Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha lección de supervivencia a través da Música de Gaita
Artigo publicado na Revista Atenea referente ao Constantino Bellón e elaborado por Ana Martin (a presentadora da pasada edición).
Saúde!

www.ateneoferrolan.org

Noites singulares, quizais estrañas, ou incluso atípicas foron ambas as dúas veladas da última edición do Constantino Bellón. Atípicas polo estraño que se fixo aló polo mes de novembro, escoitar o sons das gaitas inundando o espectacular aforo do Teatro Jofre. Singulares pola forza que puxo a orquestra do conservatorio superior de música da Coruña, ao interpretar as partituras gaiteirís nun frío serán de marzo.

Xa sei, xa sei, que o Jofre é un recinto moi acostumado a acoller no seu seo con agarimo e dozura o Certame Constantino Bellón, pero acadaba facelo nunha data que sempre crin inamovible, a de fins de agosto.

É coma se a música do máis tradicional dos instrumentos galegos estivera na miña memoria inevitablemente unida aos últimos solpores das vacacións, ao calor dun verán que comeza a se extinguir.

É, en definitiva, como se fose o roncón da gaita o sinal para que os fogos de Amboaxe comezasen a alumear de cores a enseada da Malata.

No 2009 non puido ser. Fose pola crise, fose por falta de información ou de coñecemento sobre a cultura dun pobo, faltaron os apoios. E aínda que os tempos dos choros deberan pertencer sempre ao pasado, cómpre lembrar ata a saciedade a importancia dun evento como o Bellón para que os pulos para seguir loitando polo certame non se extingan.

Sen dúbida todos os participantes do certame nesta XIX edición merecen os aplausos e loas do público que puido velos e escoitalos, pero o aplauso máis forte debemos dirixilo ao Ateneo Ferrolán, unha institución que nunca cesa na loita e que en cada empresa que acomete ensínanos unha lección de paciencia, de humildade e de teima.

Anos levan “tocando baixo a chuvia” dunhas goteiras xurdidas nun tellado que máis parecen os xardíns colgantes de Babilonia. Anos agardando unhas reformas que prexudicaron en moito a súa hemeroteca e biblioteca, onde dende algún antigo exemplar vetusto, Mariano José de Larra lémbranos, aínda hoxe, que nas cousas da administración aquilo de “volva vostede mañá…” segue a ser o pan noso de cada día…

A estes obstáculos lle engadimos os do recente certame Constantino Bellón que a piques estivo de non se celebrar. A Xunta de Galicia non foi quen de entender a relevancia do evento, xa non para Ferrolterra, senón para Galicia, para os galegos do exterior, e por suposto, para o mundo da música en xeral.

Que descubro eu se lles escribo nunhas liñas a relevancia que os sons da gaita tiveron e teñen para o rural galego, para as romarías, para as festas e os pasarrúas, para os recunchos onde hoxe os mozos xúntase para compoñer e facer música fusión, para o folk, para o tradicional e o moderno? Non descubro nada…

A gaita é un símbolo da Galicia coa que permitimos que moitos turistas nos torpedeen os oídos cando mercan esas agudas réplicas miniaturizadas dun euro. Pero, á marxe de simpáticos tópicos, é un orgullo que nos leva as mans ao corazón e as bágoas aos ollos cando a escoitamos fóra da terra. É parte do ser galego…

Por iso non se entende que cando existe un certame que nos dignifica como pobo, que sabe respectar e elevar os seus signos e símbolos, non se lle dea o apoio que precisa. Porque ese empuxe non se lle nega ao Ateneo, nin ao propio Certame, négasenos a todos nós como colectividade que compartimos tantas lembranzas e vivencias cuxa banda sonora soa a alborada.

En fin. Supoño que haberá algún de vostedes que non puido asistir á gala deste pasado mes de marzo, cando se presentaban e interpretaban as partituras gañadoras do apartado de Composición. Pois téñolles que dicir que, non saben o que se perderon!!!!
Tivemos maxia e sorpresas con forma de agasallos musicais que nos ofreceu a orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Foron eles e a música do xordo xenial os que levantaron o pano do teatro. Logo presentouse o dobre CD da edición anterior, por certo, unha edición moi coidada que xa está á venda. E a expectación ía medrando, cando se presentou a Javier María López Rodríguez, gañador dun dos accésits. E a pesar de que unha servidora, presentadora do evento, ten a tendencia de lle cambiar o nome a todo o mundo, Javier non perdeu o sorriso e con moita naturalidade subiu a escena para contarnos algunhas anécdotas, como o curioso nome da súa composición, “tumbaleira”. Disque a súa nai, tiña tendencia a inventar palabras e de tales pais, tales fillos. Facendo a súa composición tiña preto dúas gaitas, unha de sonoridade grave TUMBALET e outra aguda GRILEIRA. Curiosa cousa esta de mesturar nomes… e sons… e xerar músicas ou palabras tan sonoras coma tumbaleira. É dicir que a min, cando escoite o nome, deume un arrebato fúnebre rosaliano, e busquei a negra sombra no que eu entendía que quería referirse a unha leira chea de tumbas, un camposanto, vaia!!! Menos mal que Javier, compañeiro de oficio, soubo levar a broma.

Javier é natural de Lugo pero con parte da súa alma convertida xa en picheleira e asentada dende hai tempo na cidade santa compostelá.

Conta Javier María que o primeiro instrumento que tocaron as súas mans foi unha gaita cando apenas contaba con dez ou once anos. Logo, vese que o verme musical picou nel e entrou de cheo no mundo da música, estudando no conservatorio, e mesmo converténdose pasados os anos en profesor de música, tanto no conservatorio como na ensinanza secundaria.

Esta bagaxe como mestre levouno a publicar varias obras de carácter pedagóxico. Pero Javier ten unha teima coa composición, unha teima bastante exitosa por certo, pois foi xa gañador deste certame no ano 2005 e accésit no certame do 2008.

Gústalle compoñer, diso non cabe dúbida, préndelle a música contemporánea, que aínda que soe estraño, Javier considera moi afín e próxima á tradicional. Este 2010 vai amosar todas as súas posibilidades musicais en Santiago de Compostela, cidade que terá unha ampla oferta cultural neste ano santo e aló escoitarase o nome e a obra de Javier María López Rodríguez con tanta forza como puidemos facelo nós na pasada data.

Xunto a nós estivo tamén, Jesús Rodil Rodríguez, primeiro premio de Composición 2009.

Natural de A Coruña. É un músico moi novo pero non por iso inexperto. Esta a piques de rematar a carreira musical de composición e foi dentro do conservatorio, cando un dos seus profesores Mario Seoane, vendo as súas calidades animouno a participar neste certame. Con moita humildade Jesús confesaba que non pensou que puidera gañar, pois era a primeira peza que compoñía para gaita…

Unha composición, por certo, que naceu nun primeiro momento cando a súa ollada se cruzou coa pintura de “Lugrís”. Ese foi tan só un punto de partida do que pouco a pouco, paseniñamente foron brotando notas que lle pedían unha composición moi rítmica, con percusións, con instrumentos de corda, para que a gaita se sentise tan libre como cando soa ao aire libre. Algo así como xerar unha atmosfera onde a gaita viva en completa liberdade na compaña dun tema popular que servese de base a idea central.

E o resultado impresionou, tanto pola súa fermosura, como pola calidade interpretativa da orquestra do conservatorio da Coruña, a quen Jesús deu as grazas dun xeito moi agarimoso pois moitos dos intérpretes eran compañeiros de estudos e de soños.

A velada prolongouse de xeito moi afortunado e xa na noitiña, compartimos un ágape cos premiados e os músicos. Aló estaban os membros do Ateneo e tamén, membros do goberno municipal, o señor alcalde, Vicente Irisarri, e os concelleiros Mercedes Carbajales e Ramón Veloso, a quen temos que agradecer o seu esforzo por apoiar ao certame no momento máis crítico da súa historia. Pero agora tan só quedan os desexos para a XX edición.

Oxalá que o vindeiro, e veciño xa, mes de agosto poidamos devolverlle ao Teatro Jofre esa maxia do noso. Oxalá que ninguén teña que gardar en un caixón as súas composicións para gaita e orquestra, nin teñan que deixar en barbeito as máxicas mans deses gaiteiros (ou gaitistas que se din algúns) que son quen de extraer dende o máis profundo suspiro dun fol, melodías que en ningún outro lugar, en ningún outro momento poderán ser escoitados.

Por iso hai que saber dar as grazas os que souberon apreciar o Bellón e alentalo con cariño e con esforzo. Xente como a familia Seivane, que colabora, acude, anima é exemplo de vida musical. E como non, ao Concello de Ferrol, que non quixo deixar morrer unha iniciativa que está a piques de cumprir as dúas de décadas de vida.

Ana Martín García.
Licenciada en Xeografía e Historia e en Xornalismo
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 27-04-2010 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer