Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Para ir a unha espadela
A exposición 'Para ir a unha espadela', unha mostra sobre o traballo de talla de madeira que nos remite ao proceso tradicional de transformación do liño. A mostra inaugúrouse no Museo do Pobo Galego o xoves 24 de maio.

Un dos máis fermosos exemplos da nosa arte popular está presente nas espadelas e os espadeleiros do Val de Vea, case descoñecidos para o público en xeral e incluso para moitos etnógrafos que tenden a clasificar estas manifestacións coma portuguesas.

Do cultivo do liño no Val de Vea sabemos por diversas fontes que dan fe da súa importancia, igual que a elevada produción está testemuñada pola existencia dun trillo para o liño no lugar de Curuxeiras (Santeles), en A Estrada. Pero é o instrumental máis miúdo, espadelas e espadeleiros, o que, unido ao anterior, nos dá unha idea da importancia económica da produción do liño e do seu alto valor social no que concorren as relacións de veciñanza que levan parellos os traballos comunitarios.

O traballo de transformación do liño, case exclusivamente feminino, era un proceso moi longo e laborioso que requiría un grande esforzo por parte de numerosas persoas. Consta de catro fases principais: o cultivo e a colleita, a obtención da fibra, a transformación en fío e a elaboración de tecidos.

Na maioría das fases o volume de traballo era tal que as mulleres da casa non eran suficientes para afrontalo, razón pola que pedían axuda ás parentes e veciñas. Estas xuntanzas, baseadas na reciprocidade e na gratuidade, remataban sempre nunha festa á que acudían os mozos e a veciñanza, converténdose nun acontecemento social, sobre todo para as mulleres, pola vinculación do seu lecer cos traballos colectivos femininos.

Cada muller acudía ás espadelas levando a propia ferramenta, espadela e espadeleiro, profusamente adobiadas cos máis diversos motivos decorativos (rosáceas, soles, rodas, abanos, cordóns, custodias e corazóns con incrustacións de cristais e espellos) e con policromía variada. Non cabe dúbida de que esta ferramenta tamén outorgaba certo prestixio social á propietaria, que a amosaba nas concorridas espadelas e presumía da súa feitura.

Para estas mulleres a súa ferramenta contaba cun valor engadido: o feito de tratarse de obxectos que pasaban de xeración en xeración. Algúns, regalos de mozos coma sinal de compromiso, outros encargados a carpinteiros da zona e, nas casas de menos recursos, algún membro da familia –pai, tío, avó ou irmán– copiaba agarimosamente os modelos dos carpinteiros simplificando tallas e motivos.

Esta mostra pretende, pois, dar testemuño dunha singular manifestación, xa non só laboral, senón tamén artística, onde a cultura popular aínda garda sorpresas.

Axenda:
Inauguración: xoves 24 de maio, 19h30
ata o 17/06/2012
Horario: de martes a sábado, 10h00-14h00 e 16h00-20h00
domingos e festivos, 11h00-14h00
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 25-05-2012 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer