Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Lizquente ocaso do folk galego

Os protagonistas deste estilo musical son case unánimes ao apuntar un estancamento e un ciclo baixo na súa distribución, que non na súa calidade.

Fálase moito do folk. Ás veces, cunha sensación marrada. Existe unha conciencia popular de que a única música galega que se promove en Galicia é a de influencia tradicional. Esa da gaita. Porén, se botamos unha ollada ás axendas de concertos dos principais grupos e solistas de folk galego, dende xa hai uns anos, vaise percibindo unha mingua no número daquelas actuacións que corresponden ao territorio nacional. Poden pasar meses sen que haxa ningún concerto deste estilo musical. Hai que falar entón dunha deformación na percepción da realidade cultural?

Existen máis facilidades que nunca para achegarse á súa aprendizaxe e o número de alumnos inscritos nas escolas de música tradicional é cada vez máis elevado. O número de grupos que se dedican ao folk multiplícase cada ano e a creatividade está en alza. Países como Brasil, México ou Alemaña disfrutan e piden concertos dos grupos galegos. E, pola contra, en Galicia percíbese a falta dun circuíto estable de salas que acollan as actuacións e un deserto na gravación de discos.

Facendo unha análise do estado actual do folk dende o propio folk, preguntando ós seus protagonistas sobre o estado da situación que están a vivir, atópase case unanimidade ao facer referenza a un estancamento ou ciclo baixo, á perda progresiva de importancia dentro de Galicia. A que mellorou demasiado rápido e voltou caer. Á falta de usuarios que estean dispostos a pagar por consumilo. Hainos máis optimistas que outros ao pensar nun repunte.
Pero é que serán quen o optimismo e o entusiasmo da xente do folk de turrar desta música cara un novo amencer ou acabará esta etapa de merma por se converter no principio do tépedo ocaso dunha tradición que comeza a esmorecer na noite do seu derradeiro día?

AS PREGUNTAS
1. Hai grupos con concertos no estranxeiro, pero vese unha falta na oferta no territorio nacional, cre que isto indica un declive do folk galego en Galicia?

2. Cre que hai en Galicia unha concepción de que a música folk ten que ser subvencionada e de que a xente non está disposta a pagar por ela?

3. Considera que o incremento na demanda actual de clases de música tradicional pode ser un pulo para o folk ?

4. Que perspectivas ve para o futuro deste estilo?


BIEITO ROMERO
Membro de Luar na lubre
"Hai unha sensación de baleiro"

Nós notámolo máis que nunca. Levamos dous anos practicamente fóra, onde enchemos e a xente paga por vernos. Nós non podemos queixarnos pero dá mágoa que na terra moitos non se impliquen coa música de seu. Hai unha sensación de baleiro.

Si. Aquí non se vende música. É unha cultura de grifo aberto. Algo que non pasa nin en outros lugares nin con outros estilos. En Galicia case ninguén valora no senso de pagar 20 euros. Porque os grupos teñen uns gastos; trátase dun traballo diario e non podes depender só de que a administración te contrate.

É que o problema non é de nivel, nin de calidade. E está tamén a cuestión de que é difícil vivir sendo profesional disto.

Queda a resistencia, como toda a vida. Hai que agardar a que o tempo diga as cousas. Pero hai veces que dan ganas de tirar a toalla, cando ves que dende a propia casa non valoran o que fas, porque, que che queda entón?

UXÍA
Cantante
"Estamos nunha clara etapa de recesión"

É unha clara etapa de recesión. En Galicia aínda hai moito camiño por andar. Hai inciativas louvables pero aínda resta consolidar os concertos de inverno en pequenos auditorios e crear algúns novos.

Hai pouco hábito mais pouco a pouco se irá resolvendo na medida en que existan máis iniciativas de concertos de pago.

Hai maior creatividade que nunca e quizáis isto dea unha volta ás raíces e unha maior devoción polo autóctono e auténtico .

Na música hai ciclos e isto non quere dicir que non rexurda en breve.

XOSÉ LIZ
Profesor de requinta e membro de varios grupos de música
"É un cancro que está en etapa avanzada"

Si, é bastante evidente. Estase a dar unha emigración laboral. Con toda a boa música, grupos e material que hai! Pero non temos nin un circuíto de concertos, nin un mercado, nin produtoras.

Ese é un cancro que se atopa agora en etapa avanzada, porque cando non te contrata a administración non actúas. A xente non está acostumada a pagar pola súa propia tradición e agora é difícil que collan o hábito.

Ten aumentado moitísimo o número de alumnos e isto amosa que a música tradicional segue viva e que ten grande importancia no mundo urbano. Pero antes era máis sinxelo porque, a menos que un fose moi malo, xa conseguía quince ou vinte concertos en verán. Agora, nada. É un baixón, é lamentable.

A aspiración é que en cuestión de tempo se monte un pequeno circuíto cunha rede de locais con música en vivo. Esa é a primeira porta de entrada. Porque o mercado está a tocar fondo, e agora só queda subir. O protagonista do cambio é o propio consumidor deste tipo de música e ideoloxía.

ANXO PINTOS
Profesor de zanfoña e membro de Berrogüetto
"Houbo contratos, non subvencións"

Hai unha certa estacionalidade e por iso en inverno decae o número de concertos.
Si, pero este non é un fenómeno único da música tradicional.

É que tampouco estivo especialmente subsidiada. Estivo subvencionada para o público, pero para os grupos era un contrato, non unha axuda económica sen retribución.

Si, porque hai unha demanda constante e un moi bo nivel. Cidades como Vigo son tremendamente musicais.

O estado da música dende o punto de vista creativo é moi forte. A situación mellorou moito, aínda que quede moito por loitar.

XABIER ABAD
Membro de Beladona e Xarabal
"O ciclo tan beneficioso dos anos 90 parou"

Si, o ciclo tan beneficioso que se deu nos 90 parou. Os medios de comunicación deixaron de dar tanta cobertura e é tamén complicadísimo sacar un disco se non tes cartos ou un padriño achegante.

Non creo que a xente diga iso de pagar se é un día festivo no que non teñen problemas de horario. Porque a xente do folk, que o segue móvese, desprázase. Inflúe tamén a idade e o tempo libre do que se dispón.

Si, e é necesario coñecer a música tradicional, de raíz de recollida. Agora adquirimos unha cultura máis positiva.

Creo que imos polo camiño de repuntar. Neste ciclo baixo o que se precisa, sobre todo, é apoio mediático e discográfico. Porque eu creo que os que se implican con este estilo son moi leais e compran o disco.

ANTÓN CORRAL
Artesán de gaita
"Estabamos peor na miña época, cando empecei"

A década pasada foi moi positiva, tal vez a mellor. Estamos estacionados.

Si, pero non é certo que estea subvencionada. Hai músicos tan bos como eses dos que sempre se fala que non tiveron a oportunidade de gravar un disco. E a Administración tampouco sabe moitas veces o que é que apoia.

Si. No relativo á construción de instrumentos tradicionais, estamos bastante ben. Pode que falemos xa de calidade e que os que sexan realmente bos se conten cos dedos dunha man, pero están a aparecer novos artesáns das escolas. Que nos vaiamos retirando é lei de vida.

Era peor a miña época, cando eu empecei, e imos mellorando pouco a pouco. Polo menos cada ano vai saíndo un artesán novo que destaca.

CHISCO
Profesor de pandeireta e canto
"Estamos a vivir un nivel baixo de moda"

Hai, sen dúbida, menos oferta. E é aínda máis perceptible para os ques están fóra do mundiño. Estamos a vivir un nivel baixo de moda .

Non é polo apoio, é máis porque a iniciativa privada da xente e das asociacións, que cansaron de ser os únicos en tirar dela.

Espero que si. É moi crecente o interese por parte da xente urbana, aínda que estea a diminuír o número de xente nova, porque os pais xa non os meten tanto. Pero hai un importante xermolo entre a xente de entre vinte e corenta anos. Tamén sería importante que se dese algo na materia de música do ensino público.

Baixamos da crista na que estabamos hai uns anos e teremos que saír deste val. Hai oscilacións e problemas que son insolventables, pero hai un interese moi grande por recuperala.

XOSÉ MANUEL BUDIÑO
Gaiteiro
"Todo depende da calidade das propostas"

Iso pasa porque hai festivais que reúnen música do mundo, pero tamén hai aquí. Eu teño concertos por Galicia cada vez que saco un disco, como me pasa agora con "Home". Depende da calidade das propostas. O que pasa é que cada artista e cada grupo é un mundo distinto, non creo que sexa un problema de encasillar.

Non. Eu creo que estamos nun momento esplendoroso, e vese nas foliadas e seráns que hai.

Cada vez hai máis xente e nova música, de autor, de raíz, aínda que teña certas peculiaridades.

Son optimista porque as cousas son distintas.

XAVIER ALONSO
Avogado durante anos na produtora "Nordesía"
"Outra moda como a que houbo non haberá"

Era a consecuencia lóxica a unha situación que se vía vir. Hai unha saturación de grupos. Non é porque sexan malos pero non hai oferta para todos eles. Trátase unha cuestión de mercado. Posiblemente se modificaron os gustos de consumo. Houbo anos nos que as institucións públicas só contrataban música galega de barata achega e tamén subiron os cachés. Xa se sabe, cando o caldeiro se enche... Seguen os que se consolidaron de aquela.

Durante moito tempo foi así. Fixéronse concertos con fins electorialistas e espallouse moitísimo a música. Isto levou a un desprestixio porque se unha música a tes ou tiveches gratis, por que vas paga agora? Tampoco é que estivese subvencionada, tan só contratada. E distorsionouse o mercado porque a Administración podía pagar máis que as entidades privadas e moitos cachés quedaron sobrevalorados.

A música tradicional como tal, sen ser adaptada, en cen anos resultará arcaica. Iso non quere dicir que non fagamos por recuperala, pero non debe procurar o éxito comercial, só o didáctico.

Creo que o futuro será igual que o presente. Hai unhas figuras que se manterán, media ducia das máis senlleiras e aparecerá algún novo grupo que terá certo éxito, é algo inevitable. Pero outra moda como a que houbo non haberá.

www.farodevigo.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-01-2008 00:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer