Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Xan Pampín (A Banda das Crechas)
A banda das Crechas naceu hai 23 anos como un grupo de músicos que tocaban foliadas todos os mércores na Casa das Crechas

Esta semana presentáronse dous dos discos máis agardados da música galega: o último de Marful, tras catro anos de silencio, e o primeiro de A Banda das Crechas, logo de máis de vinte anos de "foliadas" en directo. Dúas maneiras de reinventarse, dous universos sonoros nos que conviven a tradición galega coa fusión de estilos musicais.

Hai 23 anos nacía en Compostela un dos maiores santuarios da música folk en Galicia: a Casa das Crechas. Cada mércores reuníanse alí músicos galegos e do resto do mundo á procura das "foliadas", uns momentos únicos nos que se xuntaban a música de raíz, a tradición máis lúdica e participativa e a paixón dunha atmosfera única. Así se xestou a Banda das Crechas, un "grupo de músicos 2.0., aberto e plural", tal e como se definen, que esta semana presentaron o seu primeiro disco, ABDC (Boa Música).

Chus Bello (banjolina), Pablo Dalama (saxo / gaita), Antón Guillén (violino), Roi Vázquez (frautas), Manuel Amigo (Gaita, djembé e percusións tradicionais), Davide Salvado (voz e pandeireta), Santiago Cribeiro (acordeón), Pepa Yáñez (voz e pandeireta), Quin Fariña (violino), Gonzalo Goás (guitarra), Carlos Freire (percusións), Xan Pampín (bombo con pratos) son os "12 apóstolos" que xuntaron 15 temas nun dixi-pack, que inclúe un libreto explicativo con imaxes do grupo, letras e textos en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Falamos con Xan Pampín que nos explica de onde xorde a diversidade deste traballo que inclúe temas como o Pasodobre de Mallou, a Jota e Muiñeira de San Adrián de Cobres ou Unha noite na eira do trigo xunto a temas de influencias irlandesas e nórdicas como Stursch/Kyrkmarschen, Queen of the Rushes e Hard on the heels.

A Banda das Crechas naceu hai máis de vinte anos. Como foi evolucionando?
Pois nestes vinte e tres anos, hai moita xente que tocou nas foliadas, que pertenceu á Banda das Crechas. Pero daquela xente que empezou, agora só quedan dous. E o resto fómonos incorporando ao longo deste tempo. Na banda somos tres xeracións de músicos: entre corenta e cincuenta anos, entre trinta e corenta e entre vinte e trinta anos.

O xerme da Banda das Crechas era manter viva a música galega de raíz, segue a selo así hoxe en día?
Eu cando empecei a tocar nas foliadas das Crechas non había un colectivo establecido, unha banda base, digamos. Agora somos un grupo constante de dez ou doce músicos que imos todos os mércores á Casa das Crechas a facer a foliada. E despois ábrese a toda a xente que queira vir a tocar. Por mor disto decidimos facer o disco, porque temos un repertorio dende hai moitos anos, que se foi ampliando. Agora estamos catro horas tocando unha foliada un mércores e ao seguinte día só repetimos unha canción. As dúas paixóns que unen os músicos das Crechas son o profundo apego á Casa das Crechas como lugar de encontro e espazo creado coa filosofía de expresarse artística e musicalmente; e a outra paixón é desfrutar facendo música ao vivo. A Banda das Crechas non tería sentido sen a música en directo, que é a esencia dunha foliada.

Definides o voso disco, ‘ABDC’, como a banda sonora dun universo creativo formado por tres ingredientes: a historia, a paixón e o compromiso. De onde nace o voso compromiso musical?
O compromiso coa música é algo máis individual, cada un ten o seu devir histórico. Pero o compromiso colectivo é legar o que nos foi legado a nós: as nosas tradicións, a nosa cultura musical, e ensinarlla á xente que vén polas foliadas. E despois desfrutar que é o que realmente enche a un músico de facer música ao vivo.

No disco conviven a tradición galega con outras músicas, de orixes nórdicas, do oeste ou irlandesas, a que se debe?
A Banda das Crechas non tería sentido sen as foliadas e sen a Casa das Crechas, que é o lugar de encontro de moita xente, que estuda en Santiago, que acaba de chegar á catedral e vai tomar algo alí. Ese carácter está impreso na Banda das Crechas. Por suposto, hai música tradicional galega pero tamén recollemos este espírito que se recolle na Casa das Crechas onde músicos escoceses, escandinavos ou do Leste deixaron as súas melodías que nós recollimos e reelaboramos ao noso xeito. Iso transformouse en riqueza á hora de facer este traballo.

Por que decidiches chamarlle ‘ABDC’ ó disco?
Realmente tiñamos outro título pero roubáronnolo hai nada e tivemos que improvisar. Entón, decidimos simplificar o máximo posible: ‘ABDC’ son as iniciais da Banda das Crechas e tamén queriamos facer ese xogo de palabas en inglés e galego. O título resume o contido do disco.

O disco graváchelo en directo, como foi ese proceso?
Si foi o 31 de maio do ano pasado. Para gravalo, trouxemos a unidade móbil de Casa de Tolos de Gondomar. Non tiña sentido gravar nun estudio porque o que pretendiamos con este disco era plasmar a vida, o espírito, a sonoridade do local onde sempre facemos as foliadas. Fixemos dúas sesións: unha pechada pola tarde e outra pola noite con público. A maioría das cancións que están no disco son da sesión da tarde porque estabamos máis concentrados, sona moito mellor, pero son tomas únicas que non se repetiron. En estudio, mesturouse pero non se retocou nada, non había maneira de facelo. O que escoita o disco é algo orixinal, único e que se tocou unha soa vez, é algo exclusivo. Os dous últimos temas do disco son da sesión da noite. Neles colaboran un amigo e dúas irmás australianas. Con eles quixemos facerlles unha homenaxe á xente ou ós colectivos que se achegan á Casa das Crechas dunha forma frecuente ou de ano en ano a recordar o seu paso polas foliadas. Hai músicos que, como as andoriñas, volven: chegan ou ben co curso, ou co entroido...

Unha parte importante desa sonoridade é polo propio espazo pero tamén polo variado dos instrumentos –saxo, gaita, pandeireta, acordeón, guitarra, percusión ou djembé–, hai moita diversidade. Que lle achega ó disco?
Xan Pampín toca o bombo con pratos na banda pero tamén é acordeonista

Si, hai instrumentación tradicional galega. Cada un dos músicos dominamos un instrumento ou varios. Tamén hai instrumentos algo diferentes como o djembé pero o groso é tradicional.

O feito de editar ‘ABDC’ é unha
necesidade porque defender a cultura galega é máis preciso ca nunca?

Todo o que sexa facer música ou arte en galego é unha defensa do propio, é unha manifestación de que estamos orgullosos do propio e que queremos legar ese acervo cultural. Supoño que a música galega podía estar mellor, pero tamén peor. A Casa das Crechas ten a sorte de ser un espazo que recibe a xente de todas as partes do mundo. Podemos trasladar a nosa cultura a Francia, Estados Unidos, Alemaña, Inglaterra, Italia... Todos os anos hai xente que leva para os seus destinos un anaquiño de Galicia e da música tradicional galega. Nós estamos moi orgullosos diso.

Este ano, co Xacobeo, a música está por todos os lados da cidade pero criticouse da programación que se deixase de lado moitos grupos galegos, que opinas disto?
Ben, eu non son político nin me afecta no sentido de que eu tamén son músico profesional e profesor de música. É bastante decadente ou tráxico que non estea presente a música que durante o ano move a cultura galega. Grupos que durante o ano están traballando duramente para manter a música ao vivo, a arte ao vivo, esa xente que non estea presente nun Xacobeo paréceme un pouco triste. A Banda das Crechas non é un grupo que saia do espazo orixinal. Así que haxa máis concertos co Xacobeo non nos afecta tanto.

Podes contar cos dedos os espazos na cidade nos que se toca música galega.
Sempre se contaron cos dedos da man os lugares que apostan por manter viva unha cultura e unha idea de país. Apostan dunha maneira cualitativa e cuantitativa, porque ofertan moito e cousas moi boas. A Casa das Crechas é o centro de peregrinación despois da catedral.

Se houbese que definir dalgunha maneira que é unha foliada, que poderiamos dicir?
Unha foliada é unha festa aberta a cantar, bailar e a tocar música. Pero a mellor definición de foliada é a que un pode sentir se vai a ela. Eu animo a todo o mundo a participar nunha e que cada un leve a súa impresión propia do que é.

O disco, á fin e ó cabo, é unha
homenaxe á Casa das Crechas. Que lle achegou á cultura galega?

Para min, a Casa das Crechas é a catedral da música folk de Galicia. É unha homenaxe, por suposto. A Banda das Crechas non significaría nada sen a Casa das Crechas.

MOI PERSOAL
Xan Pampín (Compostela, 1977) é profesor de música nun centro de Santiago. Na Banda das Crechas toca o bombo con pratos aínda que tamén domina o acordeón e o piano. Sobre gustos musicais, asegura que escoita todo tipo de música, sempre e cando sexa "boa". Participa noutras bandas galegas como Vou Trío, Pesdelán, o desaparecido Xochilmica e tamén colaborou con Uxía Senlle.

www.galiciahoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-09-2010 09:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer