Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Festa da Cultura (Riotorto)
"Toca pasar á acción".
Co ánimo de dar pulo á cultura de base, máis de 40 colectivos culturais e sociais da Mariña e da Terra Chá sumaron folgos e ideas para organizar o medio centenar de actividades que, baixo o nome de Festa da Cultura, acolle a praza das Rodrigas de Riotorto dende hoxe ata o domingo.


"Queremos demostrar que con ganas e vontade pódense superar os atrancos económicos e promover unha cultura participativa", resume un dos coordinadores, Moncho Ermida. "Hai tempo que as asociacións estamos a reflexionar sobre que e como facer fronte á terrorífica axenda neoliberal de recortes nas axudas á creación".

A súa resposta materializouse nunha programación que reflicte a variedade de campos de traballo do tecido social da comarca. Colectivos feministas, ecoloxistas, deportivos ou culturais encheron unha axenda que, entre exposicións, obradoiros ou proxeccións, inclúe un concerto homenaxe a Mini e Mero e un recital que reúnirá ás voces poéticas da denominada xeración dos 80.

Os Tres Trebóns, Susana Seivane, Os Miñotos ou Xabier Díaz, entre outros, poñen música esta noite ao recoñecemento que o movemento asociativo quere brindar ao traballo da parella de músicos "Mini e Mero", que pecharán a homenaxe. "A cultura galega e todo o país está en débeda con eles", di Ermida, "e hai que recoñecer á xente cando aínda está entre nós".

Recital poético
Se hoxe resoan cancións nas Rodrigas, mañá serán poemas. Xosé María Álvarez Cáccamo, Fernán Vello, Cesáreo Sánchez, Xulio Valcárcel, Luísa Castro, Manuel Forcadela, Xavier Seoane e Rodríguez Baixeras van reunirse cando os 25 anos de De amor e desamor serven para pór baixo o foco a "madureza" duns autores e autoras que "restauraron a poesía culta no noso sistema literario", en opinión de Ermida.

Aínda queda tempo para un ciclo de documentais, un obradoiro de tuppersex, un maratón de curtas -que inclúe a proxección da mítica fita A Tola- ou un debate arredor da galegofobia -"non nun sentido lingüístico, senón dende unha perspectiva multidisciplinar", matiza Ermida-. Todo "sen ningún tipo de axudas públicas" e autofinanciado coa venta de bonos. E posto que a Festa da Cultura só precisa de vontade, a organización adianta xa que a feira volverá celebrarse rotando por toda a comarca.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-09-2010 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer