Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ortigueira cumpre 30 anos entre míticos

The Chieftains e Milladoiro son o prato forte dun festival folk que se atrasa ao 17 de xullo

Músicos míticos dos 70 para 2014. Ortigueira celebra este verán o 30 aniversario do seu festival celta tirando de arquivo cunha volta ás bandas pioneiras e históricas da música folk da man de dúas bandas que non necesitan presentación entre os devotos da gaita.

The Chieftains e Milladoiro son os pratos fortes da XXX edición do Festival do Mundo Celta de Ortigueira (do 17 ao 20 de xullo) e lideran un cartel dunha edición para o recordo, en palabras dos seus promotores, que o presentaron este venres coa lema "Lévalo dentro. Sínteo".

É a volta ás raíces da música de raíz tras algúns anos erráticos de experimentos errados que lle restaron empaquetado a un festival que é Festa de Interese Turístico Internacional e que a principios de século pulverizaba os rexistros de público con máis de 100.000 almas folkies -novas e non tanto- peregrinando entre o piñeiral de Morouzos e o porto dun municipio que rolda os 6.000 veciños e apenas pasa de dous mil no centro urbano onde se coloca o escenario.

Veteranos pero aínda 'xefes', The Chieftains tocaron por primeira vez en Ortigueira en 2004 e regresan unha década despois (19 de xullo) polo interese do seu líder, Paddy Moloney, en volver a Galicia ao facilitar a negociación, explicou Alberto Balboa, coordinador musical do evento. Precederaos Milladoiro, que toca a noite anterior (18 de xullo), nun escenario que xa pisaron outras dúas veces no 2000 e 2007. A síntese de toda unha institución do folk en Galicia cunha longa historia que arrincou en 1978.

O cartel dos trixésimos aniversarios de Ortigueira complétano os irlandeses Moxie, Badag Kemper, a Treacherous Orchestra (Escocia), entre outras bandas, xunto a músicos patrios como Pepe Vaamonde, Anxo Lorenzo ou o quinteto Bellón&Maceiras, ademais da escola local de gaitas que abre, ano tras ano, a cita e pecha un desfile de nove bandas que lle bota o peche ao festival a mañá do domingo 20.

Entre as novidades desta edición, un obradoiro de danza irlandesa, concursos rueiros de gaita solista e de cuartetos tradicionais ademais dun curso de verán da Universidade de Santiago: 'Industria musical en Galicia. Identidade e novas tendencias'.

Nestas tres décadas, o que non cambiou en Ortigueira é que todo o festival é de balde. Aínda que arrastra os flocos da crise cun orzamento mermado con respecto a edicións pasadas (400.000 euros) os concertos e a zona de acampada son, como outrora, gratuítos. Nin aforamentos nin entradas para catro días de festa, tres noites de concertos e 15 grupos a escena entre os que se contan tres bandas noveis: Xabi Aburruzaga Band (Euskadi) e os galegos Tiruleque e o Cuarteto Caramuxo, que se disputan o Runas, o concurso para emerxentes que lles vale un premio en metálico e o pasaporte directo ao escenario do 2015.

Si haberá que pagar, en cambio, polo bus urbano que comunica o piñeiral da acampada coa zona de concertos (1 euro) e que adoitaba correr por conta do municipio. Tamén se cobrará por aparcar nos estacionamentos vixiados nas dúas entradas do pobo.

O festival promóveo o Concello de Ortigueira, co respaldo de Xunta e Deputación, e o patrocinio de Gadisa ou Coca cola, entre outras marcas. O consistorio abriu esta semana unha bolsa de emprego temporal para desempregados da zona. Facilitarán a lista á empresa que requiran persoal para hostalaría, carga e descarga, montaxe, limpeza ou mantemento que se xera a partir do festival e da marea humana que desborda a vila de Santa Marta de Ortigueira e a zona da praia.

www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 24-06-2014 14:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer