Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Homenaxe a Benedicto en Compostela
Moitas voces para homenaxear a voz de Benedicto

O 25 de xuño de 1976 Benedicto e Bibiano ofreceron no pavillón de deportes da Coruña un dos concertos con máis carga simbólica de toda a década dos setenta en Galicia. Era unha homenaxe a Santiago Álvarez, secretario xeral do PCG e preso en Carabanchel xunto a Santiago Carrillo e outros líderes comunistas. A gravación do recital foi de inmediato editada clandestinamente en cassette polas Xuventudes Comunistas co título Homenaxe a Santiago Álvarez, e recuperada anos máis tarde en outras dúas edicións, a máis recente a publicación da A Regueifa Plataforma en 2006.

Este xoves, 38 anos despois, o Teatro Principal, en Compostela, acollerá un recital dedicado ao cantautor, no que intervirán João Afonso, Fanhais e Freire, Miro Casabella, Antón Seoane, Uxía Senlle, Narf e a Orquestra Valdeorras. O acto, que comezará ás oito da tarde, vén precedido da publicación Benedicto. Polo mar da liberdade, a cargo da Fundación 10 de marzo, unha obra que reúne dedicatorias e recordos de amigos escritores, profesores, políticos e compañeiros, ademais de numerosas fotografías, debuxos e pinturas de artistas galegos e un disco con imaxes e gravacións musicais.

Benedicto García Villar, nacido en Santiago de Compostela en 1947, foi un cantautores máis destacados da súa xeración, vencellado a Voces Ceibes. Por suposto, participou no recital que o 26 de abril de 1968 deu inicio ao movemento, no Paraninfo da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. A súa voz decidida e súa a guitarra belixerante cantaban "loitemos, loitemos, que a lúa segue brilando". Había fame de liberdade, e cando Benedicto cantou: "Fuco Buxán, non sintes que na Iberia feden a podre os homes e as paisaxes" a sala rompeu a forza de aplausos. En 1972 Benedicto traba amizade con José Afonso, que a instancias do cantautor galego actúa en maio en Compostela, onde estrea o seu Grândola, vila morena. Nos anos seguintes José Afonso e Benedicto actuarían xuntos en numerosas ocasións.

Voces Ceibes desfíxose como tal grupo en 1974, pero Benedicto seguiu cantando. En 1977 edita Pola Unión, e en 1979 Os nomes das cousas, pero coa chegada dos oitenta comeza a abandonar pouco a pouco a música, coincidindo co final do tempo dos cantautores. Benedicto foi, tanto ou máis que músico, mestre, sindicalista e activista social, un activismo que nunca abandonou.

A homenaxe deste xoves coincidirá co aniversario do famoso concerto da Coruña con Bibiano. Un recital que se viviu coa tensión e a emoción dun tempo aínda de ditadura, seis meses despois da morte de Franco e un ano antes das primeiras eleccións. O "está caendo toda a túa dentadura" (cantada polo público como ditadura) de Can de Palleiro conseguía eludir a aínda moi presente censura e botaba abaixo o teito do recinto. O mesmo que os berros de “amnistía e liberdade” ou a canción dedicada a "Amador e Daniel". O propio Benedicto describiu o ambiente vivido aquel día: "ademais dos espectadores que enchían as gradas e boa parte do patio de butacas, había un cordón de uniformados que non pagaran entrada e que rodeaban, esta vez sen cabalos, a tódolos asistentes. Nun momento do acto un mozo sae de entre o público das gradas cunha bandeira, non lembro se roxa ou tricolor, e inicia unha carreira cara o escenario onde Bibiano e máis eu mantiñamos un acorde rítmico coas guitarras en espera de inicia-lo canto de “Amador e Daniel”. Os policías de paisano preparados no patio de butacas lánzanse sobre o rapaz. Nese instante o graderío vense abaixo de berros e asubíos. Os polis desisten e o rapaz coloca a bandeira no escenario. Nós seguímo-la cantarela, logo doutra tanda de berros".

www.praza.com

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 26-06-2014 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer