Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Aqueles Seráns...

¡Que difícil é atopar hoxe en día a mozos e maiores divertíndose baixo un mesmo teito; a pais e fillos danzar da man e a cativos e adolescentes pasando o tempo xuntos! ¡Quen o ía dicir ! Dende logo o que máis sorprende é atopar esta escea tan entrañable e esperanzadora; unha escea na que avós, pais, fillos e netos se estean a divertir nun mesmo espazo e dun mesmo xeito. O miragro interxeracional non se conseguíu nin con campañas dos Servizos Sociais nin con medidas institucionais.

Algo tan sinxelo como a recuperación dunha tradición ten feito que , por fin, todos consigan desfrutar xuntos. Deste xeito, os seráns cobraron forza e voltaron a cobrar importancia nas axendas dos veciños. Logo dun minuicioso traballo de pescudas os seráns son capaces de facer bailar a vellos e nenos, aínda que, cos anos, vanse engadindo novos elementos nestas festas tradicionais. Iso sí, seguen sen perde-la súa esencia:. a do baile e a música como entretemento.
Luis Prego Fernández, recuperador de tradicións e músico, explíca o milagro dos seráns, ruadas, folidas, esfolladas ou tamén chamadas fiadas ou polavilas en terras de Galiza.

Cando na época dos sesenta comezaron a desaparecer os seráns ninguén se atrevería a pensar que corenta anos despois se convertirían en festas capaces de congregar a centos de persoas e,nalgúns casos, incluso milleiros.
Daqueles vinte ou trinta veciños que se divertian ao son das pandereitas pasaron a ser festas nas que non falla o viño nin os chourizos asados.

Logo de perderse completamente os seráns voltaron ás vidas dos galegos cobrando forza e ofrecendo no seu repertorio non só música e diversión, tamén comida, bebida e exhibicións de danza tradicional.

Cando Luis Prego Fernández se propuxo documentarse sobre a música tradicional galega aínda non sabía que acabaría argallando unha “festa rachada”. Este vigues apaixoado da música e as tradicións galega non podía imaxinar o que se agochaba nos recordos dos máis maiores, marcados por unha vida chea de traballo pero tamén con tempo para o lecer.

Aínda que a traxectoria de Prego comeza vinculada á asociación “De Troula”, acabou formando parte do grupo “O Fiadeiro”.
Cando Luis, acompañado doutros membros do grupo, comezou o traballo de recopilación e documentación de bailes e cantigas galegas sempre se atopaba con referencias aos seráns, unhas festas, que segundo os máis maiores das parroquias, comezaban arredor das oito da tarde e nas que se xuntaban os veciños uns tres días á semana nas noites de inverno. “A xente recollía o gando antes e coma no inverno non había outro xeito de divertirse xuntábanse onde podía, sempre a partires do outono e cando as tarefas do campo xa estaban rematadas”, explica.
Lembra Prego que un dos primeiros serán que organizou foi o da Ínsua, en Ponte Caldelas, aló polo 1991. Como tivo certo éxito continuaron xa no ano 92 facendo o serán no baixo do bar do Crego. “Xuntamos a catro pandereteiras e ao grupo de gaitas que había antigamente e propuxémoslle xuntarnos tódolos sábados e facer festa. Foi todo un éxito”.

Os primeiros seráns que recorda fixéronse nos teleclubs e nas antigas escolas, xa que aínda non había espazos habilitados para esta festa.
No ano 93 nas Cortellas de Padrón animaron a algunhas veciñas que xunto con Manolo da Nave e Domingos da Ermida organizaban o serán os sábados. Domingos, á súa vez, trouxo dende A Ermida de Pazos de Borbén a unhas señoras maiores que tocaban e así, dun xeito completamente inesperado, acadaron a esencia dun serán: reunir a xente de distintas poboacións para tocar e bailar xuntos. Deste xeito Cortellas e A Ermida foron os primeiros da comarca e facer un serán dos de antes, dos auténticos.
E así comezaron na Ermida, donde comezou a vir xente de Paredes, e de ahí, pasouse a facer un serán na casa escola de Paredes, e foi tamén nesta vila donde comezaron a recupera-las labradas. Incluso chegaron a restaurar un muíño e a polo en funcionamento para explicar o proceso de elaboración do pan. “Nos puxemos a curiosidade e eles a memoria. Foi estupendo. Fixemos un serán ó pé do río”.
Logo chegou Moscoxo, falando co crego da parroquia lle propuxeron facer un serán en cada parroquia atopando en Lence, o crego, un gran apoio. Foi ahí donde se fixo o primeiro macro-serán porque víu xente dos arredores, e foi ahí donde tomaron contacto cos veciños de Toutón que hoxe organizan o macroserán dos Namorados.
Pero tampouco quere Luis Prego esquecerse das veciñas de Sequeiros que se deron a coñecer a traverso das veciñas da Ermida.
Mentras o boca a boca facía a súa laboura de dar a coñecer a recuperación desta tradición, conseguindo que veciños de todas as vilas se interesasen, a tarefa de documentación seguía. Para quecer o corpo sustituiron a tradicional “copiña de augardente” polo chocolate con rosca.

Lembra Prego que os primeiros que comezaron a dar comidas foron os de Sequeiros e os de Toutón. Recorda, ademais, que na nave de Pousiño se deu a primeira merenda para os participantes.
“Tamén en Sequeiros se fixo o primeiro palco explícitamente para os seráns. Fixoo Manolo na súa nave porque él é ferreiro. Realmente podemos decir que o serán da nave de Manolo e o de Moscoxo foron os primeiros macro-seráns. E aí tamén comezou a rivalidade, sobre todo, na comida que se ofrecía: xamón asado, empanada... e un longo etc de boa gastronomía”.

Aqueles seráns daqueles seráns dos anos trinta, corenta e cincuenta consérvase o espírito e as ganas de divertirse porque o xeito de festexar foi cambiando. Naqueles seráns que se celebraban nos alboios das casas e nas cortes do gando non había comida, tan só ganas de pasa-lo tempo porque, en realidade, no inverno non había outro tipo de diversión, así que, unha vez rematadas as tarefas do campo, limpaban as cortes, puñan candís de carburo e collían as pandeiretas dispostos a bailar ata ben entrada a noite.

Naqueles primeiros seráns colocaban bancos para sentarse os maiores e dentro do cadrado danzaban os máis novos. Na zona de Fozara, Ponteareas, cando non había alboio cortaban piñeiros e con colmo facían o tellado para poder resgardarse do frío.
Tal foi a importancia dos seráns que nalgunhas parroquias como a Calvos de Moscoxo celebraban varios á vez para rivalizar.
Os seráns conseguían xuntar aos veciños de distintas parroquias e vilas e constituían un lugar de encontro para os namorados e nun marco entrañable da vida social. Nos bancos dos seráns tecíanse historias, rumores, cantigas e cotilleos que logo se aireaban nas coplas de entroido.

Entre algunhas das diferencias que existen cos primitivos seráns está o número de cantigas que se cantan no esceario. Antigamente a xente que subía a cantar tiña que aguantar cinco temas porque a xente o que quería é bailar para poder, entre outras cousas, ligar. Agora hai tanta xente para participar que se tocan menos pezas por grupo. Entre as pezas que se soían tocar estaban a jota, a ribeirana hoxe coñecida como muiñeira, o agarrado que é o pasodobre, a jota corrida ou balse e o dous pasos ou a mazurca que son dous ritmos distintos. “Agora existe o defecto de dárselle moita impotarcia aos grupos que tocan perdendo parte do contido humán”.

O xeito de tocar nun serán era un distintivo de cada vila ou parroquia. Cada pobo tocaba uns temas determinados e característicos da súa zona. “Agora nun serán te poden tocar un maneo, estase a globaliza-los serán e eu preferiría que cada pobo conservase o seu xeito de cantar e bailar. Coido que os grupos que van aos seráns deberían respetar aos grupos anfitrións e facer que ninguén interprete os bailes e cancións propios do seu pobo, pero para iso habería que facer unha laboura de recollida de datos que permitira documentarse e saber en cada zona que é o quese bailaba e tocaba”.

Pódese dicir que en toda Galicia se bailaba ao son da gaita,da pandeireta, das cunchas e de moitos outros instrumentos improvisados pero habería que destacar que en cada zona predominaban uns ou outros instrumentos e que en cada provincia os seráns adoptaban distintos nomes. Deste xeito, no sur da provincia de Pontevedra denominábanse seráns, en cambio no norte da provincia e en Ourense e Avión chamábanselle “ruadas”. Na zona da Fonsagrada pasabana ser “polavilas” e no Caurel “filandón”. En Bergantiños e na Coruña son “foliadas”. Noutras zonas incluso se coñecían por “fiadas” ou “esfolladas”. Nalgunha outra chamábaselle “palilladas” porque as señoras maiores aproveitaban para palillar encaixe de bolillos mentras gardaban ás netas ou ás fillas. En canto a instrumentación e ás pezas existían certas diferencias; en Avión, por exemplo, bailabase a jota, a muiñeira e o agarrado. Na Limia non tiñan pandeiretas e tocaban a trisca que eran latas de pementón ou tixolas cunha chave. Na Fonsagrada só había gaiteiros e na zona do Paradanta tocábase moito a pandeireta, o pandeiro, as cunchas ou os ferriños. O gaiteiro tan só tocaba alí donde se podía contratar, e todo se pagaba a escote, incluso a luz. En definitiva, a instrumentación, as pezas, a ausencia de comida, os bailes característicos de cada pobo e o emprazamento son algúns dos factores diferenciadores entre os seráns dos nosos avós e os de agora.

www.apeneira.com
Comentarios (2) - Categoría: Seráns e Foliadas - Publicado o 31-01-2007 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Hola Malmequer! Eu son un novato (relativamente) nesto dos seráns, nas foliadas e nestas cosas. Nembargantes levo uns 12 anos bailando, etc, e sempre disfrutei moitísimo con todo esto. O certo é que nunca puiden disfrutar da "movida galega" por falta de amigos cos que facelo, ata que un día decidínme a ir só a unha estalotada e dende aquela... xa teño quemado bastantes torreiros, jajajaja. Un día, estando nunha estalotada en Santiago (por certo, saudos ós Estalotes, que son unha xente da que non hai e a toda xente que disfruta en San Pedro!!), atopei a un vello amigo meu de vilagarcía, o marco, que viñera a unha esta#blgtk08#lotada no cruceiro cun amigo de Burgos.
Botamos a falar e empezoume a contar que non podía crer o que estaba a ver: unha festa na que se xuntaban novos e vellos, sen ningún tipo de falta de respeto, todos cantando e bailando xuntos, disfrutando, bebendo, en fin... que dicíame que nunca, nunca, nunca, en burgos, vira tal... a forma de bailar, de compartir...
Resumindo, que a nosa cultura é unha xoia e que non hai nada igual en ningures, e que é unha mágoa que a xente non aprecie máis o que ten: usando a copla de M. Peon, "O galego que non vive a cultura da súa terra
non sabe o que ten de seu...".
Comentario por Emacc (02-02-2007 20:43)
2 Gracias Emacc, por compartir isto con n#blgtk08#ós, xa somos máis a disfrutar do noso!!
Comentario por Gloria (08-02-2007 14:37)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer