Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Acción de Apoio a Díaz Pardo
O vindeiro sábado 19 de xaneiro a Rede de Acción Sociocultural Arredemo presenta o seu novo portal de comunicación no Instituto Galego de Información (IGI) a días escasos do afastamento definitivo de Isaac Díaz Pardo da dirección do Grupo Sargadelos e da máis que posible liquidación do proxecto cultural a el asociado.

No contexto desta agresión e aloxado no portal, reábrese o Foro Negro (ver anterior edición) como punto de encontro, reflexión, debate e denuncia das outras tantas agresións que estamos a padecer no social, no ambiental, no político e no cultural. Participa na construción da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo contribuíndo a tecer a rede de todas e todas. Confirma a túa asistencia individual ou do teu colectivo aquí: foronegro@arredemo.info. Consulta de seguida o calendario e o texto programático

Calendario

Día 19 Xaneiro.

Mañá: Presentación oficial do xornal Galicia e do portal de comunicación Arredemo.

Tarde: Apertura do Foro Negro

Debate: “A necesidade de gobernar o descontento”
Organización da rede de distribución do xornal Galicia

Día 23 Xaneiro.

Mañá: Presentación aos medios do xornal Galicia
Tarde: Recepción solidaria de Isaac Díaz Pardo antes da xunta de accionistas do IGI.


O Xornal Galicia, acción en rede contra o silencio.

O Instituto Galego da Información naceu no ano 1977 co propósito de dar fundamento e sostén, dentro do novo espazo democrático aberto tras o franquismo, ao xornal Galicia, un proxecto editorial ao servizo do país, feito en galego e comprometido de seu coa nosa sociedade. Unha utopía que por diversas circunstancias nunca chegou a bo porto. Diante da liquidación case segura do IGI na xunta de accionistas do 23 de Xaneiro do 2008 que afastará definitivamente a Isaac Díaz Pardo da dirección do grupo Sargadelos, desde a Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo e o colectivo Burla Negra, en colaboración con Novas da Galiza e outros colectivos sociais e culturais do país e moitas persoas absolutamente inconformes con este sacrificio ruín, decidimos dar testemuño deste acto de violencia contra a nosa cultura realizando por primeira e última vez aquela utopía tan vella como aínda necesaria, editando polos nosos propios medios o número cero do xornal Galicia. Un exemplar que alén do seu valor testemuñal, quere tamén deixar constancia de que hai unha cultura viva, libre e irredutible que continúa a traballar e crear no día a día esa Galiza Imaxinaria que soñaron os devanceiros e que homes e mulleres como Isaac Díaz Pardo salvagardaron da barbarie fascista para nós e para os que veñan e as que veñan despois de nós.

Trátase dunha iniciativa que por unha banda pretende expresar de xeito activo a solidariedade de amplos sectores sociais e culturais do país coa figura de Isaac Díaz Pardo. Os pormenores de todo este proceso inzado de infamia e indignidade, son de sobras coñecidos, sendo un dos principais propósitos da edición do xornal non tanto relatar as maquinacións da actual directiva do grupo Sargadelos para afastar da dirección do grupo ao seu fundador como deixar memoria do momento histórico no que se liquida un proxecto cultural de máxima transcendencia na historia contemporánea de Galiza.


Por esta razón, a edición do xornal quere atender por outra banda, e de xeito moi especial, ao momento social e cultural que atravesa o país desde diferentes contextos e puntos de vista. O territorio, a lingua, a cultura, a economía, a política, a ecoloxía, a comunicación, a educación... son a penas algúns dos temas a abordar coa intención de propor unha reflexión colectiva en formato xornalístico que contextualice a liquidación do proxecto Sargadelos cos ollos postos no presente e no futuro da nosa sociedade.

A idea do xornal Galicia xurde tamén asociada á presentación do novo portal de comunicación da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo, prevista hai tempo para este mes de Xaneiro. Dadas as circunstancias, pareceunos boa idea solicitar de Isaac Díaz Pardo e dos traballadores do IGI, o propio espazo do Instituto para realizar esta presentación, se cadra un dos últimos acontecementos culturais que terán lugar no seu interior e solidarizarnos deste xeito coa súa loita nun momento decisivo.

O IGI ten un significado especial na xestación do propio proxecto Arredemo, pois foi neste espazo onde o colectivo Burla Negra, na secuencia da catástrofe do Prestige, convocou o Foro Negro en Decembro de 2003 do que saíron as bases para a organización dunha rede de acción socio-cultural que abrise un novo espazo de comunicación ao servizo dos movementos sociais galegos.


En recoñecemento da cerna espiritual do proxecto histórico impulsado polo Laboratorio de Formas, comprometido tanto coa recuperación da memoria histórica como coa proxección da nosa cultura no mundo, e debedores como galegos e galegas do esforzo e a intelixencia depositada polos seus fundadores na transmisión da nosa identidade cultural, queremos recuperar o Foro Negro, nesta nova andaina da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo, como un foro de reflexión social e cultural aloxado na rede, que será presentado o día 19 no IGI conxuntamente co portal de comunicación e o xornal Galicia. E neste sentido gustaríanos convidarvos a todos e todas a asistir, tanto ao Foro, onde será presentado o xornal e o portal, como ao acto de solidariedade con Isaac Díaz Pardo e os traballadores do IGI o día 23 de Xaneiro no mesmo instituto.

www.arredemo.info
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 18-01-2008 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer