Despois de tantos anos fiando, ao remate deste verán pensamos que chegara o momento de facer un alto no camiño. Levamos dezasete anos de andaina e agora precisamos un descanso para refrescar as ideas e atender outras iniciativas. E aínda que non temos plans para o futuro, non desbotamos a idea de voltar despois dun tempo.
Daquela, o último concerto vai ser en Glasgow-Escocia no festival Celtic Connections, o vindeiro mes de xaneiro. Quedan aí todos os discos e a web para que non vos esquezades de nós. Ademais, seguiremos facendo música. Xa nos escoitaredes.
Agradecemos moito o cariño e apoio que nos fostes achegando desde tantos lugares.
Unha aperta a todos/as e... Ata sempre!!
Fía na roca:
Carlos Castro, Giao Somoza, Pablo Pérez, Roberto Rama, Roberto Santamarina, Sonia Lebedynski, Xosé Ramón Vázquez