Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A reivindicación musical
A música tradicional galega ten hoxe unha serie de retos para a súa supervivencia despois de anos de recuperación e dignificación

A música tradicional é un elemento salientábel dos que constitúen a bagaxe cultural colectiva dun pobo. É unha expresión deste, coas súas coitas e inquedanzas, que se configura como un patrimonio inmaterial de gran valor. Galicia conta cunha tradición ampla neste senso. Dende hai séculos, o país ten desenvolvido no maioritario rural unha ampla creación musical que se vencella inseparabelmente ás festas que se celebraban por todo tipo de motivos: dende a malla ao San Xoán.

A música que coñecemos como popular galega chéganos como resto dunha tradición dos séculos XVIII e XIX que fora totalmente "desprestixiada e desvalorizada", en palabras do experto Pablo Carpintero. Tamén Xosé Luís Rivas, Mini, do mítico grupo Fuxan os Ventos e hoxe integrante de A Quenlla, incide na "nula consideración social" que existía cara á música tradicional de Galicia. O musicólogo Xesús Mato opina que esta música debe o seu mantemento ao longo da historia ás corais, estendidas en gran número por todo o país no seu día e verdadeira "universidade popular", e aos grupos de gaiteiros.

Reivindicación e dignificación durante a ditadura franquista

A cultura poucas veces pode ser neutra, e menos nun contexto represivo como o da ditadura franquista. Mini afirma que a fins dos anos 60 e paralelamente á creación de Voces Ceibes houbo xente que quixo avantar coa música galega dende a súa consideración aldeá á de "nacional e xenuína" de Galicia, tentando contribuír a "derrubar o fascismo" emprengando a música como vehículo de transmisión con esa fin. Mini fai fincapé no obxectivo a través da música de obter unha "dignificación histórica" e "apetencia de renovación". Porén, sinala como coa chegada da democracia e a autonomía moitos músicos pensaron que loitar era entón "labor dos políticos" cando para Mini non é así.

Xesús Mato indica que durante a ditadura, e até o momento da recuperación, a música tradicional galega tivera que cinguirse a danzas e instrumental ante a desconfianza do réxime cara ás letras. Ademais, indica como se restrinxía a emisión nas emisoras radiofónicas, manténdose como un produto popular agochado e pouco coñecido en beneficio doutros modelos.

A música tradicional de Galicia na actualidade

Hoxe o estilo musical máis tradicional convive co folk que non é senón unha versión de maior amplitude xeográfica que conserva a raíz tradicional pero mestúraa coa música e instrumentos doutros países. Un dos grupos de maior éxito en Galicia nesta modalidade é Quempallou. Un dos seus membros, Guillerme, explica que hoxe hai un "fervor" da música tradicional de base con "rigor nas escolas"e unha tentativa de recuperar a esencia" para achegarse a todo tipo de públicos. Sinala a existencia de centros de espallamento como E-Trad o ou Central Folque onde se pode aprender a bailar e atocar instrumentos galegos. Ademais, indica que nos últimos anos as foliadas estendéronse cara ás cidades á vez que os traballos de recolección etnográfica de cancións e melodías galegas están saíndo á luz, o que ofrece unha oportunidade de coñecemento. Porén, lamenta que subsistan grazas a subvencións híbridos galego-escoceses como que son "modelos aculturizadores" potenciados dende a Deputación de Ourense. Tamén Xesús Mato se laia de que se potencie unha exhibición marcial como a escocesa. Non obstante, Pablo Carpintero indica que isto non afecta á música tradicional ao pertencer a un "espazo" distinto.

A produción e distribución dos grupos ten bastante de autoxestionario, segundo coinciden Guillerme e Mini. O primeiro indica que se ben hai pequenas discográficas galegas, as grandes foráneas apostan por "dous ou tres grupos" e a universalización dos recursos favorece a devandita autoxestión. Mini sinala que hoxe hai "moito de gravar na casa" e que o maior volume de vendas pode facerse nos concertos.

A supervivencia da música tradicional galega depende de moitos factores. "A xente nova anda noutros estilos" e agás na Radio Galega existe "centralismo" nas emisoras, asegura Xesús Mato. Ninguén sabe aínda cales serán as políticas do novo goberno autonómico. O anterior, sinala Guillerme, potenciou "locais de ensaio" e circuítos", pero Mini teme que a partir de agora se apoien correntes "culturais alleas". Mini tamén sinala que hoxe hai moito músico que non distingue o tradicional e tómao como unha pose, caendo nas deturpacións. Ademais, a música tradicional responde ao colectivo que a creou. Coa sociedade tradicional galega desaparecendo devagar pode rematar por haber unha música tradicional "ben interpretada" pero carente do "espírito daquela sociedade morta" e convertida nunha sinxela "estética".

HISTORIA A gaita foi cerne das agrupacións

O instrumento que se asocia á expresión musical popular galega é a gaita. Está estendida, dende Asia até a Europa occidental e presente en moitas culturas. No noso país o gaiteiro foi orixinalmente un personaxe viaxeiro que recorría as vilas e gozaba de boa consideración, indo ás veces acompañado dun tamborileiro. Era pouco común que dous gaiteiros viaxasen xuntos polas diferenzas de escala entre gaitas construídas polo propio portador. No século XIX o desprezo da burguesía galega cara ós gaiteiros rematou con boa parte da distinción que tiveran e non foi até máis adiante, xa no século XX, que o estudo da cultura galega trouxo interese por esta figura. Paralelamente a esta recuperación nacen os coros folclóricos nos que a gaita tivo moito peso. Gaiteiros de sona da época foron Ricardo Portela, Enrique Otero ou Xoán Bello Mallou. Hoxe a gaita está moi viva trala masificación de alumnado nas súas escolas nos anos 80.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 13-08-2009 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer