Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O enigmático señor X da cultura galega
Unha investigación rescata a figura de Casto Sampedro Folgar,pioneiro do folclorismo musical no país

Petróglifos, refráns, cántigas, mámoas, torques, pregóns, moedas, escudos, xergas, contratos, topónimos. Casto Sampedro Folgar estudou moito e non publicou case nada. A ollo, unhas 3.000 páxinas, ren para un erudito obsesivo, acomodado e lonxevo, e case sempre anónimas, atribuídas con iniciais ou asinadas cun xe maiúsculo seguido dun punto. Só lle puxo o seu verdadeiro nome a tres artigos impresos contra o final da súa vida, e nin sequera existe a certeza de que fose co seu consentimento. A documentación que deixou no Museo Provincial de Pontevedra, do que foi fundador e primeiro director, é descomunal. Unhas cen caixas ateigadas de papeis. Sobre el apenas hai pistas.

Sábese que viviu case 89 anos, até 1937, e que nacera en Redondela, no que hoxe é a rúa Reveriano Soutullo. De familia fidalga e sen apreturas, debeu ser un mozo rabudo. Catou tres seminarios antes de deixalo para licenciarse en Dereito en Santiago, talvez por imperativo da especie: era fillo, neto e bisneto de avogados. Traballou para o Banco de España, os tranvías do Lérez a Marín e a poderosa The West Galicia Railway Company Limited, a firma ferroviaria británica. No casorio medrou aínda máis dentro da oligarquía pontevedresa: a súa dona, Josefa, era da influente familia Mon. Até a proclamación da II República foilles fiel aos conservadores, con e sen acta de deputado.

Consérvanse apenas tres fotografías súas, todas co chapeu sobre os ollos: nunha posa incómodo, as outras son roubadas. Tíñalle fobia ao retrato. “Mi amigo”, escríbelle en 1914 a un xornalista teimudo. “Recibí sus volantes: anoche me encontré el último en un descanso de la escalera. Y en contestación a todos diré que siempre fui y seguiré siendo refractario (como los ladrillos a todo incendio) a toda clase de exhibición: y que si hubiese de contribuir con algo a los trabajos que puedan dar tal resultado, lo haría para que nadie me saque a la vergüenza pública. ¿Y notas y retratos? ¡Figúrese V.!”.

O nome de Sampedro asóciase decontado coa música, malia a que a materia só está no foco do 10% da súa produción como estudioso. A culpa téñena, por esta orde, Xosé Filgueira Valverde, a Fundación Barrié de la Maza e todos os músicos e grupos que nas últimas tres décadas foron apañar melodías ao seu Cancioneiro Musical Galego. O primeiro, por publicalo en 1942, nada máis aterrar na dirección do Museo de Pontevedra. A segunda, por devolvelo á circulación, reeditado, en 1982 e 2007. E o resto, por poñer a proba o oído do maior recompilador de música de tradición oral de Galicia.

Unha das partituras escritas por el.
A Xavier Groba ocorréuselle hai xa 20 anos achegarse ao Museo de Pontevedra para botarlle un ollo aos “materiais soltos” que Filgueira confesara deixar fóra. Descubriu un tesouro: aquela primeira edición incluía 509 obras, pero Sampedro chegara a catalogar máis de 1.000 partituras. Só no que se refire aos cantos de tradición oral, obxecto da súa tese de doutoramento, o musicólogo vigués atopou un 153% máis do que se coñecía. Son 720 pezas procedentes de 126 concellos, 266 delas recollidas e transcritas polo propio Sampedro, sen intermediarios. Ningún outro cancioneiro chega tan lonxe. Non hai colaborador entre as ducias que tratou nin precedente histórico que se lle poida comparar. Se alguén chega a mallar antes neste caladoiro, a historia do folk contemporáneo sería outra ben distinta.

“Sorpréndeme que ninguén fixese este traballo en 60 anos”, confesa o investigador, que vén de difundir a través da Universidade de Santiago as 1.300 páxinas da súa tese, dirixida polo profesor Carlos Villanueva. Levoulle case unha década poñer orde nos papeis de don Casto, “ben conservados e mellor custodiados pero dispersos e manuscritos”, o que dificulta o seu estudo. Anotou uns 3.500 papeis e mecanografou arredor de 300 cartas. “Gustaríame que estas melodías tivesen a mesma repercusión que as publicadas en 1942, pero máis importante é publicar os traballos de Sampedro, que seguen inéditos”.

Groba desculpa a Filgueira, a quen atribúe un traballo “magnífico e de gran repercusión internacional” na publicación do cancioneiro. “O filtro político é anecdótico, ninguén se tería atrevido nos anos corenta a publicar cantos de Entroido”, explica. “Como non era músico e sabía que Sampedro era pouco amigo de pechar o seu traballo, porque sempre podía afinar máis, atopar outro informante, dar con outra melodía, limitouse a difundir a versión máis acabada. O que fixo foi reconstruír a Colección de Cantos y Bailes de la Provincia de Pontevedra que lle premiara a Academia de Bellas Artes de San Fernando en 1911”.

A descuberta de Groba atravesa todos os xéneros. Había máis alalás, máis muiñeiras e máis cantares de cego dos que se difundiran daquela, e á marxe das incómodas cancións do Entroido, a edición de Filgueira Valverde deixaba fóra tamén todos os cantos de tuna, as jotas cantadas, os agarrados, os xogos infantís, as cantigas dos labores do mar, os pregóns e os anuncios para vender prensa, paraugas ou pasteis. Tampouco daba conta da música de tradición escrita que coleccionaba don Casto nin da que recollera logo de 1911 directamente doutros gaiteiros, como unha muiñeira que ninguén máis até agora relacionara con Avelino Cachafeiro (1898-1972), líder dos Gaiteiros de Soutelo de Montes, o cuarteto máis emblemático do século XX, precisa o investigador, “con permiso dos Morenos de Lavadores”.

O fundador da Real Academia Galega, que nunca pisou, e da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, precedente inmediato do museo provincial, tamén lle dedicou horas á música comparativa. Groba documenta referencias de varias rexións do estado español, así como de Portugal, Exipto, Marrocos e Gran Bretaña. Ao que parece, tamén neste asunto era esixente Sampedro. En abril de 1892, aproveitando a estadía da Royal Navy en augas galegas, o redondelán leou un telegrafista para que lle pedise á tripulación “vella música” irlandesa e escocesa. Os mariños cumpriron e enviaron varios cantares a porto. Tras revisar as follas, don Casto devolvéullelas. Faltaba o aire. O tempo. Así non se podían tocar.

Os sistemas de rexistro sonoro chegaron tarde de máis para don Casto. O redondelán traballaba coa memoria e o oído. Máis que as súas nocións informais de piano, órgano e solfexo —nunca estudou oficialmente música—, o seu valor era a constancia. Vese que acertou, porque as súas cántigas, do grupo Milladoiro en diante, fixeron fortuna. “Se unha melodía funciona, é que está ben recollida”, di Groba.

“Sampedro decátase de que o solfexo académico non serve para determinados xéneros, como os alalás, tan lentos e ligados á pronuncia, e o que fai é adaptar a escritura”, explica o investigador. “Elimina, por exemplo, as barras de compás, como no canto gregoriano, e introduce modificacións para paliar a ausencia de cuartos de tono na escala occidental”.

O musicólogo foi pioneiro tamén neste eido. Até hai ben pouco fora o único que transcribía tamén os movementos dos danzantes e a percusión na música intrumental, e “era capaz de describir a ornamentación da gaita, algo moi difícil de percibir para quen non é gaiteiro e que aínda hoxe nos custa transcribir a través de vídeos”.


www.elpais.com
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 03-04-2012 08:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer