F. Alborada de Santa Lucía: Serán de Toutón (Mondariz).

Comentarios (1) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 12-04-2007 08:49
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos do Serán de Fozara

Xa están subidas as fotos do Serán de Fozara.

Un saúdo para toda a xentinha coa que estivemos por alí e que nolo fixo pasar tan ben.

Bikos e apertas a tod@s!!

Serán de Fozara
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 12-04-2007 01:22
# Ligazón permanente a este artigo
Esta fin de semana toca elexir Serán

A elexir de tres, así que para atopar cada un sen problemas...

Vilasobroso xa aparece no mapa de seráns do blog
Mapa dos Seráns

Así que imos colocar a Donas e Angudes no seu lugar
Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 12-04-2007 01:10
# Ligazón permanente a este artigo
Serán no Faisca
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 11-04-2007 01:03
# Ligazón permanente a este artigo
Novo curso de Aturuxo
Comentarios (18) - Categoría: Novas - Publicado o 10-04-2007 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
Roteiro de Congostra o 14 de abril

Sábado 14 de Abril.
Pateada: Rouças
Saída Nº 69


Polas serra da Peneda. Catro anos despois volvemos a un dos lugares míticos para Congostra, probablemente a mais bonita pateada que teñamos feito nunca.

Esta é para non perdela.

Saída:
Sábado, 14 de Abril ás 9 en punto nas Almas Perdidas. (Baixo o pavillón polideportivo do Berbés. En fronte da entrada ao porto pesqueiro).
Saímos en punto. Para tomar café, ler a prensa ou pillar bocatas, media hora antes.

Percorrido: Ida e volta.

Duración aproximada: 6/7 horas.

De Interese: Paisaxes, brandas, seidas (cabanas de pedra), espectacular foxo do lobo completamente conservado. Alto da Pedrada, o punto mais alto desta serra.

Dificultade: Media a media alta. Se vai moita calor ou chove pode ser dura.

Organización:
A cousa vai ser así: Saímos de Rouças, subimos á branda de Gorbelas, (podemos darnos un aire a Junqueiras) Poulo da Seida, Foxo do Lobo e Alto da Pedrada. Moitos de vós xa coñecedes esta parte. Despois baixamos por onde viñemos

Á noite, os que queiran, visitarémo-lo Soajo, vale a pena, e cearemos alí. Non hai presa, é sábado.

Guía (a ver se á terceira vai): Victor

Saúdos
Congostra
Comentarios (0) - Categoría: Roteiros - Publicado o 10-04-2007 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
II Concurso de pandereteir@s da A.C. Os muiños de Oliveira
Participantes no II Concurso de Pandereteiras/os 2007

22 de Abril do 2007, ás 16:00 no Auditorio Reveriano Soutullo (Ponteareas).

CATEGORÍA A (até 16 anos)

Pandereteiras do G. B. M. T. "Tahúme", de Ribeira.
Benxamín da A. C. F. "Orballo", de Pontedeume.
"Chiculateiras" da A. X. "Xiradela".
Alevín da A. C. F. "Orballo", de Pontedeume.
Pandereteiras da A. C. "Tremiñado", de Ponteareas.
Infantil da A. C. F. "Orballo", de Pontedeume.
"Grupo D" da Escola de Muiñeira da A. F. "Cantigas e Agarimos", S. de Compostela.
Pandereteiras da G. B. M. T. "Pedra da Garza" de Fozara, Ponteareas.
"Fanfurriñas" da A. C. D. de Muros.

CATEGORÍA B

"Loaira" da A. C. F. "O Fiadeiro", de Vigo.
"Aleivosía" do Liceo Marítimo de Rianxo.
Pandereteiras do G. B. M. T. "Tahúme", de Ribeira.
"Luneira" da A. C. "Alborada", Santa Lucía.
"Cordenaia" da A. C. "Airiños do Xunco", de Cervo.
"Lilaina" da A. C. "O Castro", de Miño.
Pandereteiras da A. C. F. "Orballo", de Pontedeume.
Comentarios (1) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 10-04-2007 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
No Alalá de hoxe martes: Quempallou

Ás 21:40

No Alalá do 10 de abril seguiremos a traxectoria de Quempallou, grupo festeiro xurdido entre o Morrazo e a montaña brava do Incio, mestura enxebre dacabalo entre gaiteirada feliz e cantiga de escarnio; entre foliadiña de baiúca e festa rachada de festival; entre cancioneiro e composición; entre acordes bonitos e arranxos directos. Así, por medio de xotas e muiñeiras e valses e polcas e que sei eu, van enfiando Quempallou as súas actuacións, para que absolutamente ninguén dos presentes deixe de sentir ese formiguillo incontible nos pés e ese profundo proído no peito que nos fai ceibar un aturuxo e botarnos a bailar un agarradiño coma tolos, ou un solto como podemos. Iso é Quempallou, a festa galega coa calidade que requiren os tempos, sen nos esquecer de nada, nin de ninguén.

Alalá vai ata a cidade das Burgas, en Ourense, onde vai ter lugar un adianto explosivo: a presentación de Polo aire, o terceiro disco de Quempallou, sete mozos cunha filosofía viva en canto á música se refire, xa que a súa máxima é que o público cante, baile, aturuxe, berre… nunha palabra que o pase en grande, pero sen esquecer as cousas da vida.

Daquela o equipo do programa estará en varios puntos de Galicia, desde o Incio (Lugo) ata o Morrazo (Pontevedra) e pasando por Ourense. “Quempallou” fala das cousas que lle preocupan e cunhas letras que “convidan a facer a festa sen esquecernos das cousas do mundo no que nos tocou vivir


Comentarios (4) - Categoría: Novas - Publicado o 10-04-2007 01:08
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Malvela
Rematado o novo e agardado disco de Malvela. Trátase dun traballo moi completo e elaborado que seguro é o disco da consagración definitiva do grupo . Ademais conta cunha gran variedade de artistas invitados da talla de Alfonso Franco, Uxía Senlle, Fernando Abreu, Sergio Tannus, o Orfeón Treixadura ou Luís Caruncho, entre outros.

Este traballo presentaráse moi probablemente a principios de Maio.

Rematado tamén a gravación do disco debut da Sra. Carmen (de Malvela) xunto con vídeo e libreto que incluirase neste proxecto. Deste libro encargarase o escritor Fran Alonso.

Para ir abrindo boca do disco de Malvela xa está subido un vídeo clip promocionail de "O pirimpimpín"

Comentarios (2) - Categoría: Videos - Publicado o 09-04-2007 15:10
# Ligazón permanente a este artigo
Novo traballo de Guezos para baixar da arañeira
Guezos "99-07"
Xa está disponible na web de "A Regueifa" un compilatorio de Guezos para baixar en descarga directa.

O traballo “99-06” recolle un resumo destes sete anos de experiencias coa banda e a xente que a rodea. Antes de continuar o noso camiño nos gostaría compartir estas 12 cancións con todo aquel que teña gañas de facelo, e uns poucos megas libres no disco duro.

Ligazón para a descarga directa do disco

blog.guezos

www.guezos.com/
Descarga directa de Guezos
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-04-2007 14:51
# Ligazón permanente a este artigo
III Foliada de Melide
DOMINGO 29 de abril no Pazo de Congresos e Exposicións de Melide
ORGANIZA: Agrupación Folclórica "Castelo"

PROGRAMACIÓN
MOSTRA DE ARTESANÍA

EXPOSICIÓNS
Mostra sobre o traballo desenrolado pola Asociación de Gaiteiros Galegos
(Organiza: Esc. de gaita e percusión galegas Axoúxere
Colabora: Asociación de Gaiteiros Galegos)
15 Anos de música e baile
(Agrupación Folclórica Castelo)
Instrumentos Antigos
(Pepe Temprano)

CONFERENCIA
II Seminario de palletas e pallóns para gaita galega no Edif. Multiusos
(Organiza: Asociación de Gaiteiros Galegos
Participan: X.M Gil, Antón Corral, J.L. Carballo Enríquez, Juan Brea)

OBRADOIROS
A fía
Os xogos populares (AGXPT Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional)
Os maios. Obradoiro infantil (Agrupación Folclórica Castelo)

TÍTERES TRES GLOBOS "Pedro e o lobo"

XANTAR POPULAR

MOSTRA DE BAILE TRADICIONAL
A. C. Brisas do Quenllo de Numide (Tordoia)
Grupo de baile tradicional Xirandola(Bandeira)

ACTUACIÓNS
Miro Casabella
Benigno Penas (Harmónica)
Xosé Sánchez (Cantor tradicional)

MARCHA GAITEIRA
Agrupación Folclórica CASTELO (Melide)
Esc. de gaita e percusións galegas AXOÚXERE (Melide)
Gaiteiros FROITO NOVO (Melide)
OS MELIDAOS Gaiteiros (Melide)
Grupo de gaitas A MARISTELA (Sobrado)
Grupo de gaitas BICO DA BALOUTA (Agolada)
Grupo de gaitas CHARAMELA (Antas de Ulla)
Grupo de gaitas PAO DE BUXO de Saídres (Silleda)
Grupo de gaitas LUME NA LAREIRA (A Estrada)

SERÁN
A media noite QUEIMADA de balde para tódol@s asistentes
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 09-04-2007 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
I Encontro de Tocadores de Trompa
O vindeiro sábado 21 de Abril, vaise celebrar na Fonsagrada (Lugo), o "I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA",organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

A trompa (arpa de boca, birimbao, guimbarda…) é un instrumento presente e espallado por moitísimas culturas e continentes (Alemaña, Noruega, Italia, Rusia, Vietnam, EEUU…). O instrumento tivo a facultade de adaptarse e asimilar a idiosincrasia das culturas musicais que o acolleron ao longo dos tempos.

Posiblemente o camiño de Santiago facilitou a chegada a Galiza e a súa divulgación entre as xentes. Actualmente só na comarca da Fonsagrada se mantén vivo o instrumento, grazas ás figuras de Emilio “O Pando” e César Fernández. Eles son os últimos tocadores de trompa. A longa cadea de transmisión oral que nos legou a singularidade a particularidade deste instrumento corre serio risco de esvaecer se non creamos lazos que permitan poñer a disposición dos novos instrumentistas todo o saber destes homes.

O obxectivo deste “I encontro de tocadores de trompa galega” é precisamente facer un diagnóstico da situación actual do instrumento no país e sentar as bases sobre as que nun futuro non moi lonxano nos permitan aumentar o número de tocadores de trompa, así como o de ensinantes e estudiosos do mesmo.

Se queredes máis información sobre o encontro, podedes poñervos en contacto coa Asociación no teléfono 986 847 074 ou ben mandando un correo electrónico a: secretaria@gaiteirosgalegos.com

Programa do encontro

PROGRAMA DO I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

•11:00-11:45.- “Historia da trompa e presencia do instrumento nas distintas culturas musicais. A trompa da Fonsagrada”. Relator: Pablo Carpintero (Investigador, asociado da AGG).

•12:00-12:45.- “Construción, características, sonoridade e morfoloxía do instrumento. Elección dunha trompa”. Relator: Xosé Vázquez Suárez (Constructor de trompas, asociado da AGG), Oliverio Álvarez (Constructor de trompas da Fonsagrada).

•13:00-13:45.- “Herminio Villaverde, tocador de trompa”. Relator: Juanjo Fernández (Investigador, asociado da AGG).

•14:00-15:45.- Xantar.

•16:00-16:45.- “César Fernández, tocador de trompa”. Relator: César Fernández (Tocador de trompa) e Cándido Meixide (Productor discográfico).

•17:00-17:45.- “Emilio ´O Pando´, tocador de trompa”. Relator: Emilio O Pando e Daniel O Pando (Tocadores de trompa).

•18:00-19:00- Concerto de Trompa. Participantes: Daniel O Pando, César Fernández, Emilio O Pando, Pablo Carpintero, Paulo Nogueira, Rodrigo Romaní e Xulio Varela.


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-04-2007 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do novo disco de Mercedes Peón

MERCEDES PEÓN - SIHÁ

Centro Cultural Caixanova
Sábado 14 de abril ás 22:30 (8-12€)

Tras o éxito do seu último disco, ``Ajrú´´, co que acadou a confirmación da crítica especializada polo seu bo facer, Mercedes Peón achégase a nós cun novo traballo cheo de frescura, que mantén unha das características desta artista: a innovación.
Un disco que mestura os sons máis modernos coa tradición máis pura. Ritmos potentes xunto a melodías que nos interiorizan. Coma sempre, un disco feito sen prexuízos.
Mercedes Peón danos o seu... Sihá.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-04-2007 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Zeca Afonso
O 23 de febreiro de 1987 morreu o Zeca Afonso, e o 13 de abril réndeselle homenaxe no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra ás 21:00.

Entre os artistas convidados estarán Vitorino, Janita Salomé, Sergio Godinho, Júlio Pereira, Dulce Pontes, Zeca Medeiros, Joao Afonso e Cantadores do Redondo.

Por parte galega, Faltriqueira, Mercedes Peón, Narf, Víctor Coyote, Antón Reixa, Uxía e compañeiros de viaxe como Benedicto, Miro Casabella ou Xico de Cariño.

A TVG gravará o espectáculo, que se emitirá regulamentariamente o 25 de abril. Haberá que velo pola televisión, porque o concerto esixe convite.
Comentarios (4) - Categoría: Novas - Publicado o 09-04-2007 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da Reconquista

Comezamos a subir as fotos da Reconquista

Festa da Reconquista 2007
Comentarios (3) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 03-04-2007 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá do martes 3 nos Ancares


O segundo Alalá sobre Os Ancares e o concello de Cervantes está dedicado á cántiga nesta zona montañosa de Galicia, limítrofe con Asturias e León. A influencia asturiana no xeito de cantar é notable; así, en lugares como Degrada e noutras vilas de Cervantes cultívase a asturianada, xénero que se incorporou ao repertorio local a través dos galegos que ían traballar ás minas en Asturias desde hai varias xeracións e por proximidade xeográfica.

A asturianada non só se manifestou a través de cancións traídas das minas, senón que chegou, dalgún xeito, a impregnar o xeito de cantar local das melodías tradicionais. Así, neste programa, a través de Suso Carrero, de Degrada, ou de Xosé Rodríguez, de Vilar de Donís, escoitaranse cántigas impregnadas dun virtuosismo vocal e dunha potencia propias das asturianadas e moi diferenciadas doutras partes de Galicia. Xunto á asturianada, en Os Ancares, polo seu illamento, tamén é posible atopar outros xéneros arcaicos como os romances. Mercedes Capón, de Os Prados, ofrecerá un exemplo precioso de romance.

Este programa, como os outros gravados en Os Ancares, está baseado nas investigacións do folclorista Juanjo Fernández, que divide as cántigas en dous grandes grupos: as narrativas e as bailables, as primeiras teñen por finalidade contar unha historia, as segundas, acompañar o baile.



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-04-2007 00:38
# Ligazón permanente a este artigo
Da Reconquista

Había tempo que non escribía nada no Resacosix, non era que non houbese nada interesante (será por cousas que contar...), pero non me presta moito falar en primeira persoa. A pesares de todo sigo a ser un tímido.

Hoxe xornada de relax, por agora...moita acumulación de horas de actividade, de falta de soño, de preocupacións, de tentar estar con todo o mundo e non poder estar con ninguén, éche o conto así. Acabou a Reconquista e xa estamos a preparar os Maios, 25 anos de Maios máis concretamente...haberá que facer algo especial. A propósito... búscase Primavera.

Graciñas a tod@s @s que estabades alí, participando connosco nesta Festa do Casco Vello que é un traballo realizado por moi pouca xente pero con moita ilusión, graciñas especiais para Xosefa que cargou con toda a responsabilidade organizativa e que fixo que este ano resultara o mellor de todos. Mágoa de non poder disfrutar como eu quixera, de non poder bailar con María e coa xente do Casco Vello, de non poder cantar coas Tarambainas e con Malmequer, de non poder parar caseque cinco minutos coa xente da Revolta, de Tangaraño ou do Fiadeiro, de tantos amigos cos que estaba pero non estaba...bikos e apertas para tod@s.

A proposito, que precioso o Concerto de Treixadura, que emocionante ver bailar a tanta xente, que alegría podía sentirse nese concerto e con que gañas cantaba todo o público...iso é un concertazo.

Un saúdo tamén para a xente de Ruxe-Ruxe, boa xente, gran grupo e que directo!!, vereivos na Fábrica e daquela poderei soltarme sen preocupacións.
Mágoa tamén non ter unha foto do momento en que Fernando tentaba ensinarlle a Vítuco, o cantante de Ruxe-Ruxe, a bailar unha muiñeira. Impagable o momento, Fernando...amodiño.

Este ano creo que logramos darlle un ambiente moi especial á festa, moita animación de música galega, gran ambiente e dous días onde o Casco Vello logrou recuperar unha imaxe de barrio vivo.

Do domingo quédome coa representación baixo a choiva, das risas polos desastres que ían acontecendo nas esceas...impagable vivir aquel momento, lembrando a Gila, na Porta da Gamboa "está o enemigo?, que se poña que queremos entrar", poder esquecer algún mal rollo dos concertos e rematar disfrutando do grupo portugués NMB con Marta Coutinho bailando entre nós, facendonos entrar en calor e acabando a festa entre bailes e risas.

Agora relax...
Por certo, para cando nos xuntamos e facemos unha nova foliada?
A vivir que son dous días

Bikos e apertas para tod@s
Henrique
Comentarios (28) - Categoría: Resacosix - Publicado o 02-04-2007 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Resultados do Concurso Azaloira 2007


Malveiras, a agrupación de Vilagarcía logrou o primeiro premio no festival anual organizado por Fortín dá Pomba, con cheo total.

O auditorio Manuel Dopazo de Bandeira quedou onte pequeno ante a afluencia de público ao festival de folclore tradicional Azaloira. Na edición 2007 foron sete as agrupacións en competición, ademais das exhibicións dos anfitrións, Fortín dá Pomba, e do grupo gañador do pasado ano, O Fiadeiro de Vigo. Nesta ocasión o triunfo viaxa a Vilagarcía.

O grupo Malveiras foi o vencedor, cun premio de 1.500 euros en metálico. O segundo, de 800 euros, foi para a agrupación Fusos e Rocas de Vigo e o terceiro, de 500, para Donaire da Coruña.

O premio de mellor vestiario, dotado con 150 euros, concedéuselle tamén aos gañadores, Malveiras. Mentres, o de mellor acompañamento -150 euros- correspondeulle a Donaire. O mellor bailarín foi Emilio, de Fusos e Rocas, que recibiu 100 euros, e a mellor bailarina, Patricia González, de Donaire, co mesmo premio.


Máis de 400 persoas seguiron o festival no que, ademais das tres formacións premiadas, tamén participaron A Ponte Vella de Cacheiras, Trompos ós pes de Marín, o grupo de baile Iar da Coruña e Bulideiro, tamén coruñeses.
Comentarios (66) - Categoría: Concursos e Xornadas - Publicado o 02-04-2007 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
I Festival Panxea

O I festival Panxea celebraráse esta semana en Carballo.

Terá como obxectivo prioritario a recadación de fondos para axudar aos refuxiados saharauis que viven nos campamentos de Tinduf (Alxelia).
O evento ten como eixo principal os concertos de diversos grupos folk pero tamén están previstas actividades gastronómicas, circenses e unha feira solidaria na que venderánse productos de comercio xusto e artesanías.

A entrada aos concertos non ten un prezo establecido e cada espectador poderá pagar a cantidade que desexe. Os cartos recadados destinaránse á merca de fariña para facer pan e de material musical educativo para os nenos saharauis que viven nos campamentos.

A feira celebrarase nunha carpa a carón do Pazo da Cultura.

Venres (sexta feira) 6 de abril
A feira abrirase ás 11,00 horas do día . Obradoiros, proxecciónscirco na rúa e unha chocolatada popular.
Festival Son solidario:
as 21,00 horas.
* Raigañas,
* Fol de Veneno
* Batuko Tabanka

fin de festa unha queimada á medianoite.

Sábado 7 de abril:
Apertura ás 11,00 horas, nunha xornada que conta tamén con obradoiros, proxeccións, circo e música na rúa. Pola noite,
Gala Solidaria co Pobo Saharaui:
* Malvela,
* Fía na Roca
* Kepa Junquera.


Pan e chocolatee Pan e música son outros dos lemas que acompañarán á celebración desta especial festa do pan en Carballo.
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 02-04-2007 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Programación da Festa da Reconquista da Vila de Vigo
Venres, sexta feira 30 de marzo

Conferencia de Gerardo Sacau sobre a Reconquista da Vila de Vigo no Instituto Camoes ás 20:00
Derradeiro ensaio xeral da representación ás 21:00 na praza da Constitución

Vinde á festa vestidos con roupa tradicional.

Sábado 31 de marzo

Durante todo o día funciona un tiovivo e unha xincana para pequerrechos na Pz. da Princesa.

Pola mañá:

A partir das 10 abre o mercado tradicional.
Animación musical toda a mañá a cargo de agrupacións de música tradicional galega:

Pz. da Princesa: grupo "Tarambainas" de Lavadores
Joaquín Yáñez e Palma: grupo "Arume" de Beade
Triunfo e Igrexa: grupo "Meigallos" de Lavadores
Oliva e A Pedra: grupo "Os Trasnos da Gaita" de Navia
Pz. de Almeida e Méndez Núñez: grupo "Os Tabáns" de O Freixo
Sombras chinesas ás 11.30, polos alumnos do colexio Ría de Vigo, rúa Triunfo - librería "Libros para soñar"
Ás 12.30 na Biblioteca Central haberá un Conto Interactivo titulado "Pepiña Xoaniña quere voar".

Pola tarde:

Pasarrúas de música tradicional animarán as rúas da zona vella
Demostración de palilleiras ás 17.30 na Pz. de Almeida
Inauguración da festa ás 18 horas na Pz. da Constitución
Torneo de xogos de destreza a partir das 18 h. na Pz. de Joaquín Yáñez
Obradoiro de instrumentos musicais ás 19 h. na Pz. de Almeida

Xa a partir das 22 h. comezan os concertos na Pz. do Berbés:

Gaiteiros Treixadura + Orfeón Treixadura
Grupo de rock galego Ruxe - Ruxe

Domingo 1 de abril

Durante todo o día haberá saídas de xigantes e cabezudos da Colexiata

Pola mañá:

Demostracións de artesanía:

Pz. da Constitución: oleiro, cesteiros, selleiro e zoqueira.
Pz. da Princesa: redeiras e palilleiras.
Pz. de Almeida: canteiros e instrumentos musicais.
Pz. da Pedra: obradoiro de pan para nenos e nenas.
Animación musical polas rúas da zona vella a partir das 11 a cargo das agrupacións de música tradicional galega:

"Aturuxo" de Valadares.
"Noutrora" de Sárdoma
Xincana e torneo de xadrez, ás 11.30 na Pz. de Joaquín Yáñez.

Pola tarde:

Representación teatral da Reconquista ás 17.30, que percorre a Pz. da Constitución, rúa Gamboa e Pz. do Naútico para voltar ao punto de inicio.

Xa a partir das 20 h. comezan os concertos na Pz. da Constitución:

Grupo portugués MNB e danzas tradicionais portuguesas participativas a cargo de Marta Coutinho
Sete Saias ás 21 horas, grupo de arpas e voces
Comentarios (3) - Categoría: Novas - Publicado o 30-03-2007 00:54
# Ligazón permanente a este artigo
Concertos Reconquista 2007
Esperamos que poidades vir tod@s


SÁBADO 31 ÁS 22:00 NA PRAZA DO BERBÉS:


TREIXADURA
E
RUXE-RUXE












Malmequer estivo en Vilariño e estará no Casco Vello.
FESTA RACHADA!!!!!!!!!!!!!!!







DOMINGO 1 DE MARZO ÁS 20:00 NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN

Danzas do mundo con NMB (Portugal)
e SETE SAIAS


Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 30-03-2007 00:40
# Ligazón permanente a este artigo
Xa á venda o novo disco de Rosa Cedrón

Anunciado con moita anterioridade ven de saír á rúa o primeiro traballo discográfico en solitario de Rosa Cedrón. A carismática cantante e violoncelista que foi parte da banda Luar na Lubre presenta en “Entre dous mares” (Warner Music) doce temas que alternan pezas en galego e castelán, nos que ademais de cantar é compositora da meirande parte deles, aínda que tamén inclúe melodía e letras tradicionais. Para o disco contou ademais coa colaboración nas letras de Yolanda castaño e Alba Felpete. O traballo vai marcado pola bipolaridade en varias facetas da artista, entre a música clásica e a tradicional, entre a faceta de violoncellista e de cantante, entre a súa carreira anterior e os seu novos camiños musicais.
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 29-03-2007 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de Cristina Pato e Mutenrohi

Como edición conmemorativa do décimo aniversario da formación ourensá a banda reuniu a boa parte dos seus músicos fundadores e xuntouse tamén coa gaiteira Cristina Pato que iniciou a súa andaina escénica con esta formación.
O reencontro coa banda plasmouse nunha serie de concertos nos que a gaiteira, en pleno paréntese da súa carreira profesional mentres realiza os seus estudos de doctorado en EE.UU. volve interpretar os temas de Mutenrohi que tanto influíron na súa traxectoria profesional mesturados con vellos e novos temas da gaiteira. Un espectáculo no que os antigos membros de Mutenrohi e algúns dos membros da banda de Pato mestúranse para celebrar este aniversario e tamén para agradecer ao público o apoio recibido durante todos estes anos.
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 29-03-2007 15:15
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da Foliada do Faísca e do Millo Corvo 2007
Subidas fotos pendentes da Foliada feita no Faísca e da festa do Millo Corvo en Meiro (Bueu).

Foliada no Faísca

Festa do Millo Corvo

P.D.: Un saudo para a xentiña que estivo onte no furancho de Matamá, pasámolo moi ben e comprometémonos que para a vindeira vez levaremos cámara fotográfica para que tamén quede proba no blog da foliada alí montada.
Comentarios (1) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 29-03-2007 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá do martes 27 de marzo coas Donicelas

O Alalá de hoxe vai contar a historia dunhas cativas de Salceda de Caselas, as Donicelas, que con tan só nove aniños ilusionáronse coa música da nosa terra. Para elas a pandeireta e os cantos tradicionais comezaron sendo un xogo, pero as nenas medraron e o xogo transformouse nunha das súas paixóns.

O destino quixo que coincidiran cun mestre, Toniño, do grupo Treixadura, que soubo facer da música unha materia atractiva, que conseguiu que este obradoiro fose o máis solicitado para as pequenas artistas. A música das Donicelas enfeitizou primeiro a un colexio, logo a toda unha vila e así apareceron as primeiras actuacións, empezaron a soar na radio, na televisión e chegou un dos soños máis desexados por elas: a gravación do seu primeiro disco.

Hoxe, as mozas compaxinan os seus traballos e as súas familias coa música, que está presente sempre nas súas vidas. Tere, Bea, Noelia e Isa son as catro amigas que están xuntas desde os comezos deste proxecto musical e xa van alá case vinte anos. Co tempo incorporáronse Andrea e Rosa e esta fermosa historia segue viva pola amizade que as une e polo ben que o pasan xuntas.

No programa desta noite as voces das Donicelas estarán acompañadas por Treixadura e polo Orfeón Treixadura. Verase como é a vida destas Donicelas e entenderase porque as súas voces seguen a enfeitizar do mesmo xeito que o facían de pequeniñas.
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 27-03-2007 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
Novo programa da Komunikando TV
2ª programa xa no ar da arañeira sobre música da Galiza.

Comentarios (0) - Categoría: Videos - Publicado o 26-03-2007 15:06
# Ligazón permanente a este artigo
A Festa da Reconquista da Vila de Vigo xa está en marcha

A disfrutar do fin de semana do 31 de marzo e 1 de abril: ambiente de festa, postos de mercados, animación de rúa, grupos de música tradicional, mostras de vellos oficios...

Concertos:
Sábado: Treixadura con orfeón Treixadura e Ruxe- Ruxe
Domingo: NMB (Portugal) e Sete Saias

Quedades tod@s convidados a bailar, cantar e pasalo ben!!

E se tedes traxe tradicional sacadeo do armario e a disfrutar da festa.

Para os que queirades participar na representación da Reconquista que vai ter lugar o domingo 1 de abril pola tarde, estades convidados a integrarvos nos ensaios xerais:

Venres 23 ás 20:30 na rúa Gamboa
Sábado 24 ás 20:00 na Praza da Constitución
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-03-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Publicada unha recollida das coplas populares de Ríos

Un libro, un cedé e un DVD recollen a lírica popular do Concello de Riós nun primeiro volume con máis de oitenta romances, roldas e coplas

«Eu aprendinos cando tinga sete anos e dende entón me acordo», relata Dolores Montanos Castro, de 75 anos de idade. Romances dos carrilanos, cantares dá milicia, dá seitura, dos pastores, de Nadal, de Reis, roldas, coplas e parrafeos conforman Cancioneiro dás Terras de Riós, un estudo musical, histórico e costumista realizado polo director da Escola Provincia do Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, conformado por un libro, un cedé e un DVD no que se recollen máis de oitenta romances e coplas que pasaron de xeración en xeración e que conforman a cultura inmaterial non só de Riós, senón de toda Galicia.

Durante varios meses, Xosé Lois Foxo viaxou ás aldeas de Riós onde, segundo indicou, había máis casas que persoas, para recoller o que denominan a lírica popular, coplas e romances que unicamente permanecen na memoria de mulleres como Dolores Montanos e que, sen a súa recompilación e estudo, acabarían desaparecendo.

O libro recolle, ademais da música e as letras de cancións relacionadas cos feitos históricos que acontecían nestes lugares, fotografías de orixinais que, por exemplo, dan conta dos «horribles desastres que sucederon no túnel de Lubián e noutras parte da vía da Gudiña aos carrilanos que traballaban na chegada do ferrocarril de Zamora a Galicia. «Señores, pido atención, se me queren escoitar, os queixumes desta vía que agora vou explicar [...] Hai un túnel no Malpaso ¡que túnel máis desgraciado! Alí matouse un home e as súas ilusións e a súa vida alí quedaron», así versan os acontecementos na boca de José Prieto Alonso e así se presentan no libro. A riqueza musical da comarca de Riós resultou toda unha sorpresa para os autores da obra, que xa pensan na posibilidade de editar un segundo volume.

«Neste momento as aldeas de Galicia están desaparecendo. O que permanece dá cultura dás aldeas rurais ás veces son estes cantares, esa cultura inmaterial que é tan importante para Galicia», relatou o día da presentación do libro Xosé Lois Foxo, que engadiu: «Estamos vendo como morren os pobos por iso temos conciencia de que é moi importante recolller esa lírica popular que a nosa xente creou e lle axudou a convivir con ela. Este é ou último elo desa cultura, a xente maior conserva eses cantares; pero con eles tamén vaise ese patrimonio. De aí vén o noso esforzo».

O libro está dedicado a unha rapsoda, Pilar Tierro Prado, cantora de Florderrei, coa que Xosé Lois Foxo compartiu horas de conversacións en torno ao cancioneiro de Riós, é unha das protagonistas da historia, que faleceu fai tres meses e non puido ver finalmente como os seus recordos e a súa memoria aparecían recollidos nun libro.
Comentarios (4) - Categoría: Publicacións - Publicado o 23-03-2007 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
I FESTIBOI

Dende 1983, ano da recuperación de "O Boi", a festa foi aumentando a súa resonancia de xeito irreversible, sendo coñecida dentro e fóra de Galiza e disfrutada cada ano por milleiros de persoas. Segue sendo un acontecemento de carácter eminentemente popular, no que calquera, sexa de Allariz ou de fóra, séntese inmediatamente integrado e partícipe do ambiente festivo que se vive ó longo de toda a semana e moi especialmente nos días grandes.

Na actualidade, a organización e realización corre a cargo da "Comisión", dependente da Asociación Cultural "Xan de Arzúa", integrada polos veciños que voluntariamente desexen pertencer a ela.

A medida que a Festa segue crecendo en popularidade, tamén medra a súa programación e actos; este ano, entre moitas, conta cá novidade do I FESTIBOI, Festival de presentación da festa e da súa programación.
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 21-03-2007 14:32
# Ligazón permanente a este artigo
Foliada-Serán en Vigo este mércores 21

Como cada mes, unha nova Foliada-Serán na Sala Fábrica de Chocolate de Vigo (rúa Rogelio Abalde).

Mércores 21 de marzo.
A partires das 22:30

Estades avisados!!
Comentarios (0) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 20-03-2007 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
Últimos días para o XII XANTAR GAITEIRO.

A Asociación de Gaiteiros Galegos celebra un ano máis o XII XANTAR GAITEIRO.
Será o vindeiro Domingo 25 de Marzo, ás 14:00 horas, no restaurante Monte da Condesa, en Santiago de Compostela.

Esta xuntanza non ten outra finalidade que a de pasar un día agradable en compaña dos que gustamos da música tradicional e disfrutar todos xuntos dos nosos cantos e bailes.

Quen desexe asistir ao XII Xantar Gaiteiro, terá que poñerse en contacto coa Asociación de Gaiteiros, antes do día 21 de Marzo, indicando, se é o caso, o número de acompañantes. Estamos á vosa disposición no teléfono 986 847 074 ou no correo electrónico secretaria@gaiteirosgalegos.com

AXUNTAMOS MAPA ORIENTATIVO.

DATA
25 de Marzo de 2007
14:00 horas – Prégase puntualidade.

LUGAR
Restaurante Monte da Condesa – 981 588 989
Rúa Xaquín Díaz de Rabago - Campus Sur – Santiago de Compostela (A Coruña)

MENÚ
Entrantes: Empanada, xamón.
Primeiro: Sopa de Cocido
Segundo: Cocido
Postre: Tarta de Santiago e queixo con marmelo.
Auga, Viño, refrescos, café.

PREZO
O prezo é de 18 euros por persoa que serán entregados ao entrar.

RESERVA
Secretaría@gaiteirosgalegos.com
Teléfono/FAX: 986 847 074 (Roi ou Patricia)

Agardamos a vosa participación e non vos esquezades de disfrutar do Xantar Gaiteiro!!

Un saúdo,

Secretaría
Asociación de Gaiteiros Galegos
Rúa Alfonso XIII - 7 - 36002, Pontevedra
986 847 074 - www.gaiteirosgalegos.com

Cartaz XII Xantar Gaiteiro
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-03-2007 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos do Serán de Borreiros
Subidas as fotos do Serán de Borreiros (Gondomar).

Un saúdo a toda a xentiña que estivo por alí, a que veu do Serán do Faísca e a que quedou pola pancetada de Couso, que boa festa tiñan montada tamén...faltounos esa reportaxe fotográfica festeira-gastronómica, pero voltaremos ás festas de Couso deste ano, para montar unha boa.

Serán de Borreiros

P.D.: A calidade das fotos nos vos son moi boas pero éche o que hai...fallou a máquina non o fotógrafo.
Comentarios (4) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 20-03-2007 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer