Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista cos Festicultores

"Somos da festa popular a saco, é o mellor que hai"

“Queremos sementar cultura, sacala das salas e metela na rúa”. Esta é a filosofía dos reis da xolda en Galicia, que se desdobran en ‘troupe’ balcánica ó estilo Kosturica e en produtora ‘seria’ de concertos e grupos. Co obxectivo de “traballar e traballar” afrontan o 2009 sen medo á crise buscando alianzas alén da raia e coa vista posta no bendito Xacobeo


Cultivadores de festas. A esencia galega recollida nunha soa palabra: Festicultores. Un grupo de amigos namorados do rachí puro e duro, da esencia da verbena e do pasacalles e das noites regadas pola medicina k do licor café deciden embarcarse nunha aventura para revitalizar o que máis lles gusta e fundan este clan, desdobrado en grupo e produtora e impulsor dun dos eventos musicais máis importantes do país, o Reperkusion de Allariz. Para comprender mellor esta voráxine, falamos con Xurxo Seara, un dos seus fundadores, que confesa que "agora si poden vivir da xolda".

¿Como xorde a idea de transformarvos en Festicultores?

Queriamos montar algo, xa traballabamos e sempre nos gustou a festa e organizar cousas. Miguel e mais eu estabamos en Madrid e vimos un oco para facer algo e regresamos. Agora temos en marcha moitas cousas, desde o festival Reperkusion de Allariz ata proxectos específicos, e ademais levamos grupos galegos como Banda Potemkin, Pulpiño Viascón, Sacha na Horta, Magnific Band, Miñor Swing e Festicultores Troupe.

Eses sodes vós, ¿non?

Si, é o noso grupo paralelo, o produto estrela, un pasacalles balcánico, espectacular, con teatro, sketchs e música de moita festa.

¿A paridade non vai cos Festicultores? Porque sodes todos homes...

Si, somos todos homes e traballa con nós unha rapaza. Foi casual, non buscado, porque os que montamos isto somos amigos de toda a vida e coñecémonos desde pequenos. Podería haber mozas que non habería ningún problema, mellor incluso (risos).

O voso lema é "cultivadores de festas". ¿Vénlle que nin pintado a Galicia?

Si, démoslle bastantes voltas ó nome e ao eslogan e define o que facemos, sementar festa e cultura aló por onde imos, non só a troula, senón achegar algo máis segundo o caso, o evento e claro, o que che pidan.

Facedes de todo, produtores, montades concertos... ¿en que ámbito vos sentides máis cómodos e tendes máis traballo?

A nosa especialidade está na rúa con Festicultores, cos espectáculos, que é o que máis nos gusta, sacar das salas a cultura e metela na rúa, aínda que tamén facemos outro tipo de cousas. Ó longo destes seis anos fixemos outro tipo de acordos e colaboracións coa xente que leva a Manu Chao, e con eles temos unha empresa a medias que se centra máis en artistas internacionais e que ten un equipo de son moi potente, do mellor de Galicia e incluso de Europa. É no que andamos agora, nestes momentos de crise buscamos colaboracións con empresas de fóra e de aquí para que todo saia máis barato e poder tirar para adiante.

¿Pódese vivir disto en Galicia?

Non sei, nós vivimos os catro disto (risos). O que si que hai que traballar moito, e collemos unha época na que todo está máis en alza no senso en que as festas e os eventos están cambiando un pouco, moitas comisións collen xente nova e deciden levar grupos galegos non só de folk, senón tamén de rock e tratan de mesturar, sen esquecer as orquestras. Apóstase polo moderno, por ensinar o que temos aquí, que hai moitísimo produto interesante pero descoñecido.

Falas de algo máis moderno para fuxir da imaxe de Galicia como un país de pandeireta, pero o que máis triunfa de todos modos son as festas populares porque os festivais indies non teñen moita resposta cando se fan, ¿non?

Nós somos da festa popular a saco, é o mellor que hai. Agora teñen entrada outros produtos, e apóstase polo modelo de festival con pasacalles e varios concertos. Aí ábrese un oco para este sector e, respecto do que me preguntabas se se pode vivir disto, como empresa temos moitos grupos, facemos festivais, movemos equipos de sons, pero o que é máis complicado é saír adiante como músico. Supoño que pasa aquí e en todos lados, é unha industria que non contribúe tanto ó PIB como outras como o cinema, que están máis en alza.

Agora que xa vivimos en clave electoral, ¿cres que o cambio de goberno dinamizou a vida cultural nestes catro anos?

É complicado falalo desde o punto de vista empresarial porque nós co anterior goberno só estivemos ano e medio e eran os nosos comezos. Como espectadores, creo que a evolución foi a mellor e está claro que hai que seguir adiante. A verdade é que penso que onde máis se nota é na xuntanza entre as empresas galegas, coa creación da Axencia galega de empresas musicais, que fomenta a nosa presenza en certames internacionais como o Popkorn.

O ano que vén estamos en Xacobeo. ¿Que perspectivas tendes?

Supoño que traballar como todo o mundo o máis posible, estamos sacando proxectos en marcha no noso estilo, buscando a innovación e dándolle un punto de distinción centrándonos na rúa, en espectáculos para todos os públicos. Sería o noso primeiro Xacobeo e, como empresa, estamos un pouco á expectativa, pero é unha boa época.

¿Non nos podedes adiantar algo?

Está todo no aire, pero queremos que o Reperkusion, que é noso e que está en alza, sexa unha parte importante do Xacobeo.

www.elcorreogallego.es



Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-01-2009 09:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer