Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ocaso e abrente da gaita galega

Diciamos que a gaita é sentida como un signo da identidade galega xa no Coloquio do P. Sarmiento, opúsculo escrito polo ano 1746. O feito de a gaita ser en Escocia un emblema non menos nacional que entre nós contribuiu a robustecer o celtismo popular como ideoloxema componente de certo nacionalismo galego.

Os grupos tradicionais e puros integrados canónicamente por unha ou dúas gaitas, um bombo e un redobrante entraron en crise nos anos trinta e cuarenta do século XX. O seu purismo máis e máis reducíase a alguns músicos míticos coma os Soutelo e o grande refuxio deles eran os coros galegos aínda que a función destes fose básicamente vocal.

Na Terra de Celanova, onde Curros situara un dos sonados gaiteiros literarios cal é o de Penalta, só había na miña infância un: o gaiteiro da Gandarela, um tipo roxo do pelo e simpático que emigrou a Venezuela co seu instrumento.
Para facer a procesión da Virxe do Cristal, e ao non poder contar con gaiteiro ningún, os meus veciños houberon de tocar a danza, con dor de corazón, co clarinete. Hoxe, felizmente, os toques da danza de Vilanova dos Infantes son interpretados por un clarinetista profisional, si, pero que para a ocasión se fai gaiteiro: Paulino, acompañado de dous percusionistas de luxo que son o Rinrín no redobrante e o Dardo ao bombo. Eles son a imaxe da permanencia.

Quero decer que houbo um tempo negro no que desaparecían os gaiteiros en Galicia. Era o tempo no que os arqueólogos e os etnógrafos abandonaban o nome de Galicia para adoptar o de Noroeste Hispánico e as empresas deixaban de ser “de Galicia” para, a imitación da monopolistica de Barrié de la Maza, terminar todas en NOSA: “Papatín patatán del Noroeste Sociedad Anónima”. Seguindo unha tendencia de anteguerra, as bandas de música, sempre tan zarzuelistas, impúñanse nos cuarenta e cincuenta nas festas e romarías e alí foron consideradas a clase musical alta até que as orquestras as fixeron recuar.

A gaita, a gaitiña, foi reducida aos días festivos menores e considerada inferior. Sobre 1954 eu asistín en Salcedo (Pontevedra) a unha grande apupada por parte da mocedade cando os gaiteiros subiron ao palco en lugar dunha banda de música. Os gaiteiros só eran buscados para festas ínfimas ou para procesións con marchas rituais, como é a famosa do Corpus de Pontevedra.
O gaiteiro marxinal, de taberna e toldo de romaría, que competia co acordeonista, mantívose durante moito tempo aínda. Na noite do fogo do Apóstolo era habitual das esmorgas nocturnas dos que, vindos de lonxes vilas e aldeas, velaban e se embebedaban.

Foron os anos sesenta os da Resurrección da gaita. Tendo como santuarios os Coros, naceron novas agrupacións deste tipo como, por exemplo, “Lembranzas Galegas” e “Flores Mareliñas” no entorno no que eu vivo. Entidades privadas, coma o Colexio Fingoi de Lugo, diron en dar leccións de gaita. Fora da Galicia Administrativa, no Bierzo e na Terra Eonaviega, a gaita galega era estudada e recuperada polos mozos. Os movementos estudantis de Compostela no 68 tiveron os seus gaiteiros. En Ribadeo naceu e floriu unha banda de gaitas feminina, pois neste tempo tamén as mozas se convertían em “meniñas gaiteiras” (Rosalía) deixando a tras para sempre o machismo, mesmo mítico, do oficio. En Vigo celebrouse, para ser interrompido por razóns políticas, o Festival do Mundo Celta.

Nel tiveron moito éxito as cornamusas (ai, de influencia escocesa) dos bagad que Cunqueiro fora contratar a Bretaña. Naquel país celta Cunqueiro tivo unha entrevista co musicólogo Patrick Monjarret, quen anos máis tarde habería de facer varias viaxes a Galicia. Nacía así o proceso, de raíz ideolóxica celtista, da influencia de Irlanda e das Bretañas sobre a música galega e sobre a nosa gaita, o que sería moi fructífero e arrequecedor.

Apareceron novos grupos tradicionais como “Muxicas”. Logo comezaron a ouvirse soar gaitas en algúns enterros. E chegamos ao día de hoxe no que hai mais persoas en Galicia que saben, mal ou ben, tocar a gaita do que houbera nunca na nosa historia. Curiosamente, este auxe da gaita vai acompañado dun auxe da música galega instrumental, moi mestizada coa irlandesa mormente, e dun grande retroceso da canción, tanto da coral como da individual.

Nunca tanto soou a gaita em Galicia e nunca tan pouco se ouviu cantar en galego. Mesmo hai, na era da gaita na que vivimos, certos cantantes que aportuguesan as súas voces e lusitanizan afectadamente a dicción do seu galego. Finalmente, Fraga Iribarne cumpriu o seu soño de encher de gaiteiros o Obradoiro. Pro estas gaitas presidenciais eran mais ben herdeiras das da “Legión Gallega” do coronel franquista Juan
Barja de Quiroga.

Xose Luis Méndez Ferrín
FARO DE VIGO
Sábado, 29 de novembro de 2008
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-12-2008 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer