Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O festival de Lorient pensa en galego

Cunha media de 650.000 visitantes sae unha cifra aproximada de máis dun millón de ollos. Pupilas abondo para considerar o Festival Intercéltico de Lorient como unha das mellores plataformas para a exhibición de bandas de música folk.

Na localidade francesa de Lorient celébrase desde hai 39 anos a maior festa da cultura celta, o Festival Intercéltico, que ten na música a súa máxima representación. Irlanda, Escocia, Bretaña, Gales, Cornualles, Australia ou Asturias son algunhas das rexións celtas que xunto a Galiza invadirán a cidade costeira entre o 31 de xullo e o 9 da agosto. Porque este ano, o evento dedícase á nosa comunidade.

Creado no ano 1.971, trátase dunha das máis importantes citas deste estilo musical. Este ano haberá bandeiras galegas por todas partes, nos balcóns das casas, dos hoteis e por todo o recinto do Festival. O domingo día 2 de agosto comeza oficialmente o Festival coa Grande Parade ou o Gran Desfile das nacións celtas. Case un centenar de agrupacións desfilarán polas rúas de Lorient, cada unha co seu traxe tradicional, interpretando os sons típicos de cada rexión.

Segundo a Xunta, "o Pavillón de Galicia transmitirá unha imaxe de Galicia entrañable, amable e de calidade, potenciando o seu carácter de destino turístico con personalidade propia", unha imaxe que podería evocar o costumismo de épocas culturais pasadas, pouco ligadas á innovación e á ollada internacionalista. A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, participará instalando o Pavillón galego que contará cunha superficie de aproximadamente 1.000 m² dedicados a mostrar, dun xeito moi atractivo, diferentes aspectos relacionados coa cultura popular galega, así como os seus principais recursos e produtos turísticos.

A lista de músicos galegos ao completo é a seguinte: Alberto Coya y Alba Gutiérrez, Edelmiro Fernández, Marta Quintana y su banda, Bellonmaceiras Quinteto, Fía na Roca, Berrogüetto, Rosa Cedrón, Cristina Pato, Soas, Limagoia, Crema de Gaita, Espido, Pablo Carpintero, Anxo Lorenzo Band, Emilio Cao, Isga Collective, Ialma, Licor Kafé, Lulavai, Dúo de Arpa Céltica e Violín, Paula Oanes e Alfonso Franco, bOnOvO, Faltriqueira, Lamatumbá, Susana Seivane.

Logo da última actuación de cada xornada, terá lugar un espectáculo de Queimada. Aparte do Pavillón Galego, celebraranse outras accións relacionadas con Galiza: Noite de Gala de Galicia no Gran Theâtre de Lorient no que actuará o grupo galego Son de Seu (organizada por Turgalicia), e exposición fotográfica sobre o Camiño de Santiago (organizada por Xacobeo): "Un Chemin, Six Regards. Lle Chemin de Santiago en Galice".

Lamatumbá, Airiños de Fene e Emilio Cao

"Licor do negro café que me tumbas que me matas, Licor do negro café fasme andar a catro patas... Déixame poñerme en pé, acompáñame a unha festa, emborráchate comigo, que nos atope a mañá abrazados como amigos …". Así reza un tema de Lamatumbá e faille honra ao seu estilo, unha das bandas máis marchosas destas terras consolidada xa como unha das bandas ourensás cun dos mellores directos. O grupo estará o sábado día 8 no festival de Lorient no que promete ser un dos espectáculos que dará que falar.

Ademais de Lamatumbá estarán os 43 membros da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene. Tal como explica Iago Ebrero do Diario de Ferrol Airiños é unha agrupación nova, a maioría non pasan dos 30 anos e as últimas incorporacións foron tres nenas de 12 anos. Máis da metade da banda estréase no certame e a ansiedade entre os máis novos empézase a notar. O venres día 31 sairán de Fene a media mañá e 18 horas máis tarde chegarán a Lorient, que xa lucirá un ambiente festivo. Esa mesma noite os de Fene actuarán no campo de fútbol do FC Lorient, ante máis de 16.000 persoas, nos concertos chamados Noites Máxicas.

E outra das sorpresas é Emilio Cao. O grupo musical Sinistro Total dedicoulle algunha canción, como o tema Emilio Cao (David Watts) pertencente á súa primeira maqueta de 1982. Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1957) é un músico e compositor de folclore galego. Destacado intérprete de arpa celta e recuperador deste instrumento medieval en Galiza. Os seus inicios musicais están ligados a varios grupos da súa cidade, Brétema ou como acompañante no colectivo Voces Ceibes.

Contactos co festival de Ortigueira

Varios responsábeis da 39 edición do Festival Intercéltico de Lorient reuníronse a final de xuño cos da cita Celta de Ortigueira, co alcalde da localidade, Rafael Girón, á cabeza. O obxectivo do encontro, que tivo lugar na vila, non foi outro que compartir experiencias e propiciar puntos de colaboración entre os principais escaparates europeos da música folk. A cita celebrouse con motivo da presentación das actividades e concertos do Ano de Galicia na próxima edición do certame bretón.

O encontro bilateral estreitou lazos de cara a establecer futuras colaboracións, sempre co horizonte posto na conmemoración no 2010 da 40 edición do Intercéltico de Lorient. Durante a sesión xurdiron ideas tales como propiciar un posíbel irmandamento entre os dous festivais ou a posibilidade de establecer unha cooperación
no terreo artístico.

www.galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 29-07-2009 09:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer