Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Festa-homenaxe a Pazos de Merexo en Muxía
Festa-homenaxe que lle imos armar a Pazos de Merexo o vindeiro venres en Muxía, na que el e mais o seu acordeón diatónico serán os principais protagonistas.
Será as oito do serán, no "Rincón da Baiuca", na entrada mesmo de Muxía.


Pazos de Merexo, o mestre do acordeón diatónico da Costa da Morte

No Concello de Muxía, Merexo, aldea recollida no fondo da ría, a carón da fermosísima praia do Lago. Dende sempre, xente bailadora con auténtica fame de música.
Cando era moi novo e aínda non sabía tocar, levaba o acordeón e alquilábao nos bailes que se facían nas palilladas. Fala Pazos, oitenta e seis anos, gatillando dende os doce no seu acordeón diatónico. Aquel tesouro que lle trouxera o seu pai de Buenos Aires.

No cerne da enxebreza está o cosmopolitismo. Nas primeiras décadas do século XX , os homes cruzaron o mar e Merexo estivo moito máis perto de Cuba e Arxentina que de Madrid. En Buenos Aires un tío seu mercou un acordeón. Ía deixalo alá, no barco non había moito sitio para a equipaxe. Afortunadamente o seu pai, que tamén andaba por aló, pensou no fillo.
Manuel Pazos é un talento. Pequeno de corpo, mans grandes preparadas para facer ben calquera traballo. Armar cestos, ir ás lontras e, sobre todo, para crear música. A súa verdadeira paixón dende neno: Pola noite volvía cansadiño de rozar no balume e subía directo ao faiado a serrar no acordeón.

Xotas, mazurcas, tangos, muiñeiras… Nun tempo case sen radios, sen tocadiscos, calquera melodía que escoitase axiña rexurdía nos seus dedos, a armar festa por todos os bailes e palilladas da volta.

O seu repertorio, son anacos da historia da propia Costa da Morte. Cando lle pedín unha peza lentiña, botou esta cantarea:
Heiche de dar para un manto
heiche de dar para un velo
pero non quero que durmas
na miña cama de ferro.

E comentou deseguido: Aprendinlla a Monteagudo, o alcalde republicano de Carballo. Estivo agachado na miña casa. Eu era un neno. El e máis o meu pai, a carón do lume, cantábana cada noite.
Dende a década dos cincuenta, un novo tipo de instrumento, o acordeón piano –grande e con teclas- converteuse no campión de todos os bailes. O pequeno acordeón de botóns foi quedando esquecido, incapaz en competir con tanto portento. Mais Pazos nunca pousou o instrumento, seguiu tocando nas foliadas todas de Merexo. E só calou nos anos tristes da enfermidade da súa muller. Cando ela morreu gardou definitivamente no faiado a caixa da festa.

En 1997, o seu fillo Pedro deulle unha orde inescusable. Cumpría ir a Madrid coa Manada Invencible, a gran manifestación dos gandeiros galegos contra as cotas do leite. O Paseo de la Castellana foi o primeiro escenario do seu retorno á música. Todo o camiño de volta non parou de tocar. Dende aquela non acougou.
Cada un vai a feira co que ten, tal lle comentou a Kepa Junkera no xa mítico encontro do Couto entre estes dous mestres do acordeón.
Que bien toca este hombre –dixo Kepa- me recuerda a mi abuelo. Tanto lle prestou que hai unhas semanas reclamou a súa presenza no próximo disco do vasco, dedicado integramente á música galega. Na gravación participou tamén un novo portento, Pazos pequeno, Manuel, o neto do mestre, que está a continuar a súa escola de alegría.

Nos últimos anos Pazos ten repartido moita música en moitos escenarios. O vindeiro venres, volverá tocar diante dos seus veciños, no Rincón da Baiuca, nas portas mesmas de Muxía. Manuel, o neto, tamén estará alí.

Cómpre pois botar o ajrú, que viva o acordeón da Costa da Morte !
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 16-08-2013 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer