Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

30 anos do Son da estrela escura
Doa publicou hai trinta anos o seu mítico "O son da estrela escura"

O son da estrela escura, primeiro traballo discográfico do grupo Doa, cumpre 30 anos, un disco incomprendido no seu tempo que hoxe está considerado clave na historia recente da música folk galega.


Un dos fundadores de Doa, o tamén fotógrafo Xoán Piñón, lembra estes días no seu blog "aquel día en Santa Cruz de Oleiros" no que o grupo buscaba "un modo axeitado para designar o proxecto que estaba nacendo". Convencidos da súa vocación por experimentar "e unha ilusión sen límites, collemos o dicionario de galego na procura dun nome". Abriron unha páxina ao chou e deron co D, un apartado que percorreron até atopar Doa: "conta de colar ou rosario. Regalo".

"Ao decatármonos de que a palabra segmentada contiña dentro dela a primeira nota musical", subliña Piñón, "e ademais era un agasallo, pareceunos perfecta, ou máis exactamente a máis doada... Xa non buscamos máis.

Eran os últimos anos da década dos setenta e a industria discográfica galega comezaba a nacer: o selo Ruada, onde precisamente saíu O son da estrela. "No seu devir, Doa veu experimentando unha reconversión permanente nas súas diversas formacións, ata o punto de que ao final do seu primeiro período ningún dos integrantes do grupo orixinario permanecía nel", escriben Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada en Crónica do folk galego (Editorial Tristram).

Xoán Piñón e Bernardo Martínez foron os pioneiros. "Nós compuñamos e investigabamos en cousas como a música improvisada modal, o free-jazz, a música sintetizada... A nosa bagaxe partía de grupos coma King Crimson, Hendrix... e tamén os renacentistas e clásicos barrocos: Bach, Haendel ou Teleman", subliña Piñón.

"A seguir, Doa introduce a Enrique Ferreira -cello- e temos formación de trío. Os primeiros directos como grupo facémolos acompañando a X. Quintas Canella e arranxando os seus fermosos temas. Neste momento coñecemos a Miro, que está preparando un disco, e despois de traballar un ano aproximadamente O son da estrela escura coa formación de cuarteto e contribuíndo cun novo enfoque ás pezas, propómoslle a Miro traballar como grupo e co nome de Doa. Como reforzo para a gravación, entran Pedro Puértolas -músico catalán de formación clásica-, que toca o violín, e Xaquín Blanco á gaita, mentres que para os directos contamos con Michel Canadá -igualmente violín- o multiinstrumentista Francisco Luengo e Luciano Pérez, gaita e zanfona".

A CERNA Entre o medieval e o popular

O son da estrela escura abre Doa a un repertorio medieval, representado por varias composicións de Alfonxo X -Festa de Loor- Martín Códax -Cantiga V-, ou un tema anónimo cantado en francés sobre o Camiño de Santiago no Sur de Francia -La Pernette. A gravación, en palabras de Óscar Losada e Estévez é "un compendio no que se inclúen pezas populares galegas, como Danza do Rosal, Danza das Espadas, Carballesa -mestura de pezas atopadas en Melide e no Carballiño-, ou Romance de Doña Ausenda". Paradoxalmente, indican os críticos musicais, "aquela sorte de aventura naquela época levaba todas as de perder, ao adiantárense os músicos ao tempo que lles tocou vivir".

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-07-2009 09:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer