Existe unha sorte de Eurovisión no que non hai ningún grupo que cante en inglés. Trátase do Liet International, unha alternativa ao coñecido festival, creada no 2002 para darlles unha oportunidade ás bandas que escollen as linguas sen Estado.
Un grupo catalán, Pomada, resultou gañador ese mesmo ano. O galego estivo representado en edicións anteriores coa participación de Uxía (2004), Narf (2006) e Boy Elliott The Plastic Bags (2008). Desta volta, será Mafia Galega, o grupo de hip hop do lugués emigrado en Suíza Paco (aka Don Mangante), o que levará a nosa lingua a este certame.
E farao grazas en boa medida á Liga Nacional de Billarda (LNB), que promoveu a candidatura "nun momento no que ningunha entidade nin institución promoveu a presencia do galego neste festival musical", indica nunha nota de prensa. O tema de Mafia Galega, Billarda sempre, foi escollido polo xurado entre o total de 46 presentados. Esta canción competirá cunha en gaélico escocés, outra en gaélico irlandés, unha en feroés e outra en vepsio (lingua do norte de Rusia). Na final, que se celebrará o 27 de novembro en Lorient (Bretaña), haberá tamén un tema en bretón, un en asturiano, un en sami, un en friulano, un en corso e outro en frisón, informa a Liga Nacional de Billarda nunha nota de prensa.
Paco xa colaborou en 2008 coa LNB co tema A billarda. Agora recunca con Billarda sempre, -a letra é de Xabier Cordal-, que se incluirá no disco República Billarda, no que colaboran máis de 20 grupos e artistas como Narf, Galegoz ou Zimmer103.
"Para nós será unha experiencia, quedemos últimos ou primeiros. Unha oportunidade para pasalo ben, ter un escenario máis grande, e se cadra achegar algo diferente, menos tradicional... ó festival. E un xeito de dar unha boa imaxe de Galicia, da xuventude, de mostrar que hai xente que fai cousas", coméntalle Paco a GH por teléfono desde Xenebra.
A relación deste músico coa LNB comezou a través de Xurxo Souto. "Estaba eu no programa de Xurxo. Dixéronme que había alguén que quería falar comigo. Era Xermán Viluba, da LNB...", lembrou. Nunha das súas visitas a Galicia, -a súa familia é de Lourenzá-, Paco participou nun xogo de billarda. "Gustoume moito. Alí había xente de 12 a 80 anos. Parecéronme entrañables. Eu que fai falta que se organicen cousas para a xente nova e a xente maior...", salientou.
"A letra, de Cordal, é o himno da LNB. A min gustábame, e foi un reto facer a canción, que inclúe cortes de voces de xente que xoga á billarda. É algo que facemos moito no hip-hop: o sampleo, a mestura. Neste tema hai un pouco de tango, de guitarra eléctrica...", subliñou.
OPINIÓNS "Segue a haber moito estereotipo"
Mafia Galega non é só unha banda. O grupo creou unha páxina web que hoxe funciona como plataforma de intercambio entre grupos galegos de fóra e de dentro de Galicia. "Eramos xente da mesma cultura, que faciamos o mesmo, e non nos coñeciamos. Agora facemos colaboracións...", sinalou. Ademais, chegaron a crear o seu propio estudo, e o seu selo discográfico, Faya Records, co que preparan un recompilatorio de rap suízo. O hip-hop estase a facer máis visible, cre. "Agora acendes a tele e oes hip-hop. Estase democratizando, pero segue a haber moito estereotipo. Dentro do hip-hop hai propostas moi distintas: non ten que ser un determinado xeito de vestir, falar, un estilo... É certo que se a xente nova fai algo, sempre hai quen o critique, pero iso é por ignorancia, polos estereotipos...", concluíu.