Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Victor Aneiros

A Víctor Aneiros Band: “Non hai mellor letrista de blues que Rosalía”

Será a saudade, ou a morriña, ou talvez o clima, mais o caso é que sermos galegos fainos especialmente aptos para o blues. Polo menos, esa é a opinión do músico ferrolán Víctor Aneiros. O bluesman patrio iniciou no Porto a xira de presentación do seu último disco ‘Heroe Secreto’.


Integramente na lingua de Rosalía, o traballo mestura letras propias con insignes adaptacións de clásicos da literatura do país. Curros, Pimentel ou Amado Carballo póñenlle verso ao vello estilo musical afroamericano tocado desta volta desde Galiza por unha banda de xigantes da música que o día 29 poderemos escoitar na sala Breogain de Vigo

Non é herdeiro de escravos africanos. Non berrou no campo recollendo algodón, que saibamos. Nin sequera é negro. Moi pola contra naceu en Ferrol. Mais fai blues, en Galiza. E en galego. E iso non deixa de ser exótico. Porén, ao escoitalo, un dálle a razón sorprendentemente: temos unha lingua moi dotada para o blues. Ese rubor que incita o estilo en castelán ou en francés desaparece ao escoitar o ‘Soia’ de Rosalía cantado e musicado por Víctor Aneiros.

O bluesman galego iniciou en Porto a xira de presentación do seu último disco Heroe secreto, que acaban de tirar do prelo. O día 29 estará en Galiza, na sala Breogain de Vigo. Faino rodeado de músicos da altura de Manuel Gutiérrez, Marcos Yáñez e Xacobe Martínez, cos que montou a Víctor Aneiros Band.

A frase the blues fai referencia aos blue devils (espíritos caídos), Á tristeza. Unha das primeiras referencias a the blues pode atoparse na farsa Blue Devils, a farce in one act (1798) de George Colman . Posteriormente, durante o século XIX , esta frase foi usada eufemisticamente para facer referencia ao delirium trémens. A pesar de que a frase, na música afroamericana, poida ter un significado máis antigo testemuñouse que en 1912, en Memphis o músico W. C. Handy xa utilizaba (no seu tema Memphis Blues) o termo the blues para referirse a un estado de ánimo que os portugueses e os galegos denominariamos saudoso.

O blues evolucionou dunha música vogal sen acompañamento, interpretada por traballadores negros pobres, a unha gran variedade de subxéneros e estilos, con modificacións rexionais ao longo de todo Estados Unidos e, posteriormente, de Europa e África. As estruturas musicais e os estilos que están considerados hoxe día como o blues, así como na música country moderna, naceron nas mesmas rexións do sur de Estados Unidos durante o século XIX. Heroe secreto é canción negra feita por galegos. É negra sombra e metafísica rosaliana. Rompe coa falacia patriarcal da escritora chorona, ao tempo que ensina que o blues é moito máis que tristura.

A morriña fainos máis aptos para o blues?
Ser galego é moi de blues. O blues é unha música que non ten fronteiras, xa non é unha música americana. Nun principio si que o foi e utilizábano para reivindicar as súas cousas, pero hoxe en día xa non, porque ese espazo ocupouno por exemplo o rap. Esta é unha música universal.

Pasou o mesmo co rock e con outros estilos que naceron nos Estados Unidos, como o jazz, ou incluso o rap e o hip hop, que hoxe, ademais, conta con bos referentes na música galega, en Dios ke te Crew, por exemplo.
Si, pero no caso do blues vai especialmente ben con nós, coa forma que temos de ser os galegos. Ademais, o noso idioma préstase moito mellor que o castelán para ese tipo de música. É algo químico e rítmico moi diferenciado. E dígocho eu que fun educado no castelán.

Ferrolán de cidade...
Si, palabras maiores.

E que lle levou a mudar a lingua, desde ‘Que el blues te acompañe’ (1999), onde só había un par de temas en galego até o ‘Blues do amencer’ (2004), íntegramente no idioma?
O blues do amencer eran temas propios cantados en galego. Está moi ben o blues en inglés, pero para iso xa están eles que o fan moito mellor. A única forma que nós temos de competir con iso é facelo a partir das nosas propias vivencias, da nosa propia maneira de ver o mundo. O blues é un estado de ánimo, unha maneira de sentir. Todos estamos de acordo niso, non? Por iso acho que non hai nada mellor que facelo na lingua nai da terra.

En fin, Eric Clapton dicía que o blues non é máis que un home bo sentíndose mal.
É unha boa definición. Tamén eu lle diría outra da que gosto moito: O blues é esa canción que tocas na parte de atrás da casa.

Moi do vello blues.
E tamén me interesa a famosa frase que dicían naquela película, bastante comercial por outra banda, baseada na historia de Robert Johnson que vendía a súa alma ao diaño para facerse famoso.

Refírese a ‘Oh Brother’, dos irmáns Coen?
Esa. Na película preguntábanlle: “Que é para ti o blues?” E el dille: “É cando te lembras daquela moza que marchou e ti estás só”. Hai moitas definicións, pero debemos subliñar que o blues non é só tristura.

A saudade e a melancolía non teñen por que ser exactamente tristes.
Claro, o blues é un estado de ánimo moito máis complexo e con moitos máis matices.
Pero hai letras moi tristes en ‘Heroe secreto’, como a de ‘Miña bala perdida’.
Esa si que é unha letra triste. Moi triste. Cando a soidade toma copas soa nun bar. Os clásicos de soidades e tristuras.

Usar a Curros Enríquez como letrista de blues debe ser unha experiencia peculiar.
Pois creo que os clásicos das letras galegas callan moi ben no estilo. Un tema tan manido como o de ‘Unha noite na eira do trigo’, tan ligado á música galega que podiamos consideralo o verdadeiro himno de Galiza, funciona perfectamente para o blues. E é que se analizas o tema decátaste de que é xa un Blues en si.

E Rosalía e moi bluseira?
Pois acho que tras escoitar ‘Soia’ cheguei a pensar que non hai mellor letrista de blues que Rosalía. Máis blues que iso non hai. Estamos a falar dun galego decimonómico que non modifiquei en absoluto e a letra entrou na música e a música na letra como se estiveran feitas para estaren xuntas.

Presentan o disco en Portugal. Como ve a relación luso-galega? Seguimos de costas?
Eu véxoa moi ben. Nós xa fomos varias veces a festivais de Portugal. O primeiro foi hai tres anos e a xente sempre respondeu de marabilla. O ano pasado estivemos con Coco Montoya, unha estrela do blues e o público respondeu tan ben con nós como con el. E o propio Coco Montoya veu ao final a felicitarnos. E que veña un ianqui a che dicir que tocas blues con moito corazón é un eloxio inmenso. O que nos pasa aos galegos é que non valoramos o que temos e o que somos. E, o que é peor, penso que non hai nada que facer porque é a nosa condición. Somos derrotistas. Calquera cousa parécenos mellor que o noso, cando aquí hai cousas interesantes e de gran calidade. Ás veces ten que vir alguén de fóra a lembrarnos que somos bos. Vai con nós e é un pouco irremediábel.

E o panorama en Galiza vai mellorando?
Mellora, si. Están os clásicos de sempre, os Miki Nervio, uns bos amigos, pero tamén hai xente nova facendo blues. E a todo isto axuda que Galiza comeza a contar cun circuíto de música e máis movemento. Empézase a valorar a música. Os músicos que están comigo, por exemplo, teñen unha traxectoria excelente. Agora nótase que o problema principal viña de quen estaba antes no goberno.

Nota un gran cambio?
Vai lento, para que nos imos enganar, pero pouco a pouco vanse facendo proxectos interesantes.

Recoméndenos un local en Galiza?
Destacaría o Manteca Jazz de Vigo, porque ten unha programación boa, trata ben os músicos e goza dun encanto especial.

Cando á Big Band de Dizzy Gillespie se incorpora o percusionista cubano Chano Pozo, créase a primeira Gran Orquestra que compón, interpreta e grava Jazz Latino. Da colaboración destes dous grandes músicos xorde o que daquela foi un grande éxito e hoxe converteuse nun dos estándares deste xénero máis versionado: Manteca. A sala Manteca Jazz é unha homenaxe a estes e a todos os músicos, e especialmente á música en directo.

No caso do tema Unha noite na eira do trigo incluído en Heroe Secreto, a letra de Curros Enríquez aparece sorprendente como un blues de desacougo e tristura: No xardín unha noite sentada/ao refrexo do branco luar,/unha nena choraba sin trégolas/os desdés dun ingrato galán./I a coitada entre queixas decía:/“Xa no mundo non teño ninguén,/vou morrer e non ven os meus ollos/os olliños do meu doce ben”./Os seus ecos de malenconía/camiñaban nas alas do vento,/i o lamento/repetía:/“¡Vou morrer e non ven ao meu ben!”

Aneiros inicia a súa andaina polos anos 80 colaborando con distintas formacións de rock (Blancanieves, 39 Escalones ou Terminal Norte). O paso definitivo foi o momento en que decidiu formar a súa propia banda, Víctor Aneiros & Blue Notes. O seu traballo fusiona o blues clásico coas novas tendencias sen perder o esencial do estilo ao que pertence. A mediados dos 80, Roberto Leal –actor e director teatral arxentino– chámao para que compoña a música de ‘Eche veinte centavos en la ranura’. Nos 90 forma xunto á cantante canadense Julie Guravich Acceso Norte. E despois dun longo percorrido, en marzo do 99, coa colaboración do pianista Fran Rey (Julie Guravich Quartet) e Pablo Barreiro (técnico de son) grava na Radio Galega Que el blues te acompañe, editado en xullo do 2000 por Cambayá Records e distribuído por Alía discos.


www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 27-02-2008 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer