Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As escuras danzas brancas

UN GRANDE PATRIMONIO DE BAILES GREMIAIS MANTENSE AGOCHADO EN FESTAS DE CARáCTER LOCAL

A celebración do Corpus Christi, hoxe sete de xuño, levará á rúa un ano máis en distintas localidades do país, as danzas brancas ou gremiais. Coreografías perfectamente codificadas que se desenvolven, cando menos, desde hai catro séculos e que se conservan en preto de 30 concellos do país. No entanto, este patrimonio continúa a ter un carácter maioritariamente local e é escasamente coñecido.


As danzas brancas ou gremiais desenvólvense polo xeral no adro da igrexa, e de xeito previo a unha procesión. Os bailaríns, en moitos casos exclusivamente homes, caracterízanse por levar unha vestimenta de cor branca. A celebración das mesmas oscila entre as festividades vencelladas á Virxe, como pode ser o 8 de setembro (celebración da Natividade) ou, en moitas ocasións, ao Corpus (como é o caso das Penlas de Redondela). En lugares como Celanova faise con ocasión da festividade da Virxe do Cristal, e noutro lugares, a coincidir coa festa local. Como esquema xeral, a danza grupal comeza cunha reverencia ante o santo, seguido dunha parte na que os bailaríns baten paos (ou, nalgúns casos, espadas). Adoita ser habitual tamén o trenzado con fitas de cores arredor dun mastro, e o evento finaliza con outra reverencia. Canda ás espadas, nalgúns lugares tamén se empregan arcos trenzados de flores.

Distribución
A nivel de distribución xeográfica, estas celebración mantéñense sobre todo na zona sur de Galicia. As rías Baixas conservan estas tradicións en lugares como Marín, Redondela, Cangas ou Carril. Máis lonxe da costa atopámolas en Ponteareas ou A Cañiza, para alén dos múltiples casos que se conservan en Ourense. Na zona da Coruña rexístranse en zona das Costa da Morte ou en Betanzos, pero cunha difusión moito menor do que no sur. Fóra das nosas fronteiras poden atoparse en diferentes lugares de Portugal e no norte da Península Ibérica formas moi semellantes de celebración. Á hora de falarmos sobre este patrimonio inmaterial, resulta indispensable o volume Danzas gremiais e procesionais da provincia de Ourense, editado en 1999 pola Deputación e realizado por investigadores do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. No mesmo especifícanse os compoñentes e explícanse os pasos das diferentes variedades destas festas na provincia.

Recuperación
Coa intención de rescatar todo este patrimonio anunciábase, en 2008, o nacemento da Asociación Galega de Concellos con Danzas Brancas. A proposta naceu da man de técnicos municipais de cultura de Redondela e Celanova. Segundo sinala desde esta segunda vila Antonio Piñeiro, ?a intención visualizar estes bens, que Galicia fose consciente do número de danzas que existen e desenvolver un proxecto de catalogación a nivel galego semellante ao que se fixo en Ourense?, sinala. Un congreso, actividades de intercambio ou unha exposición itinerante son algúns dos proxectos que se propuñan no colectivo. ?Queriamos pór en contacto estes colectivos, que na maior parte dos casos non saben uns dos outros?, sinala Piñeiro quen recoñece que ?a asociación anda algo parada. ?Houbo varias reunións coa Xunta, tanto co anterior goberno como co actual, pero non se avanzou en nada?.

Conservación
Moitas destas danzas continúan a día de hoxe cun xeito de transmisión tradicional que as dota dun forte carácter local. Precisamente esta característica dificulta en boa medida a súa conservación. Segundo apunta Piñeiro, ?na maioría dos casos, os colectivos que as executan non son nin sequera asociacións. Son veciños que a manteñen e que mesmo se resisten a saír. Danzan para a súa virxe e para a súa propia procesión, e non pensan en o facer noutros lugares ou en os amosar?. O carácter achegado ao sacro que caracteriza estas danzas pode explicar en boa medida a resistencia en as transformar en espectáculos ou en as considerar do mesmo xeito que outros elementos da nosa tradición coreográfica. ?En moitos lugares establécese que só poden participar na danza os homes da parroquia, e non queren ninguén de fóra. Nalgúns, como en Boborás, suspendérona varios anos porque tiñan que ser os homes solteiros da parroquia os que bailasen?, lembra este investigador. Afortunadamente este ano voltou celebrarse a Danza de Xuvencos, logo de catro anos sen se celebrar, unha pausa que xa fora precedida por outra seis anos antes de 2008.

Orixe
Malia a que os rexistros históricos sitúan a orixe desta manifestacións na altura dos séculos XVI e XVII, vencelladas a gremios profesionais de diferentes vilas e aldeas, non falta quen lles apón unha orixe anterior e mesmo elementos pagás, como pode ser o mastro como árbore simbólica que representa a primavera e o rexurdir da vida no ciclo anual . Na introdución ao volume mencionado, Juan José Rumbao Requejo sinala que ?algunhas danzas procesionais foron nun primeiro momento danzas gremiais? e destaca a súa posible orixe ?motivadas por votos, promesas feitas en tempos de adversidade ou por sinalar deste xeito festivo a honra do patrón do gremio?. Mariñeiros, sobre todo na costa ou zapateiros como é o caso de Vilanova dos Infantes.

Evolución
Rumbao recoñece, de calquera xeito a fusión que se produce nestas celebracións, que distan moito de teren unha única lectura. ?Ritos ou elementos de clara orixe pagá foron revestidos ou ?convertidos? en celebración cristiá, mesturando danzas profanas e relixiosas?. Malia á aparencia de tradición estática destes bailes, houbo no tempo innovacións nos mesmos, como pode ser a substitución de paus por espadas en moitos casos, ou a introdución de traxe e sombreiro nos danzantes de Cangas. Rumbao continúa a sinalar que ?dá a impresión de que a emigración puido influír nelas incorporando elementos que parecen exóticos. Estas danzas relixiosas tampouco están libres de influxos das modas actuais, ao perderen o seu carácter relixioso, usurpadas para actos profanos, extrapoladas do seu contexto orixinal, trasladadas fóra do seu tempo e lugar? e mesmo denuncia tentativas por darlles máis espectacularidade que alteran coreografías ou elementos novos nas vestimentas.

Malia á aparente vitalidade que manteñen moitas destas festas, hai constancia de que, nalgúns lugares, teñen desaparecido. De feito, segundo comenta Antonio Piñeiro, á dificultade da transmisión sumouse por veces a presión eclesiástica. ?En Ourense está documentado que se celebraba ata os anos 50, pero houbo unha orde do Bispo que prohibía a danza e a música nas procesións, e iso provocou que algunhas desaparecesen, aínda que tampouco sabemos exactamente cantas?. Está da nosa man evitar que desaparezan máis.

www.culturagalega.org
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 07-06-2012 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer


Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0