Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Conferencia hoxe de Mini e Mero en Vigo
Conferencia:
Xoves 20 de decembro

A tradición dos Cantos e Danzas de Reis

por Mini e Mero (Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesias)
às 20:00 no Centro Cívico do Casco Vello rúa Oliva nº 12

Organiza: Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello

Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, coñecidos artisticamente como Mini e Mero, antigos compoñentes e fundadores de Fuxan os Ventos e hoxe membros do grupo A Quenlla.

MÚSICOS E RECOLLEDORES

A súa maneira de recoller a memoria do país é mergullándose entre a xente, facendo de cada informante un amigo máis, aínda que iso ten un problema: «Como é xente maior, van morrendo e pásalo mal; se vivisen agora teriamos informantes de 110 anos, ou por aí».

O certo é que nunca se afastaron da xente do común e por iso agora máis que recolledores da tradición do país xa empezan a ser eles mesmos informantes ou, como dicían nalgúns dos seus traballos publicados, memoria viva.

Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarro, máis coñecidos por Mini e Mero, levan «cerca de 40 anos» recollendo a memoria popular de Galicia e compartindo vivencias cos informantes. Así, cerca da casa de Mero, en Xanceda, no concello coruñés de Mesía, está o lugar de Olas, onde el empezou a recoller coplas e refráns; «Ía con papá -explica Jesusa Suárez, que aparece tocando a pandeireta na portada deste suplemento- e xuntábanse pola noite nunha casa para recoller as coplas das que se acordaban, boas ou malas». Mero lembra con moito agradecemento aqueles tempos, o mesmo que Jesusa que toca unha pandeireta que ten case trinta anos e amosa, con fachenda, que está dedicada a ela e a súa xente.

Mero conta algúns dos sucedidos daqueles tempos:

-Rafael, o pai de Jesusa, chegou a dicirme nunha noite 173 refráns seguidos, un detrás doutro. Axudoume moito e servía de filtro para chegar á xente, porque el coñecía a todos os veciños. A moitos informantes molestoulles que os viñesen estudar como se fosen unha tribo. A muller de Rafael, Elvira, cantaba moi ben. Unha vez quixen gravarlle unha peza que estaba cantando mentres estaba traballando, pero na casa non lle saía a letra e tiven que recollela na horta.

-¿Que cantidade de material teñen recollido?

-Pois aí están en caixas de polispán entre 600 e 700 cintas con contos, lendas, romances de cego... É moito o traballo que aí hai.

-¿Chegaron a coñecer algún deses cegos dos camiños?

-Si, fixemos recolleitas do señor Eladio, o cego de Aldixe, que tocaba o violín, e Florencio da Fontaneira, que está entre A Fonsagrada e O Cádavo. Tamén había cegas, como a de Miranda, que improvisaba no aire: preguntaba con quén estaba Fulano, que facía Mengana e con dous ou tres datos compoñía a historia do que tiña diante e empezaba a cantar.

-Parte dese material xa o teñen publicado, ¿non?

-Si, temos catro libros con cantos, coplas e romances; tamén teñen a gravación, que foi algo que moita xente nos agradeceu. Pero non son nin unha mínima parte do que levamos recollido. Pensamos que temos un compromiso coa xente que nos informa de que as coplas que nos regalan son para que o patrimonio non se perda e por iso temos que publicalas».

-¿Forma parte dese compromiso o feito de que non recollen onde xa o fixeron outros?

-Si, ás veces dinche: «Tes que vir comigo recoller una copla que me deron...» ¡Pero se xa a tes recollida ti! Xa non se perde. ¿Para que vou ir eu?

-¿Que habería que facer con todo o material que teñen?

-Habería que dixitalizar todo para que non se perda e que unha copia poida estar a disposición dos investigadores. Iso non quere dicir darllo a alguén e veña, para adiante, porque se volvería tolo con todo o que hai. As claves da interpretación de todo iso témolas nós. Ademais, moito deste material está en cintas de ferro que co paso do tempo estanse deteriorando.

-¿Algún deste material está en soporte seguro?

-Eu [Mero] teño pasadas a ordenador 10.600 coplas, pero cansei, e faltan por pasar todas as que están gravadas e non teño tempo.

-¿Cantas poden ter recollidas?

-Pois non sei, pero escritas a man pode haber unhas 30.000. E agora xa temos rapaces que foron alumnos nosos e están facendo recolleita fóra da súa profesión.

-¿Cales serían os pasos para conservar ben ese material?

-Nós estamos dispostos a poñer o noso material a disposición do noso país, pero conservando un sinal de identidade de quen fixo a recolleita. O mellor sería que por parte do organismo que estivera interesado se poña unha xente a nosa disposición para sistematizar a recollida e dixitalizar todo o material.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 20-12-2007 02:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer