Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista con Veria
Para Botar Un Pé... a bailar

O Concello de Cospeito é o lugar de orixe dunha formación musical cun obxectivo claramente definido: conseguir que bailemos ata non poder máis. Para conseguilo reuníronse diferentes músicos, con variadas traxectorias artísticas pero cun denominador común: a paixón pola música do noso país.
Eses músicos que forman o grupo son: Andrea Méndez (bombo e voz), Mónica Fernández (pandeireta e voz), Mª Carmen Gayoso (gaita e saxo alto), Suso Penas (gaitas), Modesto Renda (clarinete e gaita), Vili Roca (tamboril e guitarra acústica) e Xesús Álvarez (acordeón).

Este último preséntanos a Veria e a súa estrea discográfica:

O grupo Veria ¿cando e de que xeito naceu?
Polo ano 2002 formabamos parte dun grupo de gaitas do Concello de Cospeito e, ademais do repertorio típico da gaita, demos en probar outras pezas aproveitando que tocabamos tamén outros instrumentos como o saxo, o clarinete, o acordeón ou a guitarra. Mesmo nos atrevemos a cantar algunha. Pero aquilo non era xa un grupo de gaitas e comezamos a camiñar pola nosa conta co nome de Veria.

Explícanos ese nome que escollestes para o grupo.
Hai moitos anos, no lugar onde está hoxe a lagoa de Cospeito, había unha vila que se chamaba Veria, ou tamén Valverde. Os seus habitantes seica eran os valuros, que eran ricos e facían festas, pero adoraban a un deus equivocado. Conta a lenda que un día pasou por alí a Virxe María e asulagou a vila despois de que non lle quixeran dar pousada nela. Hoxe na lagoa habitan lavancos, garzas e outras aves acuáticas. É un espazo protexido e moi visitado polos amantes da natureza. Algún día fomos nós pola noite a ver se escoitabamos a música das festas valuras, pero só ouvimos o croar das ras.

Tes que explicarnos tamén o título do voso disco.
Cóllase un anaco de banda un domingo pola mañá, unhas pingas de charanga, o fol dunha gaita vella, unhas lendas cantareiras, uns coiros de cabuxo ben tesos, adóbese ó xeito tradicional, bótese todo a ferver no escenario e velaí a receita: “Música para botar un pé”. O título Para botar un pé é porque unha parte dos temas foron recollidos a músicos que os tocaban en romarías e verbenas para que a xente bailara. Case todas as pezas chaman ao baile.

O voso disco ¿onde e en canto tempo foi gravado?
Para Botar Un Pé foi gravado por Arturo Vaquero, nos estudos Abrigueiro de Friol. Quedamos moi satisfeitos tanto do son como do trato que nos deu Arturo. Tamén do seu licor café. A gravación levounos case dúas semanas en distintas etapas, entre gravación, mesturas e masterización.

Esa experiencia da gravación dun disco, ¿que tal foi?
Boa. Gravar é como darlle vida a un ser; ao primeiro, cando hai poucos intrumentos gravados aquilo non soa nada, pero segundo se van engadindo instrumentos vai soando cada vez mellor, e cando se mestura, a gravación colle vida. É como criar un cativo.

¿Tiñades algunha experiencia previa neste tipo de asuntos?
Como grupo xa tiñamos gravada unha maqueta. Suso, o noso acordeonista, foi membro de Brath e participou na gravación dos 4 primeiros discos deste grupo. Modesto Renda e Maricarmen Gayoso participaron en gravacións coas bandas de música de Vilalba e Guitiriz. Suso Pena, o gaiteiro, ten sido dúas veces finalista no Constantino Bellón. Das cantareiras, Andrea participou no Son de estrelas da TVG e Mónica está metida en cantas actividades musicais hai.

Neste primeiro disco de Veria aparecen tamén algunhas colaboracións. Coméntanos cales.
Primeiro a xente á que lle recollemos pezas: Antonio Corbelle, de ‘Alegría de Muimenta’, Antonio Camba, Josefa da Fraga, Antonio da Ermitas. Logo está Manuel Álvarez, que fixo os aturuxos, Tania Cabarcos que cantou nun tema, Manuel Liñares, que nos empalletou as gaitas, e algúns máis que nos cederon fotos ou información sobre a lenda da lagoa.

No disco encontramos un despregue de contidos que, por desgraza, non é moi habitual neste tipo de traballos. “Para botar un pé” conta cun menú interactivo e, incluso, cun video-clip ¿non?
Nestes tempos nos que é tan doado copiar e baixar música de internet, parécenos que pode ser un incentivo o feito de que o disco leve outros contidos ademais da música. Neste CD incluímos fotos, a historia do grupo, enlace coa páxina web e tamén un vídeo-clip no que uns monicreques van representando a historia que conta A gaita do Crisóstomo”. Para este vídeo-clip contamos coa colaboración de Pedro e María Agrelo, os monicreques de Pili Rubinos e os debuxos de Roque e Lucía Álvarez.

Nos cinco anos de vida que xa ten o grupo Veria, no tema das actuacións ¿que tal vos foron as cousas?
Actuamos no festival de Pardiñas, no ‘Vai de Camiño’ do Xacobeo, no Magosto Celta de Balboa, Festas da Primavera en Lugo, Festa Valura de Castro de Rei, TV locais etc.

Coa publicación deste disco, ¿esperades que aumenten as ofertas?
Si, deberían aumentar porque o disco serve para dar a coñecer o grupo e a súa música, sobre todo a través dos medios de comunicación.

Dicídeme un sitio no que vos gustaría, especialmente, tocar e presentar este disco.

Na praza da Quintana, en Santiago.

A vida cultural e musical no Concello de Cospeito, ¿como anda de saúde?
Ten dous centros para ir curarse, é dicir, dúas Casas da Cultura, unha na Feira do Monte e outra en Muimenta. Pero aínda así anda case todo o ano con gripe.

O que non vexo no disco é ningunha referencia a algun tipo de axuda institucional. ¿Non vola quixeron brindar ou non a quixestes pedir?
Fixemos algún intento pero non foi adiante, polo que sacamos o disco á rúa sen ningún tipo de axuda.

Unha vez conseguida a publicación do primeiro disco, os vosos seguintes obxectivos ¿cales son?
Despois do primeiro, o obxectivo é que veña o segundo e niso andamos, vendo e preparando pezas novas. Queremos seguir na liña tradicional-popular-bailable do primeiro, pero dándolles máis relevancia aos temas con letra, aos temas cantados.

Máis información na web do grupo: www.veriafolk.com

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 30-01-2008 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer