Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Reedición de Fonte do Araño
Emilio Cao participa este xoves na Fundación Seoane na Coruña (20.00 horas, entrada gratuíta) nunha audición dos dez temas e un coloquio posterior co gallo da reedición limitada, de tan só 300 unidades, do álbum.

«Penso que o elemento céltigo é o factor esencial que lles dá tanto ao pobo como ao país galego o seu carácter distintivo». Así saudaba Alan Stivell a aparición, hai corenta anos, do disco Fonte do araño, que marcou o inicio da carreira de Emilio Cao e no que participaron outros nomes fundamentais da música galega, como Bernardo Martínez, Xosé Ferreirós, Antón Seoane e Xoán Piñón. O propio Cao participa mañá na Fundación Seoane na Coruña (20.00 horas, entrada gratuíta) nunha audición dos dez temas e un coloquio posterior co gallo da reedición limitada, de tan só 300 unidades, do álbum. Stivell, cunha carreira xa consolidada, validaba esa aposta galega por afondar nas súas raíces e ao mesmo tempo comunicarse culturalmente cos pobos atlánticos europeos.

«Teño pra min que este xesto é coma unha ponte galgando por riba do Atlántico, expresión dos vencellos que xuntan a Galicia e Bretaña, dous países que se atopan, aínda que en distinto degrau, na encrucillada das culturas latina e céltiga», escribía o músico bretón no disco, cuxa reedición reproduce o deseño orixinal de Xosé Díaz. Sete das dez cancións de Fonte do araño eran composicións propias de Cao, mentres que as tres restantes eran pezas populares: Pandeirada de Nebra, Arrieiros de Moraña e Romance de Bernardino e Sabeliña. Instrumentos como a zanfona, a arpa ou a gaita convivían con sonoridades máis eléctricas, como correspondía a ese tempo crucial para o desenvolvemento da cultura galega que foron os primeiros anos tras a morte de Franco. Un disco como Fonte do araño era á vez investigación e reivindicación, sen esquecer o factor lúdico de toda música. Era tamén unha encrucillada entre o local e o universal, o tradicional e o novo.

Como explicaba Emilio Cao nunha entrevista con La Voz con motivo da aparición do disco, el sempre pensara que o seu era o rock, mentres que a música galega ficaría para a xeración dos pais, e que ao afondar na súa cultura atopara un mundo descoñecido e fascinante. Cao destacaba a colaboración de Stivell e subliñaba a galeguidade do disco, no que tocaran músicos galegos desprazados a Madrid -rexistrouse nos estudos Audiofilm-, así como o papel determinante da produtora Abrente, de Nonito Pereira, que se inauguraba con este disco, ao que seguirían traballos de NHU, Xoán Rubia, María Manoela ou Xocaloma, entre outros.

www.lavozdegalicia.es


Comentarios (0) - Categoría: Discos - Publicado o 01-11-2017 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer