Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza

Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rosaliana, `primeira ópera nacional galega´
Ismael González revive os mozos do Rexurdimento nunha ópera con música de Mini e Mero

Unha vez, Isaac Díaz Pardo animou a Mini e Mero a probar co xénero lírico. Comezaron, así, a traballar na zarzuela A casa que nunca tivemos, con textos de Marica Campo. Pero aquela obra, “epopeia de Galicia”, quedou inacabada, aínda que A Quenlla chegou a gravar un disco a partir dese proxecto. Desta volta, foi o cineasta e escritor Ismael González quen enleou a Mini e Mero, ademais de a un músico ucraíno, o profesor Xaxa, para compoñer nada máis e nada menos que unha ópera folk ambientada na mocidade dos pais do Rexurdimento.

Chámase Rosaliana, e o seu impulsor defínea como a “primeira ópera nacional galega”
Chámase Rosaliana, e o seu impulsor defínea como a “primeira ópera nacional galega”. Aínda que, para acadar este posto, ten que competir con outras obras como Camiños de Rosalía de Roxelio Groba ou O Arame, que Juan Durán e Margarita Viso recrearon, con libreto de Manuel Lourenzo, a partir dun manuscrito orixinal de Marcial del Adalid; ou O mariscal de Eduardo Rodríguez Losada, con texto de Ramón Cabanillas. O autor de Vento mareiro fixera ademais outras incursións no teatro lírico, como, co mestre Soutullo, a peza que se ía titular Galicia, 1808, perdida no 1936.

Coma estas que a precederon, Rosaliana revive un anaco da historia de Galicia dunha grande forza simbólica. Cabanillas, -apoiado por Villar Ponte-, escollera a figura de Pardo de Cela para O Mariscal. Ou o Batallón Literario para Galicia, 1808, que non chegou a rematar. Ismael González decantouse, pola súa banda, polos mozos do Liceo de la Juventud, fundado en Santiago no 1847, -no primeiro aniversario dos mártires de Carral-, para “instruir por medio de la Literatura y las Bellas Artes”, segundo a documentación que cita Justo Beramendi en Historia do galeguismo político. Funcións dramático-líricas e bailes foron, segundo este historiador, as principais actividades do Liceo, que no 1848 se instalou nas dependencias do convento de San Agustín, daquela baleiro pola desamortización.

Nos salóns desta entidade formouse, -salienta Beramendi-, “boa parte da segunda fornada de provincialistas e demócratas”, coma Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luis Rodríguez Seoane, Rosalía de Castro ou Juan Manuel Paz Novoa. A maior parte destes daquela mozos “participaron activamente no movemento progresista de 1854”, -nos intentos de reforma política do Bienio Progresista, durante o reinado de Isabel II-, do que a “manifestación máis espectacular”, -engade Beramendi no seu libro-, foi o “famoso Banquete de Conxo de 2 de marzo de 1856”, o acto de confraternización entre obreiros e estudantes que causou máis dunha represalia por parte das autoridades.

“A historia que conto é como a de Fama, pero na Compostela do 1843"
Estes feitos históricos son o alicerce de Rosaliana, que ten a Rosalía, Aguirre, Pondal e Murguía como personaxes principais. “Son os pais do Rexurdimento cultural, e entón os pais da nacionalidade dos galegos”, subliña González, autor do libreto. “A historia que conto é como a de Fama, pero na Compostela do 1843. Daquela o pobo non sabía escribir, e os poucos que aprendían facíano en castelán. Xorden así as Sociedades de Fomento e Cultura. Reúnense mozos con estudos universitarios que queren recuperar a esencia de Galicia, e fundan o Liceo. Ensinaban á xente a ler e escribir, ademais de música, danza... Alí estaba Aurelio Aguirre, e con el Pondal e Murguía. Daquela Rosalía era moi noviña, e ela e Aurelio Aguirre namóranse. Eles foron, ademais, os protagonistas do Banquete de Conxo, que tamén sae na ópera. Pondal e Aguirre foron pola súa participación neste acto procesados e ameazados coa deportación ás illas Marianas”, explicou.

"Alí estaba Aurelio Aguirre, e con el Pondal e Murguía. Daquela Rosalía era moi noviña, e ela e Aurelio Aguirre namóranse"
O investigador e lingüista Francisco Rodríguez non formula dúbidas no seu ensaio Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria de que Aguirre e Rosalía estiveron “intimamente relacionados”, e recolle o poema coa que ela o despediu tras a prematura morte del, con versos coma “en fúnebre memoria convertida/ la flor será que a tu corona enlace”. A marcha da poeta cara a Madrid só uns días despois do Banquete é unha proba máis, segundo Rodríguez, do escándalo provocado pola contestación ideolóxico-relixiosa e política daqueles “mozos demócratas”. A presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar, advirte porén de que “Rosaliana é fición, escrita a partir de feitos históricos. Por iso non é totalmente fiel a realidade”. Engade, iso si, que o texto, que puido ler hai xa tempo, lle gustou.

O encontro entre Ismael González, -que naceu no Carballiño pero vive en Madrid-, Mini e Mero produciuse en base a proxectos anteriores. “Cando presentei o meu último libre, O crime de Oseira, foron Mini e Mero, que fixeron unha canción para os mártires de Oseira. Díxenlle a Mero que tiña que escribir algo para eles, pois xa colaboraramos máis veces. E así foi. Despois tentei poñerme en contacto co CDG, para que polo menos estudaran a posibilidade de representar a ópera. Pero a directora nin se me quixo poñer ao teléfono. Malia todo, en Madrid teño xa dous teatros interesados, e estou en conversas cun teatro de Bos Aires, outro da Habana, outro de Caracas... E tamén quero facer unha película, gravando a primeira función”, indicou González.

"En Madrid teño xa dous teatros interesados, e estou en conversas cun teatro de Bos Aires, outro da Habana, outro de Caracas..."
Deste xeito, son Mini, Mero e Xaxa os compositores da música da ópera. “Son catro actos, e cento e pico pezas, unhas tradicionais e outras novas. Esperamos ter todo rematado para final de ano”, subliña Mero. Tamén O arame contiña música extraída do folclore galego. O xeito de levala á ópera é, -engade-, “pois tal como é”, cos arranxos pertinentes. “Cando Ismael nos fixo a proposta, a condición que lle puxen foi que fose en galego. Entón haberá versión en galego e versión en castelán. É unha ópera folk porque será o modo interpretativo da música tradicional, pero tamén se pode facela con música clásica. Avelino Muleiro encargouse da tradución ao galego do libreto, que contén algúns poemas pouco coñecidos. Versos que falan de amor á patria, e á matria, e á lingua. Aurelio comenta que non lle deron clase de galego... Por iso o texto vén ademais ao pelo para a actualidade”, subliñou.

www.praza.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-04-2012 08:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer