Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista con Xil Ríos
"Son da Alma nace do aroma das orquestras, do que nos namorou cando cativos"
Confesa ademais o rapsoda de Moaña: "Non todo foi 'Xirarei', as pezas reivindicativas son as que máis me emocionan".


Antes de nada, como é que unha persoa coa traxectoria e a enerxía que vostede demostrou posuír pode pasar tanto tempo de parón? O mono tivo que ser terrible, non?
Está claro que son unha persoa de directo e non só de estudio. Pero a vida artística é moi complicada. Se tés familia e queres levar unha vida con certa estabilidade, vas a estar a expensas de se tes galas ou non, de se un disco sae mellor ou peor. É a razón pola cal eu xa a comezos dos 80 busquei outras saídas e montei o meu primeiro negocio de hostalaría. Porque vivir da música é complicado. Pero iso non quita que aínda cando estiven de parón estivese fóra da música. O inverno, a compaña dunha guitarra, a xente, as ideas... Sempre parindo cousas.

Cóntenos deste 'Son da alma'. Que tiña na alma Xil Ríos cando lle pediu o corpo este novo disco?
Son cousas complicadas de explicar. Porque se trata do que flúe de ti mesmo nun momento dado. As vivencias dun neno, as lembranzas da música que escoitabamos daquela. Músicas mexicanas, caribeñas, a salsa, o son... sons do que nos namorou cando cativos. De aí nace. De cousas que se levan moi dentro. Dese aroma das orquestras que sempre tiveron moito éxito neste noso país que sempre foi Galiza de grandes orquestras. Eran os 50 e tantos e corríamos polas verbenas e, antes de que nos viñera a beatlemania, iso é o que escoitábamos.

Aínda con ese fío común, este último disco explora varios matices : ese desafío festeiro do 'Xa caerá', ese compás máis íntimo do 'Unida a min'... como fixo a selección? quedáronlle pezas no caixón?
E claro, sempre quedan pezas. E unha vez que comeceu a compoñer todo foi moi rápido e saía con moita enerxía. Logo da experiencia anterior, co 'Vai e vén', no eido do folk mais cunha concepción moderna, é un cambio considerábel. Pero é o que xurdiu dun xeito moi natural. Empecei a compoñer temas con ese fío e gustoume tanto que xa tirei por aí. A partir diso, había que mestizalo a darlle tamén un toque moi noso, por exemplo con esas pandeiretas, o maneo que tan ben entra con moito ritmo con moitos destes sons. E falando con Segundo [Grandío] miramos de buscar un percusionista cubano, el mesmo insistiu en tocar o baixo, contamos cun tresero magnífico, do mellor que teña escoitado eu con ese instrumento. Que por certo, contábame o cubano que colaborou con nós, Willi Mondeja, que lle chamaba a atención ese son que tiña na alma porque, dicía el, era mesmiño o que seu pai tocaba nos anos 40... E dicíalle eu: isto, neniño, mámalo desde pequeno. E así é.

Hai varios perfís en Xil Ríos... o máis festeiro, o máis íntimo, o reivindicativo. En todos se sente cómodo? Cal lle ten outorgado máis satisfaccións?
En verdade pódese dicir que as satisfaccións dachas o mundo comercial e non o ámbito máis 'social'. Pero o social outórgache outro tipo de satisfaccións, aínda que ás veces leves paus. Falaba un vello de por aquí aí nunha taberna 'Por dicir máis de catro verdades perdín algo máis de catro vasos'... Evidentemente eu cando comecei fíxeno no eido da reivindicación. Denunciei, loitei á beira dos mariñeiros. Eran tempos duros. Había moito que denunciar.

A cousa virou cando asinei cunha multinacional. Funcionan así: só queren aproveitar unha boa voz sen máis complicacións. Foi ben significativo cando despois me chamaron da CBS moi interesados en min. Apetecíame cambiar de compañía, pero tamén de estilo: volver ás orixes. Cheguei onda o director artístico da discográfica e ensineille os temas na liña reivindicativa na que quería ir. Insistíronme en que me querían para cousas do tipo Xirarei e Rapaciña bonita, sen complicacións. E cando insistín xa me cepillaron (ri).

E nestes tempos de crise volve asomar esa vea reivindicativa...? Ademais a música é do mellor para espantar a crise, non é?
Home! Se ben por sorte todo cambiou, deixamos atrás unha ditadura e hai presións que desapareceron, a reivindicación non é menos necesaria. E a min aínda me gustaría dicir máis de catro cousas. Estáche falando un paisano que xa tivo que andar a labazadas con armadores, que ergueu a voz cando fixo falta. E cando un se bateu desde novo por uns ideais e puxo esperanzas nunha xente, cústalle ver cousas que están pasando. Non dou creto ao que fan e o que din algúns políticos e moitas veces decepciónante tamén as actitudes dalgúns sindicatos. Envelénome moito cando paro a pensar en cousas destas. Róeme por dentro. E que están pasando cousas... Miro cousas que non creo!

Ao fío diso... poucos músicos hai que poidan dicir que sexan protagonistas do que a sociedade asumiu como 'himno'. Pero alén do Xirarei e temas similares, se cadra os que o gran público coñece... serán algúns dos menos coñecidos aos que Xil Ríos lle garda un cariño especial...?
Claro, ás veces dáche un chisco de tristura que só parezan quedar na memoria pezas como o Xirarei ou Rapaciña bonita, Maruxiña... Son ás que máis doado fican na xente. Pero recoñezo que hai temas da miña época máis 'social' que son os que máis me emocionan. Pezas como 'Nosa Galiza', 'Aos meus amigos', tema que mesmo foi vetado pola TVE, 'Vello compañeiro', 'Mar adiante',

E sempre en galego, malia que por exemplo fixéronlle armar unha versión en castelán do 'Xirarei'. Pedíronlle moitas veces que cantase en castelán?
Pois si, sempre había sobre todo xente de fóra a quen lles gustaban as cancións pero tiña esa teima. Eu tiña que desculparme, porque o certo é que nunca tiven repertorio ningún en castelán. Si é certo que algunha vez saíu algún tema, caras B, en castelán, en realidade non as tiña incluídas no repertorio. En galego era o natural. Recordo por exemplo en Suíza unha xente que se me achegou e me felicitou e pediume que cantase algo en castelán. Foi conmovedor ver como lles gustaba a miña música, pero no tocante á lingua, simplemente non me saía e con moita diplomacia díxenlles que non podía ser. O meu repertorio sempre foi galego.

Por certo, préstalle ese alcume de 'O rapsoda de Moaña'? Como foi que llo puxeron?
Foi Xosé María Castroviejo. A cousa xurdiu dun pequeno poema que fixen por respecto e homenaxe a meus pais e á xente da emigración. De aí saíu a primeira letra que eu compuxen. E coincidiu nunha ocasión que Xerardo Rodríguez, da Radio Popular Vigo, convidoume a unha cata de viños do Condado nas Covas de dona Urraca. Alí cantei por primeira vez aquel 'Nosa Galiza'. E a xente quedou encantada e impresionada. Daquela foi cando Castroviejo me puxo o do rapsoda.

E 'O baile lévase dentro', di unha peza deste Son da alma, ten moito baile preparado Xil Ríos...? No seu 'Xirarei' vital en que novos proxectos cavila?
Pois si que o do baile o levo moi dentro. Mentres a forza aguante aí seguirei. Viña dunha época na que estaba moi saturado física e psicoloxicamente. E buscar e barallar ideas fóra do que estaba facendo animoume moito. Recuperei as gañas de tocar e bailar. E este disco apetéceme moito vivilo en directo.



www.vieiros.com


Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 27-07-2010 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer