Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista ao director do Festival do Mundo Celta
Fran Rivera: "Gustaríame que a xente fose a Ortigueira pola música"

Este xoves comeza en Ortigueira o maior festival folk do mundo, unha cita imprescindible para todo amante da troula e da múscia. En Fran Rivera recae parte deste éxito. El é o responsable da industria cultural que se montou ó redor dun festival artesanal que naceu vinte anos antes de que el o collese, no 1978.

Daquel entón, nos catro días de troula que arrincan este xoves quedan só os sons celtas e o espírito de liberdade que invade a quen se achega ata Ortigueira.

PREGUNTA: Levas dez anos á fronte do Festival. ¿Como empezaches?

RESPOSTA: Aprobei unhas oposicións de animador cultural no Concello de Ortigueira e encargáronme unha serie de actividades. Entre os meus cometidos estaba a organización do Festival.

Pero daquela todo era máis artesán, máis caseiro. Co paso dos anos fómonos decatando de que a dedicación exclusiva á organización non era unha opción, senón unha esixencia, ó ver como medraba.

Un novo pulo
P: Como foi o cambio daquel evento ‘caseiro’ ao que é hoxe, un dos festivais máis multitudinarios do Estado?


R: Daquela xa se xuntaba moita xente, aínda que só duraba dous días e o presuposto para contratar grupos era máis modesto. A base estaba montada, pero faltaba dedicación e unha aposta seria polo Festival.

Foi no ano 2000 cando se rompeu con todo aquelo para ofrecer un evento profesional aberto a outros sons que non teñen por que ser exclusivamente celtas. Dirixímonos non só cara aos países celtas, senón tamén cara aqueloutros que recibiron a influencia destas culturas.

P: Como lembras a que para ti foi a primeira edición, a do 98?

R: Uf (ri). Lembro o primeiro grupo polo que apostei, que foi Berrogüeto. Foi a miña escolla dentro da música galega. Despois actuaran tamén os escoceses de Macumba (son oito percusionistas con raíces espalladas por toda a xeografía mundial que acompañan os seus instrumentos do son da gaita escocesa). Pero daquela eran dous días e viñan moitos menos grupos.

''As vellas glorias bebían tamén''
P: Dende fóra semella que o perfil dos ‘festivaleiros’ mudou moito nestes 30 anos...


R: Pois non penses que cambiou tanto. Si que é verdade que cada ano entra xente nova, estudantes e universitarios que se van a Ortigueira celebrar a fin das clases e dos exames. Pero segue habendo xente que é fiel ós concertos ano tras ano.

P: Eses fieis dos que falas fanlle unha crítica bastante dura ó Festival dos últimos anos...


R: (Interrompe, entre risas) ¡A das carpas!

P: Tamén. Pero máis forte é aínda a que se nos fai ás novas xeracións de ‘festivaleiros’, das que din que estamos máis interesados no botellón ca na música.

R: (Risas) As vellas glorias bebían tamén. Ben é certo que hai xente que vai a beber e que non pisa os escenarios. Pero é maioría a que se interesa pola música e que se entrega con cada concerto. Os vellos festivaleiros poden serguir vindo a Ortigueira e oír boa música. Non me parece unha escusa.

Seguridade de máis... ou de menos?
P: A outra cousa que se lle bota en cara ó evento e, por extensión, á organización, son as carpas. Que pinta unha carpa ‘dance’ nun festival celta?


R: (Moi serio) Esas carpas son totalmente alleas ó Festival, e isto quero deixalo claro. Dende a primeira vez que se instalaron estamos tratando de evitar que se asenten, pero non sabemos como.

Quizais as medidas de seguridade que hai son poucas, e as que hai están ocultas, que é como teñen que estar. Un policía en cada esquina nun festival como que espanta á xente. É un pouco a pescada que morde o rabo: a vixilancia previa non queda ben, e desmontalas despois pode acabar nun altercado.

P: Na web do Festival fálase dunha aposta polos músicos galegos e por históricos da música celta. Non é esa a escolla de todos os anos?

R: Si. Pero este ano, coincidindo co 30 aniversario, a aposta pola música galega é moito maior. O Festival arrinca cunha noite de foliada dedicada en exclusiva á música tradicional do país, con grupos de renome coma Xochilmica, Malvela e a Banda das Crechas. E despois hai históricos da música celta que nunca se subiran ao escenario de Ortigueira e que será unha boa ocasión para velos.

P: Os grupos galegos que nomeas teñen un futuro xa labrado no panorama musical. Onde está o oco para os grupos que comezan?

R: O oco está en Odaiko (cunha traxectoria sen consolidar aínda) e no escenario Runas, outra das novidades do ano 2000, unha plataforma para dar a coñecer a grupos e solistas noveis. Este ano recibimos 45 propostas e finalmente foron escollidas sete delas para convidalas a tocar en Ortigueira.

A recomendación 'da casa'
P: Cal é o prato forte deste ano?


R: Un só? Uf, é moi difícil de escoller. Recomendaríache The Dubliners, que pechan o domingo. E a min particularmente gústame moito Uxía. Värttinä tamén vai gustar moito, e será unha oportunidade de luxo para ver aos Moving Hearts.

P: O público séguelle a ser fiel á música de raíz?
R: Pois teño as miñas dúbidas. Penseino moitas veces e gustaríame saber que pasaría se se fixese un festival rock na mesma contorna. Supoño que ás novas xeracións, ás do botellón, lles daría o mesmo. E supoño que as ‘vellas glorias’ se sentirían moi ofendidas.

Sen embargo, esas persoas que se entregan cada ano, chova ou faga frío, semella que veñen pola música. Sinceramente, gustaríame que fose así, porque senón sería unha decepción grande despois de tanto traballo.

www.galiciae.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-07-2008 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer