Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista con Narf e Manecas Costa
Aló Irmao! andaba polo mundo colleitando éxitos coas súas composicións sen sequera ter un disco na man, o que moito dicir nos tempos actuais. En São Paulo, Reino Unido, Arxentina, Brasil ou Galiza, os seus milleiros de seguidores pódenos por fin sentir na intimidade da casa en formato CD e DVD, de título homónimo. “Aquí non hai trampas, somos o que parecemos”: dous músicos, un galego e outro da Guiné Bissau, que fan potentísimas cancións que transcenden as fronteiras culturais


Dentro de Aló irmao! hai unha filosofía de vida. E unha determinada política. Fran Pérez, Narf, (Compostela, 1968) e Manecas Costa (Cacheu, Guinea Bissau, 1967) non son dous tipos amamantados pola industria discográfica que perseguen un hit dentro do laxo mundo do world music. "Aquí non hai trampas, é un traballo equilibrado no que nin eu me fago o africano nin Manecas finxe ser europeo. Temos un enorme respecto por non deixar de ser cada un e iso deunos o aplauso de públicos moi críticos como o de São Paulo, que están fartos de ver espectáculos de fusión". Son palabras de Fran Pérez en conversa con este xornal durante a presentación do primeiro e agardado traballo da banda homónima, que xa está á venda, cunha comida no restaurante Dezaseis de Santiago, un auténtico albaroque "para o agradecemento" "rodeados dos que contribuíron a poñer en pé este proxecto".

"A calidade é o ingrediente fundamental de Aló Irmao!, "e que somos dúas persoas que o único que queremos na vida é gozar das cousas bonitas", apunta Manecas, que ten tamén unha estreita relación cos artistas galegos Uxía e Carlos Blanco.

O frechazo con Narf descríbeo o produtor executivo, Quique Costas, como "auténtico amor a primeira vista, que, logo de probar a vivir xuntos, se consolidou en sólido matrimonio". "A enerxía que trasmiten é alucinante", continúa, "eu estiven con eles en Brasil, onde había decenas de persoas agardando por eles ao final do espectáculo, ou na Trastienda de Bos Aires, que é como tocar no Carnegie Hall en Manhattan". Para Costas, a clave epistemolóxica de Aló Irmao! é lograr o encontro de persoas por riba das fronteiras culturais nun proxecto no que se funden sen asimilarse músicos dunha enorme calidade.

Dotados de voces carismáticas e cuasi prodixiosas (entren en Redenasa.tv, a última inciativa da Sala Nasa, onde se pode ver todo o que alí aconteceu nos últimos quince anos e busquen a Fran Pérez interpretando Cheek to Cheek ou na ópera Annus Horríbilis), curtidos na música desde moi noviños –desde que o compostelán marchaba da casa hai vinte e cinco anos sen máis equipaxe que unha guitarra ao lombo, foi erguendo oasis como Nicho Varullo, Os Quinindiola, Chévere, Psicofónica de Conxo, até se revirar en Narf–, Aló Irmao! consegue contaxiar o optimismo compulsivo dos seus autores.

Caldo nha mame/caldo de minha nai

De primeiro: Caldo Nha Mame, caldo de miña nai, delicada caldeirada guineana de culler, a base de barbo, que finalmente foi sargo, e suscitou arduas conversas sobre a orixe fluvial ou mariña do animal, resolta ao xeito moderno, ou o que é o mesmo, a base de internet no móbil. De segundo Tieboudienne Irmón di Terra, prato ‘da terriña’ feito de arroz, verduras e peixe cun toque picante.

Manecas remexe a súa tallada: "Recoñezo que non sei cociñar máis aló do ovo fritido, pero gosto de comer e de que vostedes coñezan a gastronomía da miña terra.O mundo só sabe de Guinea-Bissau a pobreza, as guerras e os golpes de estado, eu quero ensinar o demais, a inmensa creatividade, a forza, o moito positivo que temos".

Dun dos países máis pequenos de África Continental saíu Manecas Costa quince días antes do estourido da Guerra Civil. Nos albores da independencia, que se produciu en 1974, o músico –que, por certo, é un auténtico ídolo en Reino Unido– xa creara o grupo Africa Livre. Logo tocou en N’Kassa Cobra, Cobiana Djazz ou Kapa Negra. Amílcar Cabral –estampado na camisola de Manecas o día da comida– declarou ao comezo do conflito en 1973: "Non facemos a guerra contra o pobo portugués, senón contra o colonialismo". Esta idea é clave para entender como moitos dos portugueses recrutados nas colonias estaban ao lado dos movementos revolucionarios pola independencia; é clave para entender un Estado onde só o 14% da poboación fala o idioma oficial portugués e o resto enténdese en crioulo e idiomas nativos africanos como o badjara, balanta-kentohe, mancanha, mandinka, nalu, ou soninke. Tampouco é casualidade que os militares que se levantaran contra o réxime salazarista na Revolución dos Caraveis, fosen soldados combatentes en Guinea Bissau cansados de recibir da metrópoles ordes alleas á realidade na que se atopaban inmersos.

"Toda nación é forasteira"

"Será que a Guiné vai ter un futuro mellor? é difícil acreditar, mais quero pensar que así será", cantan en Anxo.

Manecas Costa chama tamén á unión dos emigrantes da súa terra: "Eu sinto orgullo de ter nacido na fermosa Cacheu, e de ter comigo unha familia unida a quen tanto amo. Non teño tempo para mesquindades e envexas. Non veñades onda min se é para falar de rumores e malediciencias"

Sostén Narf que "os artistas africanos están bastante fartos de paternalismos". "En Aló Irmao! a relación intercultural é igualitaria". Así a banda desmonta tópicos de orixes, traza mapas de música só aptos para gozosos e ben intencionados que, estranamente, cando un está ao seu lado, parecen multitude. Calquera lugar do mundo é apto para as súas cancións, e isto acontece, segundo Manecas, "grazas á simplicidade da música galega e da Guinea-Bissau, que as volve universais".

DATOS PRÁCTICOS
Esta semana púxose á venda Aló Irmao!, o álbum conxunto de Narf e Manecas Costa. Gravado en directo o 16 e 17 de xuño de 2009 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o disco inclúe un cd con 12 temas e un dvd que recolle o concerto.

Producido por Nordesía e editado por falcatruada, recolle aquelas dúas noites nas que o magnetismo entre Galiza e Guiné Bissau se trasladou do escenario ás butacas. O álbum presenta un repertorio común, erguido a catro mans, que se move entre os sons saudosos, a celebración do encontro entre culturas e a conexión coa terra. Doce temas nos que se mesturan as guitarras e as voces de Narf e Manecas, as percusións do mozambicano Celso Mahuie e o son único da ‘tina’, o tambor de auga guineano. Doce temas que dilúen fronteiras, volven á infancia, animan a soñar, reflexionan sobre a emigración, chaman ao compromiso, convidan a gozar da vida, estimulan a morriña e arelan un futuro mellor para os pobos.

"Nós tocando somos só a punta do iceberg", explica Narf. Dos cimentos ao cumio, Aló Irmao! é tamén a produción musical de Antonio Vázquez, o deseño e a realización audiovisual de Xavier Belho, a produción executiva de Quique Costas, a coordinación de Isabel Vilaseco e a implicación de moitas outras persoas sen as que a casa non se sostería.

O 25 de xuño Aló Irmao! inicia a súa xira cun concerto en Londres, o primeiro dos dous de Narf e Manecas Costa no City of London Festival. Será no St Ethelburga’s Centre for Reconciliation and Peace (78 Bishopsgate), por se alguén se achega.


www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-06-2010 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer