Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Verbena Galega

“Verbena Galega” ofrecen un pack completo para montar sen complicacións unha festa das de toda a vida. O lema é “as festas de sempre como nunca as viches” e a proposta trátase dun tráiler que chega, instálase no campo ou torreiro e de aí nacen cinco horas de música e baile en galego. Culturactiva quere con esta iniciativa que a nosa lingua volva ás festas. O seu responsábel de produción, Manuel Vicente, explícanos a filosofía desta singular proposta.


Como xorde “Verbena Galega”?


Culturactiva levaba anos producindo espectáculos musicais e démonos conta de que a música en galego estaba relegada a festivais e programacións especiais, mais estaba ausente das festas tradicionais. Pensamos que sería estupendo que a xente volvera bailar con música galega nos torreiros e se nos ocorreu facer un pack que levase xa o tráiler e os equipos de luz e sons, como as orquestras mais cunha proposta galega. Queriamos que a música galega chegase con facilidade, da mesma maneira que o fai calquera orquestra ao uso. Asimilamos a proposta da verbena habitual só que, neste caso, a música é en galego.

"Queriamos que a música galega chegase con facilidade, da mesma maneira que o fai calquera orquestra ao uso"

Será música para bailar, non?

Claro. A proposta artística é música tradicional que sempre se bailou. Sen ser a música que soa agora nas verbenas si son temas coñecido porque antes a música tradicional estaba nas festas. A segunda parte do espectáculo é música de pachanga, con versións de música galega, desde “O tren” de Andrés Dobarro até cumbias, rumbas ou versións de grupos galegos. Trátase dun conxunto distinto á verbena actual que redunda en ritmos latinos, música bailábel. Pechando a proposta levamos un picadiscos con música galega enlatada, que tampouco se adoita ver. O conxunto inclúe un presentador ou presentadora que fan un monólogo e danlle o amparo aos discursos que a festa ten, segundo de que tipo sexa. Unha das vantaxes que ten é que é un pack que chega, móntase e ofrece unha proposta artística singular.

Dánlle entón o traballo feito ás comisións de festas?

Efectivamente. As comisións mudan e con esta proposta dáselles moitas facilidades. A proposta é moi cómoda. Pretendemos que se respecte a filosofía de fondo. Ofrecemos como proposta tradicional a Pandeiromus ou Pablo Seoane, “A compañía do Ruido” e “O Sonoro Machine” como pachanga

Como está a ser recibida a iniciativa?

Visitamos programadores, comisións e xente da cultura e a primeira reacción foi moi boa. O que acontece é que, malia ter iniciado as presentacións en febreiro, chegamos tarde para esta tempada. As orquestras traballan de maneira comercial con anos vistas. A sabendas de que isto era así quixemos probalo e a percepción que temos é boa.

Trátase entón de volver ás festas de toda a vida?

Iso é, mais actualizadas. O novo é que se trata de música feita agora, viva, actual. A presenza do español nas verbenas é abrumadora. En moitas ocasións, a xente que está no escenario nin sabe a nosa lingua. Se alguén quere montar unha festa non atopa alternativa e por iso nace esta iniciativa.

www.sermosgaliza.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-09-2013 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer