Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista con Guadi
Nos ambientes do folk foi unha auténtica bomba informativa o anuncio da saída de Guadi Galego da formación de Berrogüetto e a entrada de Xabier Díaz como novo cantante.

A artista atópase moi cansa e decidiu non seguir se non podía facelo ao 100%. Anceiamos que colla novos folgos e continúe con forza cos seus proxectos, sexan os actuais ou calquera outro que xurda no futuro, porque o folk galego non debe prescindir dunha persoa tan valiosa como ela. Nos últimos anos amosou posuír talento e capacidade de traballo para estar con acerto en varios grupos.

-A pregunta inevitable. Porque decidiu deixar a banda?
-É unha decisión que xa viña de tempo atrás. O que ocorre é que nunca queres precipitarte e ademais era necesario cumprir os compromisos do verán coa banda. Fundamentalmente marcho por cansazo. Precisaba tempo para min e estar neste grupo queima moita enerxía e as viaxes tamén cansan bastante. Teño claro que agora non podería estar a tope e por iso prefiro marchar. Nun concerto quero dalo todo e para facelo á metade é mellor non continuar. Pódese dicir que estou saturada de escenario.

-Ten vostede algo que ver coa decisión de incorporar a Díaz?
-Eu din algúns nomes, pero a decisión non foi miña. Para min, a elección de Xabier é a mellor posible. É o mellor candidato, un músico moi preparado, máis ca min, e coa súa entrada vai cambiar o son do grupo e daralle outro carácter á formación. Tiveron moita sorte en dar con el.

-Chama a atención que se vaia cando no último disco vostede ten máis participación que nunca nas composicións.
-Déusenos moita cancha a Guillermo e a min nesta obra e ao mellor podía tocarnos menos na seguinte. En Berrogüetto as forzas van rotando e sempre foi unha banda como tal, non un conxunto de músicos que se une. Existe unha gran diferencia entre eses conceptos. Lévome o mellor desta banda: a música e a madurez artística. Tamén a madurez persoal, que é a que che fai ser un bo artista. Gocei de momentos moi bos. Sinto admiración por eles. Neles teño compañeiros e amigos. E ninguén pode negar que sempre existen momentos malos, mais no noso caso nunca chegaron ao terreo persoal. Creo que me levo mellor con eles que nunca. Son tantos anos de convivencia que xa sabemos todos de que pé coxeamos. Tamén penso que este ano tocamos mellor que nunca.

-Volcarase agora co trío Nordestin@s e co dúo que formou con Guillermo Fernández?
-Vou descansar, mais non pecho as actividades con esas formacións. Co dúo xa realizamos os temas para o segundo disco, pero non sei aínda se o sacaremos este ano. O de Nordestin@as depende bastante das actividades, que son múltiples, dos meus compañeiros. Estaría ben poder ter este ano uns trece ou catorce concertos con eles. Creo que será un ano de tránsito e o que non pensei é saír como solista. Teño claro que seguirei compoñendo pezas, bastante variadas conceptualmente, pero tamén pode que as toquen outros artistas, como xa ocorreu, nalgunhas ocasións, no pasado. Agora céntrome nas clases que dou na escola Berenguela, en Compostela, e espero o que suceda co equipo docente no Conservatorio Folque de Lalín.

-A intención do conxunto é editar este ano o adiado álbum sobre as enerxías renovables. Como xa é un proxecto que vén de moi atrás, vai participar nesa obra?
-Pois non sei realmente o que pensan facer. Gravamos eses temas hai tempo e a miña intención non é a de facelo de novo.

www.laopinioncoruna.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-01-2008 00:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer