Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entre Trastes

Un contrabaixo, unha guitarra e un bouzouki son os instrumentos que forman a base de traballo de Entre Trastes, unha formación atípica dentro do panorama musical galego que conta xa cun traballo discográfico no mercado

Os responsables desta proposta son tres músicos que contan cunhas intensas e dilatadas traxectorias artísticas: Daniel Vilar, Álvaro Iglesias e Xosé Liz. O último deles foi o encargado de presentarnos este novidoso e interesante trío.

A idea de reunirvos e formar Entre Trastes ¿cando e de que xeito naceu?
Xurdiu despois das presentacións do primeiro traballo do grupo Beladona Bicos de Sol. Dani tiña unhas ideas, traballadas en guitarra acústica, sobre música tradicional para un grupo reducido que funcionara comodamente en pequenos aforos. A idea semellaba interesante e, tras escoitar os primeiros arranxos, apunteime de inmediato ao proxecto.

A incorporación de Álvaro, co seu contrabaixo, redondeaba a idea musical que tiñamos na cabeza; faltaba soamente escoller as datas para ir ao estudio de gravación.

O nome do grupo é moi apropiado para o voso trío pero, ¿a quen se lle ocorreu?
A Dani; el é tamén o único de nós que é capaz de dicir Entre Trastes tres veces seguidas sen liarse (risas).

Ese nome fai referencia soamente aos intrumentos ¿ou tamén a vós mesmos?
A resposta pode incriminarnos e dar lugar a perigosos efectos colaterais nos nosos respectivos fogares. Acóllome ao dereito a non declarar na miña contra (risas de novo).

Examinando polo miúdo o repertorio escollido para esta estrea discográfica, o primeiro que destaca é a moita composición propia, ¿non?
Si, é a protagonista de máis da metade do repertorio do disco, porque estabamos convencidos de que serían esas pezas as que lle darían, rapidamente, un carácter diferenciado e unha personalidade propia ao grupo.

Ademais, incluídes pezas tradicionais de Galiza; dentro do repertorio tradicional do noso país, ¿hai moitas pezas que se adapten ben á vosa proposta instrumental?
Moitísimas. O repertorio tradicional galego para instrumentos de corda é un terreo en barbeito que agarda nova semente. O que si hai que ter en conta é o que se ten entre mans. Traballar arranxos sobre música tradicional galega implica, en todo momento, poñer os cinco sentidos en non perder a natureza, a esencia da música coa que se traballa. Se non, corres o risco de pasarte de voltas, de mexar por fóra, de que xa "non soe a?" e que o resultado final difumine a orixe, de tal xeito, que sexa difícil atoparlle adxectivo ao que acabas de parir. É como xogar a un xogo que (como todos os xogos) ten determinadas regras para cumprir. Pero non por iso deixa de ser un xogo moi divertido.

Tamén aparecen pezas tradicionais de Bretaña e Irlanda. ¿Por que deses dous lugares en concreto?
Son países con moita tradición e con moitos grupos e discográficas que están a traballar neste tipo de proxectos desde hai moitos anos. Ou sexa, o contrario do que, por desgraza, acontece no noso país.

A inclusión de pezas deses lugares débese ao contacto que temos establecido con músicos e que temos participado en diversos festivais internacionais (Lórient, Quimper, Cork, Piping Festival etc.). É toda unha experiencia compartir a túa música con intérpretes doutras culturas musicais.

Conseguir apoio económico para un proxecto destas características, ¿foi complicado?
Aquí tamen tivemos sorte ao contar co apoio incondicional, desde o primeiro momento, do coñecido músico, produtor, manager, editor etc., Xoán Carlos Fernández Fasero. É un namorado das cordas e demostrouno ó amosar a súa confianza en nós.

A nivel estético, este disco conta cunha portada moi atractiva, ¿quen a deseñou?
Deixámonos levar neste caso pola aposta do selo discográfico, por Gerardo de "Gerhard Designs". Buscabamos darlles importancia ós instrumentos sen recorrer á típica estética céltico-preciosista; pero que ó mesmo tempo, si deixara claro o contido estilístico do traballo. O resultado foi máis que convincente.

Entre a variedade de ofertas musicais coas que conta na actualidade a música do noso país, ¿confiades en que a vosa proposta teña o seu propio espazo?
Non. Lamento ser escéptico, pero penso que o negocio e o mercado deste país é unha pantasma. Calquera proposta musical, de artes escénicas ou de calquera tipo relativa ao eido cultural, en Galiza subsiste unicamente grazas á subvención pública. A xente non ten o costume de pagar por ver ou escoitar cultura propia, porque, de sempre, déronllo gratis. Que os cartos públicos soporten case a totalidade deste tipo de manifestacións, convértese pouco a pouco nun cancro que nos afasta da Europa, onde a xente paga 20 euros por entrar a ver un festival folk. Con este panorama, semella máis doado facer un espazo en Kuala Lumpur.

O público que xa tivo a oportunidade de escoitarvos en directo, ¿que tal reaccionou diante da vosa proposta?
Moito mellor do que esperabamos, sobre todo cando recoñecen un tema tradicional galego aínda que esté interpretado cun contrabaixo, unha guitarra e un bouzouki. Dábanos un pouco de respecto facer un concerto de música folk de hora e pico sen as tímbricas habituais, gaita, violín ou acordeón. Pero a verdade é que a positiva resposta do público, desde o primeiro momento, sorprendeunos.

Á hora dos concertos, ¿preferides os grandes escenarios ou os locais máis íntimos?
Boa pregunta. Persoalmente, fánseme cada vez máis atractivos os recintos pechados e pequenos; aínda que seguen a existir tamén grandes exteriores nos que paga a pena tocar. Pode que a elección veña condicionada pola actitude da xente. Postos a escoller, prefiro o local pequeno, no que 100 persoas se interesan polo que fago, antes que o macro-festival no que a maioría dos milleiros de persoas que asisten non acoden, realmente, coa idea de escoitar música.

Entre Trastes, ¿é un proxecto a curto prazo ou pensades afondar na proposta e seguir editando máis discos?
Afondaremos na proposta. De feito, xa estamos traballando en novos temas para un segundo traballo.

Nese futuro segundo disco, a estética sonora do grupo, ¿será a mesma?
Nada está prohibido sempre que sexa anecdótico e deixe un espazo musical claro para o trazo diferenciador do grupo: a nosa sonoridade; que é, indiscutiblemente, novidosa nun grupo de folk galego.

Máis información en: www.entretrastes.com

www.elcorreogallego.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-10-2007 09:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0