Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

'Pradolongo' triunfa en Portugal fronte ás superproducións
O filme estreouse en Braga sen dobraxe nin subtítulos e seguirá a promocionarse no país veciño loitando co monopolio do cinema estadounidense.

A estrea do filme galego Pradolongo en Portugal foi todo un éxito. Dende a súa estrea o día 17 de abril nos Cinemas Cinemax de Braga, miles de persoas xa viron o filme, que retrata unhas historias moi próximas tamén para o público portugués, e sen ningún tipo de atranco ou prexuízo idiomático.

O realizador do filme, Ignacio Vilar, valorou moi positivamente a estrea, lembrando o importante labor de promoción previa que levaron a cabo tanto en Braga como en vilas lindeiras, en escolas e asociacións e en medios de comunicación local "como xa fixeramos en Galiza", explica. Nos actos de presentación, Vilar estivo acompañado polos actores Tamara Canosa, Rubén Riós e Roberto Porto. Ademais, repartiron folletos sobre o filme ,"todo en galego", do mesmo xeito ca o filme se exhibiu na nosa lingua, sen ningún tipo de subtítulos.

No día da estrea, tivo lugar tamén un coloquio. "O cine estaba cheo. Foi moi interesante, porque para eles o filme e a historia eran moi próximos. Non houbo ningún problema de idioma. Chegamos á conclusión de que nos entendemos, malia termos acentos diferentes".

Atrancos na distribución
Mais, o principal problema para chegar ás salas, tanto portuguesas como do Estado Español e, en xeral, de Europa, é que "o sistema de pantallas está controlado polos norteamericanos. O cine galego e europeo non pode chegar ás pantallas. Iso téñeno que solucionar os políticos", denuncia Vilar.

De feito, unha das preguntas formuladas polos espectadores miñotos no coloquio da estrea de Pradolongo foi "como era posíbel que para viaxar de Braga a Vigo só levase unha hora, pero o filme tardase dous anos en chegar a Portugal".

"A estrea foi moi positiva. Abrimos un camiño moi interesante", asegura o realizador. Porén, non cre que o feito de que o filme non se estrease no Estado Español fose por mor do idioma. "Pradolongo ten seis subtítulos, en castelán, éuscaro, catalán, portugués -aínda que en Portugal se proxectou sen eles-, pero 'algo cheira a podre en Dinamarca', porque os políticos non toman medidas para protexer o noso cinema".

Así, Vilar puxo o exemplo de Francia, onde se defende a cinematografía propia fronte á estadounidense, "que atenta mesmo contra a liberdade de mercado controlando a produción, a distribución e a exhibición". Ese é o principal atranco para que filmes como Pradolongo cheguen ás pantallas. Fronte a ese monopolio, o filme vai seguir co seu sistema de promoción case porta a porta.

"Estamos a preparar a presentación en Lisboa, porque a nosa forma de distribución é diferente do que se fai nos EUA. Imos pouco a pouco. Facemos promoción nunha cidade durante catro ou cinco días e despois imos a outra". Ignacio Vilar amosouse en contra "da política de que o filme se bote ao lixo despois da catro semanas. Creo que as películas non son de usar e tirar. Pódese seguir vendo. O tempo non ten por que ser un condicionante. Tentamos combater esa ideoloxía" da caducidade do cinema.

Despois do seu paso por Portugal, onde Pradolongo foi o primeiro filme galego en estrearse nas salas comerciais, o equipo xa está a preparar a súa posíbel exhibición en Cataluña.

www.vieiros.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 28-04-2010 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer