Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PELOGATO 24

Disco de cantigas e xogos para nenos

Empeñada na defensa e difusión da tradición musical galega, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) publica de novo un traballo discográfico, ‘Pelogato 24’, no que as protagonistas son as cantigas e os xogos para os pequenos da casa. Os responsables da direción musical e da produción artística do proxecto foron, de novo, Magoia Bodega e Paulo Nogueira. Eles mesmos presentan para GH esta nova aventura musical dirixida aos que son a semente de futuro deste país: aos seus nen@s

A primeira aventura discográfica impulsada pola AGG foi ‘O Quiquiriquí’, un ano despois da súa publicación ¿que valoración facedes dos seus resultados?
Moi positiva. Os sectores aos que ía dirixido o traballo (nenos e nenas, mundo do ensino, familias, etc.) recibiron o traballo con entusiasmo e nos consta que o están a empregar.

A idea do ‘Pelogato 24’ ¿como naceu?
Pola nosa profesión de mestres somos sabedores da necesidade que existe nos centros de ensino de materiais didácticos que versen sobre a música e cultura tradicional dun xeito atractivo e actualizado para os rapaces. A partires desta premisa xorde a idea dun traballo que aglutine dúas das lerias máis significativas para os cativos: as cantigas e os xogos.

Para escoller as pezas musicais e os xogos incluídos neste traballo ¿cal foi o voso criterio?
Primeiro que fosen xogos e cantigas tradicionais entroncando así cun dos obxectivos principais da AGG que é o de difundir a cultura musical e popular galega. Pero, fundamentalmente, o criterio marcárono os rapaces. A seleción de cantigas que aparecen no Pelo Gato 24 están presentes nas nosas aulas de música desde hai un tempo. Simplemente foi cuestión de escoller aquelas que máis gustaron durante todos estes anos. Tamén se tivo en conta que houbera variedade rítmica, melódica, temática e de adaptación ás diferentes idades da Educación Infantil e Primaria.

Na gravación do ‘Pelogato 24’ participaron moitos dos mellores músicos galegos; pero o que, probablemente, máis chama a atención é o retorno a un estudo de Fuxan os Ventos. ¿Custou moito convencelos?
Desde o primeiro momento amosaron unha moi boa disposición a formar parte do Pelo Gato 24. Foron referentes na nosa infancia e adolescencia e o feito de poder contar con eles debe ser motivo de ledicia para todos e todas nós, porque son memoria viva deste país. É interesante que os rapaces e rapazas de hoxe en día coñezan a un dos grupos máis emblemáticos da música galega.

Faládenos un pouco do resto de participantes no disco.
O certo é que todos os participantes son dunha gran calidade artística. Estamos tremendamente agradecidos con todos eles pola súa implicación e bo facer. Polo estudio pasaron as voces de Sonia Lebedynski, Xabier Díaz, Mercedes Arribe, Leilía, Xurxo Souto, Sra. Carmen, Fuxan os Ventos e Migallas. Entre os músicos, ademais da nosa achega, contamos coa colaboración de artistas da talla de Pancho Álvarez, Begoña Riobó, Xosé Liz, César Longa, Segundo Grandío e a Charanga ‘Vai de Baile’.

O ambiente durante as gravacións ¿que tal foi?
Foron máis de trinta as persoas que pasaron polo estudio e iso supón que cada día de gravación sexa distinto. Pero podemos dicir que todos os días tiveron en común o clima divertido e ameno. Un traballo como este non podería ser doutra maneira.

As pezas a interpretar por cada músico ¿de que xeito se decidiron?
Cada músico ten unha personalidade e cada peza tamén. Fundamentalmente intentouse facer casar o estilo e personalidade de cada músico coa selección de repertorio.

Ademais do disco no que se recollen os temas musicais, o ‘Pelogato 24’ inclúe tamén un DVD. ¿Que atoparemos nel?
O DVD inclúe tres apartados: un docufilm explicativo de xogos populares galegos, producido por Pablo Carpintero, Edith Cotilla e Gustavo Couto; varios vídeo-clips das cantigas de Pelo Gato 24; e un "Como se fixo" que alterna momentos da gravación con entrevistas aos participantes.

Ademais, ofrecedes os dous soportes dixitais nun formato atractivo e con extensa documentación escrita ¿non?
Desde a AGG pretendiamos continuar a liña marcada polo Quiquiriquí. Ademais de contidos expresamente infantís, inclúese un libro con información e documentación para pais e mestres.

Ata conseguir velo todo publicado ¿canto tempo investistes neste traballo?
Un traballo destas características necesita de esforzo e dedicación por parte de moita xente. En marzo comezamos a traballar na selección de melodías, textos, arranxos musicais, etc. A gravación transcorreu nos meses de outubro e novembro no estudio Casa de Tolos.

Para levar adiante un proxecto tan ambicioso ¿con que axudas contou a Asociación de Gaiteiros Galegos?
A Asociación valora positivamente que existan, hoxe en día, institucións sensibles e comprometidas coa divulgación e difusión da cultura tradicional galega. Nesta ocasión a Consellería de Cultura e a Universidade de Vigo foron os dous organismos oficiais que implicaron esforzos para que Pelo Gato 24 vira a luz.

Os xogos para nenos nos que se basea o ‘Pelogato 24’ ¿corren o risco de desaparecer?
É evidente que se non hai persoas que os practiquen o feito de ter constancia escrita e detallada sobre eles non é suficiente. Un dos obxectivos que se pretende neste traballo é tentar que convivan os xogos tradicionais cos actuais. Ambos os dous son perfectamente compatibles e complementarios. Parac conseguilo é fundamental facelo desde un formato atractivo para os rapaces.

Para a defensa e posta en valor do noso Patrimonio Cultural como pobo, a publicación deste tipo de traballos ¿que valor considerades que ten?
Para nós moito, se temos en conta que estamos falando da posta en valor do patrimonio cultural galego entre os nenos e nenas, é dicir, entre as novas xeracións de galegos e galegas. Se queremos contribuír á normalización cultural deste país e necesario crear materiais que difundan a cultura tradicional, se eses materiais están enfocados ao mundo do ensino a repercusión do traballo debe ser maior.

Primeiro foi un disco centrado no Nadal, agora nos xogos, ¿que outros proxectos discográficos vos gustaría levar adiante?
Ideas hai moitas… e tempo pouco. Traballos como Pelo Gato 24 requiren dun tempo de maduración e fermentación. Deámoslle pois a maduración e fermentación necesaria a vindeiros traballos.

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 14-01-2008 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer