Este grupo amante da experimentación e da fusión de funk, rock ou samba; comezará a traballar no seu novo disco despois deste verán no que aínda lles quedan algunhas citas tras o concerto do martes pasado na Coruña
Para a súa derradeira actuación en vivo, The Beatles, subiron á azotea do edificio Apple Records, onde ofreceron un pequeno concerto baixo a atenta mirada dos transeúntes que por alí pasaban e a policía, con cara de poucos amigos. A canción coa que elixiron rematar o periplo en directo da banda máis famosa da historia foi, Get Back, na letra faise referencia ao nome de Loretta Martin, personaxe un tanto ambiguo que tres coruñeses (Brais, Fran e Iago) tomaron como nome para a súa banda, porque cando o oíron "pareceunos perfecto". Este grupo amante da experimentación e da fusión de funk, rock ou samba; comezará a traballar no seu novo disco despois deste verán no que aínda lles quedan algunhas citas tras o concerto do martes pasado na Coruña. O 23 de agosto estarán en Ferreira de Pantón e o 29 en Praia Grande, Miño. Falamos con Fran Sanz, baixista do grupo, figura que moitas veces queda relegada a un segundo plano en detrimento do protagonismo doutros instrumentos.
Como está funcionando o voso primeiro disco, Paraíso distante?
O disco saíu en xaneiro de 2007 e o ciclo xa está rematando. Era un disco que xa tiñamos preparado dende bastante antes, por iso cando saíu xa estabamos traballando en novos temas. Nos directos facemos moitos temas de Paraíso distante, e a acollida foi bastante boa. En canto ás vendas, na liña do que pode ser un disco en Galicia, incluso as críticas que se escoitaron en radio e xornais falan bastante ben, pero son un pouco enganosas porque en xeral, os medios galegos pórtanse bastante ben cos grupos de aquí e aínda non lles dan leña.
Estades de acordo coa etiqueta de grupo funk?
Home, é evidente que nós temos moito de funky pero tamén hai unha boa parte de rock. O de funky é unha etiqueta que se nos foi colocando, nós non dicimos que si nin que non.
Pero o caso é que tedes un son moi rítmico, marcado polo groove e certamente bailable.
Pensamos que é así, dende logo é o que tratamos. Brais ten unha voz moi melódica e sen esquecer a harmonía, estamos buscando o ritmo sempre, aínda que se facemos unha canción rock non é así. Normalmente o que nos gusta é perseguir un ritmo que sexa potente, que poida facer mover a xente e que non dea descanso.
Pódese ver o funky como un xénero underground en Galicia?
Como xénero unitario non hai moitos grupos e en canto ao público, está claro que é unha música que se deixa escoitar ben e en xeral nos últimos anos a súa influencia gañou adeptos. O certo é que si hai moitas bandas que adoptan certas sonoridades para cancións e as mesturan con outras cousas.
O feito de que vostede sexa baixista nunha formación funky dálle máis protagonismo que noutro tipo de banda?
Está claro que no funky a base é o ritmo, e o ritmo o poñen a batería e o baixo. Hai un guitarrista (Brais), pero o batería (Iago) e máis eu temos que soar como unha mesma persoa. Como algo que está aí todo tempo facendo o fondo e marcando o compás.
Como baixista pódenos explicar en que consiste a famosa técnica do slap?
Aínda que eu non a emprego moito, é unha técnica que está moi de actualidade, aínda que vén de atrás, dende os anos 70. Basicamente co polgar golpeas as cordas máis gordas á altura onde comeza o mástil, e as cordas máis delgadas belíscalas cos outros dedos, hai moitas variables, dende xente que emprega dous dedos ou só un. De feito, agora estase dando unha versión máis evolucionada do slap que consiste en usar o polgar ademais de golpeándoo, como se fose unha púa de guitarra e iso dá moitas posibilidades.
Pode que se abuse demasiado desta técnica?
Ultimamente converteuse nunha especie de moda. Hai quen en vez de facer música fai deporte, e está todo o tempo dándolle ó polgar (ríe).
A que se debe o de mesturar idiomas como o portugués, galego ou inglés nas vosas letras; é algo espontáneo ou unha forma de abrir novos mercados?
É algo mais ben espontáneo porque nós escoitamos moitísima música, nos gusta a que está en portugués pero tamén en castelán, ingles, galego... De feito, chegamos a ter unha canción cantada en italiano que nunca se gravou. Empregamos a lingua como un instrumento máis, igual que tes un saxo que pode tocar en varias tonalidades, tes unha voz que pode empregar varias linguas. Son varios recursos simplemente ao servizo da creatividade, non ten que ver cunha estratexia de mercado ou dalgún tipo de reivindicación, xorde porque nos gusta.
Despois de anos percorrendo estradas vedes agora a posibilidade de comezar a vivir da música?
Iso é algo que sempre está aí e en última instancia, sempre o defendes dun mesmo. Se queres facelo tarde ou cedo podes conseguilo traballando moitísimo, aínda que xa é difícil nun traballo calquera, neste máis aínda. Gústanos estar diversificados en máis cousas, non é algo que busquemos de inmediato, é unha posibilidade que existe e se chega ou non, tampouco se trata de algo que nos coma a cabeza. Hai que ter unhas calidades apropiadas pero se es capaz de saber quen es e se o intentas, seguro que podes conseguilo.
É o MySpace o mellor escaparate para as bandas que comezan?
Parece ser unha ferramenta indispensable agora en todo grupo, incluso os máis consolidados o teñen. O que non sei é, ata que punto pode ser útil. Hai grupos aos que lles foi moi, moi útil, pero nós vémolo sinxelamente como algo que está aí. Podemos contactar con outra xente, e eles poden coñecer o que estamos facendo; algúns preséntano como a panacea, outros din que non vale para nada, mais supoño que o fenómeno do MySpace estará nun termo medio.