Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A serenidade enerxética (Leilía)
O grupo de pandereiteiras Leilía prepara un novo disco no que as letras das cancións estarán feitas por escritoras galegas. Será un traballo realizado "por mans de muller"

Ana Rodríguez empezou a tocar a pandeireta aos 16 anos. Xunto con Rosario, Mercedes, Felisa, Patricia e Montse formaron o grupo Leilía no ano 1989. O segredo de permaneceren unidas está en que "somos moi diferentes, pero complementarias". A súa música soa poderosa, entregada á enerxía da Terra, chea de pasado, futuro, cultura. Elas fan traballo de recollida de cantos tradicionais. Estar coas persoas vellas é unha forma de adquirir serenidade, calma, sosego. A vida non remata hoxe nin mañá. As cousas só teñen a importancia que teñen. Bailar, cantar e aturuxar é unha forma de invocar a forza do corpo e do espíritu. A sensibilidade sae ao exterior e Ana, mentres fala, síntese moi emocionada. O aire énchese de pandeiretas e coplas. As mulleres de Leilía beben do mundo tradicional, pero tamén son anovadoras, auténticas, simpáticas e enerxéticas.

De onde vén o nome de Leilía?
No ano 89 fundouse o noso grupo. Naceu con vocación de cantar e aprender. Non existían grupos de pandereiteiras como tal, senón que existían como acompañamento de grupos de baile. Leilía naceu xuntándonos os domingos para cantar cancións. Non nos coñeciamos moito. Eu era alumna de Felisa Segade. Elas coñecíanse de Cantigas e Agarimos. Os veciños oíannos cantar e pedironnos que cantásemos na misa. Pensamos en formar o grupo. Sempre fomos moi democráticas. Dixemos: "vamos buscar un nome". Por azar abrin un dicionario, que xa está descatalogado, e atopei a palabra leilía, que significa: "Estrofa e copla popular" e iluminóuseme a cara. A miña irmá Rosario pareceulle precioso. A algunha xente soaballe moi doce, maino. Xurdeu a primeira actuación a nivel do pobo, e quedounos o nome de Leilía.

Sodes seis mulleres de Compostela, unha cidade moi apegada á tradición e á Historia. Que relación tedes con esta cidade?
Estamos moi vinculadas a Compostela. O carácter da nosa música vén dado polas nosas conviccións, a nosa forma de ver as cousas. Non sei se iso o imprime a cidade. Estudamos aquí, saímos aquí. O noso grupo é compostelán. Xuntabámonos en Teo para ensaiar. Cremos que é importante saber de onde vés para saber a onde vas. O noso primeiro concerto serio foi na Cidade Vella, na Praza de Cervantes, e estaba organizado pola Asociación Cidade Vella. Vítor Belho pensou que nós encaixabamos con ese festival e nós sentímonos abrumadas. Foi un concerto precioso, e tocabamos música tradicional. Queriamos amosar como cantaban os nosos avós e tataravós. Iamos enfundadas nos tempos de antes. Usabamos unha lata de pemento e un rapaz, que estaba practicamente chorando, díxonos que agora entendía a súa avoa cando lle falaba das latas de pementó.

Como foron os teus inicios no mundo da música tradicional?
Estabamos no Centro Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras. Cantabamos no coro. Miña nai sempre cantou e estivo vinculada a coros de igrexa. Unha vez montamos unha peza na que o grupo de baile necesitaba pandereiteiras. Viñeron pandereiteiras de Rois. Quedamos pasmadas ante aquela forma de tocar que saía tan de dentro, tan do fondo...Pedimos nós ter clase de pandeireta e veu Felisa Segade e empezamos a xuntarnos para tocar. Miña nai é unha muller de cantar moito. Ten unha voz preciosa, moi fina.

As persoas de maior idade das poboacións rurais máis recónditas son as que saben as mellores cancións?
Canta menos contaminación de fóra haxa, mellor. Se esa persoa non emigrou, non mudou de parroquia e non tivo influencias de mundos alleos, conserva o coñecemento orixinal. A información é máis veraz, máis real, máis auténtica. Outras persoas foron a outros lugares e aprenderon outras cousas. Cada persoa maior que morre, vaise con ela un legado que queda no esquecemento. A televisión, os medios de comunicación, son outro efecto contaminador. Felisa e Montse decátanse de que antes a forma de cantar dun lugar era máis precisa, e agora co programa "Luar" da TVG hai mesturas tremendas e perdeuse a pureza. Luar ten a contrapartida de que lle deu valor a cousas que estaban esquecidas. Volveu a haber "ruadas" e volveu a xuntarse a xente para cantar. Tamén está a influencia da emigración. Os agarrados son posteriores ao "baile solto".

Por que foron as mulleres as que transmitiron dunha xeración a outra os cantos máis antigos da Galicia rural?
A razón é que as mulleres das aldeas non podían saír a mocear fóra. Eles podían andar nos camiños de día e de noite. Elas facían festas para atraer os homes. E as mulleres non emigraban. A emigración a América deixou Galicia sen homes. Galicia é unha sociedade matriarcal e sobre a muller recaeu todo o divertimento. As mulleres tiñan que facer todo. A muller galega é moi forte. Está vinculada aos fillos, ao campo, á casa...

Esas mulleres son especialmente divertidas, simpáticas.
Era o que che tocaba. Ou cantabas ou bailabas. Se tiñas que tocar a pandeireta os mozos non viñan bailar contigo. Todas querían bailar cos mozos. Moita xente tocaba a pandeireta nas aldeas. Quen facía os "seráns" eran as mulleres. Quen mantiña o divertimento durante os días que non eran festa, eran as mulleres. Cando eran as festas contrataban os gaiteiros. Un agasallo moi común das avoas ás netas era a pandeireta. Eu empecei a tocar a pandeireta aos 16 anos e miña irmá con seis anos máis.

O escritor Suso de Toro entendeu moi ben a vosa música. El di que o humor dos galegos é moi melancólico e por iso é tan amargo e retranqueiro.
El entendeu o noso reto de saltar da tradición á modernidade. O bó das coplas galegas é que non teñen unha temática única. Falas de amor, desamor, enfrontamentos, traballos...A temática é libre, ampla. Dentro dunha mesma canción pode haber coplas de amor, mariñeiros, costureiras, desamor...As coplas en Galicia son soltas. Non hai un fío condutor. Cada copla cóntache algo. Non hai unha temática xeral e ninguén che fai unha canción de principio a fin. O que a xente non era capaz de dicir falando, dicíao cantando. Facer as beiras, adular ou criticar a alguén...Cantaban a viva voz. Era unha forma de comunicarse. Inventaban as melodías, os toques de pandeireta. Había unha gran creatividade na xente aínda que non tiñan formación musical. Pero sabían facer rimas, sabían métrica...

É difícil ser tradicionais e mais anovadoras ao mesmo tempo?
Ao principio nacemos para dar a coñecer a tradición oral galega. O disco "Leilía" é un compendio de melodías e formas de tocar. É un disco etnográfico. Interesábanos ser a ponte entre o pasado e o presente, entre a xente nova e a xente maior. Co paso dos anos sentimos a necesidade de evolucionar, de tentar achegarnos a eses dous mundos. O que se nos ocorreu foi adornar as melodías tradicionais con instrumentos máis modernos. Tiramos de mans amigas como Nando Casal e Antón Seoane. Naceu o disco I é verdade i é mentira. Era verdade todo o tradicional pero eran mentiras os adornos. Non queriamos traicionar o noso nome e non nos iamos "vender" por ser máis comerciais. Nunca perdemos o norte de seguir recollendo e partindo de melodías reais. Demos un paso máis e quixemos falar de cousas actuais. Metemos letras de agora, modernas, de Suso de Toro e Felisa Segade, no disco "Madama". Xoán Porto é un "leilío" máis porque se encarga dos arranxos musicais.

Que nos podes contar sobre o novo disco que estades agora preparando?
Queremos e esperamos que saia a finais deste ano. Cambiamos a forma musical. O son do disco é diferente. Leva baixo, guitarra e acordeón. Os arranxos musicais son de Xoán Porto. Queremos dar unha imaxe de que aínda nos quedan moitas cousas por aprender, moito por facer. Tentamos amosar unha parte descoñecida. As letras están de man de escritoras galegas. Estamos facendo proxectos e aínda non temos o nome do disco. Estamos abertas a suxestións. É un disco que vai estar moi "da man da muller". Xa presentamos algúns temas en concertos en directo, en Rianxo, Ribeira, Miño. A acollida da xente foi moi boa. Hai comentarios e referencias no Facebook de Leilía e esas cousas animan moito.

Paréceche que a música popular é como un cofre no que está gardada moitísima sabedoría? Temos moito que aprender das persoas vellas?
Non é tanto a música, senón a serenidade da xente maior, a relatividade que lle dan a todo. Os anos fanche ser unha persoa máis reflexiva. A xente maior trasládache a sensación de que o mundo non se acaba mañá, e non vale a pena atafegarse. Co tempo dáste conta de que as cousas teñen a importancia que teñen. A experiencia é a nai da ciencia. As persoas vellas teñen moitas cousas vividas e en poucas palabras poden transmitir moito. Deixouse moito de mirar cara á aldea. Está vinculada coa medicina natural, cos labores do campo. Ensínache moito e ponche os pés na Terra.

www.galiciahoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-10-2010 09:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0