Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo sinxelo de Marful
O novo sinxelo de Marful proba a súa constante evolución
O grupo aínda non ten data de lanzamento para o seu novo traballo discográfico, pero xa se atopa na fase de edición. Xornal.com ofréceche un adianto. Descarga aquí o seu primeiro sinxelo ou goza simplemente co primeiro videoclip do disco




“O novo disco vai cargado de humor e de ironía. Iso quere dicir que hai sufrimento, pero está cheo dese humor galego que temos”. Así define a cantante e compositora Ugía Pedreira o novo disco de Marful que, pese a carecer aínda de título, xa é case unha realidade da que Xornal.com ofrece o primeiro sinxelo. A formación composta por Pedro e Pablo Pascual, Marcos Teira e a propia Ugía atópase en pleno proceso de edición do álbum. “A música xa está”, admite Teira. Pero agora falta toda esa burocracia que vén despois da arte para converter un feixe de cancións nun produto.

Por iso aínda Marful non ten data de publicación para este segundo traballo, que chega catro anos despois da súa estrea discográfica. Entre un álbum e outro, moitas cousas mudaron, pero a esencia do grupo segue sendo a mesma. “Entre o primeiro e este segundo disco hai moitas diferenzas. No anterior traballabamos máis nas formas, nos pasodobres e nos tangos. Iso todo, que segue a estar, é agora máis anecdótico”, explica o guitarrista Marcos Teira.

Aí están as diferenzas pero, no substrato, a natureza deste grupo permanece. “O son Marful segue aí, evolucionou, o son sempre está en constante evolución, pero Marful está neste disco e no anterior. E estará no terceiro, que será unha volta de rosca”, completa Pablo Pascual a apreciación do seu compañeiro de formación Marcos Teira.

“ENTRE DOCE E CATORCE TEMAS”

O número de cancións do novo traballo discográfico de Marful tampouco está pechado polo momento. “Serán entre 12 e 14 temas. Depende da elección final. Son cancións longas e hai que decidir se queremos un disco máis ou menos longo”, confesa Marcos Teira. Pese a que quedan varios elementos por pechar, Marful xa decidiu que músicos colaboran neste traballo. Ademais dos sospeitosos habituais de Marful, que son o contrabaixista Xacobe Martínez e o batería Luis Alberto Rodríguez Legido, únense músicos como o trompetista David Herrington, os violinistas Diego Galaz e Quim Farinha, o pianista Alejandro Vargas, o contrabaixista José Manuel Díaz e Germán Díaz, que toca a serra. “Non son colaboracións de medallas”, sinala Ugía en referencia a que todos estes músicos participan porque xa coñecen o grupo e tocaron cos seus membros.

Un dos temas que estarán no novo disco, titulado De Vigo vuelvo, ten unha curiosa historia detrás. “Atopei nun anticuario unha composición chamada así dun autor chamado Ray Fortuny. Investiguei sobre el e pouca información atopei”, explica Pedro Pascual. Con esa composición, Ugía escribiu unha letra na que retrata Vigo. “É un paseo pola cidade dende o punto de vista dos meus amigos de alí, con ese caos que ten Vigo”, sinala a cantante.

O disco que sairá finalmente da factoría Marful será un traballo para gozar en diversas dimensións. “Este álbum ten un punto de saborear cos cinco sentidos”, asegura Ugía. Ese prato de bo gusto harmónico que poñerán nas mesas musicais de Galicia en breve sérvelle ao grupo para facer bromas ao respecto. “Entre nós, cun pouco de humor, dicimos que este disco tiña que estar patrocinado pola Guía Michelín porque é un disco para viaxar a moitos lugares e no que hai gastronomía”, explica Pedro Pascual. Con ou sen ese patrocinio, Marful ofrecerá seguro un disco cinco estrelas.
Comentarios (2) - Categoría: Novas - Publicado o 27-04-2010 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Que bonito..!!! que g#blgtk08#anas de escoitalo...
Comentario por maria (27-04-2010 15:25)
2 Que bonito..!!! que g#blgtk08#anas de escoitalo...
Comentario por maria (27-04-2010 17:22)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer