Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Xose Manuel Budiño
Que lembranzas garda de Paralaia, o seu debut discográfico?
–Daquela estaba a estudar jazz en Vigo e comecei a descobrir as posibilidades de escribir para todo tipo de instrumentos. Esas clases supuxeron unha apertura musical importante para min e cheguei á conclusión que podía levar esa bagaxe ao meu terreo e compoñer para instrumentos próximos a min. En canto pensaba isto xurdiu por casualidade unha chamada do festival de Lorient pedíndome que fose coa miña banda a tocar alí, daban por suposto que a tiña, e eu mentín e dixen que iría cando aínda non tiña grupo co que tocar! Coincidiu no tempo a miña intención de comezar unha carreira como solista con esa proposición, e foi un punto de partida para principiar. Alí funcionou todo moi ben e reafirmoume na idea de continuar o camiño emprendido. Lembro que os espectadores pedían discos para mercar cando aínda non tiñamos nada gravado. Importante foi a axuda dispendida por Jacky Molard na produción do disco.

–E nesa obra cantou dúas pezas Mercedes Peón que impactan moito. Vostedes dous ofreceron naquela altura unha vía diferente ao acostumado no noso folk.
–Foi clave contar coa colaboración de Mercedes nese momento, unha artista cunha bagaxe detrás tremenda. Descobrina nun festival Cidade Vella cando chegou ao escenario soa coa súa pandeireta e unha voz espectacular. Fiquei abraiado. Aire de Cruceiro e o Pateado naceron pensando nela e animeina a facer a letra. Creo que foi un cocktail explosivo o que montamos. En canto á nosa chegada ao folk creo que o fundamental para os dous era non seguir os patróns xa feitos. No meu caso provén da inquedanza que me producen todos os estilos que me atraen e teño na miña cabeza. A clave é realizar algo que non estea feito. Iso provoca que te diferencies dos demais. Non aturo as copias, non me encaixan. Resulta fundamental contar cun estilo propio e que a xente recoñeza unha canción como túa en canto soa. E todo iso aparece servido nas miñas composicións cunha influenza da música tradicional galega.

–Co segundo disco gravou para Virgin. Que lle pareceu o paso por esa multinacional?
–Horas antes de saír ao escenario da sala La Riviera en Madrid comunicáronme que os xefazos de Virgin asistirían ao concerto e que alí ían decidir se apostaban por min ou non. Levaban un ano seguíndome a pista. Convenceulles o espectáculo e déronme carta branca para realizar a produción. Flipei coa proposta que me ofreceron. Como todos os estudos de Madrid estaban ocupados nas datas que escolléramos debimos gravar no máis caro. Cando traballas en estudo sintes a presión do reloxo cando as horas van pasando. Logo estiven dando os toques finais nun estudo de Glasgow con Donald Shaw, de Capercaillie. Quedei encantado do trato que me deron en Virgin. Despois absorveuna EMI e todo rematou.

–O seguinte paso é o álbum Zume de terra.
–O cambio importante é que rexeito os estudos de gravación de Madrid, que resultan moi caros. Non quero pagar esa peaxe. En Glasgow vexo que poden facerse outras cousas e lánzome a montar un estudo na miña casa, algo ao que me axudou moito o técnico de son Tasende. Foi un traballo feito con toda a calma do mundo e dinme o pracer de convidar aos Capercaillie para unha peza, a Júlio Pereira ou á caboverdiana Sara Tavares para que cantase. A xente véu a casa a gravar colaboracións. Teño o método de que o fagan sempre á caida, na primeira toma, xa que logo queda con moita frescura.

–O disco Home xa o temos máis recente e agora edita Volta. Foi gravando regularmente cada 2-3 anos. É o periodo comercial que esixe o mundo do folk?
–Nunca pensei en estar catro ou cinco anos sen novo álbum e poder estar tanto tempo sen compoñer pezas para un traballo. Agora estou nunha etapa nova de non ser tan dependente da tecnoloxía, de ordenadores, software… Entras nunha dinámica perigosa de dependencia brutal das últimas novidades

–Pasado o tempo revélase como un acerto a súa conversión en solista logo de tocar varios anos no grupo Fol de Niu.
–Daquela, a finais dos noventa, era case impensable poder vivir da música e máis tocando a gaita. Pode ser que algúns que nos lanzamos a ser profesionais fósemos valentes. Eu descobrín que quería adicarme a isto cando era un rapazolo que tocaba nunha banda de gaitas e no Festival Intercéltico de Moaña facías jam-sessions con músicos escoceses e irlandeses, e comprobaba que vivían de tocar música polo mundo adiante e vin claro que, se tiña posibilidade, iso era o que quería facer coa miña vida.

–Quería que me falase das diferentes bandas que tocaron con vostede e do traballo efectuado para ter un bo directo.
–Fun variando de formación case en cada disco porque me parece máis sano. Poden cansar de min e eu deles. Os discos son como un experimento onde podes chamar a convidados especiais cos que non contas nas actuacións. É case como un agasallo ao ouvinte. Nos directos tes que ofrecer outra versión e agora mesmo manexo un concepto amplo de chegar a un público que quizais non escoita este tipo de música. A intención é que fagas disfrutar aos espectadores, aínda que esteas nun país en que descoñezan o que é a gaita. Quero ofrecer un espectáculo e refugo facer algo standard. Fago a miña película no palco, teño claro o que pretendo e un dos obxectivos é por á xente a bailar nos momentos culminantes do recital. É importante para conseguilo contar co teu deseñador de luces e os teus propios técnicos de son e monitores. Cando tes inquedanzas e viaxas, e vas a festivais sobranceiros o que sucede é que te divirtes e tamén aprendes de bandas moi diferentes e cadaquén monta a súa película persoal no escenario.

–Que diferenzas atopa no folk galego dende que comezou de solista ata agora?
–Esta cuestión daría para falar moito. Estamos nun punto de inflexión. En todos os festivais europeos pagan unha entrada e aquí nunca sucedeu así e considero que, con ese xeito de facer as cousas, acabas por queimar ao público. Levamos vinte anos sen cambiar esa actitude. Aquí a xente comenta “a ese artista xa o vin”, e ao mellor o concerto ao que asistiu tivo lugar cinco anos antes e os músicos están a facer algo diferente, pero o concepto é de que xa está escoitado.

–Pasados xa trece anos, pode dicir que se considera un profesional que vive disto?
–De momento conseguino e non resulta doado. Teño un pouco a mentalidade do mariñeiro de se non pescas, non comes. Esta forma de vida ten un risco continuo porque a situación económica resulta inestable en función do demandado que esteas. Por exemplo, eu estiven cun stand propio na feira do Womex, onde se xunta xente de todo o mundo para ofrecer as súas propostas na música de raíz e esa aposta personalizada foi moi custosa a nivel económico, pero é preciso arriscar se queres ter unha visibilidade grande diante dos programadores de festivais.

–Tocou xa en bastantes países. Amosou que a gaita funciona como calquera outro instrumento á hora de conectar co público, aínda que descoñeceran o seu son?
–Iso de que a gaita é limitada… As limitacións están no instrumentista e iso sucede con calquera instrumento. Ademais tamén existen cantantes con tesitura vogal limitada e triunfan en todo o mundo. O importante é como concibes ti a música e o espectáculo que ofreces. O público pode disfrutar cun instrumento que descoñece pero que lles transmite sensacións.

–Cales son os seus festivais de folk predilectos?
–O Celtic Connections é marabilloso. Celébrase en xaneiro en Glasgow e é o punto de partida do que se verá en todo o ano. Quen triunfa alí logo toca moito. Temos o Ollin Kan mexicano, cun mes de concertos a esgalla e no que existe unha grata convivencia entre músicos. Foi impresionante tocar na praza do Zócalo e tamén que unha produtora dun programa televisivo, que seguen 14 millóns de espectadores, teimara para que participásemos nese espazo. En Ortigueira fixen catro concertos como solista e un con Fol de Niu e quedei alucinado dende o primeiro momento. Sempre aproveito algún día para ir como espectador. Alí aprendín moito no backstage do xeito de traballar de grupos sobranceiros. Ten un ambiente especial e todos os músicos coincidimos en que tocar nese escenario é unha animalada.

–Que artistas o impactaron ao ao longo deste tempo?.
–Os escoceses Capercaillie. Toquei con eles en Moaña cando era un rapaciño e logo fomos véndonos no tempo, e agora temos amizade. Entre eles existe unha química especial que saben trasmitir ao público. Tamén citaría aos irmáns Molard. Estes bretóns son un mundo á parte. Descobrin a súa mestría cando tocaban coa banda Dem e cando escoite que tocaban Aires de Pontevedra no repertorio foi algo que me impactou. Milladoiro significou todo para a miña xeración e marcou o camiño. E pecho co irlandés Davy Spillane, que unía a un gaiteiro cunha banda que se movía con soltura no blues-rock.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 28-07-2010 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer