Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Compañeiro Suso Vaamonde
Este mes fíxose o décimo cabodano da morte do cantor - O seu legado musical suscita controversias

En 1971, Suso Vaamonde (Pontecaldelas, 1950) entrou, da man de Xerardo Moscoso, no colectivo Voces Ceibes. Atrás quedaba o seu pasado beat nas bandas Os Copéns e Marco Balorento e por diante as experiencias como cantor de poetas que o colocarían nun lugar visíbel na fragmentada, difícil, historia da música galega. Hai agora dez anos, un 16 de febreiro, Vaamonde morría nunha clínica de Vigo. A reavaliación do seu legado sonoro non suscita consensos. Apenas o do recoñecemento por quen fixo por espallar a poesía rebelde do seu tempo.

O escritor Vicente Araguas trazou en Voces Ceibes (Xerais, 1991) o máis semellante a unha historia do movemento. O propio autor de temas emblemáticos do grupo, lembra o seu trato con aquel Vaamonde mozo a medio camiño entre a nostalxia polo tempo ido e o rigor crítico. "Foi un alegre compañeiro; sempre acababamos nos bares", relata. Araguas debuxa a un cantautor "moi bragado, afouto, botado para adiante" e ao que durante dous anos estivo unido pola camaradería das músicas de intervención na ditadura.

"Eu teño falado moito con el de folk americano, e lembro estar na súa casa de Vigo escoitando intesamente a Dylan...", anota. Pero o poeta de Neda non perde certa perspectiva estética: "Agora ben, como cantante era limitado, como músico, monocorde e como letrista inexistente". Concédelle, iso si, capacidade de conexión co público e o seu agarimo por Volvín á terra pro perdín o amor, sobre un poema de Bernardino Graña. Até a ruptura.

"Logo do incidente de Guimarães, remitinlle a Suso unha carta, que nunca me contestou, na que pedía explicacións. Non falei nunca máis con el", expón Araguas. No seu inimnente libro O que non contei en Voces Ceibes esmiuzará aquela xornada que el non presenciou. Dos Voces cantaban, nun festival poético galaico-portugués, Miro Casabella e Benedecito, amais de Emilio Cao. Segundo Casabella, "foi moi traumático". O autor da célebre O meu país garda a memoria dun boicot, en Guimarães e un mes logo da Revolução dos Cravos que botou abaixo a tiranía en Portugal, contra a presenza de Benedicto. "Montaron un pitote, e díxose que eran Vaamonde e os seus amigos; acusaron a Benedicto de colaborar coa policía", aínda se sorprende. Araguas é duro e tallante: "Cando Benedicto é, fundamentalmente, un home honesto".

Detrás daquilo ninguén sabe o que houbo. A progresiva distancia política entre os Voces Ceibes levou a Vaamonde ao nacionalismo de esquerdas, mentres Benedicto ou Bibiano xiraban arredor do Partido Comunista. "Non quero facer valoracións sobre a súa obra", engade Miro Casabella, "Suso foi un máis entre os cantores e o seu traballo foi considerado positivo por moita xente". A descomposición da Nova Canción Galega xa colleu ao de Pontecaldelas noutros mesteres. Eses labores que, coa gravación do lendario directo Nen rosmar un laído (1977) polo medio, desembocarían noutro incidente, desta volta nun recital en Pontevedra.

"Cando me falan de España / sempre teño unha disputa / que se España é miña nai /eu son un fillo de puta". Esta estrofa, un día de xuño de 1979, valeulle unha condena de seis anos por "injurias a la Patria con publicidad". Vaamonde marchou para o exilio, do que non regresaría até 1984, cando o Goberno de Felipe González lle concedeu o indulto tras cumprir 46 días de condena no cárcere de Ourense. A presión do senador socialista Xaime Barreiro, vello integrante de Voces Ceibes, resultou decisiva. Como un espectro de Johnny Cash, Vaamonde deu un concerto na prisión onde o recluíran.

Daquela comezan os anos repousados do cantor. Tino Baz, músico da Guarda, tratouno dende que, contra 1990, entrou no grupo A Roda. "O seu trato humano era exquisito, moi cordial", salienta antes de máis, "e emocióname lembrar como el se emocionaba ao ver a un rapaz achegarse ás súas músicas". Baz cualifica Nen rosmar... como "disco capital da música galega" e coloca o título Os soños na gaiola -1978, gravación sobre poemas infantís de Manuel María. "A última vez que nos vimos foi nun concerto en solidariedade cun insumiso, en Vigo; morreu ás poucas semanas".

Tres meses antes, en Salvaterra e organizado pola Sociedade Cultural do Condado, A Quenlla, Emilio Cao ou Uxía Senlle homenaxeárano ante 3.000 persoas. "Foi tan emotivo que non puido cantar", recupera aquel día Uxía, "logo dixo que lle dabamos forza para acabar co becho, así chamaba a súa enfermidade". "Con tres acordes e a urxencia facía unha canción que ficaba; a preocupación estética era secundaria", conclúe. Testemúñano 13 elepés.

www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 23-02-2010 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer