Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional (Compostela)

O Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional reunirá na Cidade da Cultura entre o 8 e o 10 de xuño a todo o sector do folclore galego, desde artistas e agrupacións de música, canto e baile tradicional a integrantes de sectores relacionados a nivel artístico, técnico ou artesanal.
O encontro contará con máis de 40 actuacións e ata un milleiro de artistas nun evento cultural de primeira orde, onde se amosará toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto amadora como profesional. O Encontro nace para conmemorar a próxima declaración do baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural, procedemento que vén de iniciar a súa tramitación.

[Descarga aquí o programa completo]

O encontro xorde con vocación de ser un verdadeiro evento social dirixido a todo tipo de público, xa sexa parte activa do sector da música e o baile tradicional ou non, contribuíndo tamén a dar a coñecer as nosas artes e patrimonio inmaterial. Ao longo dos tres días, a Cidade da Cultura acollerá múltiples actividades, todas elas de balde e relacionadas coa cultura popular e a danza e a música tradicional.

Un intenso programa para todos os públicos

Serán'01 inclúe desde espectáculos e actuacións musicais, a contidos formativos, obradoiros infantís, ademais dunha zona de mercado e exposicións ou desfiles de traxes tradicionais. Podes consultar o programa completo no apartado de descargas desta mesma páxina ou ver aquí os contidos máis destacados:

Festival Folclórico no que participarán oito dos mellores grupos de baile tradicional de Galicia [venres 8 de xuño]

'Foliadón', unha gran foliada que ao longo de cinco horas reunirá a centos de artistas sobre o escenario. Na festa actuarán man a man artistas galegos consagrados, grupos de música e baile tradicional e informantes –persoas procedentes de aldeas de toda Galicia, auténticos transmisores da nosa cultura tradicional– [sábado 9 de xuño]

Desfile do Traxe 'Sete Varas e un Refaixo', con traxes tradicionais antigos e reconstrucións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas. Espectáculo realizado pola asociación Sete Espadelas (Pontevedra) o domingo 10 de xuño ás 11:30 horas no Museo Centro Gaiás.

Recinto feiral, con stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos... etc.

Obradoiros infantís de creación de zocas con materiais de reciclaxe e xogos tradicionais e Foliadiña Infantil, coa participación de agrupacións de cativos e cativas de toda Galicia.

Espazo de conferencias, debate e formación especializada ao longo dos tres días.

Concerto de Coros Históricos decanos de Galicia, coa participación de Toxos e Froles (Ferrol) e De Ruada (Ourense). A actuación, que terá lugar o domingo 10 de xuño ás 17:30 horas poñerá o peche de honra ao gran encontro do folclore galego.

Completan o programa proxeccións, presentacións audiovisuais e editoriais e un espazo de xantar.
Comentarios (0) - Categoría: Festivais - Publicado o 05-06-2018 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer