Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A música tradicional nas aulas
OS ENSINANTES DE MúSICA TRADICIONAL DEBATEN SOBRE COMO INTRODUCIR ESTE LEGADO NA EDUCACIóN FORMAL

Nos últimos anos, o interese entre os docentes de ensino obrigatorio pola nosa música tradicional está a se incrementar. No entanto, a presenza deste legado sonoro continúa a ser mínima nas aulas. O III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega dedícalle esta fin de semana boa parte do seu programa a un ámbito que ten un inmenso potencial á hora de popularizar este legado.

Máis de catrocentas persoas tentaron inscribirse neste encontro. Entre elas, atópase un bo número de mestres e profesores de ensino primario ou secundario que buscan ferramentas ou orientacións para achegar ás súas aulas a nosa música tradicional. E é que, segundo aseguran os coñecedores do medio, nos últimos anos está a se incrementar a presenza destes sons nos centros de ensino. Segundo explica Xaime Estévez, coordinador das mesas redondas destas xornadas, “eu levo 25 anos de profesor e vexo unha evolución positiva. A propia matrícula neste congreso, que a min me sorprende positivamente, indica que hai moitísimo profesorado moi sensibilizado con esta temática”. Coincide con ele Xerardo F. Santomé, membro da asociación Gaiteiros da Xistra e que intervirá no congreso co relatorio Proposta estratégica sobre as aplicacións didácticas da música popular galega nos sistemas ensino. Para Santomé, “a situación mellora porque antes non había nada. Agora podes atopar unhas follas sobre música tradicional no libros de Coñecemento do Medio. O problema moitas veces é que se fala diso dun xeito moi teórico, sen que o alumno o viva nin o sinta”. Para alén dos libros si que advirte un incremento no interese dos ensinantes. “Nesta nova fornada de profesores de música si que hai interese, pero ás veces queda en dar teoría máis do que outra cousa”.

Propostas puntuais
O que falta é, segundo estes profesores, algún sistema que permita coordinar as múltiples iniciativas que se desenvolven, illadas, en diferentes centros. “Sería interesante sistematizar o que hai feito. O mesmo cun grupo de traballo que se promovese desde a propia Consellaría para que o ensino obrigatorio tivese un papel destacado na difusión da música tradicional e que incentivase aos profesores para apostar por isto”, advirte Estévez. Pola súa banda, Santomé coincide en que “unha queixa común dos profesores é que non existe material para traballar. Desde a nosa asociación defendemos que cos nenos e co contorno é un coñecemento que se transmite facilmente. O que si se detecta é que existe unha falta de formación entre os profesores. En primaria si teñen unha formación pedagóxica que lles permite traballar mellor este campo, pero en secundaria, que é onde se poderían conseguir obxectivos a curto prazo, nótanse máis eivas na preparación”.

O traballo da Xistra
Nese ámbito, Santomé leva anos a traballar na Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra, que desenvolveu unha boa cantidade de material didáctico arredor deste campo. “Facemos concertos didácticos con Caixanova e actividades para todo tipo de ensino e para a familia. Temos unidades didácticas sobre vestiario, instrumentos e aspectos concretos. Todas estas experiencias están avaliadas e desenvolvidas, quen as queira empregar que as empregue”. Precisamente este colectivo fará unha demostración do seu traballo nun concerto que se desenvolverá na sesión de tarde do domingo no marco do Congreso.

Música en todas partes
A proposta de achegar a música ás aulas non vai, cando menos nos casos consultados, por crear unha materia ou un número de horas específico para tratar a música tradicional. “Non reclamamos horas para a música tradicional, senón que pretendemos que poida ser empregada como unha referencia para ámbitos coma a cultura, a etnografía ou outros. Non pretendemos que o alumno vexa na música tradicional unha materia máis, senón un xeito de se comportar como galego. Que comprobe que é unha música perfectamente válida para calquera eido da vida, tanto a nivel profesional como persoal”, explica Santomé. Coincide con el Estévez, para quen “debemos potenciala non como algo illado, xa que a música fai parte dunha cultura. Desde o pasado ano en primeiro de ESO hai unha materia chamada Proxecto Interdisciplinar no que pode haber un sitio destacado para a nosa música. Pero en xeral podería estar presente en moitas materias coma coñecemento do medio, plástica ou literatura. En todos os centros hai departamento de galego, grupos de normalización e profesorado interesado neste tema”. Nese sentido non ven prioritario mudanzas nos contidos das materias, e apostan antes por dinamizar as posibilidades que xa existen. Segundo Santomé “facer un decreto por facelo poucas veces consigue os obxectivos que se persiguen. O que procuramos é unha mentalización, que poida que dea nalgún momento nun reflexo legal”.

A estratexia
A proposta estratéxica que Santomé presentará no congreso considera o ensino obrigatorio coma un dos tres eixes nos que traballar a formación na música tradicional. “Queremos buscar o punto de intersección entre os sistemas de aprendizaxe. Por unha banda está o sistema informal de ensino, onde o alumno marca os tempos e os obxectivos, ao xeito tradicional. Logo está o ensino non formal, que é o que agora mesmo ten máis potencia en Galicia, derivado do asociacionismo e que traballa en programas oficiais e dun xeito máis ou menos informal. E logo está o ensino oficial”. Para Estévez a introdución do noso legado musical neste ámbito “pode facer de colchón ante os efectos da globalización e recuperar estas raíces que a sociedade perde. É moi importante que nos centros haxa esta referencia. Os rapaces tocan coa mesma naturalidade un djembé que unha gaita, e teñen que saber de onde vén cada cousa”, completa este profesor.

O debate está enriba da mesa. De certo os máis de douscentos participantes que conseguiron inscribirse no congreso han achegar un bo feixe de propostas sobre o papel que a nosa música tradicional pode e debe desempeñar no ensino. Esta fin de semana daranse uns pasos máis neste camiño.

www.culturagalega.org
Comentarios (1) - Categoría: Novas - Publicado o 31-10-2008 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 creo que non hai que olvidar que hai unha titulación superior de música tradiciona#blgtk08#l no conservatorio superior de Vigo que nunca se nomea máis sen embargo está ahí
Comentario por Roger (31-10-2008 12:37)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer