Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Danza de Aldán o 20 de xaneiro

A Danza de San Sebastián de Aldán caracterízase pola gran afluencia de persoas que veñen a admirala a pesar de ser no mes de Xaneiro.
A celebración ten lugar no Adro da Igrexa de San Cibrán de Aldán, aínda que as veces repítese no mesmo día noutro punto desta parroquia.
Ata o ano 1995, o baile celebrábase polas tardes no patio do Pazo dos Condes de Aldán.

Actualmente báilase pola mañá ó remate da misa solemne das 12:00 h. e pola tarde vólvese bailar aínda que sen conexión relixiosa en dúas ocasións: ás cinco no “Torreiro”. No caso de chuvia celébrase sempre no colexio das monxas de Aldán.

Este baile ten a consideración de danza ancestral xa que existe documentación que proba que se bailaba xa en 1.678, (o que significa que no ano 2008 cumpre 330 anos ininterrompidos de vida) data na que se constituíu a confraría do Santo e quedou constancia de que o mordomo foi Joseph Francisco de Gayoso e Aldao, antepasado dos condes de Canalejas.
A pesar de que non se coñece nin a orixe, nin o significado, sábese que durante séculos a danza estivo relacionada tanto cun carácter votivo (enfermidade) como coa nobreza local.

Os danzantes son veciños ofrecidos ó santo sexa pola súa conta ou pola dos seus familiares, en cumprimento dunha promesa, aínda que isto foi cambiando xa que empezaron a bailar simplemente porque lles gustaba.
A organización desta danza corre a cargo da Asociación Cultural San Sebastián e dun mordomo, que recada pola parroquia o diñeiro necesario para cubrir gastos, entre os que se inclúe a tradicional cena do 19 de xaneiro.

A DANZA

A danza componse de dez galáns, cinco damas e un guía. Ata hai 40 anos era interpretada unicamente por homes.

O baile ten especial brillantez pola mañá, cando se baila ante o santo, durante a procesión que se celebra diante da igrexa parroquial cunha duración aproximada de corenta minutos.

Comeza coas venias a San Sebastián e á Cruz. Os danzantes inclínanse seis veces ante cada imaxe: tres veces cando se achegan e outras tres ó volver á posición inicial.
A Virxe do Carme acompaña ó Santo, arroupado por unha gran póla de limoeiro, e á Cruz.

O guía dirixe en todo momento os movementos do grupo, que baila seguindo ó son da gaita e o tamboril e acompañados do ritmo que fan soar as castañolas dos galáns no inicio de cada compás.
Esta clásica danza finaliza cunha muiñeira a modo de contradanza.

A VESTIMENTA DA DANZA DE ALDÁN

A actual vestimenta dos Galáns de Aldán, en cor e en estilo negro, presenta un traxe de vestir con camisa branca, gravata gris, zapatos de sola, sombreiro e unha banda que cruza polo peito. Os Galáns da Danza de Aldán levan como complemento unhas castañolas que tocan durante o baile.
Esta banda é de cor púrpura, unha tonalidade que coincide coa do manto do Santo, aínda que durante moitos anos foi substituída pola cor da bandeira española. Ademais, a do guía distínguese da do resto dos galáns por ser de cor malva.

A vestimenta das Damas de Aldán é semellante á empregada na Danza e Contradanza de Darbo. O traxe das mulleres consta dunhas enaguas brancas con puntillas bastante anchas por riba das cales visten un mandil negro con pedrería de acibeche.
A camisa ten a mesma cor que as enaguas con moitos bordados e colo subido. Compleméntase cun vistoso mantón de Manila que se pon polos ombreiros prendido con broches de fantasía deixando ó descuberto a pecheira da camisa sobre a que caen numerosos colares de pedrería de varios tamaños.

Na cabeza, sombreiro de palla, adornado cunha rechamante composición floral artificial de diversas cores da que penden pola súa parte traseira numerosas e longas cintas de cores que chegan cos seus flocos case ata o chan.
Pendentes e sortellas complementan este vistoso e pesado traxe que fai que os movementos das Damas sexan repousados e lentos.


www.danzaldan.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-01-2008 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer