Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SÓS–Peón

A finais do pasado novembro Mercedes Peón sacou á venda o seu cuarto traballo discográfico, ...–––... SÓS, (Fol Música, 2010),que vén continuar a liña de innovación baseada na tradición encetada hai agora xustamente dez anos coa súa estrea discográfica, Isué (Resistencia, 2000).Despois viñeron Ajrú no 2003 e Sihá no 2007,ambos os dous traballos con DiscMedi, e polo medio deles xiras mundiais que a teñen convertido nunha das artistas galegas demeirande proxección internacional.

E como mostra do recoñecemento que recibe a nosa paisana no estranxeiro, non hai mellor exemplo que a recentísima aparición de Peón no Womex 2010,celebrado en Copenhague, onde acudiu despois de ser seleccionada entre máis de setecentas propostas que devecían por se apresentar nesta importante feira dirixida aos profesionais da música. Foi o pasado 29 de outubro e foi a primeira vez que unha representante da nosa música era escollida directamente polo esixente xurado do Womex para actuar aló.

De feito,ao longo de varios anos, –tres concretamente, os que pasaron dende a publicación do seu anterior traballo discográfico–, en que apenas houbo novas arredor da compositora coruñesa, ela foi xestando este traballo, mentres facía asemade a banda sonora da longametraxe documental Liste, pronunciado Líster de Margarita Ledo e mais a composición e espazo sonoro para danza Concerto desconcerto.

Para alén de xirar co Kiosco das almas perdidas do centro coreográfico galego, coa “perfomance” en solitario que argallou hai dous anos e tamén coa súa banda.Malia esta actividade frenética,o certo é que os focos mediáticos non volveron apuntar até agora cara a ela, por mor da súa presentación no Womex e deste SÓS que leva quince días á venda. Un disco no que á artista, pouco amiga de colaboracións e moi cómoda nos procesos de gravación“caseiros”, nos que apenas se rodea dos seus máis íntimos colaboradores, volve sorprender com paisaxes sonoras globalizadas, que van de São Paulo a Rabat, coma sempre coa cerna na tradición galega,e cun peso da electrónica que confirma que a evolución cara a este tipo de sonoridades de Sihá non fora un paso en falso, senón unha aposta meditada.

Porque tamén é certo que este novo traballo disipa a sensación de esgotamento que sobrevoaba o anterior disco.Volve aparecer o son peculiar que permite identificar sen atrancos a súa música,volven aparecer retrousos e melodías que se fan familiares,mais agora un aquel de frescura, de volta ao rego creativo engala por riba dos dez cortes de SÓS.Un sós polisémico, que é simultaneamente unha chamada de auxilio,unha chiscadela a soidade creativa e mesmo pode ter outro significado para un ouvinte arxentino ou uruguaio.Tamén é, sen dúbida ningunha,un disco feminino,declaradamente feminino nos seus dous primeiros cortes,“Elas” e “Derorán”,e é precisamente neste último onde aparece algunha das frases que de certo van ficar ecoando na nosa cabeza despois de escoitármolo un par de veces.

Acompañada de Fernando Abreu ao clarinete, de Manuel Cebrián á guitarra, de Manuel Alonso ao baixo eléctrico,de FernandoMartíñez ao acordeón e dos samplers de Nacho Muñoz, Mercedes Peón pon a voz,toca a gaita eléctrica, atrévese con innumerables instrumentos de percusión de todos os lugares do mundo, toca baixo, guitarra, clarinete,e achega as gravacións de campo que aparecen, aquí e acolá, neste seu novo traballo, que foi presentado recentemente no Centro Galego de Arte Contemporánea de Compostela, e para o que non hai, lamentablemente e polo de agora, máis datas confirmadas en Galiza.

Autoproducido, o máis conceptual dos seus traballos, –segundo ela mesma ten afirmado–, unha mostra do seu mundo interior, un mundo de capas sonoras que interactúan,que reflicten as sensacións que á artista lle van producindo as súas diferentes experiencias vitais, ...–––... é a proba do bo estado de forma dunha das artistas galegas que mellor entende que a orixinalidade vén da orixe e que non hai mellor maneira de acadar o éxito ca procurar a primeira sen esquecer nunca a segunda.

Womex 10

Dacabalo entre fins de outubro-comezos de novembro, tivo lugar a edición de 2010 do Womex, o máis importante evento internacional dos dirixidos á música étnica,onde Mercedes Peón tivo a honra de ser a artista galega seleccionada para actuar ao vivo.

Digamos que Cristina Pato accedeu tamén a este inmellorable escaparante, actuando dentro do Sounds of Spain: unha presenza que dá continuidade a esoutras vividas,por exemplo,no 2008 cando unha delegación encabezada por Narf,Muteronhi e Xosé Manuel Budiño achegaron a nosa sonoridade até a edición daquela celebrada en Sevilla.Mais, para alén de artistas, son varias as empresas ligadas á música do país que teñen unha cita ineludible no WOMEX, e así Nordesía, Zouma, Lóspregos, Berrogüetto Producións, etc.acoden puntualmente a esta cita, como tamén existe representación institucional da man do stand que GalicianTunes, a marca da promoción internacional da música galega creada pola Xunta hai uns anos, tivo dentro do espazo estatal e que deu cobertura loxística ás empresas produtoras e distribuidoras do sector que se desprazaron este ano á capital dinamarquesa.

Ademais de plataforma de promoción da música galega, o WOMEX vén constituír un lugar inmellorable para coñecer as novas propostas que no eido da Word Music xorden en calquera recanto do mundo. Así,a carón de Mercedes Peón e dentro dos escollidos polo xurado para actuar na edición deste ano,actuaron, entre outros, os portugueses Danças Ocultas, interesante cuarteto de concertinas, os colombianos Bomba Oculta, cumbia, hip–hop e electrónica, ou o colectivo Djs Criolina dende Brasilia.

Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-01-2011 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer