Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Retos de futuro para Berrogüetto
O grupo Berrogüetto anunciou hai uns días un importante cambio entre os seus compoñentes, unha remuda significativa que era comentada nos círculos habituais do folk galego, pero que precisaba dunha confirmación oficial por parte do grupo. Unha substitución de tanto peso podería ter consecuencias negativas noutras formacións, pero unha das características deste grupo desde o seu nacemento foi a de ofrecer sempre unha imaxe colectiva das sete grandes individualidades que o compoñen

Confirmada xa a noticia un dos compoñentes de Berrogüetto, Guillerme Fernández, que xa compartiu distintas experiencias profesionais (en paralelo ao seu traballo con Berrogüetto) coa nova incorporación ao grupo, Xabier Díaz, nos explica as novidades e os proxectos de futuro dun dos grupos máis senlleiros na actualización e na innovación da tradición musical galega.

Xa hai un tempo que existía un ruxe-ruxe que falaba dun posible cambio entre os compoñentes de Berrogüetto. Ao final conirmouse ¿non?
Así é, finalmente producíuse ese cambio e podemos confirmar a decisión de Guadi Galego de deixar a formación.

Guadi deixa o grupo pero sen rencores nin malas historias por ningunha das partes ¿non?
Por suposto, a música é unha parte moi importante dentro das nosas vidas pero hai outras partes que son aínda máis importantes, como as relacións persoais, familiares e de amizade. A propia Guadi comentaba hai uns días nunha entrevista que, a pesar da súa marcha, sentía que Berrogüetto era a súa familia e nós sentimos o mesmo. Aínda que decidira marchar, seguímola considerando parte de nós.

Do achegado por Guadi, nos seus dez anos de andaina con Berrogüetto, ¿cal é a vosa valoración?
Cando Guadi comezou a traballar connosco era unha nena moi nova que, pese a que levaba xa bastante tempo tocando e participando noutros proxectos musicais, tiña moi pouca experiencia no mundo artístico; na relación co "gran público" era bastante novata (como moitos de nós) e nestes dez anos a súa evolución foi moi visible. Do achegado por ela ao grupo está o máis visible: a súa voz e o seu estar; pero tamén outras cousas, como o seu talento para a composición. Hai xa tempo que se convertera nunha parte moi importante do grupo e, de seguro, que a imos botar sempre en falta.

Unha vez decidido por parte de Guadi que abandonaba o grupo e asumida a cuestión pola vosa parte ¿como foi o proceso para escoller substituto?, ¿fixestes un cásting ou algo semellante?
O primeiro paso foi superar a sensación de medo que tiñamos, pola sorpresa e por non saber moi ben como resolver a cuestión. O seguinte paso foi pensar en distintas posibilidades para cubrir a baixa e si que pensamos na posibilidade dun cásting. A decisión non era doada porque atopar unha persoa que reunira as características que precisabamos non era fácil, porque tiña que ser alguén que cantase, que tivese relación co mundo da música tradicional galega, pero ao mesmo tempo tamén co da música máis contemporánea, e que tocase algún instrumento como a percusión ou a gaita, resultaba bastante complicado. Pero tamén é certo que, pola escaseza de posibles "candidaturas", a nosa decisión non foi moi difícil; o que me parecía máis difícil era que esa persoa aceptara pero afortunadamente, despois de meditalo un tempo (que tampouco foi moito), mostrouse entusiasmado coa idea e remataron as nosas incertezas. A persoa escollida foi Xabier Díaz.

Coa decisión de escoller unha voz masculina para Berrogüetto ¿tratades de evitar posibles comparacións?
En parte si porque a incorporación doutra voz feminina levaría, indudablemente, a que o público agardase ver un reflexo de Guadi; pero foi algo que non condicionou a nosa decisión, xa que en principio non descartabamos a posibilidade doutra voz feminina. O que si temos claro é que a incorporación de Xabier despexa esa posibilidade de comparación.

¿Que pensades que lle vai achegar Xabier Díaz a Berrogüetto?
Principalmente o seu gran talento. Xabier é unha persoa que posúe unha creatividade extraordinaria que, ademais, vai acompañada da súa gran calidade como persoa e como intérprete. A súa presenza vaise notar, de seguro, en moitos aspectos como o da composición por exemplo. Ademais están todas as vivencias que se comparten cando formas parte dun grupo e que, polas experiencias persoais que xa eu vivín con el, estou seguro de que serán moi positivas.

A súa adaptación ao repertorio do grupo ¿que tal vai?
Este vai ser un ano que podemos cualificar como "de transición" no que Xabier se vai ter que adaptar ao repertorio que estabamos interpretando en directo, aos temas que antes cantaba Guadi ou tocaba a gaita. El non ten ningún tipo de problema xa que, como ben di: cantar é o meu traballo. Conta ademais coa vantaxe de que xa coñece bastante ben o noso repertorio, de feito participou anteriormente nalgún dos nosos discos e dos nosos concertos. A única teima que ten agora mesmo é a de "quitarlle ferruxe aos dedos", xa que levaba bastante tempo centrado na súa carreira como cantante e tiña algo abandonada a gaita. Pero polo demais todo vai rodando á perfeción.

Este será daquela un ano de transición, pero tamén de novos proxectos, coas miras postas na preparación do que será o quinto disco de Berrogüetto ¿non?
Cando falo de transición refírome ao máis próximo, aos concertos que temos previstos de aquí ao verán, pero si que comezaremos a traballar e preparar o novo disco contando xa coas valiosas achegas de Xabier.

Nese novo disco ¿podemos agardar moitas sorpresas?
En Berrogüetto temos un xeito de traballo un tanto peculiar no que se refire ás novas pezas do repertorio, cada un chega ao ensaio coas súas propias ideas e entre todos as retocamos, ás veces as "destrozamos", e lles damos mil voltas. Agora vai haber unha persoa nova participando nese proceso, o que xa implica
unha posibilidade de cambio, pero será o tempo o que nos desvele o camiño, así que imos agardar para dar unha resposta máis concreta a ese asunto.

¿Para cando un concerto de presentación oficial ao público de Berrogüetto con Xabier Díaz como compoñente do grupo?
O primeiro concerto terá lugar, casualmente, o 30 de marzo na cidade da Coruña. Digo casualmente porque é a cidade na que reside Xabier e iso pode converter a actuación nunha experiencia moi intensa.


www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-01-2008 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer