Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Come on Pelegrín’, o mellor underground compostelán nun CD
Enfudado nunha carátula coa “icona pop” do Pelegrín, este Caribe Mix Compostelán, recopilatorio de vinte e catro bandas que habitan a capital de Galiza, é unha mostra da excelente saúde que experimenta o rock na cidade. A presentación será o día 23 na Sala Moon. O prezo? Só 6 euros

En CD con nada menos que vinte e catro temazos do mesmo número de bandas compostelás é o que ofrece o recopilatorio Come On Pelegrín que o día 23 se presenta na Sala Moon de Santiago. Nacido do inquedo maxín de Carlos Pereiro, aka Carlangas, guitarrista e cantante de Novedades Carminha, Adrián Moreno, alma mater do blog de música Pista Oculta, e Julián Sobrino, dos hardcoretas Rayo Vaticano, faille xustiza ao excelente estado de saúde do underground na capital de Galiza. Tanta creatividade vén, ademais, enfundada nunha "xenial portada", tal como a cualifica Moréno, deseño de Rubén Prol, alias Zé Pequeno, de Metralletas Lecheras, que constitúe unha oda á "auténtica mascota" do Xacobeo, o Pelegrín.

"Para nos Pelegrín é unha icona pop" –alega Carlangas–. "Isto, xunto coa estética teletexto paréceme o realmente vintage. Os 60´s están pasados de moda, Andy Warhol nos avalaría, estou seguro. Non coñezo a Xubi, pero é un nome super pureta. Todos estos debuxiños e logos son unha paletada suprema, mais sempre hai unha doble interpretación artística e discursiva. Somos galegos". Ao que engade Moreno: "Coma en tantos outros campos, Xubi é un intento de renovar algo que posíbelmente non era necesario renovar. Tendo un icono recoñecido e querido preferiuse apostar por un novo sen personalidade, con ese fin único".

A presentación farase en palabras dos organizadores, "cunha festa como deus manda": Dúas actuacións en directo de El Pito de Pikasso e Metralletas Lecheras, unha picada de luxo a cargo de Shy Boy de Los Chavales e "por só seis euros a entrada" un sae da sala co disco baixo o brazo. "Vamos, que só poderiamos melloralo regalando bocadillos de Nocilla coa entrada". The Homens, Novedades Carminha, Samesugas, Los Chavales, Dr. Gringo, Royalties, Shit Pony, Sr. Anido, Dirty Socks, Pity Sanz, Sinestesia, Strabismo, Tapiporla, Ataque Escampe, Javi Pretty, Los Lombardi, Secho y Los Invisibles, Medomedá, Ruxe Ruxe, Desequilibrio Mental, Acción Kannibal, Rayo Vaticano, Metralletas Lecheras e El Pito de Pikasso son os artistas que contén o disco.

Compostela é un poderoso reducto do underground. É que ninguén se enteirou? Eche o que ten o de ir por abaixo?

Carlangas: Pois aqui o teñen. Sin recriminar nada a ninguén. Seguro que as paletadas que organizan requiren de moito tempo. Si o queren ver só teñen que mirar, e si queren explotar o diamante en bruto, non teñen máis que tratarnos como nos merecemos. Agora demostramos que valemos, ou non?

Adrián: creo que para os grupos pequenos, que están empezando, ou incluso os que xa levan anos na escena pero non saíron do círculo "underground", custa moito traballo conseguir darse a coñecer. Ás veces estamos infinitamente máis enterados do que están a facer uns chavales na outra punta do mundo coa súa banda que o ben que sona o grupo dos rapaces do barrio, pero isto non é algo exclusivo ó musical.

Como se lles ocorreu esta xenial idea?

Carlangas: Somos nervosos, e por tanto temos que canalizar os impulsos de algún xeito. Esta vez ocurríusenos facer un recopilatorio de bandas de rock and roll de Compostela, porque creo que é un proxecto que implica, a parte do propio formato físico, a iluminación de un movemento que realmente existe e que nin nós mesmos, que tocamos en grupos e facemos xornalismo musical, sabíamos que existía. No fondo foi unha pequena labor de investigación no underground. Creo que a partir de agora seremos máis fortes como escena, e espero que sirva para que o público poda coñecer a máis bandas, asistir máis a concertos e estar máis atentos ao que ocorre na súa cidade. Todo sito ocurríu de un mes a esta parte. Coordinámolo desde Madrid e Santiago de Compostela. Púxenme en contacto con Adrián, responsable da páxina pistaoculta.com, para expoñerlle a idea e mans á obra. Primeiro buscamos algo de financiación coa axuda do tercero coordinador, Julián Sobrino, e botamos contas. Todo o demás foi pedir cancións e proponer a idea ás bandas, avisar a técnicos de son, a deseñadores gráficos para a portada, á propia fábrica de discos. Creamos un bo equipo de traballo, e espero que o producto cumpla as expectativas, ainda que estou seguro. Hai un nivelón increíble.

Adrián: co blog non teño maior obxectivo que falar un rato de música, que é unha das miñas paixóns. Parte do tempo que boto nel aprovéitoo para dar a coñecer a grupos locais, porque cando comecei co blog achei que non había un medio que lles adicase un espazo no que contar as novidades en torno a eles, ou que os dese a coñecer ó mundo. Cando Carlangas comentoume a idea de facer o recopilatorio pareceume xenial, para deixar constancia de todos o movementos máis ou menos amateur (chamémoslle underground) que hai en torno á música en compostela, e ademais encaixaba totalmente coa labor de difusión da música máis local, á que máis lle custa conseguir un óco nos medios tradicionais. A partir de ahí, organizamos a tres bandas os aspectos técnicos, artísticos e económicos do disco, contactando coas posibles bandas para saber se estarían interesadas e obter os fondos para financialo. Gracias ós patrocinadores do disco puidemos facelo sen que sexa un custo para os grupos, e esperamos poder darlle unha boa difusión para que ninguén se quede sen oír o que se está a facer en Santiago.

O nome evoca a aquel dos Pixies ‘Come on Pilgrim’.

Carlangas: Si, é un recopilatorio de música Pop. Os Pixies seguramente sea unha das tantas bandas que nos unen como fans. Non é unha guerra fría contra ninguén. Creo que con publicacións como esta demostramos ter forza e calidade suficiente para que nos fagan caso, sin acritude o digo . Anque non é para nada iso o que nos preocupa. Cos cartos que costa un pincho calquera no concello, dos que hai a diario, nós montamos un circo e de calidade. Mais sabemos onde estamos, seguimos traballando, e espero que esto sirva para facer forza e chamar a atención. Ás veces si que é verdade que desde algunhas institucións se apuntan logros, pero a cultura non é subvencionable.

Ese é o grande erro, pensan que cunha rede de locáis de ensaio estamos contentos, e creo que iso non é tratarnos como nos merecemos, xa se ve que todo funciona tratando as cousas con cariño e un pouco de xeito, con iniciativas que realmente chaman a atención e son de interese público. Moitas veces veñen grupos dez grupos punteiros durante o verán a Santiago, que me parece perfecto, e ningún de aquí, cando hai xente de aquí que está metendo 400 personas na sala Nasa ou actuando con éxito polo resto de España. Eu só espero que non se apunten o tanto de ter recopilada a escena da súa cidade, fora de subvencións, fora de amaños que nada teñen que ver coa propia música, e lles sirva para reflexionar, e poder abrír unha porta de traballo e colaboración entre as institucións e os que traballamos día a día con esto. Creo que ninguén o fará mellor que nos mesmos neste ámbito, anque deberíamos de empezar a funcionar de outro xeito. Non é cuestión de cartos, xa se ve que non os necesitamos para facer algo atractivo.
Adrián: ás veces non sirve de nada esperar a que veñan e cho dean todo feito, hai que levantarse e ser ti o que dea o primeiro paso. Se queres que se recoñeza algo que cres que o vale, a mellor maneira de deixalo claro é montándoo ti mesmo.

Este cd é un antídoto contra tanta vulgaridade programativa oficial?

Carlangas: Este cd é bo, a pesar de ser o Caribe Mix Compostelano creo que hai calidade, hai boas cancións, hai actitude… Eu vou ir a todo, sobre todo ás orquestras, que me parecen divertidísimas. Quizás cada persoa programaría de unha forma as festas. É un tema complicado, que non ten nada que ver conmigo, non me interesa. Quizáis me interese máis un grupo que mete nunca sala pequena 50 persoas e levan un mes de xira sin cobrar un peso que Bebe, pero si necesitas que algún grupo underground veña a túa cidade o mellor que podes facer é organizarlles un concerto. Así con todo na vida. DIY (faino ti mesmo)

Adrián: Penso que este cedé pode servir para calqueira que se quera interesar pola música que se está facendo na súa cidade, que probablemente non coñeza e lle sorprenda a cantidad de grupos que se estaba a perder. Non é un disco definitivo no que estea toda a música compostelana, pero é un bo punto de partida para quen quera descubrir algo máis alá do que xa coñece.

Ten moito que ver niso a Casa Xurásica?

Carlangas: Ten moito que ver, ese si que é un reducto do underground. De ahí sairon as mellores bandas de Compostela últimamente. Creo que hai catro grupos da casa xurásica no recopilatorio, ou algún máis. É una pena que nos discos non quepan máis de 80 minutos, porque hai grupos como Fluzo, Malandrómeda, Kaze Dj, Galegoz, e mil máis que me esquezo que merecen moitísimo a pena. O que pasa é que tivemos que traballar cuns límites estilísticos. De todos xeitos non descartamos tocar a electrónica ou outros estilos en próximos proxectos.

Adrián: a labor que fai a Casa Xurásica de mantemento e difusión da cultura musical do-it-yourself compostelana paréceme digna do maior dos eloxios. Dela sairon multitude de grupos, algúns no digo, coma Samesugas, The Homens, Royalties..., e tantos outros que non encaixaban tan directamente no disco. E coa mesma, os concertos, festivais e demais eventos organizados por eles son do mellor que hai para a difusión da escena compostelana, son un dos seus mellores escaparates.

Fálenme da interacción entre as bandas, da creatividade da xente, dos locais onde tocan, beben, intactúan...

Carlangas: Respecto aos locais, precisamente son os reponsables de que isto saíra adiante. Entre os patrocinadores do disco non se atopa ningunha institución, a colaboración foi de bares, comercios e mesmo Estrella Galicia, que decidiron apoiar unha das súas paixóns, a música, que non sempre é ben tratada institucionalmente.

A creatividade compostelá segundo Alfonso Espiño de Los Chavales “Pois así, sen investigar moito, dende os 70 con N.H.U., nos 80 con Nicho Varullo e Dirty Barriguitas, nos 90 con Fame Neghra... Ao principio aparecen poucos grupos, pero xa nos 90 comeza a haber escea de grupos variados estilísticamente, xerme de moitas formacións actuais. Destacaría aos Miskatones, nos que comezaron o bluesman Xulián Freire, e Mon Orencio, que non para actualmente, e tamén Xacobe Prieto, actual baixista de Dr. Gringo. Con eles, a Red Blues Band, onde comezaron Coll e Costa, Los Reyes del KO. E tamén, como non, o meu primeiro grupo, Contrastes, aínda bastante andergraun e aínda bastante reivindicables. Pero había moitos máis, Flintstones, Túzaros, Cocodrilo Blues, Torquemada... menudos festivais se montaban nos institutos, e sobre todo na sala NASA, co Rock Parrulo, que marcou a nosa xeración. De todas estas bandas e moitas máis tomou boa conta César Varela no seu fanzine Plástico Elástico nº 1 no 2001. Hoxendía dirixe o seu programa Plástico Elástico na radio Kalimera no que fala de tódolos grupos en activo e outros que xa non están. Por certo, falando da Nasa, alguén sabe algo dos Moderados? Eran un grupo que me gustaba moito e non se volveu saber deles. Se estades aí, manifestádevos”.

“O cacarexado Xacobeo 2010 pasa de todas estas bandas” Alberte de Samesugas e Lixo Urbano, Roi Fernández de The Homens, Alfonso Espiño de Los Chavales, Carlangas de Novedades Carmiña e Adrián Moreno de Pista Oculta. Cinco cidadáns da urbe apostolar, que abre historicamente poderosas fendas desde o subsolo á impronta eclesiástica e oficial, cohabitan desde o seu nacemento (ou desde a chegada á Universidade, no caso de Fernández) coa cadencia regular de 6-5-6-11 anos da festa loco-internacional xacobea e das súas sucesivas programacións, este ano especialmente atravesadas polas críticas.
Roi Fernández: Compostela sempre foi un sitio onde xerminou de forma moi potende o underground e Come on Pelegrín é unha mostra, sobre todo tendo en conta que quedaron moitas bandas propias. É unha iniciativa privada onde se representan estes grupos que non están, entre outros, en ningunha das programacións do cacarexado Xacobeo 2010.

Alfonso Espiño: A min dáme a risa, ou eran ganas de chorar? Para comezar, repetir artista paréceme unha oportunidade perdida, un cartucho ao aire. Non sei por que ten que volver Springsteen e moito menos JM Jarre, se co seu caché pódese traer a outros dinosauros que aínda non nos visitaron. Gústannos os dinosauros para os grandes fastos. O que pasa é que este ano van traer ó máis aburrido deles, mr Knopfler. A ver se Alice Cooper non está moi vello, porque se o mellor que se pode traer para un Ano Santo é Muse (repe tamén) e Arcade Fire, apaga e imos. Estamos acostumados a que nos traian todo de segunda man ou de Todo a Cen, eu xa non me queixo nin suxiro, que para iso teñen a cabeza eses que cobran as comisións, para decidir a quen se trae. Aínda que postos a pedir, de dinosauro me pido a Paul McCartney e dos novos artistas a Alexander Kodchenko. Mención aparte merece o concellal de festejos sr Baqueiro, que este ano se luce con Melendi, Bebe e Pereza. Que non se sorprenda ninguén se o vemos no Preguntoiro pedindo una monedilla... En Compostela hai calidade suficiente coma para que o Xacobeo monte canda menos un día, só un día, un festival que reúna a media ducia de grupos locais, e que a xente de fora teña a oportunidade de escoitalos e opinar e/ou disfrutar. Só se necesita vontade para medrar. Queremos medrar.

Carlangas: A min pareceré que o Xacobeo ten cousas positivas, e nos dá posibilidades como espectadores. Creo que o poderían plantear de outra forma, eso si, porque hai movementos raros e decisións que ninguén entende e só se poden explicar por intereses económicos. Somos punks, eu si quero facer algo xa o fago ( á vista está), e eles que se enmarronen coa súa dubidosa forma de facer, mentras eu vou á praia e estou en contacto co que realmente me fai feliz, que son todas estas bandas de rock and roll. Cando se paren a pensar e reflexionar co corazón poderemos negociar, mentres seguiremos ligándonos ás súas fillas e disfrutando dos seus barcos a escondidas. A nivel musical a min dame bastante igual, é como a Cidade da Cultura. A min que coño me importa o Xacobeo ou o Gaiás, si non me vai a abrir ningunha porta? Disfrutarei de Elvis Costello e intentarei tirarme a unha holandesa. Eu agora vivo en Madrid, e estou acostumado a andar por rúas ateigadas de xente, non me sinto mal aqui estes días. Tamén me da bastante noxo a actitude de criticar todo o que pasa, creo que debemos de ser optimistas e sacarlle o bo ou polo menos o divertido a todo esto. Temos que tirar de actitude

Adrián: penso que, coma di Carlangas, o Xacobeo ofrécenos unha moi boa posiblidade coma público, traendo a artistas que non volverán a pasar por Galicia ata dentro de moitos anos (no próximo Xacobeo quizais?). E este afán por facelo todo ó grande é parte do problema: ás veces non é necesario recurrir sempre a traer cousas de fora, cando na casa tes xente moi boa que está pasando desapercibida e podes darlle unha grande oportunidade. O que realmente espero é que parte do feito este ano no Xacobeo se continue nos próximos anos, porque senón é realmente unha perda de tempo montar festivais multitudinarios de “usar e tirar”, dos que nada quede ata o grande evento de turno.
Alberte: Realmente nos últimos anos começou haver um interese de certos programadores do Xacobeo em bandas mais underground, em descubrir a qualidade musical que havia em bandas que nom eram tam conhecidas nem tocavam em grandes festivais. Mas neste último ano todo voltou ser como era anos atrás.

www.galiciahoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 20-07-2010 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer