Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

25 anos de Santaia

A intensa actividade cultural e musical do Concello de Oleiros conta entre os seus referentes co gran traballo desenvolvido desde hai 25 anos polo Grupo de Baile e Gaitas Santaia, da vila de Santa Cruz

O esforzo e a dedicación de todos eses anos quedan plasmados no seu disco, Repichocas. Ese traballo discográfico está incluído dentro da colección Outra + Outra, unha iniciativa posta en marcha pola Deputación da Coruña, a Fundación Paideia e o Estudo de Gravación Mans.

No escaso tempo co que contaron para a gravación, os compoñentes de Santaia conseguiron demostrar o seu alto nivel interpretativo e un gusto exquisito na escolla das 19 pezas incluídas no disco.

O voso grupo festexa, neste 2007, as súas vodas de trata; pero os seus comezos ¿como foron?

O grupo naceu no seo da A. VV. do mesmo nome, que acababa de nacer co ánimo de frear o urbanismo salvaxe, que ameazaba o litoral do Concello de Oleiros, e de reclamar dereitos tan elementais como traída de auga ou un goberno democrático. Nesa boráxine xurdiu tamén a idea de pór en valor o noso patrimonio inmaterial.

Faládenos da vosa escola de música e baile.

Ofertamos todas as modalidades do folclore. Os venres pola tarde, entre as seis e media e as nove e media da tarde, teñen lugar as clases de gaita e percusión tradicional (tambor e bombo), conxugando o ensino individual co ensaio conxunto da banda e a montaxe das actuacións. Tamén o venres, simultáneamente, son as clases de baile para pequenos e maiores (pais e nais). O sábado pola mañá, é o ensaio do grupo de baile e cantareir@s (voz e pandeireta).

¿Canta xente participa nas distintas actividades que organiza Santaia?

Santaia, como grupo folclórico ten preto de setenta alumnos, entre tres e setenta anos, sen que se poña límite a ninguén. Tampouco hai pega nos coñecementos previos que teña o alumno que se queira apuntar. Temos xente que non ten ningún tipo de formación musical e outros que xa dominan solfexo e
estudan en escolas de música como a de Oleiros.

Explicádenos iso de que sodes "afillados" do coro Cántigas da Terra.

Como partimos de cero, precisabamos alguén con coñecementos para ensinarnos o camiño. Isto atopámolo en Cántigas da Terra que nos apadriñou, no amplo sentido da palabra, e Maricarme Pampín e Xavier Fonte foron os nosos primeiros mestres.

Ao longo deste 25 anos de traxectoria artística, ademais de tocar en Galiza leváchedes a nosa música tradicional polo mundo adiante ¿non?

Pois si, comezamos polo norte de Portugal, e fomos entrando máis e máis no país irmán a base de intercambios culturais enriquecedores. Foi no ano 2000 cando viaxamos cara ao norte, á Bretaña, alí estivemos unha semana actuando en distintas vilas e cidades. No 2001 estivemos no festival Céltica que se celebra anualmente no Val de Aosta, nos Alpes italianos. Foi outra semana para non esquecer, porque fomos tratados coma verdadeiros artistas; é dicir, como tratamos nós a eses que dan berros enormes ao son da música amplificada.

Algo que subliñades no voso disco é a instrumentación totalmente tradicional que empregades, sobre todo a nivel de percusión ¿non?

Mantémonos fieis á tradición en todos os campos, pero consideramos imprescindible o son dos parches de coiro. Non entendemos a nosa música con outro acompañamento.

Faládenos do repertorio co que traballa o grupo.

Tratamos de ofertar un repertorio de sustrato tradicional, pero mesturándoo con pezas de autor. Nutrímonos fundamentalmente do arquivo de Ricardo Santos, gaiteiro da Coruña que nos subministra moito material. Para o grupo de baile e cantareir@s, incorporamos un importante traballo de recollida polos concellos de Galicia.

No voso disco aparecen recollidas 19 pezas dese repertorio. O criterio para selecionalas ¿cal foi?

Facer un compendio representativo do que falabamos, lograr en sesenta minutos unha mostra significativa do noso traballo. No disco hai pezas tradicionais, de autor e cantos recollidos. Buscouse tamén a variedade, a diversidade e o equilibrio en estilos e ritmos (muiñeira, alborada, pasodobre, xota, foliada, rumba…), para lograr un conxunto ameno, agradable de escoitar.

O título do disco é ‘Repichocas’, un termo que a maioría dos galegos identifica claramente, pero no voso caso ten outro sentido engadido ¿non?

Non é exactamente outro sentido senón máis ben unha coincidencia, xa que en Santa Cruz existe a rúa do Repicho, histórica e emblemática da nosa vila.

Os responsables das direcións artísticas do grupo ¿quen son?

No apartado musical: Carlos Barberito Bello e Pablo Lorenzo Varela. Das danzas e cantareiras: Lorena González Corral e José Luís Vázquez Rosales.

A nivel do propio proceso de gravación ¿que tal foron as cousas? ¿tivestes os medios e o tempo suficientes?

Saíu ben, os medios eran adecuados e nós seica levabamos preparado o traballo, así foi que aproveitamos as oito horas de que dispoñíamos.

Faládenos tamén do vestiario tradicional que empregades.

Utilizamos traxes de gala típicos das Mariñas e tamén outros de a cotío ou da montaña.

De axudas e subvencións públicas, ou privadas, ¿como andamos?

As axudas que recibimos veñen da Deputación da Coruña e do noso Concello. A elas hai que sumarlles a cota mensual que pagamos cada un dos compoñentes. Os cartos sempre son imprescindibles para poder funcionar, pero manter un ambiente de familia ten moita importancia. E cando dicimos familia, queremos dicir "ben levada".

Santaia tamén ten presenza en internet ¿non?

Si, contamos cunha páxina de información sobre o grupo, con material audiovisual e un foro de opinión para os nosos membros; pero tamén para outros convidados que desexen compartir connosco a paixón pola música e a danza tradicional.

A vida cultural e musical do Concello de Oleiros ¿como anda de saúde?

O Concello de Oleiros sempre se caracterizou polo seu bo facer, de aí que a saúde sexa boa. Pero con saúde, pódese aspirar a máis.

Os próximos 25 anos de Santaia ¿como soñades que sexan?


Pletóricos, que coñezamos máis mundo, que acheguemos máis culturas e que sigamos gozando co que facemos e transmitirlle esa ledicia aos demais.

Máis información en: www.santaia.org

www.Galicia-hoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 19-12-2007 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer