Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

San Simón Fiddle 2014
INÍCIATE NO MUNDO DO VIOLÍN EN SSF14
A organización prestará un violín aos participantes


O SSF14 abre un grupo limitado para aqueles nenos e nenas que queiran iniciarse no mundo do violín do xeito máis divertido. A asociación cultural Galicia Fiddle, organizadora do curso, pon a dispor dos mozos e mozas un instrumento durante a semana que dura o SSF, prolongando o préstamo do mesmo durante todo o verán sen custe algún. O sistema empregado polos organizadores consiste en utilizar violíns preparados dun xeito que lles permita facer un acompañamento sinxelo, utilizando cordas ao aire e empregando un só dedo. Deste xeito poderán incorporarse en tan só unha semana ao conxunto formado polos rapaces máis avanzados, quen interpretarán a melodía principal.

Este sistema xa foi empregado na primeira convocatoria do SSF no ano 2012 con grande éxito, permitindo aos principiantes formar parte do concerto final xunto cos seus mestres e demais compañeiros. No ano 2013 non se puido abrir este grupo por seren cubertas aos poucos días de abrir o prazo de inscrición todas as prazas por alumnos con experiencia mínima dun ano.
Este ano o SSF abre de novo a posibilidade de inscrición para alumnos non iniciados dado que, ante a grande demanda dos pasados anos, ampliouse o número de participantes e incorporáronse tres novos voluntarios, mestres de violín, que se encargarán deste grupo especial.
O grupo de iniciación abrangue nenos e nenas de 7 a 18 anos.

GRUPO INFANTIL E XUVENIL
Este ano o SSF distribuirá aos participantes en dous grandes grupos, un infantil, de 7 a 12 anos e outro xuvenil, de 13 a 18. Deste xeito haberá talleres e actividades enfocadas para os máis novos ás que non asistirán os adolescentes, quen por outra banda disporán dun réxime horario diferente e gozarán de maior tempo libre para poder practicar co seu instrumento, organizar grupos musicais para actuar nos concertos organizados na illa ou tocar cos seus mestres nas foliadas que puideran xurdir despois das ceas.

UN LUTHIER NA ILLA
O prestixioso construtor de violíns José Catoira, membro da asociación Galicia Fiddle, revisará os instrumentos dos cativos para que estean a punto para os concertos do sábado e domingo, e tamén impartirá un taller de mantemento e coidados básicos dos instrumentos e dos arcos.

CONCERTO A BORDO DUNHA GOLETA CENTENARIA

O remate do SSF 14 será espectacular, preto de cen músicos de corda a bordo dunha goleta a vela surcarán a ría de Vigo interpretando as melodías aprendidas durante a semana de curso, para rematar ofrecendo dous concertos dende o mar para o público asistente que o gozará dende os peiraos de Cangas e Vigo o domingo 13 de xullo.
Nestes concertos participarán os alumnos pero tamén os seus mestres, de recoñecido prestixio internacional no mundo do folk: Anxo Pintos, Begoña Riobó, Xosé Liz, Alfonso Franco, etc., todos eles mestres da escola municipal de música folk e tradicional de Vigo ETRAD.

IRMANDADE CUN FIDDLE CAMP DE FLORIDA

O pasado ano fixeran un intercambio vía skype cun fiddle camp de Ashland, Oregón. Este ano tócalle a quenda á costa leste dos Estados Unidos; así, o SSF fará un irmandamento co MIKE BLOCK STRING CAMP de Vero Beach, no estado de Florida.
Se ben nesta ocasión o contacto entre Galicia e EUA non vai ser só virtual, pois unha nena de Porriño, estudante de violín na ETRAD (escola municipal de música tradicional e folk de Vigo) asistirá convidada ao prestixioso Fiddle Camp dirixido por Mike Block (mestre no máis importante centro de ensino de música popular do mundo: Berklee College de Boston).
Elena Troncoso, de 15 anos, terá a sorte de participar nun fiddle camp no que imparten clase os mellores profesionais do mundo do fiddle: Hanneke Cassel, Rushad Egglestone, Brittany Haas, Mike Block, Casey Driessen, etc..
Ela será encargada de ensinar un par de pezas de música tradicional galega aos asistentes ao curso de Florida.

A súa vez, unha moza chelista de 15 anos, residente en Florida, e chamada Samantha será invitada a participar durante unha semana na illa de San Simón onde aprenderá música tradicional galega e tamén fará o propio ensinando aos asistentes a SSF un par de melodías tradicionais de norteamérica.

Un dos momentos cumios do SSF deste ano terá lugar na noite do xoves, cando vía skipe os dous fiddle camps conecten ao vivo e intercambien as melodías aprendidas grazas a Elena e Samantha, quen serán as embaixadoras da irmandade de dúas culturas separadas polos 7000km do Océano Atlántico e unidas pola música.

www.galiciafiddle.com
Comentarios (0) - Categoría: Cursos - Publicado o 24-06-2014 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer