Malmequer


Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza


Malmequer
malmequer.vigo@gmail.com
 GAVETAS
 OS SERÁNS (Sección de consulta)
 FOTOS PARA A HISTORIA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Ruxe-Ruxe


Son Alex Sevilla, Xaco Barona, Antón 'Torroncho', Vituco Neira, Miguel Duarte e Xan Pericán ou o que é o mesmo, batería, gaita, baixo, voz, guitarra e saxofón de Ruxe Ruxe. A mítica banda galega -xestada na parroquia compostelana de Aríns- está de noraboa xa que tras máis de 15 anos sobre os escenarios presentan agora o seu novo disco Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras. E farano en Santiago o vindeiro 31 de marzo na Sala Capitol. Para celebralo, en Santiagosiete sorteamos cinco entradas dobres e 3 discos asinados por todos os compoñentes do grupo.


Para participar tan só será preciso respostar a unha sinxela pregunta: Co novo disco, cantos ten Ruxe Ruxe no mercado? Dous, oito ou quince?. Deberás darnos a resposta correcta nalgún dos nosos perfís das redes sociais (en Facebook ou en Twitter), sendo o único requisito ser seguidor noso na rede social na que nos deas a resposta correcta. Pecharemos o prazo de participación o día 13 de marzo e o día 14 diremos o nome dos gañadores.

Agora, e con motivo da presentación en Santiago do seu último disco, Vituco, Antón, Miguel e Xan repasan con nós os seus anos de carreira e as perspectivas de futuro. Din deles que fan un dos mellores directo do rock galego mesturando instrumentos eléctricos e elementos rockeiros, xunto a outros máis tradicionais, como a gaita. Teñen compartido escenario con músicos como Wolfstone, Siniestro Total, Berrogüetto ou Kepa Junkera, entre outros. No que din que é un dos seus mellores momentos como grupo, prometen agora moitas sorpresas para a cita na Capitol o vindeiro 31 a partir das 20:30 horas.

Tras quince anos na música e con sete discos ás vosas costas polo momento, que traedes de novo co oitavo?
Xan: Creo que todos os discos do Ruxe sempre teñen algo de novo porque nós sentimos que o grupo vai evolucionando á vez que nós evolucionamos como persoas. É complicado que nos estanquemos e fagamos sempre a mesma cousa e sempre estamos abertos a cousas novas que medren no grupo. A xente vaise encontrar un oitavo disco cun grupo con cambios.
Antón: Si, porque é o primeiro disco da actual formación, xa que agora temos a incorporación de Miguel, e iso tamén cambia un pouco con respecto a outros. O que quixemos facer é experimentar e probar cousas que non fixéramos noutros discos. O anterior disco era máis orientado a un estilo e este é moito más ecléptico. Probamos a facer cousas que nos prestaran, cousas que escoitamos, pero sempre mantendo a esencia do grupo.

E mudan as letras?
Vituco: Neste caso, como sempre, falamos do que aconteceu nos últimos dous anos. Non inventamos nada nas letras. Son bastante pouco 'curradas' (sorrí), pero saen do que é o día a día, das cousas que vemos.

Facendo memoria, tedes moito traballo feito no mundo da música en Galicia, pero a formación mudou moito de integrantes...
Vituco: Si, son 16 anos e neste tempo á xente cámbialle moito a vida. Desde baixas no grupo porque tiveron que ir a outros sitios a vivir ata xente que tivo nenos e lle era incompatible ou xente que se foi do grupo porque simplemente non estaba a gusto. Sempre houbo novas incorporacións que nos funcionaron moi ben. Ter alguén novo sempre foi in impulso, contáxianos a súa ilusión e iso se nota na música que facemos. A verdade é que pasou moita xente polo grupo, pero quizais nunca estivemos tan ben como agora. Estamos como os recén namorados (sorrí) e disfrutamos moito desta nova etapa.

A finais da década dos 90, cando nacéchedes como grupo, era mellor momento para a música galega que agora?
Vituco: Creo que agora é mellor sobre todo polas ferramentas para facer música e poder compartila cos demáis, dende as redes sociais e Internet. Cando empezamos non habían nin teléfonos móviles (sorrí) e niso si que se avanzou moito para a promoción.

E había máis posibilidades de tocar en directo en Santiago que a día de hoxe?
VItuco: Sí. Cando empezabamos tocabamos todas as semanas pola zona vella de Santiago. En bares, cafeterías, pubs... Agora é moito máis difícil, pero penso que se podería facer, poñendo a música a horas decentes. Pódese facer perfectamente de nove a once e non molestarías a ninguén. Creo que sería moi bó para a cidade que se recuperase iso. Os grupos novos xa non teñen tanto esa posibilidade. Creo que hai fórmulas, pero tamén ten que haber vontade.

Como grupo compostelán, sempre reivindicastes o voso oco en Santiago. Nunca vos vimos nin na Ascensión, nin no Apóstolo. Estaredes este ano?
Vituco: (sorrí). A nós chámannos a tocar nas festas de fóra, nas Illas Azores, en Italia, Zaragoza, Barcelona... pero en Compostela non nos chamaron nunca. Pero nin os de antes nin os de agora. Non somos un caso especial, simplemente que parece que os políticos de Compostela non teñen o máis mínimo respeto pola música. Éncheselles a boca dicindo que é unha cidade cultural de primeira, pero a cultura da propia cidade non a coidan. É o pailanismo político de primeiro nivel. Temos contado en Compostela pero sempre partindo de iniciativa privada e é certo que nunca estivemos nas festas. Este ano imaxino que tampouco.

Como vos levades con Internet?
Miguel: Hoxe en día é moi boa ferramenta de promoción. Estamos en facebook e Twitter para intentar chegar a onde está a xente. É moito máis rápido e estamos vendo que moi efectivo. Colgas un video e nun mes tes máis de 1.000 visitas. É un puntazo (sorrí).

Que nos espera na sala Capitol no concerto do 31 de marzo?
Xan: Esperamos que sexa unha festa, como sempre. Imos tocar con Medomedá e esperamos que a xente estea como sempre. Sempre tivemos un apoio moi importante na Capitol e esperamos non defraudalos e seguir este camiño de que cada dous anos, máis ou menos, facemos novos concertos.

Como é o público de Santiago?
Vituco: O de Santiago como a xente que ven de fóra que son amigos, directamente. Cada dous anos xuntámolos nunha sala, sacamos disco novo e disfrutamos. A verdade é que preparamos unha cousa bonita para todos. Incluiremos os temas do disco novo que estamos presentando.

Haberá algunha sorpresa?
Vituco: Si, algunha sorpresiña haberá. Con colaboracións moi chulas.

Que será o próximo despois do directo na sala Capitol?
Vituco: Faremos unha pequena xira de presentación que se está pechando. Ata despois da Capitol non sacaremos nada. Tamén estamos mirando xa os concertos de verán e alí tamén empezaremos a facer cancións novas. Dentro dun ano e medio estaremos aquí contigo de novo facendo unha entrevista (sorrí) porque sempre estamos traballando. Incluso nos poñemos freno (sorrí), proque se por nós fora estaríamos sacando disco cada seis meses porque si que é certo que funcionamos moi ben.

www.santiagosiete.es
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 06-03-2012 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
free web counter

contador de malmequeriáns dende o 1 de marzo 2007








Galiza

Malmequer